Texturas nº 4 - Abril/2000Volver ó sumario


Os conflictos de Oriente Medio: Unha introducción
Principais claves para entender os conflictos do Machrek


Marta Cabrera

A auga no Machrek

  Cilc para aumentar
  Fonte: L’eau est-elle si rare?, de l’article “Une gestion équilibrée des ressources en eau”, World Resources Institute.
   
A auga é un deses contados recursos naturais que son necesarios para a vida humana, animal e vexetal, en todos os seus sentidos e que é irremprazable; non ten ningún substituto posible. Isto provoca que a partir da segunda ou terceira década do século XXI a auga adquira, inclusive, maior importancia que o petróleo dentro da economía mundial.

Sabido é que, de sempre, as grandes civilizacións asentáronse ás beiras dos ríos ou en zonas con abundancia de recursos hídricos. As disputas polo control da auga non son novas. En toda a historia da humanidade, este elemento é causa constante de enfrontamentos. Expertos de todo o mundo veñen afirmando nos últimos anos que a auga será a causa das próximas guerras do século XXI (38); e quizáis non teñamos que agardar moito para comprobalo.

Cómpre ter en conta que no planeta, as ¾ partes da auga potable atópanse en estado de conxelación nos polos e nos glaciares, e que os países que posúen máis recursos hídricos tenden a reducir a súa poboación (39). Ademais non só conta o consumo humano, senón que o 70% da auga utilizada emprégase en regadíos que son a base dunha agricultura que representa 1/3 da alimentación mundial.

A escasez de recursos hídricos non afecta soamente a Oriente Medio senón a todo o mundo porque a demanda de auga medra de forma proporcional co aumento da industrialización e da presión demográfica.

Para poder avaliar en primeira instancia a situación e determinar como afecta á política e ós conflictos no Machrek, cómpre establecer o que se entende por recursos hídricos.

 

Cantidade
(m3 por hab/ano)

Categoría

País

1.000

Autosuficiencia

Líbano

Siria

Iraq

Turquía

Omán

500-1.000

Stress hídrico

Exipto

menos de 500

Penuria

Palestina

Xordania

Israel

Países do Golfo

   
Os recursos hídricos están formados polas precipitacións (medidas de forma anual sobre o territorio dun país), o fluxo potencial interno (estas son as augas tanto superficiais como subterráneas), capital acuífero das capas freáticas e o aporte exterior (ríos, canais e acueductos). Estas dúas últimas son as que xeneran conflicto pois as dúas primeiras son imposibles de controlar polo home. Pero a pesar disto existe un gran baleiro en canto á súa regulación por parte do dereito internacional.

Tendo en conta a totalidade dos recursos hídricos no Machrek existen tres zonas diferenciadas. Todos os países englóbanse nalgunha destas tres categorías; non hai ningún que escape á denominación de “zona hidroconflictiva”.

Hai catro fontes principais de auga que conlevan outros tantos proxectos e son berce dos conflictos máis graves e persistentes no tempo.

  Clic para aumentar
  Recursos hídricos nos TTOO. Fonte: H. Gvirtzman (Meridiano Ceri).
   
A primeira fonte son os ríos Tigris e Éufrates que atravesan o corazón do Machrek. Son o crecente fértil da zona e atravesan Turquía, Siria e Iraq. Despois de que Turquía crease en 1992 a presa “Ataturk” (40), a inestabilidade creada foi subsanada co establecemento dunha alianza militar entre este país e Israel que freou as ansias revanchistas de Siria e Iraq e que permitiu que na actualidade exista outro proxecto, o GAP (41), por parte de Turquía para poder desenvolver a zona sur da península de Anatolia e así combater as ansias “separatistas” dos curdos (42). Pero as relacións entre estes tres gobernos non son boas e o GAP conleva que as presas creadas en Turquía fagan diminuír o caudal do Tigris e, sobre todo, do Éufrates ata límites inadmisibles (43). Isto provoca aínda máis fontes de conflicto entre os gobernos e impide a realización dunha Conferencia Internacional sobre o tema que non é admitida nin por Siria nin por Iraq que desconfían non só de Turquía senón tamén da ONU (44).

A segunda fonte é o río Xordán, o Litani e o lago Tiberíades. Xeograficamente están implicados Siria, Líbano, Israel e Palestina. Aquí o conflicto é máis intenso e con unha solución máis difícil de acadar. A clave está no feito de que o Xordán nace entre Siria e Líbano. E o Tiberíades atópase nestes dous países que non teñen tratados de paz con Israel, país que, a súa vez, ten ocupados os Altos do Golán (45), non só por ser un espacio xoeoestratéxico esencial para a súa defensa senón por ser o berce do Tiberíades. Coa auga deste río, Israel rega o productivo deserto do Neguev. Pero tamén Palestina ten acuíferos importantes no subsolo (46), por iso a cesión dos TTOO (territorios ocupados) non depende unicamente dos intereses de seguridade israelís senón que trátase tamén de non repregarse nin erguer asentamentos nos tres acuíferos existentes. Desta forma os tratados de paz son practicamente imposibles de materializar: Israel non está disposta a deixar a auga en ningún dos casos. Xa en 1967 Tel-Aviv sabía que a pesar dos seus “trunfos hídricos” chegaría un punto no tempo en que o déficit hídrico afectaríalle directamente. En función desa circunstancia estableceu unha serie de medidas preventivas, como por exemplo: prohibir ós palestinos a realización de pozos artesianos, impoñer limitacións á extracción e consumo da auga, prohibir totalmente os pozos con fins agrícolas. Todas estas medidas exclúen ós cidadáns israelís, só afectan os palestinos que non poden buscar auga máis alá dos 60 metros, mentres a profundidade para os asentamentos israelís chega ata os 500 metros.

A terceira fonte, que implica a un só país do Machrek, é o río Nilo. O conflicto desenvólvese entre Exipto e outros nove países africanos. As fontes do Nilo non pertencen a territorio exipcio pero o seu goberno negocia cos demais dende unha posición de forza. A pesares de que eses nove países teñen maiores necesidades de auga, pois o seu crecemento demográfico e económico é maior, Exipto atópase con que un 55% da súa poboación está asentada no val do Nilo e precisa de forma urxente desconxestionar a zona e crear novas cidades. A súa proposta é crear dous canais de derivación, un cara ó Sinaí (47) e outro cara ó oeste; Exipto propón a creación dunha Organización Internacional do Nilo. Pero estes dereitos adquiridos que Exipto intenta facer valer sobre o resto de países non son recoñecidos polos Estados afectados.

Soamente quedan por mencionar dous novos proxectos como derradeiro recurso. O primeiro, a desalinización (48), que xa se está levando a cabo nalgunhas zonas de penuria como Arabia Saudita. O segundo, a creación dunha rede de acueductos que implicaría a Turquía, Israel, Palestina e Xordania e que atravesaría Siria e Libano para establecer unha derivación cara os Países do Golfo.

Pero todos estes proxectos son impracticables totalmente se antes non se consigue unha paz global para a zona que debería pivotar arredor de centros internacionais con capacidade para dirixir os proxectos á marxe dos gobernos, e con un ámbito de actuación que afecte tamén á prevención de crises. Pero sen demostración desa boa fe que debería evidenciarse a través do simple e inmediato cumprimento dos tratados xa firmados, resulta difícil pronosticar avances.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2000