Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Rusia
 
De Ieltsin a Putin, a voltas con Rusia


Xulio Ríos
 

Nun momento decisivo para a hipotética fin da intensa guerra librada en Chechenia; despois dun triunfo electoral sen paliativos e a conveniencia dos sectores oligárquicos ligados ás tramas e grupos de poder máis opacos e próximos ó Kremlin; sen que no seu estado de saúde puidese advertirse un empeoramento substancial ou que fixese temer minimamente pola súa vida; cunha Duma incapaz e desinteresada en iniciar procesos de destitución; incluso sen novos escándalos que puidesen quitarlle o sono, o Presidente Ieltsin tomou de novo a iniciativa e, por sorpresa, presentou a súa dimisión o pasado 31 de decembro de 1999.

E se non existían datos ou circunstancias especialmente alarmantes (lembremos o contraste co escenario da dimisión de Mijail Gorbachov aquel 25 de decembro de 1991) que expliquen unha medida destas características, ¿por que a dimisión de Ieltsin? ¿responde a esa coñecida tendencia de imprevisibilidade, aparentemente caprichosa, de Borís Nikolaievich? Unicamente cabe comprender este xesto se atendemos ó peculiar desenvolvemento da estratexia de sucesión sen cambio que se alenta dende o partido do poder (chamémoslle Nosa Casa Rusia, onte, ou Unidade, hoxe), toda unha estrataxema que principiou en maio pasado co nomeamento do efémero Serguei Stepashin, en substitución de Evgueni Primakov, e continuou con Vladimir Putin, o principal brazo executor do gabinete na sombra.

En suma, a dimisión de Ieltsin é outra peza máis que encaixa sen esforzo no mesmo crebacabezas. O de menos agora é a dimisión en si; o que realmente importa é o apresuramento electoral. Non hai baleiro de poder e ninguén en Rusia se vai sentir nin máis nin menos desamparado. Xa na véspera das eleccións lexislativas do pasado 19 de decembro se especulaba nalgúns medios sobre a hipótese dun adiantamento das eleccións presidenciais se as formacións afíns ó poder obtiñan bos resultados. O principal obstáculo para poñer en marcha esta operación política consistía en convencer a Ieltsin. O Presidente ten apego ó poder, pero a insistencia da súa filla Tatiana tivo éxito. O magnate Berezovski, principal figura pública da “Familia”, ese novo Politburó que goberna Rusia, contemplaba con satisfacción a plena realización dun plan que persegue satisfacer o ansia protectora de Ieltsin e o seu entorno máis próximo, pero que debe garantir tamén un horizonte de estabilidade e de impunidade ós negocios desa elite económica formada por auténticos depredadores do patrimonio estatal.

¿E que pode vir da man de Vladimir Putin? O ton do seu primeiro discurso como Presidente interino, asociando nunha mesma idea a preservación do sistema democrático (?) en Rusia, o decreto que outorga garantías de inmunidade penal para Ieltsin e a súa familia, o chisco permanente ás forzas armadas e ós servicios de seguridade, e a reserva de dureza para os que definiu como intentos de desestabilización, sen nomear a corrupción nin a criminalidade, revelan o momento de esplendor dunha nova alianza trilateral (burocracia-negocios-militares) que se proxecta como principal polo de poder na nova etapa que agora comeza.

Ieltsin pode marchar tranquilo. Xa ninguén se molestará en pedirlle contas polas dúas guerras de Chechenia, o bombardeo do Parlamento ou a disolución da URSS. Putin pode gañar nas eleccións do 26 de marzo, incluso sen necesidade de acudir a unha segunda volta. Nesa ecuación, os rebeldes chechenos levan todas as de perder, se ben ninguén dubida de que venderán moi cara a súa derrota. Pero serán sacrificados sen contemplacións, custe o que custe, para maior gloria da Patria Rusia e do señor Putin. Mentres, Ieltsin, máis alá dunha nefasta xestión política e social, do consumo desmedido de vodka ou a exhibición de comportamentos pintorescos, na historia quedará asociado á figura dun líder populista, bacío e sen proxecto. Tamén nesta definición, Gorbachov tiña razón.


A victoria da impunidade

A chave da nova situación rusa foron as eleccións lexislativas de decembro de 1999. Correu o caviar e o vodka nas dachas das proximidades de Moscova. Era a escenificación da alegría por tantos temores disipados. A pírrica victoria do Partido Comunista de Guennadi Ziúganov; a franca decepción da esperanza reformista e modernizadora que representaba Evgueni Primakov; e os excelentes resultados obtidos por ese triángulo de perversión que representa Ieltsin, o Kremlin e a denominada Familia, garantían o continuísmo político en Rusia.

A diferencia do acontecido en boa parte dos países do Leste europeo nos que, a un período máis ou menos longo de aplicación da terapia de shock para operar esa ultrarrápida conversión ó mercado, proceso liderado politicamente polas forzas “democráticas”, lle sucedía outra etapa de reequilibrio, amortecedora do fortísimo impacto social provocado pola caída en picado dos índices de benestar, o saqueo (léase privatización) e a corrupción, fase politicamente conducida por forzas políticas herdeiras dos antigos partidos comunistas ou moi próximos a eles, en Rusia, as posibilidades de alternancia aprázanse, unha vez máis, sine die. Unha década de post-comunismo parece que pulverizou literalmente o pouco que podía quedar de setenta anos de arduo empeño na construcción do home novo. Cosacos ou siberianos, os rusos poden ser, ó igual que todos nós, víctimas da máis burda alienación.

No seu tempo, a perestroika iniciara unha tímida escisión das elites política e económica; pero Ieltsin conseguiu refundilas nunha nomenclatura de novo cuño que non dubida en rendabilizar todo o aprendido para orientalo á consecución de novos obxectivos. Os vencedores das eleccións lexislativas de decembro son esas elites procedentes na súa inmensa maioría do vello sistema soviético que dende as empresas, a corrupción ou as mafias liquidaron a “propiedade socialista de todo o pobo” para converterse na nova elite posuidora. A “Familia” que rodea a Ieltsin ten así a súa prolongación nas múltiples “familias” que nas repúblicas, territorios e rexións da Federación rusa reproduciron boa parte do modelo. Un empeño nada complexo de realizar nun país no que historicamente non é a riqueza o que facilita o poder senón que son os homes con poder quen aspiran a apropiarse das riquezas e a dispoñer delas ó seu antollo.

Á marxe desa perfidia estructural, resulta difícil comprender como unha maioría social pode darlle as costas a unha realidade tan dura como a existente en Rusia. Segundo un informe recente de Nacións Unidas referido a todo o territorio da antiga URSS, a transición económica resultou letal para millóns de persoas. A esperanza de vida entre a poboación masculina descendeu de 62 a 58 anos; as desigualdades aumentaron de forma espectacular; tamén reapareceron enfermidades que foran totalmente erradicadas, etcétera. ¿Como é posible que o poder obteña proveito dunha situación tan desastrosa? Obviamente, a manipulación dos medios de información de masas e, sobre todo, o dividendo da guerra de Chechenia, desempeñaron un papel decisivo, pero non debemos pasar por alto a incapacidade da maior parte da oposición (en especial, do Partido Comunista, o principal partido) para desmarcarse dunha operación, a todas luces organizada para distraer a atención e, sobre todo, para actualizar un discurso político que facilitase a aproximación de novos sectores sociais. A pesar da súa lixeira mellora, a formación de Ziúganov enfróntase de novo ó seu teito electoral e máis ben antes ca despois podería iniciar o seu declive.


As vantaxes do adianto electoral

Instalados neste novo panorama e descartada a brusca interrupción do proceso político,o tan temido auto-golpe, numerosas razóns aconsellaban o adianto dos comicios presidenciais. En primeiro lugar, a situación de bonanza política que lle permite a Putin imaxinar que se atopa no cumio da ola. En segundo lugar, as dificultades para manter o consenso político-social ata xuño. En terceiro lugar, a conveniencia de dificultar as manobras da oposición e impedir que se fragüen alianzas competidoras. Por último, a guerra de Chechenia non pode durar moito máis. Se a victoria se atrasa, o efecto boomerang podería ser desastroso. Pero se o Kremlin gaña axiña, resultaralle difícil administrar os réditos do triunfo a seis meses vista.

Por outra banda, non poucos temen a imprevisibilidade de Ieltsin, un persoeiro só controlable ata certo punto. Habida conta da traxectoria presidencial, a posición do triunfante Vladimir Putin puidera ser incluso máis fráxil ca nunca. Seis meses na política rusa é un horizonte demasiado amplo e dá para tramar moitos enredos. Se a Familia, como sinalaron algúns observadores, foi quen de alentar unha guerra para perpetuar o seu poder e influencia, nunca se pararía en barreiras para intentar aseguralo agora que o tiña ó alcance da man e podendo conseguilo a través de procedementos formalmente democráticos.

A victoria da impunidade resume, pois, a tranquilidade de todos eses sectores oligárquicos temerosos da rendición de contas. Uns pola anterior guerra de Chechenia ou a liquidación da URSS, realizada con nocturnidade e aleivosía nove meses despois de que un referendo popular bendicise a súa supervivencia como unha alianza de estados soberanos; outros pola participación activa nun proceso privatizador que acabou practicamente cos segmentos máis apetitosos do Estado e empobrecendo, ata niveis impensables, a toda a sociedade. Todos, en fin, temerosos dos avances cara un estado de dereito que en Rusia aínda está por fundar.


O legado de Ieltsin: Un poder devorado pola corrupción

O termo “mafia” ten en Rusia unha acepción moi extensa e abarca toda unha amalgama de fenómenos que inclúen tanto a criminalidade común como as empresas paralegais e a corrupción nas máis altas esferas do poder. Segundo fontes do propio Ministerio do Interior, as organizacións criminais poderían controlar en Rusia máis do cincuenta por cento das empresas. A parte da economía somerxida que actualmente se atopa nas súas mans podería andar entre o vinte e o cincuenta por cento. Ademais das empresas e sectores productivos, rexións enteiras poderían estar dominadas pola criminalidade organizada.

Non existe esfera de actividade na que non estea presente a corrupción. As disputas polos beneficios obtidos en negocios de dubidosa legalidade ou abertamente ilegais resólvense a tiro limpo, coma no Chicago dos anos vinte. Segundo a axencia británica “Control Risk Group”, que asesora a empresas interesadas en investir nos países en transición á economía de mercado, a corrupción supón para Rusia a perda de máis de dous billóns de pesetas cada ano, cantidade suficiente para pagar dúas veces os salarios en atraso de millóns de traballadores e pensionistas que sobreviven en condicións de extrema dificultade. O calado da corrupción é tan grande, afirma esa fonte, que condiciona non soamente a superación da crise económica, senón a propia estabilidade política do país. E non tanto porque provoca desordes ou protestas sociais de temible envergadura como porque é a protección dos intereses dos grupos de poder que xurdiron ó abeiro do saqueo do Estado, o que pode motivar o cese dun primeiro ministro tras outro e podería estar tamén detrás da dimisión presidencial e a anticipación dos comicios de xuño.

Calquera balance da etapa de Boris Ieltsin no poder non pode ignorar a prosperidade do matón a soldo; o desvío de importantes reservas de divisas para ser colocadas en paraísos fiscais (ata cinco billóns de pesetas, case trinta mil millóns de euros); a existencia de varios millóns de nenos desprotexidos vagando polo país e á disposición das redes da droga ou a prostitución; ou, parellamente, o dispendio de varios centos de millóns de dólares na restauración do Gran Palacio do Kremlin para satisfacer a renacida debilidade pola ascendencia imperial rusa. Os círculos máis próximos a Ieltsin están impregnados desta voráxine saqueadora, empezando pola súa propia filla, Tatiana Diachenko, e Naina Lossifovna. Boris Berezovski, o novo Rasputín da corte, pasa por ser o “alma maldita” desta atribulada Rusia post-soviética.

Tan diversas manifestacións, aparentemente tan dispares, constitúen, sen embargo, significativos exemplos dun mesmo fracaso: a incapacidade para vertebrar unha economía saneada; para organizar un estado recoñecible; para estructurar minimamente e aínda de lonxe algo similar a unha sociedade civil; para asentar, en fin, un réxime de convivencia non condicionado pola ocupación salvaxe de todos os símbolos de poder, xa sexan estes de índole económica, social ou política. Ieltsin non deu deseñado nin establecido mecanismos de transformación da sociedade post-soviética que aproximasen a Rusia a ese estado de dereito proclamado como gran obxectivo por parte daqueles “demócratas” que precipitaron a caída de Gorbachov, o único reformista verdadeiro que había entre todos eles.


De comisario a executivo

Fronte a unha amplísima franxa de poboación ostensiblemente marxinada, a vella nomenclatura soviética rapidamente pasou a formar parte dese capitalismo de elixidos, xenerosamente beneficiados polas primeiras medidas privatizadoras. Os famosos bonos que distribuían gratuitamente entre toda a poboación boa parte do patrimonio estatal logo foron parar ás mans dos clans de intermediarios que rodearon de opacidade as súas operacións especulativas. Todo o poder, noutro tempo en mans do Partido e dos Soviets, pasou a mans dunha burocracia reconvertida rapidamente para o mundo dos negocios, deixando atrás ós pioneiros do mercado, os cooperativistas da perestroika, que foran concibidos como o xermolo dunha nova clase social posuidora.

Na actualidade, unicamente un vinte por cento das elites rusas, políticas e económicas, non están ligadas ó antigo sistema soviético. Esa metamorfose, desprovista de escrúpulos, abortou toda posibilidade de ruptura real, favorecendo o distanciamento da sociedade respecto dun poder no que non podían confiar. Ieltsin, por suposto, nada fixo para crebar esa ausencia de credibilidade.


¡Sálvese quen poida!

Mentres en Moscova a loita polo poder foi sempre unha constante, cada suxeito dos oitenta e nove da Federación Rusa optou por construír o seu propio sistema, naturalmente sen pararse a observar ou reflexionar sobre a legalidade que viña do centro, polo demais de valor simplemente orientativo, con claro predominio da política de imposición de “homes fortes” escasamente comprometidos con concepcións e ideas vagamente asociables con categorías como lexitimidade democrática, transparencia, independencia xudicial ou dos medios de comunicación. Natalia Lapina, investigadora da Academia de Ciencias de Rusia, considera que nesta evolución definíronse ata catro grandes modelos: o apadriñamento, propio de rexións ou cidades como Tatarstán, Bajkortostán, Ulianovsk, Krasnodar, ou Moscova; a asociación, especialmente presente en Nijni Nóvgorod, Leningrado, Volga, ou San Petersburgo; a coacción, fenómeno moi marcado na rexión de Kírov; e a privatización dos asuntos públicos, moi estendida en Kalmukia, Krasnoyarsk, Tiúmen, Murmansk, ou Jabarovsk. Mentres nos dous primeiros modelos se pode falar de certo estímulo do desenvolvemento local, nos dous últimos simplemente se favoreceu a dilapidación das riquezas e propiedades públicas e a expansión das mafias.

Na Rusia de Ieltsin, repúblicas enteiras, como Kalmukia, transformáronse en auténticas sociedades anónimas nas que toda a actividade está sometida ó control do seu Presidente, Kirsan Iliumdjinov. Outro tanto podería dicirse da república de Kakasia. Aquí, Alexei Lébed, irmán de Alexander, é coñecido co sobrenome de gobernador do aluminio, polos seus especialísimos vínculos con este sector. Son moitas as fontes que aseguran que esta rama da producción está en mans de grupos criminais e que contan ademais coa complicidade e a protección das máis altas esferas do Estado. En todos estes territorios, a simbiose entre política, economía e mafia está á orde do día.

Polo demais, os seus tentáculos fóronse estendendo por medio mundo. De Nova York a París ou Génève, as mafias buscan vías para drenar as súas inmensas ganancias. Incluso en España buscaron o seu propio acubillo. As investigacións realizadas pola policía revelan que algúns xefes da mafia rusa incluso dirixen os seus negocios en Moscova dende as súas confortables mansións da Marbella de Jesús Gil. Alexander Sigarev é o principal expoñente dese desembarco que, vía Xibraltar, mobiliza varios millóns de dólares procedentes de casinos, contrabando e estafas. A Costa do Sol converteuse para os novos ricos rusos no lugar ideal para branquear as súas ganancias e, de paso, pórense morenos.


Unha Rusia sen mundo propio

En política exterior, os máis de oito anos de mandato de Borís Ieltsin transcorreron entre unha breve primeira etapa de abrazo cego e incondicional a Occidente e outra segunda, de progresiva recuperación formal dun discurso moderadamente nacionalista que a duras penas conseguía disimular as súas graves carencias e inconcrecións, en particular, por mor dunha situación económica permanentemente ó bordo do abismo e unhas Forzas Armadas, cunha capacidade operativa e incluso tecnolóxica en estado catastrófico. Unicamente o arsenal nuclear, con máis de dez mil cabezas, garántelle un lugar a carón dos sete grandes. Ieltsin, de ningún modo é alleo a tal estado de cousas. A misión de liquidar a capacidade real dos exércitos e a súa substitución por múltiples gardas pretorianos que situaran ben gardadas as súas anchas costas foi unha constante nesa axenda para a estabilidade política que seguiu á liquidación da URSS e que deixou convertida a Rusia, a súa principal herdeira, nunha torpe caricatura do que fora noutro tempo.

A política exterior rusa estivo sempre moi condicionada polos avatares da situación interna. Na etapa de Iegor Gaidar, no primeiro goberno da presidencia de Ieltsin, e incluso nos primeiros gabinetes de Victor Chernomirdin, nos que destacaba a forte participación dos sectores reformistas procedentes do movemento democrático que levou a Ieltsin ata a xefatura do Estado, Rusia apelaba e confiaba na axuda económica de Occidente para superar a crise e asegurar unha transición sen cataclismos, do comunismo ó capitalismo, o que chamaban mundo normal. Pero a terapia de shock acabou en desastre total e agora, ata o propio Jeffrey Sachs, director do Centro para o Desenvolvemento Internacional da Universidade de Harvard e principal valedor desta especie de big-bang para a liquidación das economías planificadas, recoñece que boa parte da culpa da actual situación rusa correspóndelle a Occidente pola súa despreocupación, avaricia e falta de control. A contía da axuda, afirma, foi insignificante comparada coa dimensión das súas necesidades, chegou tarde e foi parar a mans de auténticos cleptócratas, carentes do máis elemental compromiso reformista.

Moitos rusos, por oportunismo ou quizais por convicción, comparten hoxe ese discurso de resentimento e desconfianza e argumentan a necesidade de contar coas propias forzas para evitar o total naufraxio da gran potencia. Rusia non se resigna a desempeñar un papel menor no escenario internacional, e moito menos a actuar de simple comparsa dun hexemón americano que non toma en consideración de forma suficiente os seus intereses.

Da guerra á paz fría, Ieltsin, dotado dun incuestionable olfacto político, comprendeu rapidamente que a carta nacionalista era o último recurso para manter un mínimo nivel de aceptación por parte dunha cidadanía que hai tempo lle deu as costas e, sobre todo, para atraer e desarmar a mensaxe dos sectores neoeslavófilos, chámense tradicionalistas, patriotas ou modernistas. A partir de 1995, Ieltsin viu con algo máis que bos ollos o proceso de distanciamento formal e epidérmico con Occidente, participando do endurecemento da linguaxe, incluso ás veces con tons pateticamente desafiantes. A última, esa recente bravata lembrando desde Beijing o potencial nuclear de Rusia en resposta ás criticas formuladas pola Casa Branca, naturalmente para consumo interno e coa boca pequena, polo modo de conducir a guerra en Chechenia (¿pola súa brutalidade ou por non ser capaces de acabar dunha vez?) e a expulsión dun diplomático estadounidense acusado de espionaxe. Todo un desacordo, quizais pactado, e, en todo caso, moi oportuno en época electoral, para afirmar un discurso que deixe entrever que Rusia aínda pode reproducir comportamentos da outrora gran potencia.

Pero ninguén pode chamarse a engano. O xa ex presidente ruso sempre foi consciente de que debía pagar un prezo pola masiva e xenerosa intervención occidental en apoio da súa candidatura nos anteriores comicios presidenciais e noutros momentos delicados do seu mandato. A pesar da súa notoria incapacidade para dirixir os destinos de Rusia, Ieltsin sempre atoparía no exterior o firme apoio que se lle negaba dentro do país.


Suma de desacordos

A campaña aliada en Bosnia; a ampliación da OTAN ós países de Europa central e oriental, antigos aliados no Tratado de Varsovia; as sucesivas operacións militares contra Iraq; a guerra por Cósova; ou as discrepancias contra as “inxerencias externas” na eufemisticamente denominada campaña “antiterrorista” de Chechenia, evidencian unha considerable suma de desacordos que dificilmente poden ser obviados polo Kremlin. Pero era Evgueni Primakov o único capaz de dotar dun mínimo de credibilidade unha política repleta de xestos que, con acerto, acostúmase cualificar de simple retórica. Cando as forzas anglo-norteamericanas bombardearon de novo Bagdad, Primakov non dubidou en chamar a consultas ós embaixadores en Londres e Washington e, por primeira vez nos últimos dez anos, as tropas foron colocadas en estado de alerta.

Na política exterior rusa pódese advertir, pois, un progresivo distanciamento de Occidente que se inicia en 1993 coa adopción dunha nova doutrina militar que, en esencia, aposta pola recuperación da influencia tradicional no chamado “estranxeiro próximo” (toda a ex URSS, a excepción do Báltico). A pesar de contar con numerosos detractores no propio Kremlin, esta tendencia foi gañando terreo por imperativos internos, gracias ó éxito dunha dobre táctica: diplomática, na zona europea, estreitando os vínculos con Belarús para contrarrestar a expansión da OTAN cara ó Leste; e estratéxico-militar, principalmente na rexión caucásica e transcaucásica, na que converxen poderosos intereses económicos e comerciais (a explotación dos recursos enerxéticos e as súas rutas).

O outro piar desta orientación vén definido pola intensificación da viraxe cara ó gran veciño asiático, a China, unha aproximación iniciada en 1989 con Gorbachov e que se arrefriou anos máis tarde, na calor do abrazo a Occidente. O entendemento estratéxico entre a China e Rusia descansa fundamentalmente na súa lóxica resistencia a admitir sen máis o dominio imperial estadounidense e, polo tanto, na compartida necesidade de evolucionar cara á multipolaridade, establecendo unha fronte común que paralice a presión occidental en materias consideradas sensibles (Chechenia-Tíbet ou Taiwán).


Putin e a continuidade

Así as cousas, é de temer que o probable triunfo de Vladimir Putin na primeira volta das eleccións do próximo 26 de marzo signifique simplemente máis do mesmo, é dicir, continuidade pura e dura do ieltsinismo sen Ieltsin en todas as frontes: económico, social, exterior, etc. En calquera caso, a súa hipotética victoria en Moscova pasa necesariamente polo mantemento a raia ou pola derrota dos rebeldes atrincheirados en Grozni, a capital chechena.

Cos grandes medios de información sometidos a un férreo control, a hipótese de pequenos reveses na campaña militar dificilmente pode influír na minoración dunhas expectativas de victoria que se aventura folgada, ó sumo en segunda volta e, sobre todo, de ter que competir con Ziuganov aínda no suposto de que este logre un acordo que se antolla complicado co tándem Primakov-Luzkov. Para Másjadov, o presidente de Chechenia, resistir ata o 26 de marzo é cuestión de vida ou morte. Soamente cando se clarifique a loita polo poder no Kremlin, o seu novo inquilino podería estar interesado en negociar un acordo político para lle pór fin ás hostilidades.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001