|
A primeira guerra da OTAN chegou á súa fin. Despois de dous meses e medio de bombardeos ininterrompidos,
Chernomirdin e Ahtisaari, os mediadores ruso e europeo, lograban a anhelada claudicación do réxime
iugoslavo. O inmediato e incontrolado regreso dos albanocosovares ós seus lugares de orixe polos mesmos
camiños que as tropas da OTAN se encargaban de despexar, desataba un novo éxodo, esta vez dos serbios,
temerosos da vinganza das tropas do UÇK (Exército de Liberación de Cósova). Pese ó
evidente triunfo militar aliado, o fracaso político non pode ser maior: coa sucesión de episodios
de limpeza étnica, a posibilidade de establecer un marco de convivencia pluriétnico e multicultural
na zona afástase cada vez máis.
Para a OTAN, o acordo de paz chegou nun momento crucial. No seu ánimo pesaba xa a longa duración
da intervención -concibida inicialmente como unha operación de castigo-, a perda de apoio entre a
opinión pública dos países involucrados, o negativo efecto dos cada vez máis abundantes
danos colaterais, a incapacidade para xestionar a crise dos refuxiados e, sobre todo, a percepción da proximidade
dunha toma de decisión inevitable a propósito da invasión terrestre, así como a situación
límite que se vivía en países como Macedonia. Por outra banda, nalgúns países
europeos (Alemaña, Grecia, Italia) as crises políticas internas abertas por esta causa ameazaban
con desembocar en rupturas abertas de non obter resultados rapidamente.
Tamén Milosevic soubo retirarse a tempo. O apoio de Rusia ó plano de paz do Grupo dos Oito ameazaba
con deixalo totalmente illado. Despois de escenificar algunhas resistencias que daban a entender a todos que a
súa posición non era tan feble como se pretendía, o presidente iugoslavo compareceu ante a
súa cidadanía para asegurar que o cesamento dos bombardeos e os acordos de Kumanovo confirmaban a
utilidade da resistencia serbia. A desbordante satisfacción dos residentes de Belgrado é a mellor
expresión desa arraigada convicción de que tamén eles obrigaron a pasar polo aro ós
todopoderosos aliados: compromiso de defensa da integridade territorial; asentamento de tropas internacionais –e
non soamente da OTAN– baixo bandeira da ONU –e non da OTAN–; garantías de presencia policial e militar iugoslava
na zona, se ben moi limitada.
Poucos apostarían en serio agora polo efectivo encausamento de Milosevic ante o Tribunal Internacional
que xulga os crimes contra a humanidade na antiga Iugoslavia. Esas concesións poden permitirlle salvar a
cara ó Presidente serbio, favorecido ademais polo abandono do goberno por parte dos radicais de V. Seselj
e a debilidade dos outros opositores.
Rusia conseguiu desempeñar un papel moi activo nun proceso mediador que lle devolveu o protagonismo internacional
doutras horas. Incluso no militar, a súa hábil manobra para entrar en Cósova antes que as
tropas aliadas, espertou nalgúns as glorias doutro tempo. Unhas veces con autonomía real -sobre todo
mentres funcionou o tándem Primakov-Ivanov-, outras cumprindo ó pe da letra os encargos de Occidente,
finalmente tivo que renderse á evidencia das súas propias miserias. Moscova non dispón nin
de capacidade económica, nin militar, nin política, para postular unha opción diferenciada
ante a crise. O xesto de incriminar a Javier Solana, secretario xeral da OTAN, por parte dunha Duma estrañamente
unánime e que vive os momentos previos ás eleccións lexislativas do outono, é ben indicativo
do resentimento político que habita en moitos sectores da sociedade rusa, pero sobre todo, do único
dereito que pode exercer libremente no actual contexto internacional, o do pataleo.
Europa, unha vez máis, personificou a impotencia, tanto no militar coma no político. Dez anos
teorizando e burocratizando unhas supostas políticas preventivas en materia de seguridade e conflictos non
serviron absolutamente de nada fronte a unha das guerras máis previsibles e anunciadas de todas as coñecidas
ata agora nos Balcáns. Prométese unha inxente axuda económica, se ben non se precisa quen
a vai facilitar, e incluso se insinúa a posibilidade de buscar socios extraeuropeos. Bruxelas debe manter
o seu euro relucente mentres a vergoña e a miseria se fan crónicas en rexións coma esta, cun
gran potencial desestabilizador. Aínda achegando os recursos económicos necesarios, Europa precisa
dar máis pasos para restablecer a súa presencia política na rexión, e existen serias
dúbidas de que Míster Pesc sexa o instrumento ideal para tan ambiciosa misión.
Neste órdago de militancias exteriores, o maior pao foi para as Nacións Unidas. Como estructura
e catalizador da legalidade internacional, a ONU, por decisión de Estados Unidos e coa compracencia dos
líderes europeos, pasou a formar parte dos residuos parcialmente reciclables da guerra fría. O G-8
tomou o relevo e imparte as súas instruccións ó Consello de Seguridade manexando habilmente
presións políticas e económicas cos menos dóciles. Convertida nunha pseudo-ong humanitaria,
o papel político da ONU depreciouse ata niveis inimaxinables. Con todo, as nosas críticas deberan
ser en todo caso matizadas, pois tal estado de cousas obedece ós exclusivos intereses dalgunhas potencias
e non é a expresión da vontade da inmensa maioría dos seus integrantes.
En suma, polo momento, a fin da guerra deixa un dobre perdedor: o pobo albanocosovar e o pobo serbio. O balance
dos albaneses de Cósova é desalentador: os seus fogares destruídos, as principais infraestructuras
volatilizadas, boa parte da poboación aínda transmutada en refuxiados e espallada por medio mundo
e o seu soño independentista, antes reprimido polos paramilitares e o exército de Milosevic, enfaixado
agora polo continxente internacional. Sen dúbida pagaron o prezo máis alto para acadar ben pouco.
Pero tamén o pobo serbio padeceu e padecerá aínda máis as consecuencias da política
suicida do réxime iugoslavo. Non sabemos cántos dos que abandonan Cósova fuxindo das represalias
o fan por sentírense culpables ou quizais responsables de atrocidades e crimes. Pero moitos inocentes, en
Cósova e noutros lugares de Iugoslavia, padecen as consecuencias das erróneas decisións dos
seus dirixentes.
Bo é lembrar, en fin, que esta última guerra nos Balcáns, atizada coa intervención
da OTAN, promoveuse en defensa dos dereitos humanos dunha comunidade nacional oprimida, o pobo albanocosovar. Visto
o resultado, convén reflexionar cando menos sobre dúas cuestións. Primeira, en qué
medida se pode advertir na actual situación algunha semellanza coa Declaración Universal que fundamentalmente
proclama a necesidade que a humanidade ten de verse libre do medo e do terror. Segunda, cál será
o seguinte pobo oprimido que se vai ver agraciado cos favores da OTAN e do G-8, os novos campións da igualdade
e a liberdade...
¿Paz ou paréntese?
¿Resolve esta paz o conflicto ou simplemente abre unha nova paréntese? En “After Violence: 3R,
Reconstruction, Reconciliation, Resolution”, Johan Galtung, un dos máis importantes estudiosos dos problemas
da paz, sinala que “o alto ó fogo, a tregua, aínda sendo importante, non o é todo..., que
o despois da violencia pode converterse facilmente nun antes dunha nova violencia se non se entende que por debaixo
da violencia visible e directa hai sempre unha violencia estructural (conflicto, inxustiza, contradicción)
e unha cultura da violencia ou unha violencia cultural que non desaparecen mecanicamente coa firma do tratado de
paz e que poden seguir sendo fonte da violencia visible”. En Bosnia, varios anos despois dos acordos de Dayton,
moi pouco se avanzou, non xa na reconstrucción económica, senón sobre todo na superación
das contradiccións herdadas do conflicto.
As expectativas de futuro para Cósova non poden contemplarse á marxe da rexión. Non debera
repetirse o erro de Dayton. Á marxe das inmensas dificultades internas que será necesario superar
para asegurar o entendemento entre Ibrahim Rugova –que cada día conta con menor apoio popular e occidental–
e a UÇK, será imposible a normalización de Cósova sen habilitar políticas globais
para a rexión. De non ser así, probable e desgraciadamente non será este o último episodio
das guerras balcánicas. A Europa impórtalle especialmente contemplar xenerosas políticas preventivas
respecto daqueles países sobrados de tantas miserias e descontentos que poden estoupar en calquera momento.
Se tivesemos que preguntarnos polos factores que subsisten na rexión para sustentar unha nova cultura
política que impida a reproducción das tensións no futuro e avoguen por unha convivencia democrática,
pluriétnica e multicultural, sería difícil atopar respostas esperanzadoras. O denominador
común desta paz é o mutuo interese en parar a guerra, non o triunfo deses nobres valores (democracia,
dereitos humanos, etc) cinicamente proclamados pola Alianza como leit-motiv da intervención. Milosevic comandou
as operacións de limpeza étnica en favor dos serbios e perdeu. Deliberadamente ou non, a acción
da OTAN non impediu a subseguinte limpeza étnica dos serbios na zona. Triunfou a forza e non a convivencia
nin a razón. Son reservas de peso que deixan nesta paz un pouso agridoce.
|