Texturas nº 3 - Decembro/99
Macau, ¿exemplo para Taiwan?
O proceso de negociación para o retorno da soberanía de Macau a China
O establecemento das relacións diplomáticas entre China e Portugal
O goberno nacionalista chinés, despois de resolver o caos interno e unificar o territorio, notificou en 1928 ao goberno portugués a revogación do “Acordo Amigable de Intercambio Comercial” que asinara a corte da dinastía Quing en 1887, reclamando a soberanía sobre Macau. Portugal fixo caso omiso da reivindicación chinesa, xa que consideraba que China non tiña a forza económica nin militar necesaria para facer valer a súa petición. Polo demais, os ingleses seguían a ter baixo o seu control Hong Kong.
Ao remate da Segunda Guerra Mundial o goberno portugués si aceptou a reclamación de soberanía sobre Macau realizada polo goberno nacionalista chinés e notificoulle esta decisión. Mais a inestabilidade interna que agoiraba o comezo da guerra civil afastaba das preocupacións inmediatas dos chineses esta reivindicación, que quedou esquecida ante os profundos conflictos sociais e económicos.
Logo do triunfo comunista (1949), o novo goberno de Beijing fixo unha declaración na que consideraba nulos todos os acordos ou tratados impostos en condicións desiguais a China e que os casos de Hong Kong e Macau serían resoltos mediante negociacións pacíficas no momento axeitado. Inmediatamente o goberno portugués notificoulle ao chinés a súa pretensión de devolver Macau. Sen embargo, Mao Zedong, o líder comunista chinés, coidaba que Hong Kong e Macau eran lugares axeitados para manter un dialogo co mundo capitalista e que podían ser os dous ollos cos que observar o que pasaba fóra de China, sometida naquel momento ao bloqueo total imposto polos EUA. China aplicou a política de non facer mudanzas e tirar proveito da situación de Macau. O goberno da República Popular rexeitou as pretensións de Portugal.
Macau foise afastando de China, deixando de ser o enlace económico e comercial que fora no pasado, baixo o peso da confrontación ideolóxica e o bloqueo imposto polos estadounidenses. Á vez, Portugal xa non era a potencia de 400 anos antes, os problemas internos tanto sociais como económicos que tiñan que afrontar eran moito máis importantes cá cativa cuestión de Macau. A xoia oriental de Portugal perdeu o seu brillo e o seu valor ao longo da segunda metade do século XX, converténdose nun mero casino. Macau foi esquecido e abandonado por Lisboa.
A partir do 25 de abril de 1974, o día máis importante da historia contemporánea de Portugal, este converteuse nun país democrático e o novo goberno declarou publicamente que a soberanía de Macau pertencía a China e volveulle notificar ao goberno chinés que estaba disposto a devolver o territorio. China non estaba nin mentalizada nin preparada para recuperar a soberanía e seguindo a política marcada por Mao en 1949 rexeitou a petición portuguesa. En 1976, o goberno de Lisboa promulgou o “Estatuto Orgánico de Macau”, que establecía o primeiro parlamento lexislativo. Nese mesmo ano, coa morte de Mao, China encetou unha nova etapa caracterizada pola apertura e a reforma económica. Esta vez China espertou e considerou que Macau era un bo medio para lograr establecer relacións diplomáticas, aspecto este máis importante para o goberno de Beijing cá cuestión da soberanía de Macau.
Cando, despois dun século, portugueses e chineses volveron a sentar diante dunha mesa para establecer relacións tiñan que resolver tamén a histórica cuestión que os devanceiros viñeran adiando. Despois de dous anos de negociacións chegouse a un acordo secreto sobre a cuestión de Macau. No mesmo, Portugal recoñecía que a soberanía de Macau pertencía a China, e esta aceptaba que Portugal seguise gobernando o enclave e comprometíase a non mudar a situación. A resultas destas negociacións, o 9 de febreiro de 1979 China e Portugal establecían relacións diplomáticas. O goberno de Beijing acadaba un importante éxito, xa que para el o máis importante era o recoñecemento como único e lexítimo representante de todos os chineses, que Taiwan fose considerada como unha provincia chinesa e o goberno nacionalista do Kuomintang como ilegal. O goberno chinés xogou a carta de Macau ante Portugal para obter o seu obxectivo primordial.
A partir da década dos 80, Macau converteuse nun lugar de encontro amigable entre Portugal e China. Na primavera de 1980 o gobernador portugués de Macau, despois de trinta anos de afastamento total, visitou Guangdong, mentres o máximo dirixente político de Guangdong tamén visitou varias veces o enclave portugués en representación do goberno de Beijing.
Hong Kong e o efecto dominó
¿Por que o caso de Hong Kong pode afectar a Macau? Se repasamos a historia do século pasado podemos lembrar que os ingleses obtiveron a soberanía de Hong Kong despois da súa victoria na Guerra do Opio.
Na primeira metade do século pasado, ingleses e portugueses introduciron unha gran cantidade de opio en China a cambio de ouro e prata. En 1839, a corte chinesa enviou a Lin Zexu, como legado imperial, a Guangdong para tentar rematar co contrabando de opio na costa. Lin deu a orde de queimar, no porto cantonés de Humen, todo o opio confiscado ao logo dese ano, e no mes de setembro desprazouse a Macau e Hong Kong para verificar diversos casos de contrabando de opio. A intervención de Lin contra o contrabando do opio provocou un gran conflicto diplomático e político entre China e Europa. Os ingleses, líderes europeos do momento, saíron na defensa dos seus intereses económicos e políticos no Extremo Oriente. Un conflicto bélico entre China e Inglaterra era inevitable. Estourou a guerra en 1840, que se coñece como “Guerra do Opio”. Ante os buques de ferro e os canóns de longo alcance, a máis avanzada tecnoloxía militar europea, China fracasou. Supuña moito máis ca unha derrota militar ou política, xa que no Oriente viviuse como unha mostra do ocaso dunha civilización que fora quen de se manter durante máis de dous mil anos. O desastre foi o inicio de 150 anos de decadencia social, política e económica, digo 150, xa que considero que a China de hoxe aínda non logrou ceibarse do prolongado efecto deste fracaso ante a civilización europea.
Por mor do desastre da Guerra do Opio e tras a derrota ante os ingleses en 1842, a corte chinesa da dinastía Quing asinou, contra a súa vontade e nese mesmo ano, o Tratado de Nanjing, no cal cedeu a soberanía do territorio de Kowlong, unha península pertencente ao conxunto territorial de Hong Kong, aos ingleses. O acordo de arrendamento de Kowlong tiña validez ata o 30 de xuño de 1997. En virtude do mesmo, os ingleses lograban o acceso marítimo a China, que lles abría as portas.
A fins da década dos setenta do século XX, os ingleses, que son moi seus á hora de aplicar os acordos, lembráronlle ao goberno chinés que o tratado de arrendamento do territorio de Kowlong caducaba en 1997 e segundo o estipulado nel, cumpría a renovación do mesmo con 15 anos de antelación. A notificación inglesa espertou ao goberno chinés, quen coidou que tiña chegado o momento de resolver o contencioso sobre a soberanía de Hong Kong.
Temos que lembrar que China é un país no que as liberdades civís e políticas non están recoñecidas e que aplica, no fundamental, a interpretación do mundo e a cosmovisión ideada polo filósofo alemán Karl Marx hai 150 anos. Mentres que Hong Kong, durante eses 150 anos, seguiu ininterrompidamente o sistema capitalista. Dúas teorías políticas e sociais absolutamente diferentes que terían que enfrontarse cara a cara en Hong Kong. Gran Bretaña nunca pensou en permitir que China aplicase o comunismo e a dictadura do proletariado en Hong Kong se finalmente tiña que ceder a súa soberanía.
En 1980, cento trinta e oito anos despois, chineses e ingleses volveron a sentar a negociar. Os obxectivos eran ben distintos: mentres estes últimos aspiraban a renovar o acordo por outros cen anos, xa que a soberanía de Hong Kong estaba nas súas mans, os chineses pretendían abolir o acordo e recuperar a soberanía. Esta vez os británicos tiveron que ceder. En 1982, durante un encontro entre os máximos mandatarios chineses e británicos, o defunto Deng Xiaoping díxolle á “dama de ferro” británica, Sra. Thatcher: “A soberanía non se negocia, e Hong Kong non é as Malvinas”. Os británicos decidiron devolver a soberanía de Hong Kong despois de avaliar comparativamente as forzas militares, económicas e políticas, e centraron os seus esforzos en impedir que se convertese nun territorio cun sistema comunista e de dictadura do proletariado e, en consecuencia, seguise mantendo o sistema capitalista e unha vida política democrática. Deste conflicto ideolóxico naceu o modelo “un país, dous sistemas” (sistema capitalista en Hong Kong e socialista na China continental) con validez durante 50 anos. Beijing cedía politicamente para obter a soberanía, mentres que Londres cedía a soberanía para defender o futuro de Hong Kong. Ambas as dúas partes asinaron o acordo o 20 de decembro de 1984. A data do traspaso cumpriuse o 1º de xullo de 1997.
O proceso negociador sobre o retorno de Macau a China
O acordo asinado entre chineses e británicos xerou un “efecto dominó” que permitiu que a situación de Macau tamén estea próxima a mudar.
China, empurrada polo sentimento nacionalista, aproveitou o éxito nas negociacións cos británicos para presentar oficialmente, en 1985, ante o goberno portugués a reclamación da devolución de Macau. ¿Qué podía facer Portugal coa xoia oriental, o tesouro herdado do seus antepasados? Nada, practicamente nada. Os ingleses xa fracasaron na mesa de negociacións e os portugueses non pensaban repetilo. Ante esta actitude de entrega, o goberno chinés amosou unha firme vontade e impuxo as súas condicións. Nas conversas non se negociou a soberanía de Macau, coma no caso de Hong Kong, xa que Portugal tiña recoñecido, en 1974, que esta pertencía a China, senón a forma e a data do traspaso. Lisboa pretendía facer a entrega a comezos do século XXI, unha data simbólica avaliada como a máis positiva e beneficiosa para Portugal, mais China insistía en resolver o contencioso antes da entrada do novo milenio. Para chegar a un acordo nesta discrepancia celebraron catro rondas negociadoras entre xuño de 1986 e marzo de 1987. Ao final, Portugal cedeu de novo e aceptou a data imposta polo goberno chinés: o día 20 de decembro de 1999, o último mes do último ano do milenio será cando teña lugar o acontecemento.
Respecto á forma do traspaso, semella que dende o primeiro momento Portugal estaba totalmente disposto a aceptar o modelo de Hong Kong, é dicir, Macau vai manter durante cincuenta anos o seu sistema político, social e económico, sen cambiar os seus costumes, os seus dereitos e liberdades actuais, mentres que China aplicará a política de “un país, dous sistemas”. A negociación resultou moito máis doada e curta ca no caso de Hong Kong. Portugal perdera moita forza para negociar e optou por asegurar as relacións de boa amizade con China en vez de defender o futuro político e democrático de Macau. Sobre esta cuestión regresaremos máis adiante.
O 26 de marzo de 1987 os dous gobernos asinaron en Beijing unha “Declaración Conxunta sobre Macau” na que se anunciaba oficialmente que Macau vai depender do goberno da República Popular de China a partir do 20 de decembro de 1999. A “Declaración” consta de sete artigos e o seu contido podémolo resumir en: O territorio de Macau pertence a China e o goberno chinés vai exercer a soberanía sobre el a partir da data citada; de acordo coa política de “un país, dous sistemas” o goberno chinés vai converter este territorio nunha zona de administración especial, sometida directamente á dirección do goberno central; Macau ten un alto grao de autonomía polo que conta con poder administrativo, lexislativo e xudicial independente (1) así como cun poder de instancia final (2); o goberno e as institución lexislativas estarán formados por residentes en Macau; non se cambia o sistema social e económico, nin a forma de vida existentes na actualidade; as leis non se variarán basicamente; Macau poderá manter e desenvolver dun xeito independente relacións económicas e culturais con diversos países baixo o nome de “Macau-China”, así como asinar acordos deste tipo; o sistema fiscal é independente e non ten por qué facer contribucións ao goberno central. Estes principios expostos na “Lei Básica da Zona de Administración Especial de Macau” non se cambiarán en cincuenta anos. Os contidos son practicamente unha repetición dos de Hong Kong.
Mais o caso de Macau ten certas particularidades que o fan diferente do de Hong Kong, nomeadamente na cuestión da nacionalidade. A este respecto, o goberno portugués mantén unha posición enfrontada coa chinesa e aínda non se deu atopado unha solución. A visión de Lisboa quedou expresada nun memorando, documento anexo á “Declaración Conxunta”, no que considera que tanto os dereitos que como cidadáns portugueses obtiveron os cidadáns de Macau, como o pasaporte expedido segundo a lexislación portuguesa antes do 19 de decembro de 1999 seguirán estando vixentes despois da data de reintegración. Esto significa que unha parte dos habitantes de Macau poden ter a dobre nacionalidade no século XXI. No mesmo memorando o goberno de China deixou claro que os habitantes de Macau, sen importar se son titulares de pasaporte portugués ou non, serán cidadáns chineses, e aínda que poderán viaxar ao estranxeiro coa licencia portuguesa, non terán dereito á protección consular de Portugal en territorio chinés. O que significa que China non recoñece a dobre nacionalidade. Esta importante discrepancia pódelle afectar a miles de portugueses nacidos en Portugal, a portugueses nacidos en Macau e portugueses mestizos (de orixe portuguesa e chinesa).
O goberno lisboeta non defendeu coa intensidade do londiniense os intereses dos seus cidadáns, xa que estaba máis preocupado por non estragar as relacións luso-chinesas.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/1999