Texturas nº 3 - Decembro/99Volver ó sumario


Macau, ¿exemplo para Taiwan?
Conclusión


Minkang Zhou

Macau está a punto de someterse ao goberno de Beijing aínda que aparentemente teña a súa propia Lei para gobernarse. Un réxime sen liberdades civís e políticas, ante o mundo democrático, necesita disfrazarse cun toque que o asemelle aos demócratas, isto é o que fixo Beijing nos casos de Hong Kong e Macau. O goberno chinés non pode liberarse desta característica (control ideolóxico, restriccións políticas) e tratará a Macau coma un bebé mimado, aproveitado e controlado.

Sen embargo consideramos que Macau e Hong Kong son unha esperanza para o futuro da China. As Leis Básicas de Hong Kong e Macau concédenlles unha autonomía bastante elevada, que provocará a envexa e o desgusto doutros territorios autónomos de China, como Xianjiang, poboado maioritariamente por musulmáns, Mongolia ou o Tíbet. Estas zonas buscarán unha autonomía semellante e as 31 provincias chinesas pedirán máis poderes a Beijing. O efecto de Hong Kong e Macau chegará ao interior de China ao longo do século XXI.

Debemos sinalar tamén que a famosa frase “en 50 anos non haberá cambios” referida a Macau e Hong Kong esixe do Partido Comunista de China (PCC) un compromiso histórico que debe ser revalidado día a día, vencendo as múltiples desconfianzas. Cincuenta anos é medio século e aínda é unha incógnita se o PCC existirá dentro de cincuenta anos ou se tamén experimentará mudanzas profundas. E se o PCC desaparece antes, ¿Macau e Hong Kong cambiarán? E se o PCC é quen de sobrevivir medio século máis, ¿qué pasará entón con Macau?

Gustaríanos que Macau e Hong Kong fosen dúas locomotoras para impulsar a reforma política da China do século XXI, do mesmo xeito que o foron para a apertura e a reforma económica impulsadas por Deng. As presións occidentais permitiron que Hong Kong iniciase o camiño da democratización do seu sistema político; Macau irá polo mesmo camiño aínda que máis lentamente. A liberalización económica é sempre unha forza que empurra á reforma política e á democratización. Macau ten unha base económica liberal e nos próximos cincuenta anos o peso destas actividades impulsárao, necesariamente, polo camiño da democratización rompendo co control de Beijing. Se a China se democratiza farao primeiro en Hong Kong e Macau, deste xeito non só van exercer un relevante papel no desenvolvemento económico da China, senón tamén na reforma e democratización do continente. Mais isto pode acontecer contra a vontade dos actuais dirixentes de Beijing. A Historia avanza, ás veces, conta a vontade dunhas élites que non son quen de anticiparse.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/1999