Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Balcáns
 
A pacificación armada


Xulio Ríos
 

A diplomacia franco-británica levou a serbios e cosovares ás aforas de París para negociar un acordo de paz, paradoxalmente, pouco negociable. O ultimato occidental sabe a Dayton. De feito, unha das solucións baralladas é a “bosnificación” de Cósova e a conseguinte aparición de enclaves, que deixaría aberta a posibilidade de fragmentar a unidade do territorio. O fracaso destes “exercicios espirituais” de Rambouillet cos que Europa pretende operar o seu particular lavado de cara en vésperas do cincuenta aniversario da OTAN e das eleccións previstas para xuño, venderase como un éxito diplomático sen parangón. O fracaso conduciría directamente á intervención armada. Nun e noutro suposto, inevitablemente, quedarán flocos dabondo como para alentar o escepticismo.

Os albaneses foron os primeiros en anunciar a súa participación nestas negociacións. Convencido da positiva influencia da intervención exterior sobre a evolución do conflicto, case de inmediato, o líder moderado, Ibrahim Rugova, amosouse disposto a asistir a Rambouillet. Algo máis tarde tamén deron a súa conformidade os representantes da UÇK -Ushtria Çlirimtare e Kosovës-, quen aceptaron compartir a representación albanesa. As diferencias entre ambos movementos mantéñense, sen embargo, como demostrou o fracaso da convocatoria realizada días antes dende Tirana para intentar perfilar unha estratexia e alternativa comúns a defender durante as negociacións. Pese ós esforzos, sorprendentemente mancomunados, do ex presidente Sali Berisha e do actual primeiro ministro albanés, Pandeli Majko, os representantes da Liga Democrática de Cósova declinaron a invitación.

As expectativas de acadar un acordo beneficioso para os intereses cosovares atópanse con algunhas reservas importantes. En primeiro lugar, a posición de fortaleza interna de Slobodan Milosevic, o presidente iugoslavo. Pouco dado a concesións, nos últimos meses, Milosevic procurou tirar proveito do conflicto de Cósova para asentar aínda máis firmemente o seu poder en Belgrado. Dunha banda, atraeu para a súa política non soamente ao líder da extrema dereita, Vojislav Sesejl, habitual compañeiro de fatigas, senón incluso ó demócrata Vuk Draskovic, quen hai escasos anos lideraba precisamente a mobilización dos estudiantes e da oposición iugoslava para esixir a dimisión de Milosevic, acusado entón de fraude electoral. Por outra, en menos dun mes, destituía o xefe da policía secreta, Jovica Stanisic; o comandante das forzas aéreas e da defensa antiaérea, Ljubisa Velickovic e o xefe do estado maior do exército iugoslavo, o xeneral Momcilo Perisic. Durante as protestas de 1996-97, Perisic recibira unha delegación de estudiantes para garantirlles a neutralidade castrense na polémica. Deste xeito, argumentando deslealdade, Milosevic substituía as persoas clave da policía e do Exército. A substitución do xeneral Perisic foi duramente contestada polos representantes montenegrinos no Consello Supremo de Defensa da Federación. O presidente de Montenegro, Milo Djukanovic, destacou o perigo de destrucción da Federación e mesmo chegou a falar de incitación á guerra civil. Pero tan graves tensións non tiveron, ata agora, maiores consecuencias.

En segundo lugar, a posición diplomática occidental, interpretada, por regra xeral, como pouco favorable ás teses cosovares a prol da independencia. En efecto, tanto a diplomacia británica como especialmente a francesa, responsabilizan fundamentalmente a UÇK do incremento da tensión na zona. Gabriel Keller, asistente da Misión de verificación da OSCE, responsabilizou directamente os membros da UÇK da escalada bélica. Por activa e por pasiva, en máis dunha ocasión reiteraron que baixo ningún concepto admitirán a alteración das fronteiras sen que medie a improbable anuencia das autoridades serbias e iugoslavas. Escenificacións á parte, ata agora as presións do Grupo de Contacto reveláronse infinitamente máis tépedas con Milosevic que cos albaneses. Malia todo, estes son conscientes de que deberán efectuar concesións pois sen o compromiso e apoio exterior dificilmente mellorarán as súas expectativas dunha mínima normalización política.


O plan do Grupo de Contacto

A proposta do chamado Grupo de Contacto -Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Rusia e Estados Unidos- baséase nun plan americano para Cósova que foi publicado o 17 de setembro de 1998 no diario albanés de Pristina Koha Ditore. A iniciativa contempla un complexo estatuto político para Cósova en base á configuración dunha autonomía séxtupla –local, nacional, rexional, republicana, federal e internacional– que procura transcender as denominacións conflictivas para centrarse na definición do marco de competencias e no establecemento de garantías para o seu pleno exercicio. Sen dicilo abertamente, o plan establece que o “territorio” de Cósova formaría parte da Federación Iugoslava, se ben recoñecendo un nivel tal de autonomía nacional e local que esixirá importantes modificacións da vixente Constitución serbia.

Segundo o proxecto, baixo o control de Belgrado quedarían a política exterior, a defensa, a política monetaria e aduaneira e a facenda federal. Os albaneses contarían cunha fiscalidade propia e con órganos de poder autónomos ós niveis lexislativo, executivo e xudicial. Igualmente contémplase o deseño de estructuras de xestión para cada unha das comunidades étnicas que habitan na zona e que contarán con cadanseu “Consello nacional” e representantes directos na Asemblea lexislativa. Arbítranse igualmente garantías para a protección dos dereitos culturais, étnicos e relixiosos das diferentes comunidades –uso da lingua propia e da escritura, da toponimia, en materia de información e educación, ...–. A proposta americana contempla ademais a figura dun “Valedor do Acordo” que sería nomeado polo goberno iugoslavo a partir dunha lista de candidatos proposta polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Promóvese e garántese a participación nas institucións federais mediante a asignación dunha cota de representantes nas institucións lexislativas -Parlamento e Cámara federal- e nos executivos de Serbia e da Federación. O plan prevé que Cósova dispoña dunha estructura xudicial autónoma, pero tamén con representantes propios nos Tribunais Supremos, tanto de Iugoslavia como de Serbia.

No marco da proposta, a priori, os puntos máis polémicos son dous. En primeiro lugar, a posibilidade de establecer mecanismos de comunicación cos albaneses situados fóra das fronteiras iugoslavas. Os representantes serbios consideran que esa facultade é un elemento da política exterior e que polo tanto soamente pode ser desenvolvida por Belgrado. En segundo lugar, todos os aspectos relativos á seguridade. O proxecto establece que a función policial quedará en mans das comunidades locais. O mantemento da orde pública non sería competencia da policía federal, limitada na súa actuación ó control das fronteiras, a seguridade exterior e a persecución de crimes e delincuentes internacionais. O implemento do plan esixiría a retirada das tropas da policía e do Exército iugoslavos, a desmilitarización das forzas da UÇK e o asentamento das tropas da OTAN. Serbia aceptou o asentamento de verificadores da OSCE –reféns potenciais no suposto de intervención armada– pero rexeita a presencia militar internacional no “seu” territorio e procurará impedila ou limitala á mínima expresión.

Asumindo todas as partes que a vixencia do plan é limitada –tres anos– e que durante ese período de transición deberá negociarse un estatuto definitivo para Cósova, o horizonte final dese proceso é igualmente obxecto de controversia. O Grupo de Contacto rexeitou a posibilidade de celebrar un referendo de autodeterminación, proposto polos cosovares como opción lóxica e inevitable na previsible suposición de non conseguir unha solución definitiva ó cabo destes tres anos. Sen embargo, a posición da administración estadounidense é mais ambigua e, a diferencia dos europeos, non descarta a hipótese da independencia. Os líderes cosovares, tanto moderados como da UÇK, contemplan a súa participación na Federación como unha mera coordinación, sen subordinación xerárquica e autodefinen Cósova como “unha entidade asociada por tempo definido”. Con independencia de cal sexa a letra do acordo de Rambouillet, en Prístina ninguén quere ser o primeiro en renunciar ó Estado nacional. Esta disxuntiva alimentará as diferencias no seo das formacións políticas cosovares durante os próximos meses.


Pechar en falso

A UÇK teme a desmobilización dos seus efectivos e considera que os custos do esforzo despregado dende o verán pasado merecen unha recompensa política apreciable. Segundo revelou a Kosova Sot, Naim Maloku, integrante do Estado Maior da guerrilla, as súas forzas non son inexpertas e melloraron substancialmente a súa capacidade de pelexa. Dende o inicio do conflicto recrutaron numerosos combatentes con experiencia nas guerras de Croacia e de Bosnia e outros cadros con formación nas academias militares iugoslavas. A UÇK aspira á proclamación da independencia de Cósova como primeiro paso para a creación dunha Grande Albania que incluiría tanto os albaneses de Tirana como de Skopje –Macedonia–. Esta reivindicación e as denuncias, desmentidas pola UÇK, de participación de voluntarios chechenos nas súas filas, provocan grandes reticencias en Bruxelas.

Para Milosevic, despois das perdas sufridas en Croacia e Bosnia-Hercegóvina, non resultará doado resignarse a perder o control sobre o territorio de Cósova. A aposta pola “Gran Serbia”, idea central do seu proxecto político, determinou paradoxalmente a progresiva reducción das dimensións do país. Pero ademais, sen guerra, pode diluírselle o ingrediente nacionalista que o ergueu e mantivo no poder durante a ultima década e deberá atender os graves problemas dunha economía en desfeita. Por iso non son poucos os que opinan que Milosevic prefire deixar aberta a cuestión de Cósova.

A maiores, malia o férreo control exercido en Serbia, en condicións de paz, Cósova podería converterse no seu calcañar de Aquiles. Se os dous millóns de cosovares poden desenvolverse en condicións democráticas e se incorporan á vida política serbia e iugoslava, e así mesmo cristalizan as diferencias de Montenegro, poderían abanear as súas maiorías parlamentarias e Milosevic estaría na corda frouxa. El sabe que se perde o poder, son moitas as posibilidades de ser conducido perante o Tribunal Internacional da Haia. Máis que a paz ou o futuro do berce histórico da nación serbia, no fondo, ese é o único perigo que realmente lle pode quitar o sono a Milosevic, o verdadeiro dinamitador da Iugoslavia de Tito.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001