Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Mundo chinés
 
De Tiananmen a Belgrado


Xulio Ríos
 

Mentres a reforma económica se estanca e se complican uns conflictos sociais cada vez máis presentes no ámbito urbano, a China prosegue o seu abrazo co nacionalismo e suxire algunhas fórmulas na orde internacional que poden dificultar a consolidación da hexemonía estadounidense. A maiores, o bombardeo por erro da súa Embaixada en Belgrado permitiulle dar a volta con aparente éxito ó temido aniversario da revolta de Tiananmen. Agora, a diferencia de hai dez anos, os estudiantes das Universidades da capital lideraban a protesta contra Estados Unidos e os seus instrumentos de dominación mundial.


¿Que queda de Tiananmen?

É verdade que os efectos do acontecido en Tiananmen en 1989 permanecen vivos na sociedade e nos dirixentes chineses. Poida que no décimo aniversario non cheguen a irromper coa contundencia desexada ou agardada por algúns, pero subsisten longamente e en moitos lugares lembrouse tan tráxica data. O goberno coidouse de adoptar as medidas “ocasionais” (poñer patas arriba a propia Praza) para non tentar a sorte, pero aínda así, nun país que tanto interiorizou a virtude de honrar os mortos, cemiterios e corazóns víronse poboados de lembranzas en homenaxe ás víctimas.

En xeral, na China é moi grande a significación política da protesta estudiantil. Á tradicional e elevada consideración social da educación (a relación mestre-alumno soamente é superada en importancia pola paterno-filial) hai que sumarlle a transcendencia política das mobilizacións estudiantís. Sucesos clave na historia contemporánea chinesa viñeron marcados por algunha revolta universitaria. Así aconteceu o 4 de maio de 1919, cando os estudiantes se mobilizaron contra a humillación infrinxida a China polas grandes potencias na Conferencia de París; ou en 1976, cando millón e medio de persoas lembraban en Tiananmen os tres meses do falecemento de Zhou Enlai, para logo iniciar a definitiva derrota da Banda dos Catro; ou no inverno de 1986-87, precipitando a caída de Hu Yaobang, o primeiro elixido de Deng Xiaoping. En 1989, por engadido, rexistrouse unha crecente participación cidadá e obreira que deu orixe ó Sindicato Autónomo Unido, agravando así a preocupación dun réxime que fundamenta boa parte da súa lexitimidade no apoio e representatividade de dita clase social. Tampouco é froito da casualidade que fosen os estudiantes o principal referente da mobilización cidadá contra o bombardeo da embaixada chinesa en Belgrado.

Na China, o Partido Comunista estableceu un peculiar réxime de culto dos estudiantes, a quen enxalzou como unha vangarda progresista da loita política. O chamado “espírito do 4 de Maio” está na orixe da revolución da Nova Democracia e do propio Partido (1921). En consecuencia, unha mobilización crítica cos seus aduladores constitúe algo máis que un toque de atención; é unha labazada en toda regra. Para explicar o sucedido hai dez anos, un amigo chinés lembrábame a parábola do Mestre Ye e o dragón. O Mestre Ye era un funcionario da época da dinastía Han apaixonado ata o delirio polo dragón, unha figura mítica milenariamente asociada á demostración de poder. Tal era a súa devoción, conta a lenda, que na súa casa todo imitaba este motivo, dende as pinturas ás tapicerías, cadeiras, porcelanas, etc. Pero un argalleiro mandarín xogoulle unha mala pasada. Un día simulou a aparición dun dragón con tal nivel de fereza e verosimilitude que, ó velo, o Mestre Ye quedou horrorizado. O susto foi tan impresionante que nunca máis quixo saber de dragóns. Mutatis mutandis, en Tiananmen, hai dez anos, os estudiantes eran o dragón e o Partido, o Mestre Ye ...

¿Que reivindicaban os estudiantes? A mobilización naceu como unha expresión de tributo á memoria de Hu Yaobang, principal inspirador da reforma urbana iniciada en 1984 e condenado ó ostracismo polo Partido tres anos despois. Moitos admiraban a integridade de Hu, un home pequeno -medía 1,58 cm- “que incluso ostentando o máis alto cargo do Partido no chegou a crecer un só centímetro”, algo, certamente pouco frecuente entre os dirixentes. Mentres Hu viviu sempre nunha casa modesta, Li Peng, por exemplo, residía no “Pavillón das Luces Violetas”, en Zhonanghai, o Kremlin chinés. A protesta estudiantil, cando menos inicialmente, ía dirixida contra o parasitismo burocrático, o deterioro da educación, o mal funcionamento xeral do sistema, pero sobre todo, contra a corrupción, os privilexios e a dobre moral. Non foi, que ninguén se engane, unha exhibición de aberta oposición ó réxime e de reivindicación dunha democracia de corte occidental; máis ben era unha demanda pacífica, sentida e contundente de profundación e rexeneración democrática.

Dende o exterior, dúas foron as principais interpretacións do sucedido. Segundo a máis estendida, Zhao Ziyang, líder do grupo liberal reformista e partidario do diálogo cos estudiantes, debeu ceder ante a presión de Li Peng e o bloque conservador-militar. A represión obedecería a unha estratexia calculada, a un plan premeditado, que tería por única finalidade acabar coa insurrección sen regatear o prezo. Segundo outra, Zhao Ziyang non sería tan santo, e coa inestimable axuda do seu secretario particular, Bao Tong, intentaría manipular en beneficio propio a protesta estudiantil, co obxectivo de reavivar unha carreira política cada vez máis apagada por unha xestión económica trapalleira. A matanza produciríase como consecuencia do desconcerto, o caos, e a estupefacción duns dirixentes que nunca imaxinaron a resistencia estudiantil. En suma, que o “puñado de conspiradores” atopábase nas sedes gobernamentais e non entre os folguistas que ocupaban a Praza. Pero as principais víctimas da traxedia foron os estudiantes.

Está fora de toda dúbida, en calquera caso, que o Partido, ó igual que a sociedade, se atopaba profundamente dividido ante a tesitura de cómo resolver a crise, e Deng Xiaoping tivo que impoñer un severo cerramento de fileiras, seguido do inevitable reaxuste na cúspide do poder. Os cambios non comportaron, como se temía ó principio, ningunha modificación do rumbo iniciado en 1978. Sorprendentemente, o impacto das mobilizacións resultou practicamente nulo nas zonas máis desenvolvidas do país, os chamados “oasis capitalistas”, nos que, en teoría, un maior nivel de riqueza e de liberdade económica debería servir de acicate e fundamento para esixir con notable empeño a que Wei Jinsheng chamou a quinta modernización (democracia política).

¿Nada se moveu dende entón? En aparencia, o goberno chinés mantense inflexible en canto á tipificación “contrarrevolucionaria” daquel movemento. A recente modificación constitucional suprimiu xa esa clase de delictos. Pero ademais, nos últimos anos, paulatina e silenciosamente, tentouse pechar a ferida recorrendo a diferentes e puntuais medidas: exilios selectivos, pensións para as nais dos falecidos, diplomas de licenciatura para os estudiantes represaliados e ós que non se lles permitiu examinarse... Case todo, menos a autocrítica que a sociedade aínda agarda con tanta paciencia como resolución e que conta con partidarios en importantes sectores do réxime. Pero probablemente non se producirá en tanto Li Peng permaneza na xerarquía oficial do Partido ou o Estado, e quizais tampouco en vida do defenestrado Zhao Ziyang.

Certo que en Zhonnanghai tiraron conclusións de todo o sucedido, pero os problemas de fondo subsisten. En efecto, creáronse corpos especiais de policía para non ter que recorrer ós tanques á hora de reprimir protestas; mellorouse o control macroeconómico da reforma; nivelouse a inflación; púxose fin á gratuidade plena do ensino universitario para inducir nos estudiantes un maior compromiso, din, co estudio; incentivouse a educación política patriótica, etc. Pero a corrupción é un magma moi difícil de erradicar nun país no que para todo é indispensable un padriño. Algunhas propostas impulsadas para atallala non produciron os resultados desexados.

En calquera caso, o máis grave e significativamente aínda pendente, é a ostensible incapacidade do sistema para resolver as diferencias e conflictos sociais por canles de diálogo, propiciando así que toda discrepancia poida culminar nunha expresión antisistémica. Aínda sen abandonar os catro principios irrenunciables establecidos por Deng Xiaoping, nin adoptar o modelo político occidental, a China dispón de marxe suficiente para afondar na democracia, para gañar en transparencia, para avanzar na independencia xudicial e no recoñecemento efectivo de máis liberdades. O control democrático da reforma debe xurdir da asunción do elemental principio de igualdade de todos os cidadáns ante a lei, da supresión desa vergoñenta discriminación que diferencia entre membros e non membros do Partido. Algo tan simple e razoable pedían os estudiantes en Tiananmen e aínda hoxe constitúe a pedra de toque para un cambio que puideramos definir como autenticamente revolucionario na China.


O mundo, segundo os chineses

As autoridades chinesas están convencidas de que o bombardeo da súa embaixada en Belgrado non foi un erro, senón que forma parte dunha estratexia moito máis ampla que pretende dificultar o seu crecente desenvolvemento e modernización, así como limitar a súa capacidade de influencia política no ámbito internacional. Tang Jiaxuan, ministro de asuntos exteriores, rexeitou unha por unha as explicacións de Thomas R. Pickering, enviado especial do Presidente Clinton, quen visitou Beijing o pasado 16 de xuño para presentar as desculpas protocolarias en nome do goberno estadounidense. Segundo fontes chinesas, habida conta de que os exércitos da OTAN están equipados cunha ampla gama de equipos avanzados de recoñecemento, non é crible que se confundise o edificio da súa embaixada co cuartel xeral de aprovisionamento e loxística do exército iugoslavo. Cando de paso se insinúa que algún dos falecidos era espía, naturalmente as desculpas convértense en novas ofensas.

Descartado o erro, a lectura e interpretación de Beijing oriéntase a equiparar o bombardeo cunha acción premeditada destinada a calcular o nivel e intensidade da reacción chinesa, a explorar a súa actitude e incluso a penalizar a súa posición crítica coa intervención militar aliada nos Balcáns. Belgrado sería entón o lugar elixido para enviar unha mensaxe a China, que observa preocupada o deterioro xeral das súas relacións con Estados Unidos, privilexiadas ata hai ben pouco. Desde Beijing obsérvase con preocupación o éxito da estratexia do lobby antichinés, con forte ascendencia en Estados Unidos, e que pretende facer do vello Imperio do Centro o novo e máis serio rival de Washington no novo milenio. Segundo se recollía no “Diario do Pobo” do 27 de maio, a guerra nos Balcáns representa o inicio dunha estratexia na que Estados Unidos persegue afianzar o seu absoluto dominio mundial, sen considerar a Carta das Nacións Unidas nin as leis e convencións internacionais.

Con altibaixos e retrocesos, as relacións entre Estados Unidos e a China viñéronse afianzando nos últimos anos, se ben sen poder evitar unha progresiva incapacidade para establecer un modelo normalizado baseado na confianza mutua. Diálogo e reproches foron a constante. Ás tradicionais diferencias (desequilibrio comercial, dereitos humanos ou transferencias de tecnoloxía) fóronse sumando outros capítulos menos conxunturais que afectan a piares básicos da política chinesa nos que resulta difícil adiviñar algún acomodo ambiguo. O asunto de Taiwán, lonxe de arrefriarse, presenta cada día novas facetas que advirten do seu enorme potencial desestabilizador. Washington di unha cousa e fai outra. Mentres afirma “comprender” a posición chinesa a favor da reunificación, contribúe decididamente ó fortalecemento da capacidade militar de Taipei e involúcrase cada día máis nunha estratexia militarista que provoca serias úlceras na dignidade nacional chinesa. O último episodio, que contempla a inclusión de Taiwán no sistema de defensa antimísiles acordado con Xapón, colmou a irritación de Beijing.

Ademais, o freo á entrada na Organización Mundial do Comercio (OMC), cando os principais escollos de natureza económica foron salvados, acentúa a interpretación chinesa de que Washington iniciou un novo rumbo político nas súas relacións co xigante asiático. Por último, o chamado “informe Cox” que acusa directamente a China de obter ilegalmente mil e un recursos que lle permitiron modernizar a súa tecnoloxía militar e outros logros científicos, ou as acusacións de influír no Partido Demócrata mediante xenerosos donativos para a súa campaña electoral, constitúen outras mostras dese escenario xeral de deterioro, en ritmo ascendente dende a “exitosa” visita de Clinton a China, en 1998.

En suma, que gaña terreo en ambos os dous lados a tese da contención e a confrontación. Amén de episodios máis ou menos “conxunturais e menores” (léase a lista dos estados premiados co atributo de terroristas), a China parece reunir as características máis idóneas para substituír á extinta URSS na “clarificación” da actual complexidade: é o suficientemente grande en termos de territorio e poboación; dispón dunha economía en constante e progresivo crecemento, ata o punto de proxectarse como unha potencia de primeira magnitude no próximo século; é un país diferente, en termos de cultura, política e relixión e que, polo tanto, non forma parte dos “nosos”. Para confirmar o seu liderado no mundo, Estados Unidos necesita un adversario que lle dea razóns e argumentos para seguir fortalecendo a súa capacidade militar. O afianzamento desta liña de tensión no contexto global e as políticas puntuais en Europa (coa ampliación da OTAN ó Leste), en Asia (reforzamento da alianza militar co Xapón) ou en Africa (progresivo intervencionismo) virían confirmar o proxecto estratéxico estadounidense de ter a hexemonía no dominio mundial, sen máis predisposición ó diálogo e á cooperación que o graciosamente consentido e sen ánimo de dar pé á revisión desa posición dominante.

Pero para Beijing, o resultado do actual proceso de transición en ningún modo pode concluír coa consolidación dun mundo unipolar. Ben é verdade que Estados Unidos é hoxe a única superpotencia. En termos de potencia militar, Rusia, sen embargo, aínda ten algo que dicir. No económico, Estados Unidos, Xapón e a Unión Europea son os tres xigantes, e o leste de Asia, excluíndo a Xapón, podería representar moi pronto o cuarto polo. No político existen cinco grandes referentes: Estados Unidos, a Unión Europea, Rusia, Xapón e a China. Se nos anos cincuenta, Estados Unidos representaba máis do 50 por cento do PIB mundial, agora non chega ó 30 por cento e en vinte anos podería reducirse ó 10-15 por cento, ata equipararse coa Unión Europea, China e Xapón. Por iso, os intentos de eliminar rivais, xa sexa propiciando guerras en Europa (para, entre outras cousas, afundir o euro, afirman) ou fomentando a inestabilidade en Asia, non se completarán facilmente.

¿Pode a China ser rival? ¿En quen apoiarse? Na súa fase actual de desenvolvemento, a Beijing interésalle especialmente limar asperezas co mundo e non suscitar inquietudes gratuítas. Na súa visita de maio último a Washington, Zhu Rongji, o primeiro ministro chinés, reiteraba que “a China non é un rival potencial nin un inimigo, senón un amigo en quen se pode confiar”. Sen embargo, por imperativos internos (fundamentalmente, a metamorfose nacionalista) e externos, dificilmente poderá eludir a estratexia de Estados Unidos. En calquera caso, convén ter presente que a pesar do elevado nivel de desenvolvemento experimentado nos últimos anos, aínda lle queda por diante un difícil porvir e moitos conflictos, desequilibrios e desigualdades que superar. China aínda é un país en vías de desenvolvemento.

As servidumes da política europea e nipona e a fraxilidade de Rusia facilitan tamén a estratexia estadounidense. A pesar diso, a China non renuncia ó seu empeño de construír unha asociación estratéxica con Moscova. Ata o momento, a súa aposta viuse favorecida en escasas materias, especialmente no económico, que non se corresponde co volume das súas respectivas economías. A pesar de ter crecido, o intercambio comercial non acadou os 6.000 millóns de dólares en 1998, e incluso baixou un 10,5 por cento en relación ó exercicio anterior (sobre todo debido ó impacto da crise financeira asiática).

Por todo iso, é previsible que unha atmosfera difícil se instale nas relacións entre ambos países nos anos vindeiros. Os inconvenientes externos poden verse compensados cunha nova onda de patriotismo que escureza as tensións xeradas no ámbito interno pola profundación da reforma nun sector clave (as empresas estatais) e as súas amplas consecuencias sociais. Tiananmen volvería a ser así o escenario propicio para o reencontro do réxime cunha masa social, desencantada e desconforme en moitos aspectos, pero globalmente ilusionada pola recuperación da dignidade perdida hai máis dun século.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001