Texturas nº 4 - Abril/2000Volver ó sumario


Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
Os conflictos no Machrek


Marta Cabrera

Da creación do Estado de Israel a hoxe

En maio de 1948 nace o novo Estado de Israel, proclamado de forma unilateral pola comunidade xudea despois de que o plan de partición da ONU fose rexeitado polos árabes.

Coa creación definitiva do seu Estado, os xudeus provocan a primeira Guerra Árabe-Israelí. Esta guerra desenvolveuse de forma moi desigual debido ás grandes diferencias de medios existentes entre os contendentes, toda unha constante ata hoxendía. Os israelís contaban con máis recursos económicos e gozaban dun amplo poder militar. Partindo destas condicións a victoria israelí era previsible.

Unha das consecuencias máis severas desta guerra foi a perda de territorio. O recén creado Estado ampliou a súa base territorial máis alá dos límites establecidos pola ONU; e os territorios palestinos de Gaza e Cisxordania quedarían asimilados a Exipto e Xordania. Era a fin de todo intento por manter a Palestina como un Estado independente e soberano; incluso a súa capital, Xerusalén, foi dividida. A maiores, aproveitando o éxodo e a fragmentación do pobo palestino (400 pobos desaparecidos) así como a desarticulación social producida polo conflicto, os xudeus levaron a cabo un intenso labor de “purificación árabe” que hoxe nin negan moitos dos historiadores israelíes.

Durante a década dos 50 foise vertebrando un amplo movemento palestino de resistencia, principalmente estudiantil. Deses mimbres xurdirán algúns dos líderes palestinos actuais coma o propio Yaser Arafat. En parello, os israelís proseguían o seu asentamento na zona, mediante a instalación masiva de xudeus coa anuencia dunhas potencias occidentais que sacrifican normas e principios ao interese estratéxico de contar na rexión con ese “Estado tapón”. En 1956, na Guerra de Suez, Israel aliñouse con Francia e Gran Bretaña en contra da nacionalización do canal por parte de Exipto, demostrando o seu firme compromiso de loita contra o nacionalismo árabe.

Despois de levar a cabo pequenas accións, en 1964 crease a OLP (Organización para a Liberación de Palestina) que comezará a actuar oficialmente en 1967. Nese mesmo ano, Nasser decide pechar o estreito de Tirán á navegación marítima. Israel asume esa decisión como unha provocación que aproveita para lanzar unha ofensiva militar. É a Guerra dos Seis Días e nela Exipto perderá o Sinaí. Israel ocupará, ademais, Gaza, Cisxordania e os Altos do Golán. E anexionase Xerusalén.

Esta guerra proporciona a Israel o control definitivo da auga na zona, pero a súa importancia tamén radica en que consegue todo o territorio palestino (non anexiona territorios, só efectúa unha ocupación militar dos mesmos porque ó non poder expulsar a toda á poboación árabe tería que conceder a nacionalidade israelí a demasiados árabes), e establece un estado de excepción permanente e unha subordinación total en todos os aspectos, económico social territorial e incluso político (todos os movementos nacionalistas e independentistas que poidan xurdir van ser perseguidos) que garantirá a continuidade do conflicto.

A revancha árabe non se produce ata 1973. É a Guerra do Yom Kippur (Todos os Santos). Está protagonizada por Exipto e Siria que pretenden recuperar os seus territorios respectivos. Pero un terceiro personaxe –Kissinger– fai perigar a alianza acadada por estes dous Estados árabes con tentadoras promesas ó goberno de Sadat. A tan “prometedora” Guerra do Yom Kippur remata nun cese o fogo que conducirá ós primeiros acordos de paz en 1978, os acordos de Camp David, entre Israel e Exipto que a súa vez proporcionan a firma dun Tratado de Paz en 1979.

Neste impasse de tempo entre o alto o fogo e os acordos de Camp David prodúcense varios feitos significativos: despois da expulsión da OLP de Xordania (58), por mor do “Setembro Negro” e a súa instalación en Beirut, a ONU decide recoñecela como lexítimo representante do pobo palestino; a súa vez a ONU define o sionismo como un movemento racista. Ademais os acordos de Camp David terán un efecto negativo para Exipto fronte os seus veciños árabes; Exipto é excluído da Liga de Estados Árabes e neutralizase como punto xeoestratéxico ata 1989.

Dende o ano 1977, en Israel sucédense gobernos conservadores que recrúan as súas políticas de acoso, sobre todo, contra Siria e Líbano. No verán de 1981 prodúcense diversos escarceos entre estes dous países e diversas violacións do espacio aéreo árabe por parte israelí, ademais de ataques contra obxectivos israelís por parte da resistencia palestina.

Estas actuacións desembocan nunha nova guerra e Israel ataca e invade o Líbano en 1982. O obxectivo último de Israel neste caso é a erradicación total e completa da resistencia palestina, en definitiva, que a cuestión palestina deixe de ser unha variable en Oriente Medio. A operación militar tamén serve de proba para verificar a opción pro-occidentalista de Exipto.

Pero esta guerra non atinxirá os seus obxectivos e non servirá máis que para complicarlle a súa existencia a Israel. A OLP sae fortalecida e Arafat é recibido case con honores de xefe de Estado en Atenas, antes do seu traslado a Túnez. A resistencia dentro dos TTOO cobra forza e comeza a súa organización.

É dende o Líbano que se lanza a Intifada (insurrección popular dentro dos TTOO) pero o seu auxe está dentro dos propios territorios onde se vai rexeitar a ocupación fomentando a desobediencia civil. Os israelís arrancan a venda dos ollos da opinión pública mundial cando o seu exército sae a rúa e lánzase sen piedade contra xoves palestinos que só portan paus e pedras como arma. Estas imaxes darán a volta ó mundo e descubrirase a verdade sobre a ocupación israelí. A consecuencia máis importante non só da Intifada senón de toda a resistencia, é a retirada administrativa por parte de Xordania da Cisxordania, o que facilitará que o Consello Nacional Palestino proclame o Estado de Palestina (59).Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/05/2000