Texturas nº 4 - Abril/2000Volver ó sumario


Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
Os conflictos no Machrek


Marta Cabrera

A paz prometida

En 1991 desenvolvese outra contenda no escenario bélico do Machrek. É a II Guerra do Golfo, entre Iraq (que invade Cuwait) e os EEUU. O resultado desta guerra, perda do papel de potencia de Iraq e debilitamento da OLP, fixo xirar 180 grados a situación da zona e mundial... O Presidente Bush considerou chegado o momento de escenificar a fin da URSS como superpotencia e o nacemento dunha “Nova Orde Mundial” nucleada arredor da defensa preminente dos seus intereses xeoestratéxicos e económicos. Nesa perspectiva, decide impulsar a fondo a resolución do conflicto árabe-israelí.

O proceso iniciase coa Conferencia Internacional de Paz para Oriente Medio en Madrid en 1991. Pero de novo as “boas intencións” non son suficientes e a actitude israelí fai notar que tan só queren gañar tempo; esixen que Palestina non teña delegación autónoma e que na delegación tampouco se inclúa Xerusalén, nin a OLP nin ós palestinos no exilio. En Madrid creáse desconfianza e desencanto mentres que Israel aproveitase da atención posta na Conferencia para ampliar os TTOO.

O resultado desta Conferencia é proclamado por Occidente como un gran éxito, pero a realidade é ben distinta. Únicamente quedou clara a necesidade de establecer dúas liñas de negociación: bilaterais, entre Israel e os respectivos países inmersos no conflicto; e multilaterais, para a resolución dos asuntos que afectan a todos.

Coa chegada ó poder en Israel, de novo, dos laboristas ábrense novas vías de diálogo, aínda que sexa de forma secreta, coa OLP, que darán como resultado os Acordos de Oslo de 1993. A importancia destes acordos radica non soamente no restablecemento do diálogo senón nun recoñecemento mutuo e público por parte dos dous gobernos e unha Declaración de principios de autogoberno para os palestinos, así como a fixación dun prazo de cinco anos para atopar unha resolución definitiva ó conflicto. Foi gracias a Oslo que en 1994 pudo establecerse a ANP (Autoridade Nacional Palestina). Cómpre destacar tamén, nese mesmo ano, a importante firma definitiva do novo Tratado de Paz entre Xordania e Israel (froito do diálogo establecido en Madrid).

O lado negativo é aportado polos israelís que fixeron caso omiso do asinado en 1994; continuaron a ocupación de territorios e o seu acoso sobre a porción árabe de Xerusalén. Ademais, as medidas restrictivas, coercitivas e represoras instauradas polo goberno israelí e levadas a cabo pola policía e polo exército, seguiron aplicándose en contra de palestinos e árabes en xeral.

En consecuencia, en 1995, na firma dos Acordos de Taba (Oslo II), a ilusión que había na primeira ocasión desapareceu para ser substituída por un inevitable escepticismo. De feito, aínda que se ampliou a zona de autonomía palestina, Israel controlaba todos os recursos: auga, estradas,... e incluso conservou o control militar do 96% do territorio autónomo palestino.

A pesar de todo, os palestinos seguiron adiante cos seus plans para establecer na zona un futuro Estado palestino, provocando moita presión interna en Israel. A oposición ó proceso de paz quedou patente entre algúns sectores da poboación; unha disconformidade que provocou primeiro o asasinato do primeiro ministro Rabin en Novembro de 1995, e, despois, a elección dun novo goberno conservador que impulsará unha volta atrás a todo o proceso de paz de Oriente Medio.

En 1996, Arafat é confirmado como presidente da ANP, que xa está instalada en Gaza, e creáse o Consello Lexislativo Palestino. Pero a paralización do proceso é case total; as relacións entre Israel e os países árabes están en punto morto.

Dende entón ata 1998, o proceso de paz estivo languidecente e tan só houbo continuidade na política israelí de intimidación, expropiación, e novas colonizacións, a pesar dos acordos firmados en sentido contrario. A consolidación política e territorial israelí é cada vez maior. Israel seguiu apoiando ós EEUU na súa cruzada contra Iraq, aumentando así a desconfianza dos países viciños, sobre todo de Siria e Líbano, que ademais de verse sometidas a un incesante acoso por parte de Israel viron como o goberno Likud firmaba acordos con Turquía, o seu potencial inimigo no norte, deixándoas acorraladas xeográficamente.

O 23 de outubro de 1998, cando a situación era xa insostible, establécese un novo acordo palestino-israelí apoiado por Xordania. Wye River Memorándum non é máis cunha confirmación dos anteriores acordos pero clarificando certos puntos que quedaran en suspenso (xurisdicción total e parcial palestina dunha parte de Cisxordania...). Supón un grave retroceso para o pobo palestino que non consegue as súas reivindicacións senón un maior sometemento á vontade manipuladora de Israel (que da marcha atrás en moitos dos puntos nos que xa había acordo).

O paso seguinte era a elaboración dun Estatuto Final e a proclamación do Estado de Palestina, que tiña como data fixada nos acordos o 4 de Maio de 1999. De novo, debido á coxuntura política israelí (celebración de eleccións xerais) non se chegaron a executar os plans previstos (a pesar das ameazas de Arafat de proclamalo unilateralmente), sofrendo un atraso, primeiro dun ano e logo indefinido.

O establecemento do Estado Palestino segue no aire pero evolucionase cara á elaboración dun Estatuto Final (as negociacións retómanse en setembro de 1999). Un novo cambio no goberno israelí esta vez de signo laborista, fixo albergar novas esperanzas polas reiteradas promesas de retomar o proceso de paz onde quedara e impulsalo novamente.

Non cabe dúbida de que os contactos progresaron, non soamente debido ó novo goberno de Barak e ós intereses da administración Clinton, senón tamén ás presións que sobre Arafat exercen os demais países árabes que se xogan neste proceso a súa propia paz e a estabilidade de toda a rexión.

En setembro de 1999 asinouse o último acordo –ata o momento–, o primeiro de Barak, coñecido como o de Sarm el-Sheij. Pero non resulta mellor que o de Wye e é unha continuación da dinámica iniciada en Madrid no 1991.

O goberno laborista de Israel non está demostrando a capacidade, que inicialmente se lle atribuía, de concienciar ó seu pobo para asumir un definitivo establecemento do Estado Palestino. Nen sequera logra normalizar as relacións cos demáis países árabes. Os anuncios de abandono dos territorios ocupados de Siria e Líbano son constantes, pero as promesas non teñen visos de cumprirse (anúnciase a retirada mentres seguen bombardeando posicións militares e territorio civil). A intervención mediadora de Xordania non deixa de ser interesada e parcial durante todo o proceso e os EEUU tan só queren manter o dominio que exercen, sen estar dispostos a ceder parte do potencial israelí na zona.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2000