Texturas nº 4 - Abril/2000
Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
Principais claves para entender os conflictos do Machrek
De Suez ó petróleo
No século XIX o comercio estaba controlado polos españois cara América e polos británicos cara Asia. A pugna polo control das grandes rutas comerciais foi o desencadeante que obrigou a Gran Bretaña a tomar posicións no Mar Roxo (Adén), Golfo Pérsico e Océano Índico. Aínda así o comercio estaba condicionado polo feito de atoparse cortado o tráfico marítimo entre o Mediterráneo e o Mar Roxo. Este foi o motivo da realización dunha das maiores obras de enxeñería da historia, o Canal de Suez, que entraría en servicio en 1869. A dominación nesta época era soamente de carácter político e territorial, o comercio era aínda basicamente de tránsito; bastaba con controlar as rutas e vías de paso ademais do telégrafo. Así foi ata que en 1914 descubriuse a enorme reserva petrolífera da zona que será axiña monopolizada por Gran Bretaña e Alemaña.
Rematada a I Guerra Mundial, a situación na rexión experimentou un notable cambio ó entrar en xogo potencias como Francia e os Estados Unidos, en substitución da derrotada Alemania. Pero non será ata despois da II Guerra Mundial que se leve a cabo unha verdadeira explotación dos recursos. Ata ese momento o petróleo era exportado directamente pero a partir de entón a explotación vai ser directa; entran en xogo as grandes compañías estranxeiras que establecen na zona as súas refinerías a cambio duns mínimos royaltis que irán a parar ás mans das grandes familias dirixentes.
Tras a crise do Canal de Suez (1956), na que o presidente exipcio Nasser nacionaliza o canal arrebatándollelo a británicos e franceses, serán os EEUU (33) quen pasen a dominar o territorio, a política e o comercio. A súa influencia irase acrecentando de forma certeira, ata hoxendía, que exerce de moderador dos procesos de paz e de redentor en contendas bélicas.
Cabe dicir que o seu papel non é nada desinteresado. Durante a II Guerra do Golfo, a intervención dos EEUU non foi casual nin tampouco buscaba a “xustiza”, senón tan só preservar as súas reservas de crú que pasaban a mans dos iraquíes, ós que dende entón mantén illados e con fortes sancións internacionais. A propaganda mediática desta contenda e a súa parcial e peculiar visión da situación de Iraq, non acostuma explicitar ante a sociedade internacional o transfondo do conflicto e as verdadeiras razóns que impulsaron a actuar tanto a Iraq como os EEUU.
A importancia que o ouro negro reviste aínda hoxe para o mundo occidental (34) pon en entredito as actuacións que poidan levarse a cabo fronte ou en alianza con países do Machrek (sobre todo por parte de EEUU). Prevalecerán os intereses sobre os principios. O petróleo vulnera a integridade de Oriente Medio. Esta afirmación é corroborada pola simple observación de distintos acontecementos histórico-económicos nos que o petróleo, ou o seu prezo, é ben factor desencadeante da crise, ou inevitable consecuencia desta. Entre estes acontecementos cabería destacar como principais:
• A guerra de 1967, sostida por Israel e os Países Árabes. Debido a este conflicto vaise pechar o Canal de Suez entorpecendo todo o tráfico marítimo e provocando unha subida desmesurada do prezo do crú.
• Cambio de goberno en Libia coa chegada ó poder de Muammar El Gadaffi. Por mor da elevada inflación, Gadaffi adoptará medidas proteccionistas (35) encamiñadas a frear a producción de petróleo, asegurando a súa preservación para unha futura conxuntura económica internacional máis favorable ós seus intereses.
• Oleoducto Arabia Saudita-Xordania-Siria-Mediterráneo. Este oleoducto avíase na década dos 70. A situación política de entón variou substancialmente. O consenso existente para a súa construcción desapareceu a causa do reiterado apoio dos EEUU a Israel (enfrontado nesa época ó resto dos Países Árabes). Para a súa posible reparación esíxense desorbitados dereitos de tránsito.
• A revolución iraní e o derrocamento do Sha. Novamente un cambio de goberno tambalea toda a infraestructura petrolífera da zona. Jomeini e o seu réxime chiíta modifican radicalmente a política iraní, tanto interna como exterior, e opóñense a favorecer a Occidente co seu petróleo; en consecuencia aumentan os prezos en máis dun 160%.
Na década dos 80 o efecto é totalmente contrario. O petróleo, debido á forte inflación, baixa substancialmente de prezo. En consecuencia, unha profunda crise sobrevén no Mundo Árabe provocando a súa vez unha radicalización dos movementos islamistas.
• I Guerra do Golfo, entre Irán e Iraq. Durante o tempo que dura a guerra a exportación de petróleo por parte destes dous países vese seriamente afectada.
• II Guerra do Golfo. En 1991 dispáranse novamente os prezos. Todo o Machrek vese afectado por esta guerra lóstrego pero principalmente Cuwait e Iraq, dous dos principais países exportadores. O prezo aumenta un 150% pero será por un breve espacio de tempo. En 1998 os prezos volveran ó seu nivel prebélico.
Estas son só mostras dalgúns dos acontecementos políticos e económicos de Oriente Medio que presentan como denominador común o petróleo e, consecuentemente, os enormes intereses de Occidente na rexión. En 1999 o prezo aumentou outro 130% e a previsión para os próximos anos é que aumente aínda máis. As causas, nesta ocasión, son menos específicas: responde, en primeiro lugar, a unha decisión política da OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo) de diminuír a producción; o fracaso da enerxía nuclear como alternativa (36); o crecemento da economía europea que favorece a demanda do crú así como o recén recobrado poder financieiro asiático que tamén provoca un crecemento da súa demanda. Neste caso, a China incorpórase na dinámica internacional como axente importador. En cambio, as perspectivas de renovación das reservas petrolíferas a corto ou medio prazo son, practicamente nulas. Por último, outras zonas petrolíferas, como Rusia, non poden explotar suficientemente os seus recursos ben por inestabilidade política, por falla de recursos, ou por ubicarse os xacementos en zonas en situación de guerra case permanente que, en suma, impiden o transporte do crú por mor da inexistencia de acordos internacionais que garantan a seguridade.
Todos estes factores converten a Oriente Medio, de novo, na fonte indiscutible do consumo mundial de petróleo. Pero esta rexión non deixa de estar en constante litixio interno e nunha permanente cruzada contra Israel e os EEUU, sobre todo se temos en conta que o 65% das reservas mundiais atópanse divididas entre os países do Golfo Pérsico e Iraq. Dende esa perspectiva, o resultado non é nada esperanzador para os países consumidores, cando menos no futuro inmediato (37).
Con estas variables, a importancia do Mundo Árabe medra considerablemente, tanto cara Occidente como
tamén cara a Asia; e por iso tamén urxe arbitrar fórmulas de futuro que garantan esa desexada
estabilidade que debe asentar nunha paz verdadeira.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2000