Texturas nº 3 - Decembro/99Volver ó sumario


Macau, ¿exemplo para Taiwan?
Macau, a xoia portuguesa no Extremo Oriente


Minkang Zhou

¿Onde está Macau?

Cando os portugueses desembarcaron por primeira vez nesta península, hai 486 anos, é dicir, en 1513, preguntáronlles aos indíxenas chineses que habitaban nestas terras como se chamaba o lugar. As lóxicas dificultades de comunicación foron as causantes de que os nativos entendesen que os forasteiros preguntaban onde estaba o templo budista do lugar, e respondéronlles que “makao”, isto é, “o templo”, estaba alí. Os portugueses entenderon que aquelas terras se chamaban “Macau” e dende aquela así as denominaron, cando, en realidade, en chinés chámase “Aomen”, ou o que é o mesmo “o porto para que os barcos fagan escala”.

Península de MacauSe ollamos un mapa da China, podemos observar que Macau está no delta do río Perla, no sur da China, a uns 60 quilómetros de Hong Kong. A súa localización xeográfica sitúase entre os 22º 14’ de latitude Norte e os 113º 35’ de lonxitude Leste. Macau é unha península cunha extensión de 7,49 km² e dúas illas periféricas: Yishuizi (Taipa), de 5,79 km², e Luhuan (Coloane), de 7,81 km². A zona peninsular comunícase coa primeira das illas por medio de dúas pontes, unha de 2,5 km e outra de 4,5 km. Á súa vez, a illa de Yishuizi está unida coa de Luhuan por unha terceira ponte de 2,2 km. Toda a área de Macau enlaza con China a través de Hongbei, Zhuhai, onde se atopa a “zona económica especial” de Zhuhai, Guangdong.

Na actualidade, Macau conta con preto de catro centos mil habitantes, dos que a inmensa maioría son chineses do sur de Guangdong e só un 5% portugueses e outros estranxeiros. A poboación concéntrase na península e as dúas illas están escasamente habitadas. As linguas oficiais son o portugués e o chinés mandarín, aínda que a maioría da poboación exprésase no dialecto cantonés. É un auténtico mosaico lingüístico: a xente entende inglés, portugués, chinés mandarín e cantonés, e emprega cada un destes catro idiomas dependendo das circunstancias. As catro linguas lograron convivir durante moitos anos.

O clima é tipicamente subtropical, con temperaturas medias anuais que se manteñen en torno aos 20º e cunha humidade moi alta que oscila entre o 73% e o 95%. A mellor época do ano é a que transcorre entre os meses de outubro a decembro.


Breve historia de Macau

Ata o século XIII, Macau era unha península practicamente deshabitada. Coa invasión mongol e a fin da dinastía Song do Sur, preto de medio millón de funcionarios e xefes militares fuxiron do interior da China cara ao Sur. Algúns deles chegaron a estas terras e establecéronse nelas.

En 1513, unha flota portuguesa ao mando do capitán Jorge Álvarez chegou ás costas de Macau. Os portugueses coidaron que aquel sería un bo punto dende o que iniciar a penetración na China que daquela mantiña as portas ben pechadas ao exterior e deron a orde de establecerse no lugar; comezaron así os primeiros asentamentos. Ao ano seguinte chegaron varias flotas e o capitán Andrade pediulle permiso ao gobernador de Guangdong para poder viaxar ata Beijing e celebrar un encontro co emperador. A petición foi rexeitada e a flota portuguesa dirixiuse cara á India.

Entre 1514 e 1517, os portugueses repetiron en varias ocasións a súa petición ata que, neste último ano, o gobernador chinés de Guangdong, Wu Ting, prometeu interceder ante Beijing. Ao ano seguinte, 1518, o embaixador portugués Tomé Pires foi autorizado a viaxar a Beijing e manter unha entrevista co emperador Zhengde. Na mesma, o embaixador pediulle ao emperador poder empregar os portos chineses para realizar intercambios comerciais. A petición foi rexeitada. Sen embargo, os portugueses iniciaron xa as súas actividades mercantís en toda a costa de Guangdong, incluída Macau.

En 1545, unha resolución imperial ordenaba expulsar aos portugueses, rexeitar as súas actividades e prohibirlles a entrada nos portos de Guangdong e Ningbo, un importante porto da costa media chinesa, limitando as escalas dos barcos estranxeiros única e exclusivamente ao porto de Langbaoao, situado a 28 millas da costa de Macau, nunha illa escasamente habitada e mal comunicada. O descontento portugués coa orde imperial foi patente xa que o que pretendían era un lugar de doada accesibilidade que servise de base para as súas actividades comerciais. Macau era o lugar ideal.

En 1553, os comerciantes portugueses comunicábanlle ao gobernador de Guangdong que os seus barcos bateran nos escollos e os productos que traían dende Lisboa quedaran mollados, polo que solicitaban que lles fose permitido desembarcar en Macau para poder secalos ao sol. Mediante suborno, conseguiron o permiso do gobernador Wang Po e atracaron en Macau. A partir de 1557 comezaron a establecerse definitivamente e iniciaron actividades mercantís a gran escala ao tempo que erguían casas, murallas, baluartes e abrían fosos e rúas. A cidade xurdiu nun abrir e fechar de ollos. Ao decatarse do ocorrido os comerciantes chineses do interior logo estableceron relacións co novo asentamento. Foi entón cando comezou o desenvolvemento de Macau.

Os portugueses tiñan ben aprendida a lección e sabían xa como emprender negociacións e facer tratos, tanto co goberno coma cos comerciantes chineses. Unha vez establecidos en Macau mantiveron unha estratexia de diálogo cos funcionarios chineses que lles reportou importantes éxitos. Dez anos despois, Macau era xa o primeiro enclave portuario de carácter comercial entre China e o mundo europeo.

A prosperidade comercial deste porto no Extremo Oriente chamou a atención do Vaticano. En agosto de 1568 chegou a Macau o líder católico Melchor Carneiro, quen en 1575 se convertería en titular do primeiro bispado católico no Extremo Oriente, o de Macau, que, deste xeito, conformábase como o gran centro cultural, comercial e relixioso de Europa na China. Comezaba así o encontro entre o mundo occidental e o oriental, mais tamén o choque e o desafío entre as dúas culturas. Ao longo da historia podemos atopar moitas pegadas de encontros amigables, tensións culturais e conflictos bélicos. Por mor da limitación do presente traballo, centrarémonos na cuestión da soberanía de Macau, deixando os temas relixiosos, militares e comerciais para mellor ocasión.

Cara 1621, Macau tiña xa máis de vinte mil habitantes, contaba con estaleiros e fábrica de armamento militar, mesmo de canóns. Neste momento, o poder administrativo e xudicial seguía a estar en mans do emperador chinés.

Durante o mandato do emperador Jiaquing (1522-1567), Beijing controlaba de preto o territorio de Macau por medio dunha delegación administrativa. A representación chinesa despachaba os permisos de residencia dos portugueses ademais de vixiar as transaccións comerciais. Mais co paso do tempo, o número de portugueses ía en aumento e a súa influencia estendíase, o que comezou a preocupar á corte imperial de Beijing.

En 1574, o emperador Wanli, da dinastía Ming, ordenou crear unha fronteira vixiada por soldados entre Guangdong, na China continental, e Macau, a fin de controlar o fluxo mercantil e a circulación de persoas a través de varios postos fronteirizos. Respondía esta decisión á tradicional mentalidade chinesa, manifestada en moitas ocasións ao longo da historia, de autoprotexerse construíndo murallas para se pecharen dentro. En 1582, o mesmo emperador asinou o primeiro contrato de arrendamento, no que lle cedía a Portugal a península de Macau e as súas illas periféricas; a cambio, os residentes portugueses teríanlle que pagar anualmente 15,625 kg de prata pura ao goberno local de Guangdong. En 1614, este último asinou tamén un contrato no que se lles prohibía aos portugueses a compravenda de persoas e o contrabando de mercancías.

En 1623, Lisboa nomeou ao primeiro gobernador de Macau, cargo que recaeu en D. Francisco Mascarenhas. A partir dese ano, os portugueses promoven unha gran expansión comercial e procuran o control cultural e relixioso do pequeno territorio. Cada vez chegaban máis barcos procedentes de distintos lugares de Europa que traían xentes interesadas en establecerse no Extremo Oriente ou ben en realizar negocios. Os comerciantes tamén empregaban este porto para facer escalas, depositar e/ou transbordar as mercadorías que traían ou levaban dende o Xapón ou as Filipinas a Europa e á inversa. En 1621, o emperador Tianqui mandou construír un cuartel xeral ao pé da montaña de Macau e dotouno de soldados de infantería e de mariña para controlar o territorio peninsular e as illas periféricas, así como para vixiar os movementos dos buques europeos.

Nestas datas, o emperador aínda mantiña o control administrativo e xudicial sobre Macau. Mais en 1644 caeu a dinastía Ming. Os homes de Manchuria tomaron o poder en China e estableceuse a dinastía Quing, que durou ata 1911, ano no que se proclama a República. Ao longo deste período o emperador foi perdendo, paulatinamente, o control e a gobernación de Macau.

Nos primeiros tempos da dinastía Quing, Beijing seguía aplicando as leis e a administración establecidas pola dinastía Ming e incluso abriu o primeiro xulgado en 1730, na comarca de Wangxiacun (Macau), para atender e solucionar os preitos entre chineses e portugueses. En 1685, o emperador Kangxi estableceu a aduana oficial na fronteira entre Macau e Guangdong, que se convertería nunha das catro máis importantes da China do momento. Esta medida orixinou serios problemas para os comerciantes portugueses, que viron aumentar as dificultades para introducir as súas mercadorías no interior de China e para sacar os productos máis degoirados polos europeos como especies, sedas, porcelana, te, artesanías finas, etc. As relacións entre China e Portugal entraron nunha etapa de fortes tensións.

Os pingües beneficios obtidos por Portugal no Extremo Oriente espertaron a envexa de Inglaterra, que se lamentaba da posibilidade de ter chegado demasiado tarde. Os ingleses degoiraban a China. Primeiro establecéronse en Hong Kong, logo en Ningbo, e finalmente, máis ao norte, en Tianjin. O emperador chinés decatábase da ameaza que supuña a constante presencia de europeos no seu territorio, agora cos británicos á cabeza, mais aínda coidaba que se podería enfrontar a eses ingleses que traían unha cultura totalmente diferente á da bimilenaria civilización chinesa.

Na primeira metade do século XIX produciríase o primeiro enfrontamento a gran escala entre a China e Europa. Por primeira vez os occidentais chegaban ao Extremo Oriente con manifestas intencións de conquistar este territorio, de someter ao Imperio chinés que se denominaba a si mesmo “Centro da Terra”. O conflicto entre civilizacións, que tería unha gran transcendencia na historia da humanidade, era inevitable, e foi unha pena que se producise dun xeito bélico.

En 1840, ao longo de toda a costa chinesa estourou o enfrontamento armado entre os buques ingleses e os chineses; era a coñecida como “Guerra do opio”. Durou dous anos e rematou coa derrota chinesa. Os ingleses obtiveron o que querían: asegurarse o control da península de Kolown de Hong Kong, mentres que os portugueses souberon aproveitar moi ben a victoria inglesa, que non foi só militar senón tamén un triunfo da civilización occidental sobre a chinesa, a máis antiga da humanidade.

En 1845, o gobernador portugués acreditado en Macau, Sr. J. Ferreira do Amaral, declarou unilateralmente o enclave como porto franco, deixou de pagar o arrendamento anual dos 15 quilos de prata pura segundo o contrato asinado en 1582, fechou a casa da aduana chinesa e os funcionarios administrativos e xudiciais, xunto cos seus familiares, tiveron que abandonar Macau.

Os portugueses exerceron dende entón o control administrativo e xudicial, ao tempo que comezaron a cobrarlles impostos catastrais aos chineses radicados en Macau, o que provocou unha forte contestación por parte destes. No mes de agosto, o gobernador J. de Amaral foi asasinado por uns mozos chineses, o que empeorou aínda máis as relacións entre as dúas comunidades.

En 1862, o goberno de Lisboa enviou ao gobernador de Macau, Isidro Francisco Guimaraes, ante a corte de Beijing para negociar a soberanía de Macau. As pretensións portuguesas foron rexeitadas. O gobernador portugués, que se aloxaba na residencia do embaixador francés, empregou a este como mediador, quen conseguiu que se iniciasen as conversas. No primeiro momento a corte chinesa pretendía recuperar o control de Macau, restablecer a súa administración e seguir cobrando o arrendamento. Pola súa banda, o goberno de Lisboa centraba as súas reivindicacións en reclamar unha recompensa económica polo asasinato do gobernador. Despois de longas xornadas de negociacións acordouse que China restablecería a súa administración en Macau pero deixaría de percibir o arrendamento anual. O embaixador francés asinou o acordo no nome de Portugal. Dous anos despois, Lisboa enviou un embaixador a Beijing para intercambiar o documento do acordo, mais os funcionarios da corte decatáronse de que a versión chinesa era diferente da francesa; nesta dicíase que Macau deixaba de ser parte da provincia de Guangdong e convertíase nun territorio independente. Era evidente que non se podía intercambiar o documento.

En 1887, a corte de Beijing enviou ao fiscal de Hongbei (a localidade chinesa máis próxima a Macau) a Lisboa para buscar solucións á cuestión do contrabando de opio entre Macau e China. No encontro entre os representantes dos dous países, Lisboa volveu a poñer sobre a mesa a cuestión do asasinato do gobernador J. de Amaral e exerceu presións sobre o representante do goberno chinés para que negociase a soberanía de Macau. Nese momento os ingleses xa lograran máis territorios en Hong Kong sobre os que exercían todo o poder administrativo e xudicial e Portugal pretendía seguir o seu exemplo. En decembro deste ano, Portugal e China, cun goberno que fracasara en todos os conflictos cos occidentais ata o momento, asinaron o “Tratado Amigable de Intercambio Comercial”, no cal China aceptaba que Portugal podería gobernar en todos os aspectos o territorio de Macau ETERNAMENTE. China perdía a súa soberanía sobre Macau.

En 1890, os portugueses conquistaron a illa de Quingzhou, periférica de Macau. Con anterioridade, en 1851 e 1864, comezaran a gobernar as illas de Yishuizi e Luhuan. Con plenos poderes, os portugueses consolidaron a posición estratéxica de Macau e o seu predominio no itinerario comercial entre Oriente e Occidente. Holandeses e ingleses pretenderon compartir cos portugueses o control de Macau, mais ante as constantes negativas destes, os ingleses, para defender os seus intereses no Extremo Oriente, pretenderon consolidar un porto alternativo a Macau e próximo a este. Tras conseguir a soberanía sobre Hong Kong os ingleses potenciárono como gran centro comercial do Extremo Oriente. O desenvolvemento industrial de Gran Bretaña permitiu a súa expansión económica e Macau foi perdendo importancia mercantil dende comezos do século XX.

A perda de importancia comercial levou aos portugueses a converter Macau no paraíso do ocio no Extremo Oriente, nomeadamente do xogo. Os casinos máis importantes de Asia atópanse no enclave portugués. Como en Hong Kong se prohibían, e seguen a prohibirse, as apostas, Macau atopou a súa oportunidade para sobrevivir economicamente ao longo do século. Ata hoxe, para moitos chineses ou europeos radicados en Asia, Hong Kong é o lugar onde se gaña o diñeiro e Macau onde se gasta.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/1999