Texturas Internacionais nº 1Volver ó sumario
As Nacións Unidas: Fantasía e realidade dunha orde internacional
 
O concepto de organización internacional


Ramón Lugrís
 
¿É posíbel un “goberno mundial”? A pregunta, hoxe, nin merece ser formulada, vista a historia do medio século transcorrido dende a creación das Nacións Unidas. Mais, daquela, quer dicir, no momento da victoria dos Aliados fronte ao Eixo, era unha pregunta que andaba no ar, mesmo sabendo, coma todos os dirixentes da época sabían, que non era nin realista nin viábel.

Había un ideal inmediato, a creación dunha organización internacional de natureza democrática. Unha vez establecida esa organización, o seu desenvolvemento, en teoría, debería levar á constitución dun goberno mundial, de carácter igualmente democrático, no que, directa ou indirectamente, terían participación todos os países, incluídos os que naquel momento eran colonias ou pobos subdesenvolvidos.

Fundamentalmente, porque os Estados Unidos eran a forza motriz de loita contra das Potencias do Eixo, todas as ideas relativas a cómo debería artellarse o mundo unha vez chegada a paz eran ideas vistas a través do prisma da perspectiva norteamericana. E os Estados Unidos aplicaron –coma en moitas ocasións posteriores– a idea que eles tiñan de como artellar o mundo. Anos antes da guerra mundial, no 1935, Harold D. Lasswell, que é un dos autores máis claros do pensamento político norteamericano, dicía na súa obra World Politics and Personal Insecurity, que cando os seus compatriotas pensaban na unificación do mundo tendían a seguir o precedente da súa propia historia. Mais coma os Estados Unidos acadaran a súa unidade ao se afastaren da Potencia colonial –dun obstáculo e dunha ameaza externos comúns, dicía Lasswell– o precedente norteamericano non é de moito valor para a unificación do mundo, porque non se pode unificar a Terra mediante unha secesión respecto dunha unidade maior.

Lasswell citaba a André Maurois quen, dicía, tiña maxinado a salvación do mundo uníndose fronte dunha ameaza procedente da lúa; quer dicir, que só se unificarían todas as forzas do mundo se houbera unha ameaza extraterrestre. E comentaba que era un suposto optimista de máis aquel de pensar que a terra se podería unir contra da lúa, onde normalmente habería dúas tendencias, unha partidaria de invadir a terra e outra contraria a ese proxecto, “pois que o bloque minoritario na lúa probabelmente se combinaría co bloque maioritario na terra, e o bloque minoritario na terra uniríase co bloque maioritario na lúa para crear una equilibrio interplanetario de poder, coma de costume”.

Cando xa as Nacións Unidas levaban camiñado máis de dez anos, Gunnar Myrdal (An International Economy. Problems and Prospects) falaba de que non era concebíbel un goberno democrático mundial por razóns sociais e psicolóxicas. “Non existe a solidariedade humana –dicía– que nun Estado nacional é resultado da experiencia do pobo, do proceso histórico cara á integración, experiencia que leva aos individuos e aos grupos sociais a aceptaren normas e regulamentos que non teñen para eles unha vantaxe inmediata e a cargar cada un co fardel alleo”.

Basicamente, por organización internacional enténdese un proceso polo que os Estados establecen e desenvolven unhas estructuras institucionais, permanentes e formais, para a realización de certos aspectos das súas relacións recíprocas. Representa un esforzo por parte dos estadistas para adaptaren a mecánica do sistema ás esixencias deseñadas pola crecente complexidade da interdependencia entre os Estados.

Pódese afirmar que a organización internacional está baseada nunha concepción dualista das relacións internacionais, pois recoñece expresamente tanto o aspecto de conflicto coma o de cooperación nas relacións. Eses dous elementos son fundamentais no sistema multiestatal. A organización internacional representa un intento de minimizar os conflictos e maximizar a colaboración entre os Estados participantes, considerando os conflictos coma un mal que debe ser controlado e a cooperación coma un ben positivo que cómpre fomentar. No fondo, a organización internacional afirma que é posíbel evitar a guerra e outras manifestacións de natureza hostil entre as nacións.

A procura dunha orde por conducto da organización internacional non implica o repudio dos intereses nacionais nin a subordinación deses intereses a un internacionalismo superior. Simplemente, supón una nova definición dos intereses nacionais máis acorde coa interdependencia. Non é sorprendente que os gobernos tenten utilizar os organismos internacionais coma instrumento das súas respectivas políticas nacionais. A organización internacional expresa o punto de vista de que a orde internacional non é máis importante do que os intereses nacionais, senón que é importante para os intereses nacionais.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2001