Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Nacionalismos
 
Córsega, unha illa á deriva


Xulio Ríos
 

Córsega, “montaña dentro do mar”, no dicir dos clásicos, recibía o novo ano co esperanzador anuncio doutra tregua unilateral por parte da Fronte de Liberación Nacional de Córsega-rama histórica (FLN-rh). A iniciativa facíase pública xustamente na véspera da chegada á illa do ministro do interior francés, Jean-Louis Debré. Durante todo o ano 1995, o goberno de París amosouse claramente incapaz (interesadamente, segundo afirma a propia FLNC) de evitar a escalada de atentados que se sucedían nesta “rexión” e que, por primeira vez, non só estaban dirixidos contra os intereses franceses, senón tamén contra integrantes das propias familias nacionalistas, mergulladas para o caso nun enfrontamento fratricida. Unha semana antes de pisar a patria do corso afrancesado, Napoleón Bonaparte, en Propriano, unha bomba destruía as oficinas da compañía EDF (Electricité de France).

A xeneralización das accións armadas (fundamentalmente da FLNC e do grupo Resistenza) suscitou na illa un clima de enorme tensión e inseguridade. A situación resultaba dificilmente comparable con períodos anteriores. O 14 de marzo de 1995, hai un ano, a propia patronal convocaba a un paro total (“illa morta”) para protestar fronte a tanta inseguridade. Os bancos anuncian a retirada das súas oficinas; as empresas de seguros néganse a actuar en chan corso; medra a delincuencia (bandidaxe, tráfico de drogas, gansterización dalgúns movementos políticos).

Nos primeiros meses de 1995 seis militantes nacionalistas foron asasinados. A morte dun antigo militante a mans dos seus propios compañeiros e a tentativa de asasinato do dirixente da ANC, Petru Poggioli, recruaron a violencia, sempre presente na illa pero ata entón primordialmente orientada contra bens patrimoniais e non contra persoas, afectando ás propias filas do movemento nacionalista. A guerra entre nacionalistas adquiriu carácter aberto e manifesta: MPA, ANC e UPC, dunha banda; Corsica Nazioni e a FLNC, doutra. Os resultados, ademais de suicidas, son tráxicos. Os mortos acumúlanse sen que ninguén semelle poder facer nada por impedilo. Uns acusan ós outros de ser o brazo armado de París. En 1987, Charles Pasqua, de visita na illa por primeira vez, vaticinara: “Vou aterrorizar ós terroristas”. Á beira do precipicio, a nación de Pasquale Paoli semella vivir un dos seus peores momentos.


A violencia endémica

“Comprender Córsega significa, primeiramente, aceptala tal como é, cos paradoxos propios do mundo mediterráneo, os seus ventos de cólera e as súas demandas de amor”, afirma Gabriel Xavier Culioli, profesor na Universidade Denis-Diderot e autor de Complexe corse (Gallimard, París, 1990). Historicamente, a violencia foi sempre interpretada como unha manifestación do carácter, do modus vivendi dos corsos, presentados habitualmente como indómitos e devotos amantes das armas. No século XVIII, Paoli castigaba con morte segura a participación nas vendetas, pero, ademais, ninguén se libraba da tortura, a destrucción de bens e outros padecementos. Era a xustiza “paulina”. Pasquale Paoli, militar de carreira, formado en economía política na Universidade de Nápoles, pai da efémera independencia corsa (11 anos), pretendeu conciliar o soño da liberdade (en 1755 Córsega dótase da súa propia Constitución) cunha noción da orde pública rigorosa e severa, á medida do que consideraba preciso para unha efectiva afirmación da súa autoridade.

“Toda a historia de Córsega é a historia dunha resistencia”, afirma Aureli Argemí, do CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Étniques i Nacionalitats). Os corsos rebeláronse contra a monarquía corenta anos despois de producirse a Revolución Francesa. Xenoveses, franceses, ingleses, italianos, todos fracasaron no seu empeño de dominar Córsega máis aló do meramente superficial. Hoxe, despois de máis de douscentos anos de vida en común con Francia (foi conquistada en 1769), o xerme da diferencia catapulta esta pequena illa do Mare Nostrum ás primeiras páxinas dalgúns medios de comunicación, cuestionando, pese á desconformidade de moitos cos métodos utilizados polo nacionalismo corso para facer valer as súas demandas, a esencia democrática e a vontade integradora da modélica Francia.


¿Pobo corso ou colectividade territorial?

O ascenso do movemento nacionalista corso, especialmente a creación da FLNC en 1976, un ano despois dos acontecementos de Alxeria e a nova situación política creada en Francia no comezo dos anos oitenta, co acceso ó poder do Partido Socialista, permitiron albergar certas esperanzas sobre a posibilidade dunha solución política a este contencioso. Así, a finais de 1981, o Consello de Ministros aproba un “estatuto particular” para Córsega. Tímido na súa formulación, con pírricas competencias para o poder local, considerado polos nacionalistas corsos como unha mera descentralización administrativa, a sorpresa xorde cando o Consello de Estado declara que o estatuto non é conforme á Constitución. Previa reforma, entra en vigor no verán de 1982, pero xa seriamente desacreditado, desvalorizado e nun contexto condicionado polo incremento da violencia nacionalista (a FLNC realiza máis de 700 atentados). Sen capacidade para innovacións máis arriscadas, o goberno de París decide entón pasar á ofensiva habitual: acusa ós nacionalistas de manter conexións co líder libio Gadaffi, cos servicios secretos dos países do leste e mesmo coa delincuencia común. A represión e a ilegalización da FLNC só conseguen facilitar o labor dos grupos armados.

Transcorridos dez anos dende aquela, o goberno francés vese na obriga de impulsar a aprobación doutro estatuto. Porá especial empeño no recoñecemento da especificidade nacional do pobo corso. Pero o Tribunal Constitucional, novamente, elimina do texto a expresión “pobo corso” que figuraba no proxecto redactado por Pierre Joxe (PS), daquela ministro do interior e principal inspirador da iniciativa. “En Francia só existe un pobo, o francés”, afirma taxativamente a máxima instancia xurisdiccional francesa, debedora da máis rancia tradición xacobina e centralista. Córsega é soamente unha “colectividade territorial”. Restado o seu valor político, o que queda do estatuto resúmese en a penas competencias para a Asemblea e o executivo locais. Nin sequera recolle a cooficialidade do idioma corso.

A tregua, en vigor desde maio de 1988, tocaba á súa fin. Nos tres últimos anos a converxencia da violencia nacionalista e mafiosa pon en xaque o futuro da illa: case unha bomba por día, de un a dous asasinatos por semana, xeneralización do cobro do “imposto revolucionario”... A finais de 1992, o xuíz Jean-Louis Brugiére promove unha redada masiva contra os medios nacionalistas. A resposta da FLNC é a agardada: máis violencia. En quince minutos, 24 bombas estoupan nun radio que vai de París a Niza e noutras quince localidades da illa contra establecementos da administración xudicial e fiscal francesas. Conseguen demostrar a súa capacidade, fortaleza e organización. Outros grupos (Resistenza, Independenza e Fronte Armada Revolucionaria de Córsega) súmanse á deriva da violencia.


Maior peso electoral

Pese á mesquindade francesa, e sendo conscientes das carencias e limitacións do estatuto, os nacionalistas deciden participar nas eleccións rexionais de marzo de 1992. Parellamente ó descalabro electoral socialista en toda Francia, os nacionalistas dobran os seus votos. Son os dous fenómenos de maior importancia nos comicios. A maioritaria Corsica Nazioni (coalición na que participan I Verdi, a Cuncolta Naziunalista e I Cumitati di Rughjoni) e o MPA (Alain Orsini) suman en total preto do 25 por cento do electorado da illa. Pero as dúas listas nacionalistas son inimigas. Mesmo a morte.

En resumo, o fracaso da estratexia francesa non pode ser máis evidente. O sentimento nacional corso reforzouse co paso dos anos. Deixou de ser unha simple reivindicación cultural (reapertura da Universidade creada en 1755 e pechada a cal e canto ata 1979) para converterse, nas últimas décadas, nunha reivindicación política permanente. A represión, a criminalización, non conseguiu diminuír a intensidade do problema. Por outra banda, a descentralización, con dez anos de aplicación, ofrece un balance dificilmente satisfactorio. Non hai integración. Un segmento considerable da poboación corsa é partidaria da independencia ou dunha xenerosa reformulación das relacións con París. A fin de contas, como afirma François Thual, director de investigacións no IRIS (Institut de Rélations Internationales et Stratégiques) de París, “Córsega converteuse nun problema político e non simplemente nun problema de mantemento da orde pública”.

Francia non pode continuar tratando a Córsega como a unha vella colonia. Non soamente por razóns de política interna, senón tamén polas mutacións que nos últimos anos se produciron en Europa. O continente europeo, nun contexto enormemente fluído, está a vivir unha segunda primavera dos pobos. Trátase dunha evolución dificilmente reprimible malia os renovados intentos de pórlle fin a tantas incertezas. O reacomodamento continental dos novos estados-nación afectou especialmente ó Leste europeo, pero iso non é razón suficiente para que no Occidente se pase a folla sen máis. A mesma Francia que nega a especificidade corsa alentou e apoiou diplomaticamente algunhas destas reivindicacións procedentes do mundo ex comunista.

Sen dúbida, con particularidades e matices, tamén a cuestión nacional volveu con forza á axenda política europea. ¿Pode Francia quedar á marxe? A práctica totalidade dos países cos que limita están sacudidos por problemas que, con maior ou menor gravidade, afectan á súa base unitaria. Italia vive un proceso de efervescente ebulición descentralizadora; Bélxica é un conglomerado que só a monarquía é quen de manter unido; alén do canal, Gran Bretaña vive momentos especialmente apaixonantes con relación ó vello contencioso irlandés e co rexurdir do nacionalismo escocés. España, por último, co conflicto vasco (Euzkadi norte) e catalán (Rousillon), ameaza seriamente a unidade xeopolítica francesa. Con esta periferia, sen poder atribuír a Gadaffi ou ós servicios secretos dalgúns países do leste a orixe de tantos incomodos, ¿manterá Francia a súa pretendida impermeabilidade ou disporá da suficiente visión histórica para emprender iniciativas audaces? Os recalcitrantes equiparadores de nacionalismo e novas fronteiras non farían mal en erguer as alfándegas das súas mentes e observar atentamente o que acontece ó seu redor.


Unha economía subsidiada

¿É a independencia a solución para Córsega? Alén doutras consideracións que serían igualmente aplicables a todos os procesos desta natureza que discorren no interdependente mundo actual, segundo fontes oficiais, Córsega é a rexión de Francia máis subvencionada. En grande medida, como consecuencia do armazón histórico de relacións que vincularon a illa co imperio. Como afirma Di Rossi en U Ribombu, semanario de Corsica Nazioni, “a única especificidade que nos caracteriza é a de combinar as desigualdades propias dos países de capitalismo avanzado cunha forma de dependencia inducida polo estatuto colonial que prohibe todo desenvolvemento económico digno dese nome”.

Se ben a illa non representa máis que o 0,43 por cento da poboación francesa, recibe o 1,19 por cento dos recursos estatais. A poboación actual rolda o cuarto de millón de habitantes dos cales só uns 100.000 son realmente corsos ( ¡minoría no seu propio país!). O dominio francés traduciuse, entre outros, nunha sangría emigratoria impresionante: a cifra de corsos emigrados oscila entre os 400.000 e os 600.000. A “compensación” foron os milleiros de “pieds-noirs” que nos anos sesenta tiveron que abandonar as colonias norteafricanas. Cada ano reciben un millón e medio de turistas dos que uns 350.000 teñen familia na illa. O turismo proporciona ocupación a unhas 3.000 persoas e máis de 11.000 eventuais. Un de cada catro empregados está ocupado na administración (22.000 funcionarios); o 45 por cento dos asalariados traballan en empresas de menos de cinco traballadores; as de máis de 50 proporcionan ocupación a un 20 por cento. As persoas dedicadas á agricultura roldan as 6.000, e experiméntase nos últimos unha substancial reducción das explotacións agrícolas.

Neste contexto, algunhas propostas políticas semellan abertamente suicidas. O nacionalismo corso precisa valentía dabondo para construír un país sen necesidade de destruílo previamente. Para iso é condición indispensable o reinicio do diálogo no seo da familia nacionalista. Se non son capaces de dialogar entre si, malamente poderán facelo algún día con París. Corsica Nazioni propuxo a celebración dun Congreso da Paz en Corti e o retorno á base de todos os dirixentes que exerceron algunha responsabilidade durante os últimos anos. Nesa reformulación, a definición do lugar que deben ocupar as armas na política será clave. A escisión en 1989 na ANC –Accolta Naziunale Corsa– debeuse precisamente ás discrepancias sobre o predominio do militar sobre a política, e a escisión na FLNC en 1992 ten un fondo semellante.

Cómpre recoñecer que sen a mobilización do nacionalismo nada se conseguiría. Se a pretensión dun Estado corso pode considerarse desatinada, o actual “statu quo” resulta igualmente insostible. Como sinalou Jean Biancucci, dirixente de Corsica Nazioni, nas vésperas dos comicios de marzo de 1992, o seu estatuto é moi inferior á autonomía vasca, catalana ou galega. Francia debe demostrar que non só activa iniciativas políticas a remolque da intensa presión nacionalista, dando a entender que a súa xordeira só desaparece cada vez que unha bomba fai explosión. Precisa recoñecer nos seus propios dominios o que tanto celebrou fóra. Un estado democrático pode e debe admitir o dereito á diferencia dun pobo que así o demanda con fundamento. O proxecto TOM que impulsa Corsica Nazioni (autonomía baseada no art. 74 da Constitución aplicable ós territorios de ultramar) pode ser un excelente punto de partida. Francia non pode seguir negando, sistematicamente, a identidade do pobo corso.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001