“Ás veces, tense comparado o noso sistema para pór en marcha as operacións [de mantemento
da paz] cun servicio contra incendios composto por voluntarios; con todo, mesmo esa descrición é
optimista de máis. Cada vez que hai un incendio, primeiro de todo temos que procurar os camións de
bombeiros e o diñeiro para os empregar, antes de que poidamos comezar a apagar o lume”.
Kofi Annan, Secretario Xeral das Nacións Unidas.
Así ironizaba o Secretario Xeral no informe que presentou en setembro do 2000 ao Cumio do Milenio, a maior
xuntanza de Xefes de Estado e de Goberno endexamais celebrada na sé das Nacións Unidas, en Nova York.
Xuntanza que, coma as máis das veces, non tivo resultados positivos, alén de baleiras declaracións
de boas intencións. As palabras do Secretario Xeral, dedicadas especificamente ao problema do mantemento
da paz, pódense aplicar a todos os ámbitos das operacións da ONU porque evidencian unha longa
serie de ideas falsas compartidas por unha maioría da opinión pública e fomentadas polos medios
de comunicación. Velaí algunhas:
- Que a ONU é unha entidade independente, con capacidade de protagonismo na escena mundial;
- Que está facultada para establecer a paz en situacións de confrontación bélica
e para manter a paz cando se arranxa unha solución ou cando aínda non se chegou a unha confrontación
armada, e que pode, a longo prazo, acadar o desarme mundial;
- Que ten facultades e dispón de medios para promover e controlar os programas de desenvolvemento social
e económico nos países do “terceiro mundo”;
- Que está en situación de axudar en casos de catástrofes naturais ou provocadas, e de lidiar
cos problemas dos refuxiados e persoas desprazadas;
- Que pode levar adiante o desenvolvemento do dereito internacional e, principalmente, do dereito internacional
humanitario e do dereito penal internacional.
Todas esas ideas falsas (e non son as únicas) condénsanse nun erro inicial: o de acreditar no
“rol das Nacións Unidas”. Quer dicir que a pretensión de avaliar os seus sucesos e fracasos é
consecuencia da idea de que a Organización ten unha independencia real fronte ós auténticos
protagonistas (e mesmo dos figurantes) da escena mundial, que son os gobernos dos Estados Membros.
Neste traballo tentaremos analizar os problemas inseridos nesa serie de ideas falsas e a realidade administrativa
e funcional da ONU, que tamén está oculta detrás de outras falsas apreciacións, comezando
pola de que existe un “sistema das Nacións Unidas” que abrangue unha constelación de organizacións
e outras entidades especializadas unidas nun obxectivo común. Ese concepto, que, como imos ver, non responde
á realidade, repítese cada día nos documentos da Secretaría da ONU.
Os equívocos comezan no preámbulo da Carta das Nacións Unidas, texto fundamental da Organización:
“Nós, os pobos das Nacións Unidas, resoltos a preservarmos ás xeracións futuras do
azoute da guerra...” comeza un texto que pretendía ser unha declaración anovadora, unha demostración,
xuridicamente consagrada, de que eran os pobos, cansos de guerras e conflictos, os que se ían organizar
para estableceren definitivamente unha orde mundial garante da paz. Por iso afírmase seguidamente que “Decidimos
xuntar os nosos esforzos...” para realizar os designios anteriormente enunciados de xuntaren as forzas para manter
a paz e a seguridade internacionais, garantir que soamente se ía utilizar a forza armada ao servicio do
interese común, e empregar un mecanismo internacional para promover o progreso económico e social
de todos os pobos.
Declaración democrática quimicamente pura que evidentemente non se correspondía coa realidade
da xuntanza de representantes de gobernos que se celebraba na cidade de San Francisco de California. Poucos eran
os gobernos autenticamente democráticos representados. E mesmo entre os que tiñan dereito obxectivo
a se consideraren democráticos había varios que eran donos de grandes imperios coloniais, nada democráticos.
Evidentemente, os redactores da Carta querían afastarse do modelo da Sociedade das Nacións, cun
Pacto que fora concertado por “Altas Partes Contratantes”, sen mención dos pobos que as Partes representaban.
Algo tiña evolucionado o mundo dende o 1919, mais a evolución non era tan radical e fonda como
daban a entender os redactores da Carta. O Pacto da Sociedade das Nacións, que pretendía acadar a
paz permanente, predicaba:
- A institucionalización das alianzas das Potencias vencedoras na guerra de 1914-18;
- Un modelo calcado nas organizacións “técnicas” xa existentes (exemplo, a Unión Postal
Universal);
- A seguridade colectiva;
- O reparto do mundo en “esferas de influencia” das Potencias vencedoras;
- As grandes declaracións de principios;
- O desarme;
- A solución pacífica das controversias.
As Nacións Unidas viñeron, vintecinco anos máis tarde, a predicar algo moi semellante:
- A institucionalización das alianzas dos vencedores da II Guerra Mundial, co corolario da “seguridade
colectiva”;
- O calco do modelo das organizacións técnicas anteriores (Unión Postal Universal, Unión
Internacional das Telecomunicacións, Oficina Internacional do Traballo) para crear unha organización
de natureza política;
- Declaracións de principios morais, mais sen as acompañar de medidas que permitan garantir a súa
aplicación;
- Procura da reducción dos armamentos, baixo o nome de “desarme”;
- Arbitraxe;
- Creación de redes de relacións sectoriais entre os Estados nos dominios social, económico
e cultural, de conformidade coa teoría do “funcionalismo”.
|