Texturas nº 4 - Abril/2000Volver ó sumario


Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
As resolucións da ONU


Marta Cabrera

Dende a creación do Estado de Israel en 1948, a producción de resolucións e recomendacións por parte da ONU é moi abundante, tanto por parte do Consello de Seguridade como da Asemblea Xeral. Pero o que non se percibe é a vontade de acatalas e cumprilas por parte de Israel.

Tampouco, por parte da ONU, apreciase un esforzo por entrar en materia e materializar estas resolucións. A maioría das veces limítase a condenar as accións que incumpren leis internacionais sen engadir profundidade e reflexión ós seus textos. Tanto investigadores como expertos internacionais atopan nesta materia fundamentos dabondo para argumentar as acusacións sobre o sometemento da ONU ó mandato estadounidense.

Outras das grandes críticas que se verquen contra a ONU garda relación co feito de que as súas resolucións poden non ser acatadas sen que se adopten medidas sancionadoras e coercitivas cara ó infractor; é o que acontece con Israel. Por esta razón, a capacidade de mediación das NNUU no conflicto árabe-israelí é moi relativa e sempre cuestionada.

As NNUU son acusadas de practicar un dobre raseiro, claramente evidenciado á hora de emitir e facer cumprir resolucións dependendo de quen se trate –basta observar como se executan as resolucións da ONU en Iraq–. O problema radica no feito de que cada vez que algún país árabe comete unha pequena infracción, non xa de resolucións da ONU senón de simples acordos bilaterais, por exemplo, esta mesma ONU cuestionase a súa capacidade para acadar unha paz real e incluso no caso palestino a súa propia capacidade de autogoberno.

Enumerar a numerosa lista de resolucións da ONU sobre Israel é tarea árdua pero hai sempre unha coincidencia nos temas e aspectos (60) a tratar.

A primeira resolución, probablemente a máis relevante, é a 181 da Asemblea Xeral do 29 de novembro de 1947 relativa ó plan de partición. Esta resolución xa facía referencia á ameaza que suporía para a paz o establecemento de Israel en territorio palestino. Tamén trata os dereitos das minorías e o problema da cidade, baixo réxime internacional, de Xerusalén. Esta é a primeira refencia que se fai á disputa pola capital dos dous Estados, Israel e Palestina.

Outra das constantes nas resolucións é o problema dos refuxiados. As NNUU crearon a UNRWA para dirixir os campamentos de refuxiados que aínda hoxe subsisten, pero a pesar das resolucións, agora mesmo, cando se fala dunha posible solución do conflicto ninguén sabe que destino deparará ós millóns de persoas que viven desprazadas e exiliadas.

Respecto ós TTOO tamén existen resolucións que non soamente condenan a situación senón que esixen a retirada do exército israelí da zona e demandan ó resto dos Estados que non axuden de ningún xeito a que Israel continue con esta política, especialmente co subministro de material militar. Os resultados ademáis de inútiles poden considerarse insultantes.

Por último habería que facer mención dun tipo de resolucións volcadas nos dereitos humanos e que pivotan arredor do establecemento dun comité de investigación sobre as actuacións israelís en contra da poboación árabe, sobre todo nos TTOO.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/05/2000