|
A crise do verán de 1999 no estreito de Taiwán evidenciou o enorme potencial explosivo do conflicto
que enfronta as dúas Chinas. Despois da retrocesión de Hong Kong o pasado 1 de xullo de 1997 e a
devolución, o 20 de decembro, de Macau, Taiwán é a seguinte praza na axenda da reunificación
chinesa. Pero na tamén chamada Formosa as resistencias son importantes, tanto no fondo como nas formas.
Non é suficiente “xenerosidade” acomodar a Taiwán a mesma fórmula aplicada a outros territorios.
Non son situacións comparables. O goberno da illa aposta por elevar o listón de partida de calquera
hipotética negociación co continente e iso exacerba as tensións. Mentres, na China, parece
gañar peso e influencia a tese da inevitabilidade do conflicto. ¿Ensáiase unha guerra no Pacífico?
A nova crise, probablemente a máis grave dende que en 1958 ambas as dúas partes libraron combates
no illote de Quemoy, a soamente 2 km da costa continental, ten a súa orixe inmediata nas declaracións
efectuadas polo presidente taiwanés, Lee Teng-hui, a unha emisora de radio alemana, a Deustche Welle, ó
afirmar que as relacións entre os dous lados do estreito deberan formularse sobre unhas bases de maior igualdade,
“de Estado a Estado” e non de Estado a “provincia rebelde”, como pretende a República Popular Chinesa.
As declaracións de Lee Teng-hui caeron como un xerro de auga fría en Beijing por dúas razóns.
En primeiro lugar, cuestionaban seriamente a corrección do xiro emprendido nas relacións bilaterais
durante 1998 e que tivo como evidencia máis destacable a lexión de observadores civís (diplomáticos,
académicos, etc) enviada pola China á illa para seguir de preto o último proceso electoral
e efectuar unha primeira toma de contacto sobre o terreo con todos os partidos políticos, incluídos
os independentistas do PDP (Partido Democrático Progresista). Pero ademais, por aqueles días, unha
delegación da Fundación para os Intercambios no Estreito (a SEF, de Taiwán) discutía,
en visita oficial coa súa homóloga continental, a Asociación para as Relacións do Estreito
de Taiwán (ARATS, da China), os pormenores da visita a Taiwán de Wang Daohan, presidente da ARATS,
un acontecemento que debería producirse como continuación do encontro celebrado en Beijing no mes
de outubro do pasado ano. Entón, o emisario taiwanés, Koo Chen-fu, foi recibido polo Presidente Jiang
Zemin.
Os dirixentes continentais interpretaron o xesto de Lee Teng-hui como un intento de dinamitar o reiniciado diálogo
e replicaron con dureza, de palabra e de obra, á elevada aposta do Presidente taiwanés. Convén
ter en conta que as dúas organizacións contan co respaldo dos seus respectivos gobernos e gozan dunha
consideración paradiplomática. En semellante contexto, de moi pouco valeron os esforzos posteriores
por reiterar e aclarar a natureza “constructiva” das declaracións efectuadas polo Presidente Lee. Da resposta
do presidente da SEF, Koo Chen-fu, á solicitude de aclaracións formulada desde Beijing dedúcese
que o reiniciado diálogo político corre serio perigo de fracasar de novo.
Beijing non fala de balde
O presidente Jiang Zemin, o seu ministro de defensa, Chi Haotian, e outras voces autorizadas do goberno chinés,
condenaron as declaracións do Presidente Lee por entender que implican unha substancial revisión
da doutrina de “unha soa China”, premisa que ambas as dúas partes coincidiron en sinalar como esencial e
base de partida para establecer e desenvolver o diálogo bilateral. Ao tempo que acusan a Lee Teng-hui de
separatismo, as autoridades continentais reiteran unha vez máis a súa disposición a utilizar
a forza para impedir calquera proclamación de signo independentista en Taiwán. Os xestos foron claros:
alerta ás tropas estacionadas nas provincias de Guangdong e Fujian; cancelación das vacacións
e permisos na base militar de Hong Kong; posición de submarinos chineses fronte ás costas de Taiwán;
violacións reiteradas do espacio aéreo; incremento substancial das patrullas de barcos de guerra
na zona; discusión sobre a posible adopción de medidas de forza (bloqueo naval, incursións
marítimas ou aéreas, etc); e manobras militares de diverso nivel nas inmediacións do estreito.
Taiwán, que probablemente contaba xa con esta reacción continental, non se acovardou e decidiu
situar o seu exército en estado de alerta. Pero a Bolsa de Taipei acusou a nova crise experimentando a maior
caída dos seus últimos vinte anos (un 6.4 por cento). Coincidindo no tempo, se ben máis quizais
como resposta ás acusacións estadounidenses de espionaxe nuclear, a China revelou algúns datos
sobre o seu programa atómico e anunciou que contaba coa tecnoloxía necesaria para fabricar a bomba
de neutróns. Unhas semanas máis tarde, o Exército Popular de Liberación (EPL) efectuaba
unha nova demostración de firmeza realizando a proba dun mísil intercontinental DF-31. O ritmo ascendente
da gravidade das medidas chinesas, os insistentes rumores de invasión da illa e un apagón casual
provocaron unha grande alarma social en Taipei.
En Beijing, o Partido Comunista da China semella que chegou ó convencemento de que Lee Teng-hui non aposta
en serio pola unificación e que efectúa un dobre xogo: dunha banda, mantén o discurso a favor
da unidade de toda a China pero, ó mesmo tempo, sementa de obstáculos calquera iniciativa tendente
a normalizar as relacións entre os dous lados do estreito. Se nun primeiro momento a parte taiwanesa se
viu arrastrada a unha dinámica de diálogo, cada día parece máis decidida a non deixarse
levar polos acontecementos.
Para a China, ademais da loita contra a hexemonía e as catro modernizacións, o retorno de Taiwán
é unha das tres grandes tarefas políticas principais. Así o deixou escrito en xaneiro de 1980
o falecido Deng Xiaoping para concretar a “ofensiva de paz” que iniciou o seu lento camiñar xunto á
gaige (reforma) e a kaifang (apertura) do réxime, a finais dos anos setenta. Na “Mensaxe ós compatriotas
de Taiwán”, o Comité Permanente da Asemblea Popular Nacional (APN), o Parlamento chinés, ordenábase
ás tropas do EPL que cesaran nos seus ataques e bombardeos á illa de Quemoy e outros illotes próximos
ocupados por Taiwán, pero situados nas proximidades da costa continental. Ye Jianying, o Presidente da APN,
anunciaba en 1981 nos chamados “nove puntos” a liña xeral a seguir pola China na súa política
cara a Taiwán. Dous anos máis tarde, Deng formulou os “seis puntos” nos que se detallaba a fórmula
“un país, dous sistemas”, principio que serviría de fundamento para a unificación.
Tamén Jiang Zemin, o actual Presidente do Estado e secretario xeral do PCCh formulou, en xaneiro de 1995,
os chamados “oito puntos” que ademais de abundar nos postulados tradicionais, incorpora como novidade a aposta
polo fomento do intercambio de visitas de altos funcionarios e a proposta de realizar negociacións directas
para poñer fin oficial ás hostilidades. Duns puntos a outros, na posición chinesa advírtese
un claro sentido de continuidade, de coherencia e unha formulación política, sempre discutible claro
está, pero consistente.
A estratexia de Taiwán
A primeira reacción de Taiwán ó obxectivo continental de unificación foi de incredulidade
e rexeitamento. Durante moito tempo os “tres nons” sintetizaron a súa posición: non contacto, non
negociación e non compromiso. Soamente a partir de 1987 e debido esencialmente ás presións
do colectivo empresarial e incluso de sectores vinculados ás forzas armadas (xefes militares non nacidos
na illa e que non atopaban entón razón ningunha para morrer no exilio sen despedirse dos familiares
que deixaron no continente) propiciaron un pequeno xiro que permitiu a realización de visitas e os reencontros
con familiares residentes no outro lado do estreito. En 1990, Taipei aboliu as “Previsións temporais efectivas
durante o período da mobilización nacional para a supresión da rebelión comunista”,
creando un Consello de Unificación Nacional que en 1991 aprobaría as “Directrices para a unificación
nacional”. Este documento sintetiza a actitude de Taiwán en relación ó problema: dunha banda,
contempla unha secuencia de tres fases (intercambio e reciprocidade, confianza e cooperación recíprocas
e consultas e unificación); doutra, ademais de principios xerais (razón, equidade, paz e reciprocidade)
sinala a democratización, a liberdade e a prosperidade equitativa como nexos esenciais da futura unión.
Non se trataría pois de sumar territorios senón de unificar políticas e sistemas que deberían
resultar de natureza democrática. Instalados neste esquema, segundo Taipei, atopariámonos estancados
na primeira fase do proceso.
Tamén no inmediato, as principais esixencias de Taiwán son dificilmente asumibles pola China:
renuncia unilateral ó uso da forza para culminar a unificación e non dificultar a súa inserción
na comunidade internacional como suxeito de pleno dereito. A unidade, afírmase desde Taipei, debe ser consecuencia
da negociación entre suxeitos libres e igualados na súa participación na sociedade internacional.
Ambas as dúas partes, pois, parecen estar aínda moi afastadas en cuestións substanciais.
Para Taiwán resulta especialmente complicado levar a iniciativa e non quere verse arrastrada á
unificación dende posicións febles. Nunha primeira aproximación, dous son os principais activos
para fortalecer a súa situación: a capacidade económica e a democratización do seu
sistema político. Sen dúbida, o esforzo democratizador dos últimos anos constitúe un
dos principais elementos de diferenciación co continente que contribúe decisivamente ó incremento
e consolidación do proceso de autoidentificación dos taiwaneses e os converte, como pouco, en seguros
defensores do actual statu quo. Por outra banda, en relación á comunidade internacional, sitúao
nunha posición máis vantaxosa, defendible e menos vulnerable.
Pero no que se refire á súa proxección económica a situación é máis
contradictoria. Dunha banda, con algo máis de 21 millóns de habitantes, Taiwán atópase
entre as grandes potencias comerciais do mundo e dispón dunha das maiores reservas de divisas estranxeiras
do planeta. Pero toda esa capacidade sérvelle de ben pouco nas súas relacións co continente.
Beijing soubo rendabilizalas no seu propio beneficio. Iso a pesar de que progresivamente o goberno taiwanés
elevou a prudencia en relación ós investimentos na China dende que en 1987 ergueu as máis
importantes restriccións. Medidas coma o establecemento de topes á contía dos investimentos
(máximo de 50 millóns de dólares), a limitación nas transferencias de tecnoloxía
ou o favorecemento, dende 1994, da chamada “política cara ó Sur” co obxecto de abrir unha nova vía
de investimentos no sueste asiático, non deron o resultado agardado. Moi ó seu pesar, os empresarios
séntense máis cómodos e seguros traballando no continente e apoiando ós “bandidos chinos
comunistas”. Para eles a China é unha opción natural. Para levar a bo porto os seus negocios, non
dubidan incluso en burlar as ríxidas regulamentacións de Taiwán, multiplicando as súas
operacións a través de Hong Kong.
Por outra banda, Taiwán gozou sempre dun grande excedente comercial coa China. A porción que ocupan
as exportacións ó continente no total das súas exportacións pasaron do 2,28 por cento
en 1987 ó 18,39 por cento en 1997 (porcentaxe que aumentaría se se inclúe o comercio realizado
a través de Hong Kong). De non ser pola China, o comercio exterior de Taiwán probablemente se atoparía
en situación de déficit e non de superávit. A China é moi consciente do seu atractivo
e ofrece seguridade e un tratamento especial ós investimentos que proceden de Taiwán, sabendo que
a intensificación da cooperación económica e a implicación activa do colectivo empresarial
taiwanés son piares excelentes para favorecer a súa política de unificación. A comunidade
empresarial móvese coma peixe na auga nesta situación e actúa en boa medida de portavoz daqueles
intereses. Sen moito éxito, o goberno de Taiwán vén alertando sobre os perigos da dependencia
e chama a atención sobre a posibilidade de que a China faga uso da interacción económica para
forzar concesións políticas. Os empresarios, máis sensibles ó seu propio interese que
ó nacional, non fan moito caso das recomendacións gobernamentais. O certo é que ata agora
a China non insinuou nunca a adopción de medidas neste ámbito (sancións, restriccións,
etc) consciente, quizais, de que, maior ou menor, o dano producido sería igualmente bilateral.
Nestes dous factores tamén se apoiou Taiwán para levar adiante dende comezos da década
dos oitenta unha activa estratexia para mellorar a súa posición internacional. É obvio que
non existe correspondencia entre o protagonismo económico de Taiwán e a súa proxección
política internacional e iso é directa consecuencia do contencioso con Beijing. Dende que en 1971
a República Popular Chinesa recuperou o seu asento na ONU (en 1965 quedou ás portas cun empate técnico
a 47 votos), o número de Estados que recoñecen a soberanía de Taiwán (República
da China) descendeu de 59 a uns 20 a finais dos anos oitenta, e hoxe non supera os trinta. Nominalmente aínda
forma parte de 10 organizacións internacionais, pero soamente o Banco Asiático para o Desenvolvemento
ten certa importancia.
A batalla diplomática é unha das frontes máis activas da mutua rivalidade chinesa. O duelo
abarca desde o Pacífico Sur a América Central, pasando polas Nacións Unidas. Despois de perder
o recoñecemento de Sudáfrica, a maior parte dos países cos que Taiwán mantén
relacións diplomáticas normais son pequenos ou pobres, ou as dúas cousas á vez. Probablemente,
quen recoñece a Taiwán é porque ten pouco que perder ó estar da súa parte e
porque consegue a cambio unha considerable axuda económica e técnica que doutro modo probablemente
non obtería. As dúas Chinas son víctimas da súa propia loita cando algúns países
deciden xogar a ver quén dá máis (Senegal xa cambiou de aliado en tres ocasións, Papúa
Nova Guinea en dúas, etc). África é un escenario privilexiado desta particular contenda e
unha das poucas esperanzas que aínda lle restan a este continente para atraer a atención de países
terceiros unha vez superada a guerra fría. Para a China, ademais do interese por limitar a proxección
exterior de Taiwán, ten outro engadido importante, pois moitos destes países secundan as súas
posicións cando nalgúns organismos internacionais se discuten resolucións de condena daqueles
países que violan os dereitos humanos.
Taiwán investiu moitos recursos nesta política de recoñecementos que combina co cultivo
de lazos non oficiais. O seu interese non é soamente inmediato senón tamén estratéxico.
Manter un certo nivel de recoñecemento exterior constitúe un argumento de peso para soster a súa
esixencia de ser tratado como un estado de feito e reivindicar o seu lexítimo dereito a participar, como
un máis, no sistema de Nacións Unidas. Por outra banda, na hipótese de que se produza un empeoramento
das relacións da China con Estados Unidos, está segura de rendabilizar moito máis un investimento
que non poucos hoxe critican por dispendioso.
O papel de Estados Unidos e Xapón
Dende hai tempo, a China considera que Estados Unidos e Xapón non son sinceros nos seus desexos e que
unirán os seus esforzos para impedir a unificación. Segundo esta interpretación, ambos están
inquedos polo seu rápido desenvolvemento e desexan evitar que se converta nunha potencia hexemónica
en Asia. ¿Temores infundados? A este respecto, convén ter presentes dous factores. En primeiro lugar,
que de sumar o peso das economías de Hong Kong, a China e Taiwán, no ano 2002 xa superarían
en PNB a Estados Unidos. Segundo estimacións do IISS (Instituto Internacional de Estudios Estratéxicos),
no ano 2020 a China será a economía máis forte do mundo. Por outra banda, a unificación
deixaría en mans chinesas o control da principal arteria económica de Xapón, o estreito de
Taiwán, por onde pasa a ruta do petróleo que abastece a economía nipona. Por último,
dende unha perspectiva global, a China é o único país con capacidade potencial suficiente
para enfrontarse a Estados Unidos no novo milenio.
Aínda que en Estados Unidos e Xapón existen partidarios de desenvolver coa China unha política
de integración, numerosos datos apuntan a que os seus detractores gañan terreo. En 1997, Washington
e Toquio revisaron as Directrices de Defensa co obxectivo de fortalecer a colaboración militar e a cooperación,
en especial cando se vexan confrontados con situacións de crise que poidan emerxer en áreas arredor
de Xapón. Aínda que diversas fontes pretenden circunscribir esa referencia á península
de Corea, desde a China esa ambigüidade é interpretada como unha velada alusión a Taiwán.
Se a iso engadimos outros datos como a discusión na Cámara de Representantes e o Senado estadounidenses
de medidas lexislativas que propoñen a realización dunha avaliación do equilibrio militar
existente no Estreito e o incremento da venda de armamento e de equipos de alta tecnoloxía a Taipei; ou
a súa participación na creación dun sistema de defensa antimísiles na rexión;
ou, noutra orde, as reticencias para apoiar a entrada da gran potencia asiática na Organización Mundial
do Comercio, é evidente que a China dispón de argumentos para xustificar a súa intranquilidade
moi a pesar das boas intencións manifestadas polo Presidente Clinton. O informe Cox, ou o bombardeo da embaixada
chinesa en Belgrado, constitúen tamén pezas deste inmenso crebacabezas que pon a proba as relacións
bilaterais e brinda a Taipei novas oportunidades para aproveitar o deterioro da imaxe da China no mundo e, consecuentemente,
para facilitar unha maior comprensión das súas profundas reservas.
O Acta de Relacións con Taiwán, aprobada en 1979, contempla algunhas previsións que reflicten
a preocupación estadounidense pola seguridade de Taiwán, pero de forma tan flexible que fai pouco
probable que Washington mobilice as súas tropas para defender a illa no suposto de que unha guerra chegue
a producirse. Estados Unidos prefire cultivar a imaxe de pacificador universal e xoga a poñer paz entre
as partes, en especial presionando a China para disuadila de intentar unha aventura militar. Sen embargo, a China
non parece disposta a facer moito caso e considera a Estados Unidos cómplice das actitudes cada vez máis
desafiantes de Taipei. Así o fixo saber cando Lee Teng-hui realizou unha visita “privada” á Universidade
de Cornell en xuño de 1995 e que foi “celebrada” desde Beijing con dúas probas de mísiles
nas proximidades da costa norte de Taiwán. Na véspera das eleccións presidenciais de marzo
de 1996, realizáronse novos exercicios militares incluíndo probas de mísiles desprovistos
de carga e con obxectivo sinalado a 30 millas dos portos de Keelung e Kaoshiung, sabendo que por esa causa Estados
Unidos efectuaba na zona o maior desprazamento de forza naval dende a guerra de Vietnam.
En suma, a China non considera a hipótese da internacionalización do problema nin consentirá
calquera arranxo dirixido por Estados Unidos. Sen embargo, ben puidera ter que realizar algún axuste se,
como parece, Washington reformulase o seu papel na zona admitindo nitidamente que a inestabilidade pode representar
unha ameaza para a súa seguridade nacional. ¿Apoiaría a independencia de Taiwán? Probablemente
non, porque iso daría a oportunidade a China de intervir militarmente, pero tampouco favorecerá a
unificación.
Prever o conflicto
Ao igual que aconteceu en 1996, é moi probable que a actual crise suspenda ou arrefríe o diálogo
entre a SEF e a ARATS e avive a tensión nas eleccións presidenciais de marzo do 2000. Para a China
resulta moi problemático dialogar nunhas condicións de tan pronunciado desencontro e ó Kuomintang
taiwanés pouco lle pode favorecer electoralmente unha fotografía de Lee Teng-hui con Wang Daohan.
É máis, un escenario de prolongada tensión e firmeza con Beijing favorece as previsións
electorais do seu candidato, o actual vicepresidente Lien Chan.
Pero sería un erro subestimar a reacción chinesa. As crises sucédense e poden acadar niveis
cada vez máis álxidos. Avivar a tensión é sempre un xogo perigoso que pode ter graves
consecuencias. A posibilidade dun accidente é cada vez maior. A última aposta de Taiwán e
a rixidez continental poden agravar a situación ata un punto de difícil retorno. Como efecto inmediato,
atopámonos inmersos xa nunha nova carreira de armamentos na rexión. Taipei anunciou novas adquisicións
en Estados Unidos e a China fixo o propio en Rusia (60 cazas SU-30 por valor duns 2.000 millóns de dólares).
É obvio que a China non admitirá nunca a equiparación da capacidade militar de Taiwán
e incentivará a súa propia modernización a calquera prezo. Ese proceso repercutirá
negativamente nas súas relacións cos demais países da rexión cos que aínda sostén
importantes contenciosos, en especial, o relativo ó control das numerosas illas e arquipélagos do
mar de China meridional.
A priori, non é previsible ningún cambio substancial na posición chinesa e de producirse
neste contexto, será cara a unha maior dureza. Os seus límites iranse delimitando pouco a pouco.
Para Beijing a unificación é unha misión histórica irrenunciable. A mediados de Xullo,
en plena crise, Jiang Zemin declaraba a un diario local que “existen forzas en Taiwán e na comunidade internacional
que teñen por meta a separación da illa. Non nos imos manter como espectadores deixando que iso pase”.
Non son afirmacións gratuítas. A China estima que no suposto de recorrer á guerra, Estados
Unidos nunca chegaría ó enfrontamento directo.
Na medida en que persista o deterioro nas relacións China-EEUU e a tese da contención se afiance
e gañe máis terreo, as posibilidades de apertura dun diálogo bilateral iranse afastando. Poida
que as declaracións de Lee Teng-hui que están na orixe desta crise obedezan a motivos exclusivamente
electorais, pero sen dúbida elevan o listón de calquera negociación, modifican substancialmente
o ton da relación e alimentan un nacionalismo taiwanés que entra en conflicto co pannacionalismo
chinés que fomenta Beijing. Sen descartar a unificación futura e sobre a dobre premisa de exclusión
da violencia e democratización do continente, Lee considera que non existe razón obxectiva algunha
que obrigue a modificar apresuradamente o vixente statu quo. En resumidas contas, se a China trata de impedir a
independencia a toda custa, Taiwán rebélase para evitar a unificación a toda présa.
|