Texturas Internacionais nº 1Volver ó sumario
As Nacións Unidas: Fantasía e realidade dunha orde internacional
 
As Nacións Unidas no século XXI


Ramón Lugrís
 
O secretario xeral Kofi Annan propuña aos estadistas reunidos no Cumio do Milenio unha lista de valores que, ao seu xuízo, comparten todas as nacións e que teñen especial importancia para o novo século, valores que se desprenden dos propósitos e principios enunciados na Carta e na Declaración Universal de Dereitos Humanos:

Liberdade. Mulleres e homes teñen dereito a vivir a súa vida e educar os seus fillos con dignidade, sen sufriren fame nin miseria e sen temor á violencia e á opresión.

Equidade e solidariedade. Non se debe negar a ninguén a oportunidade de se beneficiar da mundialización, polo que costos e cargas deben compartirse equitativamente.

Tolerancia. Os seres humanos deben respectarse uns aos outros, independentemente da súa relixión, cultura e idioma.

Non violencia. As controversias dentro das nacións e entre nacións deben resolverse por medios pacíficos, agás nos casos en que a Carta autorice o emprego da forza.

Respecto da natureza. Respectar, obrando con prudencia, as especies e os recursos.

Responsabilidade común. Os Estados deben actuar conxuntamente para manter a paz e a seguridade internacionais, de conformidade coa Carta.

Ninguén vai rexeitar esa lista de valores. O problema está, primeiro, en que na práctica os Estados os respecten e, segundo, en como poden as Nacións Unidas fomentar e garantir a aplicación deses valores na vida internacional. Por moitas declaracións coma as do Cumio do Milenio que se fagan, as Nacións Unidas non poderán saír da crise na que viven hai xa moitos anos sen se someteren a unha radical reforma.

Reformas, ou proxectos de reforma, teñen aparecido pouco menos que anualmente, nos períodos de sesións da Asemblea, do Consello Económico e Social e do Consello de Seguridade. Mais, polo xeral, limítanse a recomendar pequenas reformas do organigrama da organización. Certo é que sería posíbel (cousa que nunca se ten feito en profundidade) mellorar a ONU aplicando mellores métodos de programación ou recrutando e formando funcionarios máis competentes. Mais non abonda con eso. O problema é de natureza política.

Convén sinalar que, dende o momento en que a maioría na Asemblea Xeral pasou de estar nas mans dos países desenvolvidos ao países do terceiro mundo, teñen sido os occidentais, principalmente os Estados Unidos, os propulsores dese tipo de reformas superficiais. Cada vez –e ten habido moitas– que na Asemblea Xeral se aprobaba algunha resolución que non conviña á política das grandes potencias, incluídas a Unión Soviética no seu tempo e China, coma podía ser o caso das resolucións condenatorias de Israel ou as relativas a unha nova orde económica internacional, apadriñadas polos países do Terceiro Mundo, aparecía o problema da ineficacia da Organización debida á súa deficiente xestión interna. Por exemplo, a entón Representante Permanente dos EEUU, Madeleine Albright, dicía que o fracaso das operacións de mantemento da paz en Somalia ou Angola debíase á falta de profesionalismo das Nacións Unidas nese campo, e que se se reformaba a metodoloxía aplicada sería posíbel acadar resultados positivos. E as reformas pasaban, e pasan, sempre por unha reducción dos recursos financeiros da Organización (por non falar da retención das contribucións ao orzamento, que practican os Estados Unidos coma represalia).

Nos anos 60 e 70, no momento de maior forza do Movemento dos Países Non-Aliñados e do chamado Grupo dos 77, cando maior prestixio tiveron os modelos de desenvolvemento económico e da constitución dunha nova orde internacional (levada, no ámbito da UNESCO, ao campo dos medios de comunicación co proxecto de Nova Orde Mundial da Información), foi cando se propuxeron reformas radicais da estructura das Nacións Unidas. Por exemplo, aumento do número de membros dos diferentes consellos e comités para dar entrada aos países en desenvolvemento, en particular o Consello Económico e Social e o Consello de Seguridade. Acadáronse algúns dos propósitos, coma o de ampliar a 15 o número de membros do Consello de Seguridade e de 18 a 27 o de membros do Consello Económico e Social, mais as reformas con fixeron maior camiño: a Carta aparece coma un texto intocábel e ninguén é quén de propoñer seriamente o problema do dereito de veto no Consello de Seguridade.

Porque, de feito, non hai posibilidade de reformar o Consello de Seguridade sen aturar a cuestión do veto. Por moito que se fale de ampliar o número de membros permanentes e dar entrada nese grupo a países coma Alemania e o Xapón, tamén sería necesario incluír entre os permanentes a algún representante de África, de Asia e da América Latina. Aquí comeza a disensión. Tense proposto ao Brasil, mais ¿por que razón non habería de ser México, ou Arxentina, o representante latinoamericano? ou ¿por que escoller a India, e non Indonesia, ou Nixeria, e non Sudáfrica coma representantes dos seus continentes? Mais aínda no caso de que se chegara a un consenso nesa cuestión, o Consello seguiría desprovisto de poderes reais para intervir en situacións de conflicto.

A literatura especializada relativa á situación e reforma das Nacións Unidas e ao seu artellamento no mundo actual pódese clasificar en dúas grandes categorías, con subdivisións en cada unha delas. Por unha parte, a corrente que poderiamos denominar “realista” sostén que o perfeccionamento das Nacións Unidas deberá pasar polo intento de reducir o número de conflictos violentos mediante novos métodos diplomáticos mellor encamiñados a manter o equilibrio de poder entre os Estados. Tese defendida pola escola “realista” estadounidense, exemplificada por Hans Morgentau (no seu libro Politics Among Nations). Fronte a esa posición, unha corrente “idealista” considera que a elaboración progresiva de disposicións máis ou menos obrigatorias poderá levar un día a unha sociedade civilizada na que todos os conflictos han de arranxarse por métodos pacíficos. O funcionalismo entraría nesta corrente. Mais ningunha das correntes de pensamento ten proposto un modelo concreto e viábel. Algúns autores (coma Richard Falk, R. Johansen e Samuel Kim, na obra The Constitutional Foundation of World Peace) chegan a falaren dun “constitucionalismo mundial”, cuestionando a natureza e rol da soberanía dos Estados e apuntando a idea do “estatuto político da humanidade”. Mais non aportan modelos para a superación da soberanía dos Estados no plano mundial.

As tendencias reformistas máis modernas fundaméntanse en tres conxuntos de ideas:

1) Os principios e supostos nos que se basean as actuais organizacións internacionais son, nuns casos, falsos e, na maioría, obsoletos. É irrealista o concepto de seguridade colectiva, que combina unha especie de fe na alianza eterna entre as grandes potencias no suposto de que están dispostas a loitar por problemas que non tocan directamente ao seus intereses vitais. O funcionalismo é feble e perigoso porque reduce as accións en común a vagos debates sobre cuestións normativas. A diplomacia preventiva é ineficaz. A Organización das Nacións Unidas, nunha época de transformación da vida internacional, é reaccionaria e non contribúe á mudanza da orde mundial.

2) Fóra das Nacións Unidas téñense acadado progresos no campo da paz e da seguridade que se poderían aplicar ao conxunto do mundo. Por exemplo, a creación da Unión Europea; entre os seus membros é impensábel unha situación de conflicto bélico. Tamén o sistema de seguridade creado polos métodos da Conferencia (agora Organización) de Seguridade e Cooperación en Europa.

3) Propostas concretas para o establecemento dun novo tipo de organización mundial, contidas en obras publicadas nos anos 80 e 90 (por exemplo, A Third Generation World Organisation, de Maurice Bertrand) e tamén nalgúns informes de órganos das propias Nacións Unidas, coma os elaborados pola Dependencia Central de Supervisión e Inspección no 1985 (Contribución a unha reflexión sobre a reforma das Nacións Unidas) e polo PNUD no 1992. Fálase, entre outras ideas, de crear unha Comisión semellante á Comisión das Comunidades Europeas que remplace ao sistema descentralizado de organizacións autónomas e dun sistema de representación rexional para evitar os problemas que presenta o principio dun voto por Estado combinado co sistema de maioría ponderada.

Ata hoxe, as propostas e consideracións sobre a reforma das Nacións Unidas non teñen influído nos gobernos dos países que poderían levar adiante as reformas. En realidade, non se lle recoñece unha gran prioridade real á reforma e tampouco faltan voces contrarias á existencia da Organización. A actitude dos Estados Unidos, malia controlaren de feito a ONU e de mantela “secuestrada” mediante a retención das súas contribucións, en nada contribúe a repensar o sistema, aparte de pedir máis eficacia e menos gastos. Para seren os “policías” da vida internacional, os EEUU non teñen necesidade real das Nacións Unidas.

Con todo, hai algunhas voces que predican a necesidade de dar resposta política ao fenómeno da globalización económica, comercial e financeira. Un caso é o do historiador e xornalista André Fontaine, que considera indispensábel eliminar o dereito de veto no Consello de Seguridade e dotalo dunha forza de intervención.

Tamén o presente Secretario Xeral ten trazado unha serie de propostas para a reforma en profundidade da Organización. Un elemento interesante das súas ideas é o das “redes mundiais de promoción de políticas”, que xa comezan a aparecer e que están constituídas por unha combinación de institucións internacionais, organizacións da sociedade civil e do sector privado e gobernos nacionais, con obxectivos comúns. O Secretario Xeral citaba o caso da campaña de loita contra o paludismo ou a Alianza Mundial para o Fomento da Vacinación e a Inmunización. Encontraba nesas “redes” características comúns: a falta dunha orde xerárquica e o de servir para dar voz á sociedade civil, aparte dos gobernos. Consideraba o Sr. Kofi Annan que esas redes, ou coalicións flexíbeis e orixinais, dan novo significado á expresión “nós, os pobos”.

Mais, no mellor dos casos, todas esas propostas son gromos dun hipotético novo concepto da organización internacional. Os Estados Membros da organización non teñen manifestado entusiasmo por esas propostas e son eles os que marcan o compás da vida internacional. O ideal dunha orde internacional autenticamente democrática fica relegado ao mundo da utopía. “Os pobos das Nacións Unidas” seguen sen teren voz.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2001