Texturas Internacionais nº 1Volver ó sumario
As Nacións Unidas: Fantasía e realidade dunha orde internacional
 
As Nacións Unidas e o desenvolvemento económico-social


Ramón Lugrís
 
Non todo é negativo no panorama das organizacións internacionais. Os chamados organismos especializados, coma a OMS ou a FAO, realizan moitas actividades importantes e positivas que non podemos, nas dimensións do presente traballo, examinar. Pola súa parte, as Nacións Unidas propiamente ditas, quer dicir, a Organización emprazada en Nova York, cos seus órganos, programas, conferencias e comisións (como as cinco Comisións Rexionais en Europa, América, África, Asia e Pacífico e Próximo Oriente), desempeñan moitas funcións e actividades de enorme transcendencia para o mundo enteiro, por máis que tamén esas funcións e actividades sexan albo de críticas e censuras por falta de eficacia e de racionalización.

En primeiro lugar, as Nacións Unidas cumpren un cometido de foro deliberativo moi importante. En realidade, o único foro de debate político de amplitude mundial, que ten transcendencia especialmente nas relacións Norte-Sur. É curioso constatar que, nos longos anos da guerra fría, non se chegaran a debater as diferencias políticas dos sistemas “occidental” e “comunista”, de non ter sido no dominio concreto dos dereitos humanos, e mesmo nese dominio os campos non sempre estiveron definidos pola divisoria Leste-Oeste. Convén mencionar tamén que, moitas veces, occidentais e “bloque soviético” estiveron de acordo en non lle dar ás Nacións Unidas auténticos poderes, e tamén en recortar os recursos de que dispón a Organización.

A divisoria Norte-Sur ten sido importante dende os primeiros tempos da Organización, a comezar polos problemas do colonialismo e, máis adiante, polas esixencias do desenvolvemento económico e social dos países do chamado “terceiro mundo”. Xunto co desenvolvemento e os dereitos humanos, as outras cuestións que se manteñen permanentemente no programa da Asemblea Xeral son o xa mencionado tema do desarme, o dereito internacional, os problemas demográficos e o medio ambiente.

O colonialismo perdeu moito protagonismo porque quedan moi poucos territorios coloniais. A importancia das Nacións Unidas nese campo foi transcendental, principalmente dende que no 1960 a Asemblea Xeral aprobara a Declaración sobre a concesión da independencia aos países e pobos coloniais, e a creación o seguinte ano do chamado Comité Especial dos 24, encargado de examinar a aplicación da Declaración. Nos 40 anos transcorridos uns 60 territorios coloniais, habitados por máis de 80 millóns de persoas, acadaron a independencia e ingresaron coma Membros nas Nacións Unidas. Malia o progreso na loita contra do colonialismo, hoxe a dominación colonial maniféstase doutros xeitos, fundamentalmente no campo económico.

A maior parte da labor das Nacións Unidas –deixando aparte as operacións de mantemento da paz– está orientada a cumprir o mandato enunciado na Carta de “promover niveis de vida máis elevados, traballo permanente para todos e condicións de progreso e desenvolvemento económico e social”. A partir de 1960, a Asemblea Xeral proclamou sucesivamente catro Decenios para o Desenvolvemento e no 1974 aprobou a Declaración e Programa de Acción sobre o establecemento dunha nova Orde Económica Internacional, expresado na Carta de Dereitos e Deberes Económicos dos Estados. As actividades nese dominio do desenvolvemento foron orixe da UNCTAD e de numerosas conferencias internacionais centradas en problemas específicos, como a infancia, o medio ambiente e o desenvolvemento, a poboación e o desenvolvemento, o desenvolvemento social, o progreso da muller e os asentamentos humanos. Pódese incluír neste mesmo apartado a fiscalización das substancias psicotrópicas, que é unha parte importante das actividades da Organización, ou a loita contra a sida.

O problema fundamental é saber qué se entende por desenvolvemento e cómo levalo adiante. O diálogo Norte-Sur é moitas veces diálogo de xordos porque cada grupo trata de levar a auga ao seu muíño, argumentando de acordo co seu modelo de desenvolvemento, modelo que, a cotío, non responde á realidade do mundo. O diálogo Norte-Sur –sexa para tratar o problema das empresas transnacionais, sexa para aproveitar novas fontes de enerxía non tradicionais, ou para tratar da desertización ou do abastecemento de auga– non se pode comparar co que podería ter lugar nun parlamento nacional onde os representantes do pobo dun país defenden intereses inmediatos dos seus representados. Na Asemblea Xeral e nas outras instancias das Nacións Unidas os participantes son diplomáticos que defenden intereses dos seus respectivos gobernos. O diálogo ten poucas posibilidades de acadar grandes resultados. Sucédense as declaracións e os programas, mais os problemas non se resolven por completo. Por exemplo, no caso da proporción do PNB que os países ricos dedicarían á axuda do terceiro mundo, falouse nun principio do un por cento, logo rebaixado ao 0,7 por cento; mais, en realidade, nunca ten chegado a superar, como termo medio, o 0,35 por cento.

Un aspecto relacionado co desenvolvemento é o da asistencia humanitaria e o da intervención en casos de catástrofes, sexan naturais ou provocadas pola acción humana. Entre os órganos encargados desas cuestións, os que teñen maior importancia inmediata son o Alto Comisionado para os Refuxiados, o UNICEF, o Programa Mundial de Alimentos, o Organismo de Obras Públicas e Socorro para os Refuxiados de Palestina e a Oficina para a Rexión Sudanosaheliana. Dentro do limitado dos seus recursos, eses órganos cumpren unha función moi notábel, mais a súa acción soamente pode atender a unha pequena parte das situacións de emerxencia en casos de desprazamento de persoas, de fame xeneralizada ou de explotación laboral da infancia. O feito de que os países ricos canalicen por conducto das Nacións Unidas unha parte importante da axuda humanitaria, alén de servir para tranquilizar as conciencias, ten servido para a formulación do “dereito á inxerencia por razóns humanitarias”, inclusive con medios militares, para prestar axuda en casos urxentes. Mesmo así, o panorama do mundo non dá motivos para nos felicitar polos resultados da acción humanitaria: millóns de nenos seguen sendo explotados nas usinas de Asia ou abandonados nas rúas da América Latina sen esperanza de recibiren axuda, a seca no Sahel ou na Etiopia, combinada con absurdas loitas fronteirizas ou con gobernos dictatoriais, segue matando xente a moreas, e seguen medrando os asentamentos precarios na veciñanza das grandes cidades.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2001