Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Outros escenarios
 
A OTAN baixa o pano


Xulio Ríos
 

No cumio que os países da OTAN celebran en Madrid os días 8 e 9 de xullo de 1997 debe establecerse o novo escenario da defensa euroatlántica. A principal novidade consiste na ampliación do teatro de operacións a algúns dos chamados “países do Leste”, é dicir, Polonia, Hungría e Chequia. É, ó parecer, o inicio dunha política de expansión que probablemente terá continuidade nos próximos anos e con outros candidatos -Romanía, Eslovenia, quizais Bulgaria...-, hoxe “desesperados” por quedar ás súas portas a pesar de contar con algúns apoios entre os países occidentais e cumprir cos requisitos formais esixidos dende a Alianza. A “nova” OTAN vese, pois, “desbordada” polas peticións de afiliación.

En 1989, co derrube do muro de Berlín, cabería imaxinar a posibilidade de abrir o camiño a un proxecto europeo menos militarista, máis aberto, máis plural, democrático e seguro. Pero a construcción de Europa concibida como unha casa común desde o Atlántico ata os Urais non pasou sequera a proba da adquisición do solar. Agora, con esta ampliación da OTAN, o xogo de prioridades que iso implica e o inevitable illamento de Rusia, báixase un novo pano. E desta vez a iniciativa parte de Bruxelas.


A feble oposición de Rusia

Máis alá das hipotéticas diferencias entre Washington e París a propósito do mando sur da Alianza, o principal problema suxerido pola ampliación consistía ó parecer en “tranquilizar” a Rusia, en evitar que se sentise víctima dun novo cerco auspiciado dende o mundo occidental. Os esforzos, sen embargo, tampouco haberían de ser necesariamente sobrehumanos.

Na véspera da reunificación alemana, a retirada de tropas de Alemaña Oriental e a liquidación do Pacto de Varsovia tiñan como contrapartida o compromiso occidental de que a OTAN non avanzaría un só metro cara ó Leste. Aquel pacto sen embargo logo quedou en nada e o recentemente subscrito por Rusia coa Alianza, que parece excluír sobre todo a posibilidade dunha ulterior ampliación a algún país membro da Confederación de Estados Independentes, pode seguir igual destino.

Neste contencioso, Rusia limitouse a desempeñar o seu papel. Podía preverse quizais unha escenificación máis tensa ou a esixencia de maiores contrapartidas. Pero non: un Ieltsin animado e renacido anunciaba en Bonn hai un par de meses que o acordo coa OTAN estaba próximo e que moi axiña se despexarían todas as dúbidas existentes respecto ó pleno “éxito” do cumio de Madrid. O Presidente Ieltsin confirmaba así unha vez máis que a oposición dos actuais dirixentes rusos á ampliación ó Leste da OTAN nunca foi sólida nin de principio. As necesidades da complexa política interna rusa impoñían nesta, como en tantas outras cuestións, a adopción dun dobre discurso marcadamente oportunista. En coherencia, non é de estrañar que non asista ó cumio de Madrid. A participación no recentemente celebrado en Denver polo G-7 colmou as súas expectativas máis fondas.

A xulgar pola amplitude do coro de protestas e de argumentos anti-ampliación, puidera pensarse que Ieltsin xa non se contentaba con resucitar o imperio –aínda que para iso resultara necesario non deixar pedra sobre pedra en Chechenia– ou reconstruír a Unión (mediante o acordo con Belarús, fronteiriza coa Polonia pro-OTAN do socialdemócrata Kwasniewski), senón que incluso estaba disposto a inventar a paz fría. Pero o 27 de maio en París, Ieltsin, a ton coa imprescindible escenificación do seu adecuado pragmatismo e hábil capacidade negociadora, asinaba cos representantes dos dezaseis países membros da OTAN a Acta de Bases sobre as relacións mutuas de cooperación e seguridade.

É que todos en Rusia son plenamente conscientes de que dificilmente poderían impedir a ampliación. A debilidade do seu Estado é demasiado evidente. A economía, a sociedade, o medio natural, todo está en bancarrota. O propio Exército sobrevive en condicións tan calamitosas que non resulta esaxerado diagnosticar como de descomposición. O mesmísimo xeneral Lev Rojlin, actual presidente do Comité de Defensa da Duma, recoñecía esta circunstancia nun recente documento dirixido ó Presidente ruso no que o responsabiliza de non ter feito absolutamente nada nos seus seis anos de presidencia por reforzar a seguridade militar do país. Ieltsin de ningún modo é alleo a tal estado de cousas, nin á humillación sufrida en Chechenia.

Coa pública oposición á ampliación, o Presidente ruso pretendía sobre todo acadar dous obxectivos: recompoñer unha vez máis a súa deteriorada imaxe ante a sociedade rusa, incrédula ante un Presidente que é incapaz de exercer as súas funcións debido ó seu delicado estado de saúde; e moi especialmente coidar de absorber e desarmar os sectores que abrazan o nacionalismo. Pero en todo quedará a medias.

Boris Nikolaievich foi sempre, e moi especialmente no último período do mandato de Gorbachov, o principal puntal de Occidente no Kremlin e non existen motivos para que se desvíe do camiño trazado. En boa medida, debe o seu poder a esa OTAN que lle axudou a pilotar –¿ou dirixiu?– a desintegración da URSS, a eses socios que lle redactaban os decretos que haberían de impoñer as regras do mercado na Rusia post-soviética, a eses especialistas en estratexias electorais que tan ben souberon maquillar a súa perfidia. É máis, despois do múltiple asesoramento facultativo prestado durante a súa delicada operación de corazón, case podería dicirse que lles debe a propia vida. É, en verdade, para estarlles agradecido.


O futuro da OTAN

Pero o principal do cumio de Madrid é que non achegará ningunha solución, senón que suporá o agrandamento dun problema non resolto: o futuro da OTAN e a arquitectura da seguridade en Europa. Por máis membros que coopte non estará máis definido o papel dun instrumento que xurdiu para satisfacer unhas necesidades determinadas nun contexto histórico concreto hoxe inexistente.

Coa ampliación tampouco se mellora a defensa ou a seguridade de Europa. Moi ó contrario, como tan ben sinalou o propio historiador Gabriel Jackson, “estamos volvendo a crear condicións paranoicas ó transformar unha alianza defensiva nunha nova liña divisoria movible dentro de Europa”. Ben é certo que a chamada Acta de Bases Rusia-OTAN crea un Consello Conxunto para darlle a Rusia a ocasión de expresar a súa opinión ó respecto de determinados temas –seguridade espacial, loita contra o crime, conflictos rexionais, etc– pero en ningún caso a OTAN se comprometeu por exemplo a non efectuar xamais o despregamento de armas convencionais ou nucleares nos territorios dos novos países membros, petición loxicamente presentada polo ministro de exteriores Eugeni Primakov pero non atendida por Javier Solana. Neste sentido, cabe resaltar que a OTAN acadou un nivel de obxectivos bastante máis elevado do considerado inicialmente no cumio de Bruxelas do pasado 15 de decembro de 1996, e no que esa renuncia parecía antollarse unha condición sine qua non para avanzar na ampliación.

A “Asociación para a Paz”, que certamente agrupa a moitos dos países do Leste e da OTAN, non serviu ata a data para propoñer solucións que equilibrasen os novos vencellos atlánticos e euroasiáticos. Pero xa se lle atopou rapidamente a súa funcionalidade para equilibrar o criticado “trato privilexiado” outorgado a Rusia mediante a potenciación do chamado Consello Euroatlántico, un ente inicialmente concibido para reforzar as relacións con aqueles socios que en principio queden á marxe da primeira ampliación.

Resulta difícil comprender o porqué de tanto empeño en adaptar, reestructurar, salvar en definitiva, tan evidente reliquia da guerra fría. Non é posible que a OTAN do século XXI funcione cos mesmos parámetros dos anos cincuenta do presente século, nin tampouco é fácil atoparlle un sentido nun marco de crecente complexidade que esixe dos Estados poñer a énfase no estímulo de políticas preventivas e de mantemento da paz e que, pese ós esforzos dos últimos anos, non constitúen nin, ó parecer, constituirán o corazón desta organización.

Pola contra, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) debera incrementar o seu protagonismo político e defensivo na nova complexidade europea sentando os cimentos dunha nova orde de seguridade que dese carpetazo a unha época que non acabamos de despedir suficientemente. Pero todo parece indicar que o papel que Estados Unidos lle reserva non vai máis alá da mera reflexión ou a cobertura interesada de determinados procesos electorais dunha máis que dubidosa fiabilidade –lémbrese Albania, por exemplo–. Así as cousas, pese a tanta pompa e boato, con ou sen OTAN ampliada, o problema de fondo da seguridade europea seguirá subsistindo e demandando unha resposta adecuada ós novos tempos.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001