Texturas nº 4 - Abril/2000Volver ó sumario


Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
Principais claves para entender os conflictos do Machrek


Marta Cabrera

Islamismo militante

O primeiro que debemos sinalar a respecto do fundamentalismo islámico, é que a pesares de que o Islam é a relixión maioritaria, no Mundo Árabe non é a única. Non todos os árabes son musulmáns, do mesmo xeito que non todos os musulmáns son árabes. A zona do Dar al Islam (16) (territorio do Islam) é bastante máis ampla que o Magreb e o Machrek, aínda que esta última zona caracterízase pola multiplicidade relixiosa da súa poboación.

O Islam político é a base na que asenta a corrente fundamentalísima ou integrista: o islamismo militante. Pero en ningún caso hai que confundir unha corrente socio-política moderada de ampla base social e de carácter tolerante e aberto, con un conxunto de grupúsculos, nalgúns casos terroristas, que fomentan a violencia indiscriminada e pretenden impor a toda custa o seu proxecto islamista sen reparar nos medios para conseguilo.

O fundamentalismo islámico é, como calquera outro fundamentalismo (17), unha ideoloxía que, apoiándose na relixión e na autoridade do Quram (Corán), pretende argumentar a lexitimación da acción política, social (18) e económica. Pero sempre dunha forma absolutista e carente de pluralidade.

Rematada a Guerra Fría, desaparecía tamén a chamada “ameaza vermella” do comunismo. No mundo cambiante desa década, Occidente tiña a necesidade apremiante de buscar outro inimigo potencial para xustificar as súas cuestionadas políticas de defensa e armamento. O papel disputábanno a China e os Países Árabes (19), pero foron estes últimos, co rexurdimento do integrismo, quen conseguiron a nominación principal. Había que falar da “ameaza verde” (20).

O que non recoñece Occidente é o seu papel de inductor obxectivo dese novo desafío, pois foi a súa política na zona, dende finais do XIX, a principal causante do impulso e rexurdimento destes movementos que, se ben sempre presentes, unicamente emerxen con ímpetu en situacións de crise social profunda.

Occidente fomentou –por resultar beneficioso para os seus intereses– a creación duns Estados-Nación de carácter artificial e gobernados por unhas oligarquías civís ou militares, que deron paso a unha modernidade socialmente opresora. É esa mesma colectividade quen, ó sentirse excluída do ámbito do Estado, reclama a soberanía divina. A soberanía pertence ó pobo, non porque unha Constitución así o dictamine senón porque foi o mesmo Deus quen llela outorgou. No fondo, o que se pretende conseguir é unha plena participación política da sociedade como conxunto; diríase que como nas democracias occidentais, pero seguindo sendas diferentes (21).

As contradiccións dos actuais sistemas de goberno implantados nos Países Árabes son desproporcionadas. Á par da existencia dunhas repúblicas dinásticas fronte a unhas monarquías non constitucionais, a participación política do pobo non existe e este, para defender os seus intereses lexítimos, apoiase no único instrumento que a procura: o seu libro sagrado ou Quram. Nalgúns casos xa non se trata dunha cuestión de dereitos, senón de simple supervivencia fronte a un Estado totalmente independente, que opera á marxe da sociedade e instalado nunha economía xenerosa pero monodependente dos abultados ingresos que proporciona a explotación dos hidrocarburos.

Cómpre considerar todos estes factores para evitar cair no superficialismo ó analizar o islamismo militante. Non todo é fundamentalismo e violencia, pero si é o único que se quere ver dende Occidente. Hoxendía, o verdadeiro islamismo, o islamismo político, máis que buscar unha auténtica volta ás orixes, o que pretende é retomar o camiño das sociedades árabes cara o desenvolvemento en todos os campos (social, cultural, económico e político) se ben afastándose da vía occidentalista (22). Pretende simplemente seguir a evolución natural da súa propia cultura.

As características xerais destes movementos adoitan coincidir, na medida en que persiguen un obxectivo común. Pero existe unha gran diversidade de grupos que pertencen a ramas ou escolas islámicas distintas e algunhas moi diferenciadas entre si. Esta pluralidade determina que o método utilizado para conseguir unha finalidade concreta varíe significativamente duns a outros (23) e por iso tamén os apoios internos en cada sociedade varían tamén de forma notable. Igualmente, cada goberno actuará dunha forma ou doutra segundo sexa a naturaleza dos grupos militantes que teñan implantación nesa comunidade; nalgúns casos contarán con apoio gobernamental (e incluso participación no executivo) mentres que noutros alentarase a súa total marxinación (24).Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2000