Texturas nº 3 - Decembro/99
Macau, ¿exemplo para Taiwan?
Macau, presente e futuro
Logo da “Declaración Conxunta” Macau xa coñece o seu destino e o seu futuro, e este está cada día máis lonxe de Portugal e moito máis preto de China.
Ten que mudar a súa imaxe de casino. Para logralo, ao longo da última década do século XX comezou a mellorar as infraestructuras a fin de atraer os investimentos estranxeiros, nomeadamente da China continental. E o goberno de Beijing, por motivos políticos, mais tamén pola presión do nacionalismo, ten a obriga de facer grandes inversións para demostrar que os comunistas tamén poden facer o mesmo que os capitalistas. Cada inversión de certa importancia de China vai sempre seguida dunha forte campaña de propaganda política e nacionalista. Tras dez anos de inversións chinesas, Macau converteuse na área de crecemento industrial e comercial máis acelerado do sur da China. Actualmente conta con aeroporto internacional dende o que se pode conectar con calquera parte da China e do mundo a través da ponte aérea con Hong Kong. A industria lixeira e a electrónica son dous piares da súa economía, mentres a construcción está en pleno auxe. O goberno de Beijing ten a intención de converter Macau no punto de enlace económico, comercial e financeiro co mundo latino (Portugal, España, Francia e Italia) mentres que Hong Kong será o referente para o mundo de fala inglesa (EUA, Gran Bretaña, Australia). É interesante para as empresas galegas coñecer Macau e tomalo como unha alternativa para entrar no mercado chinés.
O futuro político de Macau está moi ligado ao de Hong Kong e sempre á sombra deste, xa que estará máis controlado por Beijing. A presencia política e económica portuguesa é moito máis feble cá inglesa e a preocupación occidental por Macau moito menor que por Hong Kong. Beijing non se vai sentir moi premido á hora de tomar decisións sobre Macau onde, nestes dez anos, aumentou considerablemente a súa presencia económica e política.
Dende o punto de vista económico, o casino e a lotería seguirán a ser a principal fonte de ingresos de Macau e o novo goberno ten tamén a intención de convertelo nun centro financeiro internacional, paralelo a Hong Kong, así como desenvolver industrias de alta tecnoloxía e, xa que logo, cun elevado valor engadido.
Culturalmente será cada vez máis chinesa e a presencia cultural europea, perceptible actualmente nos edificios neoclásicos do XIX e nos xardíns franceses nos beirais de rúas e avenidas, irá debilitándose. Estamos convencidos de que a cultura chinesa será a predominante no Macau do século XXI.
No tocante á administración, ten xa nomeado un gobernador chinés que comezará a exercer o seu cargo a partir do 20 de decembro de 1999. O novo gobernador, He Houhua, de 44 anos, casado e con dous fillos, foi presidente da Confederación de Bancos de Macau e conselleiro-delegado do Banco Dafeng. Segundo información do goberno de Beijing que o nomeou, é fillo do defunto e coñecido patriota He Xian, quen realizou moitas inversións e doazóns en China. Hoxe en día, para os comunistas chineses, o diñeiro é o primeiro que se ten en conta. É pouco probable que ao longo do seu mandato o gobernador se negue a calquera caste de petición que proceda do goberno que o nomeou. O caso do gobernador de Hong Kong, sobre o que non nos imos estender por limitacións de espacio, Sr. Dong Jianhua, é ben ilustrativo e coidamos que será un bo exemplo a imitar por parte do Sr. He.
A presencia futura de Taiwan en Macau é bastante delicada. Sobre o papel todas as actividades económicas
e comerciais de Taiwan poderán seguir a realizarse e as institucións taiwanesas acreditadas poderán
continuar a desempeñar as súas funcións sempre e cando modifiquen o seu nome, é dicir
sempre que se absteñan de empregar a denominación de República de China. As actividades destas
institucións así como o seu persoal van ser sometidos a unha estricta vixilancia por parte da policía
secreta chinesa. Na práctica, as intencións de Beijing son moi claras: aproveitar as institucións
oficiais e as empresas de Taiwan presentes en Macau como unha canle para demostrar que a súa política
de “un país, dous sistemas” é tamén aplicable na illa taiwanesa. ¿Será Taiwan
o seguinte lugar onde se vai aplicar?![]()
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/1999