A Carta das Nacións Unidas, asinada o 26 de xuño de 1945 en San Francisco de California, e entrada
en vigor o 24 de outubro do mesmo ano, foi a institucionalización das alianzas dos vencedores da II Guerra
Mundial, que dese xeito procuraban acadar un vello desexo das grandes potencias: a “seguridade colectiva”.
Por seguridade colectiva enténdese un método para regular as relacións de poder entre os diferentes
Estados nacionaIs a través dun sistema máis ou menos centralizado de medidas de seguridade. O poder
permanece nas mans dos Estados soberanos, mais a autoridade para decidir no que afecta ao mantemento da paz corresponde
a unha entidade internacional.
Sen buscarmos antecedentes antigos, o desexo da seguridade colectiva tivo unha primeira manifestación institucional
no ano 1899, cando a Conferencia de Paz creou a “Corte permanente de arbitraxe de A Haia”. Segundo un dos seus
principais creadores, Léon Bourgeois, como non era posíbel establecer por decreto “a paz universal”,
o obxectivo da Conferencia (e doutra posterior, no 1907, na que fracasou o plan de crear unha “Corte de xustiza
arbitral”) era a organización da vida internacional sobor de bases xurídicas. “O desarme progresivo
–dicía Léon Bourgeois, empregando a mesma expresión que aínda hoxe é o leit
motiv da Conferencia de Desarme das Nacións Unidas– será consecuencia dun estado de paz cada día
máis estábel; mais o único medio de acadar ese estado de estabilidade na paz é a afirmación
do Dereito e a garantía de que ese Dereito é respectado polos Estados”.
O seguinte paso, despois da terríbel guerra de 1914-18, foi a “Sociedade das Nacións”; o seu Pacto
fundacional, no artigo 16, consagraba o principio da seguridade colectiva dicindo: “Se un Membro da Sociedade recorrera
á guerra, será considerado ipso facto coma se tivera cometido un acto de guerra contra todos os outros
Membros da Sociedade”.
Nin a arbitraxe de 1899, nin o Pacto da Sociedade das Nacións servían para garantir a seguridade
colectiva porque non contiñan disposicións claras para adoptar medidas contra os infractores, nin
moito menos creaban un órgano executivo capaz de as impor.
Tendo sufrido dúas guerras mundiaIs, as potencias vencedoras e os seus aliados decidiron crear unha nova
organización internacional que non repetira os erros do pasado e fose capaz de manter un estado de seguridade
colectiva. Dos órganos creados pola Carta, tres teñen facultades na esfera da seguridade colectiva:
o Consello de Seguridade, a Asemblea Xeral e o Secretario Xeral (este último, principalmente mediante os
seus “bos oficios” para restar gravidade en caso de controversias), mais a súa efectividade é moi
limitada –por non dicir nula– e as solucións dos conflictos, cando teñen solución, cocíñanse
entre os Estados interesados, principalmente entre os membros permanentes do Consello, e cando este fala institucionalmente
é porque xa está todo argallado.
Como non se chegou a propoñer seriamente a creación dunha forza armada das Nacións Unidas
(os casos das guerras de Corea ou do Golfo non demostran o contrario), naceu o concepto de diplomacia preventiva,
utilizado xa no 1956 coa creación das Forzas de Emerxencia das Nacións Unidas (FENU) e, xa de xeito
máis definitivo, no 1960, co gallo da Operación das Nacións Unidas no Congo (ONUC). Foi Dag
Hammarsköld quen inventou ese nome, nun intento de dar resposta por parte da Organización ao problema
de saber qué función podería substituír no campo da política e da seguridade
ao inalcanzábel ideal da seguridade colectiva. Cada goberno trata de utilizar as Nacións Unidas para
acadar o que lle interesa e os beneficios son directamente proporcionais á forza do Estado interesado: a
URSS, cando existía, para propaganda; os Estados Unidos para loitar contra a URSS e “o comunismo internacional”
ou os “Estados terroristas”, e tamén para conter aos países do terceiro mundo nas súas pretensións
de protagonismo; os movementos de liberación (normalmente, por boca de Estados que os apadriñan)
para seren recoñecidos, e os gobernos dos países que acadan a independencia para se lexitimaren,
en particular se non son democráticos.
Outros dous conceptos xurdiron ulteriormente: o de mantemento da paz e o de establecemento da paz, que son os máis
utilizados para definir as operacións das Nacións Unidas na actualidade. Fálase tamén
de creación de medidas de confianza, mais este é un concepto tomado en préstamo de Organización
da Seguridade e da Cooperación en Europa (OSCE).
As actividades relativas ao mantemento ou establecemento da paz foron aumentando en importancia. Ao rematar 1999,
había 45.000 persoas participantes nesas operacións. Operacións que, coma no caso de Timor
Oriental e de Kosovo, son de enorme complexidade, xa que representan reconstruír, a partir de cero, sociedades
totalmente destruídas. Os gastos estimados das operacións de mantemento da paz no ano 2000 andan
preto dos 40.000 millóns de dólares (financiados con cargo a recursos extraordinarios); con todo,
esa importante cifra non chega a representar nin o 0,5 por cento dos 800.000 millóns de dólares que,
aproximadamente, destinan os Estados Membros da Organización aos gastos de defensa nacional.
Unha das posibilidades de intervención (que é un concepto necesariamente resultante da diplomacia
preventiva e das operacións en materia de paz) das Nacións Unidas nunha situación de conflicto
é a imposición de sancións. Nos seus primeiros 45 anos de vida, as Nacións Unidas soamente
aplicaron sancións en dous casos: Rhodesia e Sudáfrica. A partir de 1990 multiplicáronse as
sancións: Iraq, Iugoslavia, Haití, Libia, Sudán, Afganistán, Camboia (na parte dos
khmer roxos), Angola (contra UNITA) e Serra Leona son outros tantos exemplos. Tamén embargos de armas, coma
nos casos de Somalia, Liberia e Rwanda. Poderíase pensar que o crecente uso das sancións é
proba de que o Consello de Seguridade ten máis forza para dar resposta a problemas de seguridade internacional,
mais o certo é que moitas veces as sancións son un substituto de medidas máis radicais e de
solucións duradeiras.
Para os membros do Consello de Seguridade as sancións poden constituír un xeito relativamente barato
de dar a impresión de que toman medidas eficaces; mais as medidas do Consello poden ao mesmo tempo ser moi
prexudiciais para Estados inocentes que resultan afectados polas sancións contra outro Estado. Alén
diso, as sancións poden ser tamén a alternativa, ou mesmo o preludio, da guerra.
O propio Kofi Annan recoñecía, na súa Memoria anual do 2000, que as sancións teñen
dado resultados desiguais coma estímulo para o cumprimento das resolucións do Consello de Seguridade
e, nos derradeiros anos, dubídase cada vez máis da súa eficacia. No caso das sancións
económicas xerais, preocupan os seus efectos negativos para o pobo do país afectado e para os Estados
veciños cunhas relacións comerciais que resultan danadas polas sancións sen que perciban compensación
de ningún tipo polos danos padecidos. “Paradoxalmente –dicía o Secretario Xeral–,as elites políticas
que compoñen os réximes téñense de cote beneficiado economicamente dos mercados negros
xurdidos para eludir as sancións que pretendían exercer presión sobre esas elites”. Por eso,
nun recente estudio sobre as sancións (David Cortright e George A. Lopez: The Sanctions Decade. Assessing
UN Strategies in the 1990s) os autores dicían que as sancións deberían aplicarse ás
elites con poder de decisión e tratar de evitar problemas humanitarios involuntarios ou de afectar negativamente
aos grupos de oposición no país de que se trate.
Un elemento fundamental da seguridade colectiva é o desarme. Entendido en sentido estricto, o desarme é
unha utopía inalcanzábel, de xeito que o que se chama desarme é, no mellor dos casos, a limitación
ou a reducción dos armamentos. As Nacións Unidas, dende a súa fundación, teñen
coma un dos seus obxectivos principais o de limitar os armamentos no mundo. No 1954 entrou no programa da Asemblea
Xeral por vez primeira o tema do “desarme xeral e completo”, mais xa mediada a década de 1960 chegouse á
conclusión de que ese obxectivo non se podía acadar e que había que se contentar con obxectivos
parciais máis limitados.
Ao final da década dos 70 estableceuse unha nova estratexia de desarme. Por iniciativa dos países
non-aliñados, a Asemblea Xeral celebrou o primeiro dos seus períodos extraordinarios de sesións
dedicados ao desarme. O Documento Final saído da reunión, e que fora aprobado por unanimidade, establecía
obxectivos, principios e prioridades para a limitación de armamentos, e un programa de acción que
tiña como meta o desarme xeral e completo. Como é evidente, nin aquel Programa de Acción,
nin os documentos saídos de novos períodos extraordinarios de sesións da Asemblea Xeral deron
resultados positivos.
Alén dos mecanismos creados pola Carta para tratar o tema do desarme (a Primeira Comisión da Asemblea
e a Comisión de Desarme), hai un foro, a Conferencia de Desarme, que está encargada de examinar as
cuestións relacionadas coas armas nucleares e outras armas de destrucción en masa e, máis
recentemente, co problema das armas convencionais. Un froito da Conferencia é a Convención sobre
as Armas Químicas.
Na esfera do armamento nuclear, e aínda que neste ano teñen aumentado as ratificacións do
Tratado sobre a prohibición total das armas nucleares, hai moitos problemas que dificultan a súa
aplicación, en especial a posición do Senado dos Estados Unidos, contraria á ratificación.
No eido das chamadas armas convencionais, que son as que máis mortes causan, no ano 2001 vaise celebrar
a Conferencia sobre o tráfico ilícito de armas pequenas e lixeiras. Coma sinalou o Secretario Xeral,
o número de mortes causadas polas armas pequenas “na maioría dos anos supera o número de víctimas
das bombas atómicas que devastaron Hiroshima e Nagasaki”. Unha grande parte dos excedentes de armas pequenas
ao rematar a “guerra fría” foron parar nas zonas de conflicto máis perigosas do mundo e, canto máis
aumentaba o número de armas en circulación –calcúlase en 500 millóns–, máis
baixaba o seu prezo. Por exemplo, hai catro ou cinco anos podíase comprar un subfusil en África polo
prezo dunha galiña ou dunha bolsa de millo. E nos mercados nas pequenas vilas do norte do Pakistán
temos visto persoalmente armas de todo tipo penduradas coma se fosen restras de chourizos.
Un índice do fracaso de tódolos plans de acción e das estratexias de desarme é o feito
de que, no ano 1999, os gastos militares aumentaron por vez primeira no período posterior á “guerra
fría”, situándose en pouco menos de 800.000 millóns de dólares, que representan o 2,6
por cento do PNB do mundo enteiro. |