Texturas Internacionais nº 1Volver ó sumario
As Nacións Unidas: Fantasía e realidade dunha orde internacional
 
Bases e estructura da organización


Ramón Lugrís
 

Non cómpre nun traballo coma o presente facer unha descrición pormenorizada da estructura e do funcionamento das Nacións Unidas, mais é indispensábel partir dunhas bases fundamentais e dar unha idea esquemática da organización que sirvan coma punto de referencia.

O nome de “Nacións Unidas”, proposto polo presidente norteamericano Franklin D. Roosevelt, foi empregado por vez primeira na “Declaración das Nacións Unidas”, de 10 de xaneiro de 1942, durante a II Guerra Mundial, cando os representantes de 26 nacións asumiron o compromiso de continuaren a loita contra das Potencias do Eixo.

A Carta das Nacións Unidas é o instrumento constituínte da Organización. É un tratado internacional que codifica os principios fundamentais das relacións internacionais, dende a igualdade soberana dos Estados ata a prohibición da utilización da forza nas relacións entre Estados, pasando pola consagración dos dereitos humanos. A Carta foi redactada polos representantes de 50 países, reunidos na cidade de San Francisco de California, o 26 de xuño de 1945, baseándose nas propostas dos Estados Unidos, Gran Bretaña, a Unión Soviética e China.

Os propósitos das Nacións Unidas, enunciados na Carta, son:

  • Manter a paz e a seguridade internacionais;
  • Fomentar as relacións de amizade baseadas no respecto ao principio da igualdade de dereitos e da autodeterminación dos pobos;
  • Dar forma á cooperación internacional na solución de problemas internacionais de natureza económica, social, cultural ou humanitaria e no desenvolvemento e estímulo dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais;
  • Servir de centro que harmonice os esforzos das nacións por acadaren eses propósitos comúns.

Entre os principios polos que se rexe a Organización están a igualdade soberana dos seus Membros, a solución pacífica das controversias, a non inxerencia nos asuntos internos dos Estados, a abstención do recurso á forza ou á ameaza da forza e a prestación de todo tipo de axuda polos Membros á Organización.

A Carta estableceu seis órganos principais das Nacións Unidas: A Asemblea Xeral, o Consello de Seguridade, o Consello Económico e Social, o Consello de Administración Fiduciaria, a Corte Internacional de Xustiza e a Secretaría Xeral.

A Asemblea Xeral é o principal órgano deliberativo das Nacións Unidas, formado por representantes de todos os Estados Membros. Cada Estado ten un voto e as decisións transcendentais –paz e seguridade, orzamento e novos membros– apróbanse por maioría cualificada de dous tercios; as outras decisións, por maioría simple.

Entre as funcións e facultades da Asemblea Xeral están a de examinar e facer recomendacións sobre os principios que rexen o desarme e os armamentos; debater todo asunto relativo ao mantemento da paz e da seguridade internacionais e formular recomendacións, agás no caso de que o Consello de Seguridade estea examinando unha controversia ou situación relativa ao mesmo asunto; promover e codificar o dereito internacional; contribuír á realización dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais e fomentar a cooperación internacional en materias de natureza económica, social, cultural, educacional e sanitaria; examinar e aprobar o orzamento da Organización e determinar as cotas que deben aboar os Membros.

En virtude da resolución “Unión pro paz”, aprobada no 1950, a Asemblea pode intervir en casos de ameaza contra a paz ou de agresión, sempre que o Consello de Seguridade, por non haber unanimidade entre os seus membros permanentes, non adopte medidas. A intervención pode chegar a que recomende aos Membros a utilización de forza armada.

O Consello de Seguridade ten o rol primordial de velar polo mantemento da paz e da seguridade internacionais. Ten 15 membros, cinco deles permanentes, que teñen dereito de veto, e dez membros electos pola Asemblea Xeral por mandatos de dous anos. As decisións de carácter substantivo precisan de nove votos afirmativos, incluídos os dos membros permanentes, norma que se chama de “unanimidade das grandes potencias”.

Entre as facultades e funcións do Consello de Seguridade están a de manter a paz e a seguridade internacionais de conformidade cos propósitos e principios das Nacións Unidas; investigar toda controversia ou situación capaz de crear fricción internacional e recomendar métodos para a súa solución; formular plans para un sistema de regulamentación dos armamentos; determinar se existe unha situación de ameaza contra da paz ou un acto de agresión e recomendar medidas a ese respecto; instar aos Membros a que adopten sancións económicas e outras medidas de disuasión; emprender una acción miliar contra un agresor.

O Consello Económico e Social é o principal órgano coordinador da actividade económica e social das Nacións Unidas e das axencias e institucións especializadas que integran o chamado sistema das Nacións Unidas. Ten 54 membros, con mandatos de tres anos, as decisións adóptanse por maioría simple e cada membro ten un voto.

O Consello foi concibido como foro central para o exame dos problemas económicos e sociais internacionais e para a formulación de recomendacións substantivas a ese respecto, e tamén para realizar ou encargar a realización de estudios e informes; ten o mandato de promover o respecto dos dereitos humanos, de convocar conferencias internacionais e de preparar proxectos de convenios para a súa presentación á Asemblea Xeral; coordinar as actividades dos organismos especializados e celebrar consultas coas organizacións non gobernamentais (ONGs) ás que teña outorgado recoñecemento, que son máis de 1.500.

As ONGs están clasificadas en tres categorías: as da primeira categoría son as que teñen interese na maioría das actividades do Consello; as da segunda categoría son as que teñen competencia puntual en determinadas esferas das actividades do Consello, e as restantes forman parte dunha denominada Lista e poden ser consultadas cando o Consello estime oportuno. As ONGs poden participar coma observadoras nas reunións do Consello e presentar comunicacións por escrito.

O Consello de Administración Fiduciaria naceu coma un dos principais órganos das Nacións Unidas, pois tiña o mandato de supervisar a administración dos territorios que, cando se creou a Organización, estaban baixo o réxime de fideicomiso de conformidade con acordos concertados cos Estados administradores. Está constituído polos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade: China, os Estados Unidos, a Federación de Rusia, Francia e o Reino Unido. O réxime de administración fiduciaria aplicouse a territorios que eran Mandatos da Sociedade das Nacións; a territorios segregados de países inimigos na Segunda Guerra Mundial e a territorios colocados voluntariamente baixo aquel réxime polos Estados administradores.

Nos primeiros anos das Nacións Unidas había 11 territorios en réxime de fideicomiso e o mandato do Consello rematou en novembro do 1994 cando o último dos territorios –o Territorio das Illas do Pacífico (Palau), administrado polos Estados Unidos– deixou de estar en réxime de fideicomiso.

A Corte Internacional de Xustiza é o órgano xudicial principal ao que poden recorrer todos os Membros das Nacións Unidas, mais non as persoas a título individual. A xurisdicción da Corte abarca todos os litixios que os Estados lle sometan e todos os asuntos previstos na Carta das Nacións Unidas ou en tratados e convenios vixentes. De conformidade co artigo 38 do seu Estatuto (que é parte integral da Carta), a Corte, ao decidir as controversias que se lle sometan, aplica os convenios internacionais que establecen normas recoñecidas polos Estados litigantes; a costume internacional coma proba dunha práctica xeral aceptada coma lei; os principios xerais do dereito recoñecidos polas nacións, e as decisións xudiciais e a doutrina dos autores máis cualificados dos distintos países coma medio subsidiario para a determinación das regras xurídicas.

A Secretaría realiza a tarefa cotiá da Organización e as súas funcións son tan variadas coma os problemas que tratan as Nacións Unidas. Van desde a administración de operacións de mantemento da paz á mediación en controversias internacionais. Está integrada por máis de 14.000 funcionarios á fronte dos cales está o Secretario Xeral. Por seren funcionarios internacionais, son só responsábeis ante as Nacións Unidas e, ao ocuparen os seus postos, xuran non solicitar nin recibir instruccións de ningún goberno nin de ningunha autoridade allea á organización.

Esa é a teoría. A práctica non é tan clara. Por unha banda, a Unión Soviética e os seus aliados, e tamén China, nunca recoñeceron que o estatuto internacional dos funcionarios das Nacións Unidas se aplicara aos seus nacionais, de xeito que os empregados chineses e soviéticos das Nacións Unidas eran (e seguen sendo, en moitos casos, mesmo desaparecida xa a URSS) funcionarios públicos no seus países de orixe, enviados en “comisión de servicio” á Secretaría da ONU. Non percibían directamente o salario que lles correspondía, senón unha cantidade que a Misión Permanente dos seus países ante as Nacións Unidas lles pasaba cada mes. E vivían en auténticos “ghetos”. Por outra banda, os funcionarios nacionais dos Estados Unidos tampouco teñen unha situación autenticamente independente do seu Goberno. Un dato máis, aplicábel en xeral a todos os países, é o de que non chegou a ter validez internacional o “laissez-passer”, ou pasaporte, que as Nacións Unidas expiden a cada funcionario.

As funcións do persoal das Nacións Unidas pódense clasificar en dúas grandes categorías: administrativas e substantivas. As que absorben maior número de funcionarios son as administrativas; case unha cuarta parte do persoal en Nova York está constituída por funcionarios de conferencias, arquivo de documentos e información. As funcións substantivas son, fundamentalmente: a) recompilación e distribución de todo tipo de información que se estime pertinente; b) actividades de investigación; c) rexistro dos tratados (codificación), planificación, formulación e coordinación dos programas de operacións; d) execución dos programas no campo; e) apoio ás operacións de mantemento da paz e de solución pacífica das controversias; f) asistencia aos gobernos na adopción de decisións e acordos colectivos.

O Secretario Xeral está definido na Carta coma “o máis alto funcionario administrativo” da Organización, definición que está moi lonxe da realidade porque é moito máis. Dito con palabras da propia Organización, o Secretario Xeral debe ser ao mesmo tempo diplomático e activista, conciliador e provocador, e dono dun optimismo irreductíbel porque debe actuar convencido de que os ideais enunciados na Carta pódense facer realidade. É simultaneamente voceiro da comunidade internacional e funcionario dos Estados Membros, un duplo rol que leva forzosamente a situacións de fricción e a ser albo de ataques por “partidismo” en favor dun Estado ou grupo de Estados.

¿É caro manter esa Secretaría e cumprir as funcións dos cinco grandes órganos das Nacións Unidas? Deixando aparte os gastos de operacións de mantemento da paz, que se financian con recursos extraordinarios, cabe sinalar, coma dicía hai pouco tempo o Secretario Xeral Kofi Annan, que “o orzamento anual para as nosas funcións básicas –as actividades da Secretaría en Nova York, Xenebra, Nairobi, Viena e cinco comisións rexionais– é a penas de 1.250 millóns de dólares. Iso representa, máis ou menos, o 4% do orzamento anual da cidade de Nova York e está case 1.000 millóns de dólares por debaixo dos gastos anuais do Departamento de Bombeiros de Tokio”.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2001