|
Non parece que a nova guerra caucásica poida resumirse nunha especie de operación lóstrego
ou cirúrxica e mesmo con baixas contadas no bando ruso. As dúas premisas, enfatizadas polo Kremlin
ó comezo das operacións militares, hai xa meses, perden forza cada día que pasa. Semana a
semana, os xenerais rusos anuncian a toma definitiva da capital chechena, pero nunca chega a consumarse; mentres,
os milicianos de Másjadov desfán as súas liñas e desatan ataques por sorpresa que desconcertan
ó exército invasor. A desproporción de efectivos entre os dous bandos é moi favorable
ás tropas rusas. Estimase nun 10 a 1, pero non serve de moito. E unha vez máis, a eficacia das tropas
rusas queda en dúbida.
Nun primeiro momento, Vladímir Putin, primeiro ministro e Presidente en funcións, confiaba en
que a bandeira rusa ondeara en Grozni antes do 16 de decembro, para facer coincidir o triunfo coa xornada electoral.
Os reiterados asaltos saldáronse con numerosos mortos e feridos. Fontes independentes que tratan de argallar
un pouco de luz na interesada opacidade do Kremlin, falan xa de milleiros de falecidos nunha operación que
inicialmente debía ser limpa, a xeito da campaña aérea da OTAN na guerra por Cósova,
unha vez destruídos os centros neurálxicos de referencia. O fracaso dos asaltos directos propiciou
unha nova intensificación dos bombardeos e máis medidas de control e represión coma o confinamento
de todos os varóns con idades comprendidas entre os 10 e os 60 anos. Dos refuxiados, ninguén sabe.
O Kremlin está nervioso.
As dificultades para argallar un triunfo en Chechenia ensombrecen as posibilidades electorais de Vladímir
Putin. Aínda que parte cunha gran vantaxe con relación a outros candidatos, especialmente o “comunista”
Ziúganov, o seu máis directo contrincante, un revés na conquista de Grozni e a intensificación
do movemento de nais dos soldados pode erosionar un triunfo que -como acontece coa propia guerra- todos dan por
cantado e obrigalo a acudir a unha segunda volta. Esa hipótese non é do gusto dos habitantes dos
corredores do Kremlin e por iso, no maquiavélico escenario ruso, nada pode descartarse (dende negociacións
de última hora con Másjadov ata a reproducción de atentados escuros e terribles no corazón
de Rusia).
Os comunistas, Chechenia e a “razón de estado”
Asombra o apoio de Guennadi Ziuganov a esta guerra, cinicamente disfrazada de operación antiterrorista.
Nunha entrevista publicada no Corriere della Sera o pasado día 7 de decembro, o secretario xeral do Partido
Comunista da Federación Rusa apostaba por ir “ata o fondo”, é dicir, mesmo sen medo a causar a destrucción
total de Grozni. A diferencia da guerra de 1994, o peche de filas actual é practicamente absoluto e nel
adiviñase unha certa conivencia con aquela “razón de estado” que identifica o flanco sur do país
como o máis vulnerable para a satisfacción dos seus intereses estratéxicos e históricos.
A actitude das grandes potencias, esas que alardean de manter un firme compromiso coa defensa dos dereitos humanos
e as liberdades democráticas, é de manifesta complicidade coa masacre impulsada por Moscova. En Estados
Unidos, dende Strobe Talbott, subsecretario de Estado, ata o Sr Collins, embaixador en Rusia, ou o seu representante
na Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (Vershbow), todos coinciden ó
sinalar que se trata dun asunto interno de Rusia que afecta á súa integridade territorial e ó
seu dereito de resposta contra o terrorismo. As escasas condenas son tímidas e realízanse coa boca
pequena.
En realidade, o único que lles preocupa a Estados Unidos é que o conflicto se estanque e cronifique,
afectando á estabilidade de toda unha rexión na que vén incrementando a súa presencia
dende hai unha década co obxecto de tomar parte na explotación dos grandes recursos enerxéticos
da zona. Washington, vetado en Irán e Iraq, ten un enorme interese en gañar presencia no Caspio e
en Asia Central. Algúns especialistas estiman que as reservas de petróleo e gas do mar Caspio son
superiores ás de Kuwait e a súa posta en explotación (extracción, transporte e venda)
esixe a definición de alternativas que aseguren a súa viabilidade. Azerbaixán propón
a construcción de dúas redes de oleoductos con destino en Ceyhan (no Mediterráneo turco) e
outra en Illa Kharg, atravesando Irán. Na actualidade, un oleoducto conduce a Supsa, a través de
Xeorxia, e outro leva a Novorossiisk, a través de Grozni. O petróleo de Kazajstán, que actualmente
debe pasar por Grozni, imaxina unha ruta alternativa que o levaría ata o mesmo porto do Mar Negro, pero
evitando a capital chechena. Segundo se recolle en The Economist do 7 de febreiro de 1998, toda a lexislación
gasífera e petroleira de Kazajstán foi redactada integramente por letrados británicos, e a
presencia das compañías petroleiras occidentais na rexión é manifesta. Kazajstán,
que iniciou a extracción sen contar co beneplácito de Rusia, pode comercializar unha parte moi importante
do seu petróleo vía China.
Nas conclusións da recente reunión da OSCE celebrada en Turquía (18 e 19 de novembro de
1999), algúns observadores adiviñan a formalización dun pacto, a priori escasamente beneficioso
para Rusia. Non haberá condenas efectivas nin intervencións externas en tanto o conflicto checheno
se localice nas actuais coordenadas e non se traspase á Transcaucasia. A escenificación da abrupta
retirada de Ieltsin da Conferencia estaba primordialmente destinada ó consumo interno. A tensión
foi mínima. Ninguén falou de sancións, e Igor Ivanov, ministro de exteriores ruso, conseguiu
a aceptación dunha maior concentración de armamento nos seus flancos, sobre todo no sur.
¿Respectará Rusia ese hipotético pacto? Diversas poboacións xeorxianas, por exemplo,
foron atacadas polos bombardeiros que operan en Chechenia, alegando a necesidade de privar ós guerrilleiros
das súas canles de aprovisionamento. Abxasia e Osetia do Sur son dúas repúblicas realmente
independentes e aínda controladas por Moscova e non por Tblissi. A situación de Armenia é
igualmente fráxil como revelou o atentado de outubro último contra o Presidente do Parlamento. Estados
Unidos rivaliza con Rusia na súa influencia: Armenia é o país que máis axuda per cápita
recibe despois de Israel. En Azerbaixán, o poder é precario e a sucesión do xerontócrata
Gueidar Aliev preséntase problemática. Toda a zona constitúe un escenario propicio para golpes
de man que poden orientar as alianzas nun sentido ou noutro e facer fracasar proxectos de investimentos billonarios.
Xeorxia solicitou o seu ingreso na OTAN e na Unión Europea.
A recuperación do control da rexión, afirma o Kremlin, é un imperativo inevitable. A Rusia
non lle queda outra opción (e iso explicaría a fin de contas o apoio comunista ás operacións
militares), habida conta da pretensión estadounidense de construír oleoductos e gasoductos que pasarían
polo Sur do Cáucaso, evitando e rodeando o territorio ruso. A aposta de Washington esixe unha acentuada
presencia na zona, difícil de aceptar para Rusia, afondando no enfrontamento. De consumarse o actual escenario,
cabería pensar nunha especie de novo reparto do crebacabezas caucásico que reduciría o control
estratéxico de Rusia á zona norte, mentres que a OTAN aseguraría a súa influencia na
Transcaucasia e un importantísimo control dos recursos enerxéticos da rexión.
A guerra e as aspiracións de Putin
Máis alá destas consideracións xeoestratéxicas, presentes igualmente na guerra de
1994-96, no inmediato, a actual escalada militar beneficiou politicamente as aspiracións de Vladimir Putin
para ocupar a presidencia da República. A dimisión inducida de Ieltsin o pasado 31 de decembro, é
un episodio máis desoutra guerra, instigada dende o entorno presidencial, por manter a influencia e o nivel
de ocupación política actual. Abafados polo medo a ter que render contas a un sucesor que non sexa
da súa corda, os integrantes da chamada “Familia” conspiran para garantir o continuísmo mais alá
das eleccións do 26 de marzo.
Nesa perspectiva, a evolución da guerra desempeña un factor clave. Pasando por riba da invasión
rusa, Shamil Basaiev, un dos xefes militares chechenos máis importantes, declarou que “a guerra pode durar
entre 20 ou 25 anos e o seu obxectivo é liberar ós musulmáns dende o Volga ata o Don”. Pola
súa banda, Vladimir Bobrovnikov, experto en cuestións caucásicas do Instituto de Estudios
Orientais de Moscova, asegura tamén que “a guerrilla pode durar ducias de anos nas montañas”. Así
as cousas, ninguén debera descartar a hipótese dunha negociación como saída final,
especialmente unha vez superado o actual período electoral. A victoria que implicaría para a causa
chechena había ter con seguridade severas consecuencias en Rusia, especialmente no exército. Pero
con ou sen guerra, un incerto futuro ameaza a toda a rica rexión caucásica, presa das ambicións
e intereses das grandes potencias.
|