Texturas nº 4 - Abril/2000
Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
Principais claves para entender os conflictos do Machrek (1)
|
No seu grave rincón, os xogadores rexen as lentas pezas. O taboeiro demóraos ata o mencer no seu severo ámbito no que se odian dúas cores. |
|
Adentro irradian máxicos rigores as formas: torre homérica, lixeiro cabalo, armada reina, rei postreiro, oblicuo alfil e peóns agresores. |
| Cando os xogadores marchen, cando o tempo os consuma, certamente non terá cesado o rito. |
| No Oriente prendeu esta guerra que ten por anfiteatro hoxe toda a terra. |
| Como o outro este xogo é infinito. |
|
J.L. Borges. “Ajedrez” |
Orixe do actual Oriente Medio
O Mundo Árabe tende a confundirse irremediablemente co Mundo Islámico, por iso cando buscamos o comezo do Mundo Árabe Contemporáneo atopámolo na Héxira (2) (aínda que o pobo árabe remóntase a moitos séculos atrás). Pode afirmarse que o Islam comeza con un acto de emigración (3), fenómeno que se converterá nunha constante dentro do pobo árabe. Primeiro, será unha emigración dominante e cultural (4); no ano 711, os árabes penetran en España e permanecerán ata o ano 1492 no que son expulsados polos Reis Católicos; posteriormente, e ata os nosos días, será unha emigración económica principalmente e unha das causas de desenraizamento deste pobo.
Pero os pobos de Oriente Medio non só serán dominantes senón que serán dominados. A historia do Mediterráneo é a historia de constantes batallas, pero non por motivos relixiosos nin culturais (5) senón por cuestións de xeopolítica e xeoestratexia que hoxendía seguen vixentes.
Será a partir de 1492 cando o Mundo Árabe se debilite dando paso a unha nova dominación: o Imperio Otomano. Os turcos dominan o espacio árabe (6) dende o ano 1515 ata o 1915. Aínda que esta anexión do territorio efectuarase sempre baixo uns determinados parámetros: o respecto á cultura, ós pobos e ás súas diferentes relixións.
![]() |
|
| Mapa do Machrek. Fonte: Current History. | |
Tras a II Guerra Mundial e a creación da ONU (Organización das Nacións Unidas) en 1945, as potencias colonizadoras veranse forzadas a conceder a independencia ás súas colonias; pero poucas serán as que consigan, ademais da independencia, a fin da influencia da antiga metrópole; soamente Exipto sairá da influencia británica en 1952 gracias á política levada a cabo por Nasser.
A maioría das colonias van permanecer baixo o halo dunhas potencias hexemónicas que se darán o relevo a través dos anos para exercer ese poder de inxerencia interna. No fondo, seguen a considerar o Mundo Árabe como despótico e subdesenvolvido, e por iso deben transmitirlle o “progreso”; incluso territorios coma o da Arabia Saudita, que se librou dunha colonización directa, sofrerá o parasitismo de mans das empresas petrolíferas americanas e europeas.
Os Estados árabes como tal, son consecuencia da “descolonización desorganizada” que se levou a cabo nestes anos. Ata ese momento, o concepto de Estado-Nación era totalmente alleo á realidade árabe, baseada dende o seus inicios nun sistema de tribus ou taifas. Debido a esta recente e apresurada creación, a democracia aínda non está consolidada (8). Falamos de países con un sistema político fráxil e de carácter autoritario que ten o seu principal apoio no clientelismo.
A maioría son Estados xurdidos das revolucións e de golpes de Estado, lexitimados a través da restauración do honor e da integridade nacional (9). Nese proceso converxen dous tipos de Estados que veñen a seguir o mesmo modelo: un, o da honra, é o do patrimonio familiar, sistema patriarcal que xenera un clientelismo de tipo político e administrativo; outro, o da integridade nacional, é o Estado monopolio, vencellado a un clientelismo basicamente económico e centrado no control de todos os recursos do país e con eles a distribución da renda. Pero non son modelos totalmente diferenciados senón que, a realidade actual árabe invita a combinalos e compartilos.
O Mundo Árabe padeceu nos dous últimos séculos tantas interferencias que o levaron a ser un ámbito rexional penetrado e polarizado. Pero as consecuencias máis graves proveñen do período da Guerra Fría. Os nacentes Estados Árabes precisaban apoios económicos e militares para a súa supervivencia, e para conseguilos, nun contexto de bipolaridade, tiveron que tomar partido e forzar alianzas. Contrariamente ó que podía agardarse, os países de tendencia non comunista situáronse no escenario pro-URSS (Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas), mentres que os países máis autoritarios da esfera do Machrek foron apadriñados por EEUU (Estados Unidos de América). Estas alianzas, finalmente, alentaron aínda unha inestabilidade e fraxilidade maior da preexistente. A importancia da posición xeoestratéxica impediu que se mantiveran nun discreto segundo plano durante todos eses anos.
Hoxe, esta mesma posición provoca que a política interna de Oriente Medio sexa noticia de cabeceira
na vida internacional e cita obrigada na axenda das potencias máis preeminentes da actualidade: EEUU, a
exURSS e a UE (Unión Europea), ademais da relevancia que está a adquirir o papel mediador da China.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2000