|
Diversos feitos, procesos e declaracións fan que por primeira vez a cuestión da acción
exterior de Galicia asome timidamente no debate político preelectoral. As visitas de dirixentes políticos
galegos ás colectividades de emigrantes en Sudamérica; fotos mil no polémico “Galicia en feitos”
nas que o Presidente Fraga se retrata con líderes estranxeiros; o protagonismo de conflictos coma o do Fletán
no que a carencia dun maior peso específico de Galicia no Estado e no exterior amosa as nosas debilidades
máis lamentables; a perspectiva, en fin, de que a cuestión de se a alternancia se produce ou non
poida decidirse polo voto da emigración, son datos que evidencian a necesidade de todos os partidos con
aspiracións de goberno de prestar atención ó factor exterior na súa acción política.
A maiores, a Xunta de Galicia creou recentemente unha Comisión de Acción Exterior para impulsar unha
maior coordinación das actuacións exteriores do goberno galego.
¿Podemos falar entón dun cambio de actitude? Socialmente predomina o escepticismo respecto da
eficacia dunha acción exterior propia. Quizais sexa debido á súa identificación co
meramente protocolario e á convicción de que se España pode pouco, Galicia poderá aínda
menos. Pero no tempo e no mundo en que vivimos este é un dos aspectos nos que cómpre alentar unha
maior insistencia: ninguén poderá defender mellor os nosos intereses ca nós mesmos, sen nos
esquecermos de que, por exemplo no ámbito comunitario, moitas das materias que hoxe son competencia autonómica
exércense nese contexto supranacional (a política industrial, agrícola, de transportes, etc).
Nin podemos nin debemos renunciar, nin están aínda experimentados ou esgotados os múltiples
vieiros constitucionais que tantas veces se esgrimen como impedimento para desenvolver unha actuación máis
firme neste dominio. Esta clarificación é fundamental para avanzar no entendemento social, como tamén
o é alterar boa parte das características da acción exterior desenvolvida ata hoxe: demasiado
condicionada polo feito migratorio, inclinada cara a intereses comerciais dubidosos, en exceso protocolaria e sen
un sólido apoio científica.
Pero se socialmente existe incomprensión é porque na maior parte das formacións políticas
de Galicia predomina a instrumentalización, privilexiada pola oposición, ou o timoratismo, por quen
soamente ve fronteiras na acción exterior. Pero non se albiscan exposicións sólidas e coherentes.
Esa ben intencionada comisión de acción exterior, que certamente chega con anos de atraso, é
un avance respecto á situación anterior no que atinxe á coordinación, pero non propiciará
un salto cualitativo se atendemos á súa composición e obxectivos. Para tecer unha tupida malla
con certos países que abra vías para a satisfacción dos nosos intereses a medio e longo prazo
(non cabe imaxinala seriamente doutro xeito) non se comprende a ausencia, poñamos por caso, dun departamento
de relacións institucionais que hoxe controla as políticas de cooperación e de solidariedade
internacional, ou dunha consellería de educación que tanto pode facer por estimular os intercambios
universitarios con determinados países en función de criterios políticos claros e non ó
tun-tun.
Tampouco na oposición se atopa maior clarividencia. No programa electoral do Benegá, por exemplo,
a acción exterior é unha clamorosa páxina en branco que alegrará a todos os que visceralmente
acusan ó nacionalismo de mirar soamente para o seu embigo. Nin no ámbito da solidariedade se contempla
algunha actuación. Despois de facer tanta causa contra a Europa dos mercadores é esta a única
que ó cabo se menciona dando as costas ó resto do mundo.
Que divaguemos no folclorismo e na inxenuidade pode deberse a unha interiorización de certos límites
na nosa iniciativa exterior, máis mentais que reais, producto dunha concepción da lealdade constitucional
que hoxe ninguén cuestiona; pero sobre todo, entendo que se debe á inexistencia dunha elemental base
definitoria da súa orientación e complexidade, múltiples manifestacións, intensidades
e posibilidades diversas. Debemos cultivar o contacto cos nosos emigrantes no exterior; podemos organizar os empresarios
galegos que están fora do país... pero o obxectivo é outro. Esa atención debe procurar
que invistan en Galicia e non no norte de Portugal, claro; avanzar na configuración de “lobbies” que nos
permitan exercer seria influencia en determinados ámbitos de poder, etc. Unha historia, unha cultura comúns,
poden axudar a vertebrar mellor esas políticas, pero nunca as substituirán.
Por moito que viaxemos e nos cumprimenten con todo agarimo aquí e mais aló, afirmar con La Rochefoucauld
que “para facerse unha posición no mundo cómpre facer todo o posible para facer crer que xa se ten”,
non ten sentido para nós no momento presente. Por iso vai sendo hora de sentar as bases e infraestructuras
necesarias para desenvolver unha acción exterior seria e coherente que solidifique e proxecte os nosos intereses
como sociedade nun contexto internacional que presenta múltiples desafíos, pero igualmente grandes
oportunidades.
|