Texturas nº 4 - Abril/2000Volver ó sumario


Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
Principais claves para entender os conflictos do Machrek


Marta Cabrera

O pensamento ideolóxico árabe de mediados a finais do século XX

As diversas situacións políticas vividas en Oriente Medio nas últimas décadas, levaron a que, durante a segunda metade do século XX, xurdiran diversas correntes de pensamento, opostas entre elas pero con unha base idéntica e compartida: o autoritarismo.

A primeira delas propón un rexurdimento para poder escapar dunha herdanza colonial totalmente allea á cultura árabe tradicional. A súa proposta é unha volta clara e progresiva cara ós fundamentos do Islam. É o Fundamentalismo. Inicialmente, esta corrente non obtivo o éxito desexado polos seus precursores, pero non se extinguiu e continuou o seu lento pero inexorable camiño ata situarse, nos anos 90, de novo á cabeza como pensamento guía dunha gran maioría dos movementos políticos árabes.

A seguinte corrente ten un carácter liberal, aínda que a súa proposta non é nada innovadora e carece de fundamento propiamente liberalista. A súa proposta consiste nun relanzamento político tomando como exemplo a Occidente e adoptando os seus modelos de Estado e de goberno. Pero estes modelos, adaptados a Oriente Medio, tiveron un resultado máis ben pobre e decepcionante con unha visión do poder político de forma vertical, é dicir, nucleados arredor de grandes familias ou clans que nas eleccións repartíanse o poder e constituíanse en parlamento. Este xogo non se adecuaba á realidade social e por iso rematou en rotundo fracaso.

A terceira corrente ten semellanzas á liberal pero o seu carácter é de signo socialista. Preténdese crear un socialismo humanista, distanciado do espíritu comunista da época. Propoñen nacionalizacións e unha distribución máis xusta da riqueza, propiciando certa ampliación da base social deses dirixentes-ideólogos, a diferencia doutras correntes nas que o pobo mantense total e deliberadamente á marxe. Pero de novo, a deriva autoritaria e un socialismo antiproductivo propician o fracaso da corrente socializadora, nun contexto marcado por un forte declive provocado polas crises económicas mundiais da época –anos 60/70–.

A cuarta corrente é quizáis unha das principais, xunto co fundamentalismo, xa que os seus coletazos séntense aínda agora que estamos a principiar un novo século. Trátase do arabismo levado a súa vertente máis extrema: o panarabismo (10). Esta corrente, apoiase na fragmentación creada polo colonialismo e a ficción dos Estados-Nación posteriores e propugna unha unión árabe que, nunha primeira etapa, sería unha unión política para converterse, na súa segunda fase, nunha unión territorial (11). A pesar do seu atractivo, ningún sistema se sostén sen unha base sólida e non hai actores civís que axuden a vertebrar e consolidar esta idea autoritaria de Estado Central dirixido por un líder carismático e unificador. Despois da creación da Liga de Estados Árabes (12) (1945) comprobouse que ningún Estado Nacional estaba disposto a ceder competencias que implicasen limitación de soberanía.

A quinta corrente é a versión deformada dun capitalismo exacerbado que algúns baptizaban como Modernismo pero que en realidade debería chamarse consumismo. A súa base está nas rendas petrolíferas que transforman o país máis humilde nunha grande potencia económica. Pero é un gran bluff, pois o desenvolvemento dun país debe ser gradual e implicar a todos os seus sectores; as transformacións económicas teñen que secundarse con transformacións de carácter político e social para poder conseguir resultados satisfactorios. Nos países que puxeron en práctica esta idea (13) as demandas da sociedade civil non foron satisfeitas debido a que os desequilibrios provocados por estas políticas económicas foron moi pronunciados. “A modernización é imposta pero non asumida” (14).

O círculo péchase con unha volta ás orixes; tanto de mans do panarabismo como do fundamentalismo; pero ambas, por regla xeral, nas súas vertentes máis extremas xerando unha profunda inestabilidade social e política (15) e provocando auténtico medo nun mundo exterior que toma precaucións. Esas cautelas repercuten de inmediato en ralentización dos ingresos económicos (turismo, investimentos...) e, conseguintemente, en hipotecas respecto do desenvolvemento futuro. O caso do panarabismo é incluso contradictorio, pois non só se loita por unha unión árabe que faga fronte ó mundo, senón que se converte nunha loita polo liderato desta federación que podería levar a loitas fratricidas, máis graves e intensas que a posible inxerencia exterior en asuntos internos dos propios Estados Árabes.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2000