Texturas Internacionais nº 1Volver ó sumario
As Nacións Unidas: Fantasía e realidade dunha orde internacional
 
Dereitos humanos e dereito internacional


Ramón Lugrís
 
Unha das primeiras realizacións importantes das Nacións Unidas foi a Declaración Universal de Dereitos Humanos, aprobada pola Asemblea o 10 de decembro de 1949, coma “ideal común polo que deben esforzarse todos os pobos e nacións”. Máis adiante, e a partir da Declaración, encetouse a elaboración de dous pactos internacionais co fin de dar forma xurídica aos dereitos proclamados na Declaración. Así naceron o 16 de decembro do 1966 o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, completado este derradeiro por un Protocolo Facultativo. No 1989 aprobouse un Segundo Protocolo Facultativo. Todos eses instrumentos constitúen o que se denomina Carta Internacional de Dereitos Humanos.

Os órganos encargados dos dereitos humanos son, por unha parte, a Comisión de Dereitos Humanos, principal foro de debate, que pola súa parte estableceu mecanismos para investigar problemas de dereitos humanos en determinados países e territorios, así como temas específicos. Conta ademais coa colaboración da Subcomisión de Prevención de Discriminacións e Protección ás Minorías, integrada por 26 expertos de todas as rexións do mundo e que investiga casos de discriminación por motivos étnicos, relixiosos ou lingüísticos. Por outra parte, un Comité de Dereitos Humanos, nacido dos Pactos Internacionais, de carácter independente e integrado por xuristas especializados, é o único órgano que pode tramitar denuncias de persoas particulares contra Estados.

Mesmo se o panorama internacional en materia de dereitos humanos é desolador, as Nacións Unidas teñen acadado importantes resultados nese dominio. Por unha parte, ten lexitimado a loita dos militantes de dereitos humanos en todo o mundo por mediación das Organizacións non gubernamentais (ONGs) especializadas neses temas; por outra parte, os mecanismos de que dispón exercen unha auténtica presión sobre os gobernos sometidos a investigación. E –cousa de gran mérito– ten contribuído a que se teña conciencia da importancia dos dereitos humanos.

Con todo, hai reaccións contrarias á idea da universalidade dos dereitos humanos proclamados na Carta, reaccións que procuran escudarse no argumento de que se trata de dereitos humanos entendidos dende unha perspectiva occidental que non ten en conta “diferencias culturais”. Diferencias sospeitosas, cando se trata, por exemplo, da ablación do clítoris practicada en moitos países africanos.

Unha das funcións da Asemblea Xeral é a de “impulsar o desenvolvemento progresivo do dereito internacional e a súa codificación”. No curso do medio século transcorrido dende a súa fundación as Nacións Unidas conseguiron a concertación de máis de 450 tratados multilaterais que abarcan practicamente todas as esferas das relacións entre Estados e das actividades humanas. Os órganos que tratan do dereito internacional son a Sexta Comisión da Asemblea e a Comisión de Dereito Internacional. Outra comisión, a de Dereito Mercantil Internacional, ten o mandato de fomentar a harmonización e unificación progresivas desa rama do dereito.

A lista de convenios e convencións é moi impresionante, mais, en opinión dos críticos, a natureza do dereito elaborado é máis de codificación que de anovación. Cando se tratan problemas de nova índole –coma o dereito do mar, o dereito do espacio ultraterrestre, as armas nucleares ou a ecoloxía– os métodos utilizados para establecer novas normas son os mesmos que se viñeron aplicando noutros dominios dende o século XIX con absoluto respecto da soberanía dos Estados. E se aparecen novas ideas, coma foi o caso do dereito do mar, as grandes potencias conseguen transformalas en favor dos seus propios intereses. Fronte á idea de definir un “patrimonio común da humanidade”, que permitiría ser aproveitado en igualdade de condicións polos países ricos e polos pobres, a resistencia oposta polas grandes potencias, e principalmente polos Estados Unidos, deixou baleira de contido a Autoridade dos Fondos Mariños, creada pola Convención do Dereito do Mar. E outro tanto poderíase dicir das iniciativas encamiñadas ao establecemento dunha Corte Internacional de Xustiza Penal, ratificación que está en curso, mais que non ten o respaldo de boa parte dos Estados, coma China e os Estados Unidos.

A decisión do Presidente Clinton, o 31 de decembro de 2000, de asinar o tratado que establece a Corte Internacional é unha decisión baleira, visto que a ratificación depende do Senado dos Estados Unidos e xa o ultraconservador Jesse Helms (Senador por Carolina do Norte e todopoderoso presidente do Comité de Relacións Exteriores) tén dito: “Teño unha mensaxe para o Presidente saínte: a súa decisión non vai prosperar”.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2001