Texturas nº 2 - Agosto/99Volver ó sumario


O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
Unha cultura que o impregna todo


Roberto Montoya

Ás portas do novo século, non soamente son moitas e profundas aínda as feridas abertas nas sociedades latinoamericanas a causa desa impunidade, senón que o precedente que supuxo, a cultura que deixou tras de si, segue impregnando moitos dos hábitos políticos e sociais de América Latina.

“En Guatemala, ó igual que no resto das transicións da rexión, a impunidade continuou sendo o talón de Aquiles do proceso de paz”, sostén Human Rights Watch (6). “Os crimes violentos seguiron sen castigo”, engade “e o horrible asasinato do bispo Juan José Gerardi (en 1998) demostrou as limitacións dun proceso de paz que non deixou establecida a responsabilidade por terribles violacións dos dereitos humanos”. No mesmo informe desta organización humanitaria móstrase cómo ante a virulenta ola de violencia de delincuentes comúns –e dos policías que os perseguen– que se estende nos últimos anos por case toda América Latina, os gobernos nacionais, lonxe de afrontar as raíces económicas e sociais de fondo que facilitan o seu desenvolvemento, recorren a prácticas autoritarias.

Os vagabundos, os “meninos da rúa”, os toxicómanos e delincuentes que proliferan nun continente onde máis do 50% da poboación padece a pobreza e a marxinación, onde decrecen os índices de alfabetización e a cobertura sanitaria e social, pasaron a ser para as forzas de seguridade e os grupos paramilitares que estas amparan, os novos “subversivos”, os novos inimigos que bater. Antes, a represión policial e militar, o terrorismo de Estado, encubríase trala teoría dunha cruzada anticomunista no continente; hoxe, simplemente na “defensa da orde”. As causas da marxinación e a violencia na rúa non se atenden, pero non se dubida, sen embargo, en actuar firmemente, coa porra, a picaña ou a pistola na man, contra o que en definitiva soamente son un producto da marxinación e desintegración social.

O presidente dun deses gobernos “democráticos” latinoamericanos, o arxentino Carlos Menem, non tivo reparos en declarar publicamente, para xustificar por qué ía atallar “con man dura” a delincuencia, que “poderán poñer o berro no ceo algunhas organizacións de defensa dos dereitos humanos, pero eu creo que aquí ten máis protección un delincuente ca un policía ou a xente normal” (7). Noutra entrevista, Menem dixo: “acúsasenos dunha volta ó gatillo fácil, pero non lles podemos deixar o gatillo fácil ós delincuentes”. Ó Goberno de Menem acusouno en xullo pasado a Asociación de Mutuais Israelitas Arxentinas (AMIA) por entorpecer as dilixencias xudiciais sobre o atentado terrorista antisemita que o 18 de xullo de 1994 fixo estourar un vehículo cargado con máis de 300 quilos de explosivo fronte ó edificio da AMIA en Bos Aires, cun saldo de 86 mortos e máis de 200 feridos. A AMIA anunciou que acudirá á Corte Interamericana de Dereitos Humanos “por denegación de xustiza” e por considerar ó Estado arxentino “cómplice local” que impide coñecer a verdade sobre os autores do atentado e facer xustiza.

Ese Menem ó que denuncia a AMIA é o mesmo que en xaneiro de 1998, xunto cos seus ministros de Relacións Exteriores e de Xustiza, Guido di Tella e Raúl Granillo Ocampo, respectivamente, asinaba o decreto-lei nº 111 polo que lles “ordenaban” á Chancelería e á Xustiza non colaborar cos requirimentos feitos polo xuíz Baltasar Garzón no marco das súas investigacións sobre os crimes cometidos pola dictadura arxentina. Garzón imputoulles a cento e medio de militares arxentinos a comisión de delictos de xenocidio, torturas e terrorismo de Estado e ordenou a captura, entre outros, dos ex presidentes, Jorge Videla e Leopoldo Galtieri, e do ex xefe da Armada, Emilio Massera. Hai que lembrar que, en 1990, Menem indultou por decreto ós xefes máximos militares que foran condenados a cadea perpetua tralo xuízo que se lles seguiu durante a presidencia de Raúl Alfonsín e no que quedou probada a súa responsabilidade nos crimes da dictadura.

O Goberno arxentino negoulle tamén a colaboración ós fiscais e xuíces italianos que pediron información sobre o paradoiro dos seus compatriotas desaparecidos durante o réxime militar.

En Perú, outro gran “demócrata”, Alberto Fujimori, que xa deu sobradas mostras do uso do terrorismo de Estado e a violación dos dereitos humanos, amparándose na loita antiguerrilleira, o home que impuxo os xuíces sen rostro (encapuchados), respondeu tamén á proliferación de delictos comúns cunha serie de decretos que minguaban drasticamente os dereitos mínimos dos detidos, podían estes permanecer arrestados sen cargos ata 15 días, sen poderse beneficiar en ningún caso da liberdade condicional. Baixo a facultade que lle concedeu o Congreso peruano ó presidente Fujimori para emitir decretos sobre asuntos de seguridade nacional durante prazos de 15 días, numerosos mozos foron xulgados por tribunais militares, e recibiron penas mínimas de 25 anos (8).

En México, o presidente Ernesto Zedillo, despois de estrearse no cargo con bombardeos aéreos indiscriminados contra as poboacións indíxenas da selva Lacandona, a comezos de 1994, en resposta á rebelión indíxena encabezada polo EZLN, deulles luz verde ós grupos paramilitares ligados ós terratenentes e ó institucional Partido Revolucionario Institucional (PRI) para intimidar, secuestrar, torturar e asasinar ós indíxenas campesiños que se atreven a cuestionar a superexplotación feroz. Zedillo enviou ó Congreso propostas de lei nas que, alegando que os dereitos humanos podían “atar as mans” á Policía e á Xustiza, propoñía rebaixar as condicións que deben reunir as probas contra os delincuentes, deixando a estes en total indefensión. A tortura policial e a corrupción dos corpos de seguridade segue sendo un mal endémico en México.

Human Rights Watch lembra tamén que durante 1998, “a Policía dominicana continuou practicando o arresto de familiares de presuntos delincuentes, tomándoos como reféns ata que o sospeitoso se entregaba ás autoridades”.

O 2 de xullo pasado, o Comité de Familiares de Detidos Desaparecidos en Honduras (COFADEH) denunciou “o xurdimento dunha nova estructura de impunidade tan perigosa e daniña coma a imposta durante a guerra sucia dos anos 80” (9). Segundo o COFADEH, tralos numerosos casos de torturas, detencións ilegais e censura á prensa que se producen hoxe en día, está o mesmo Batallón 3-16 das Forzas Armadas hondureñas, a quen se lle atribuíu a principal responsabilidade das desaparicións forzadas e violacións dos dereitos humanos ocorridas nos anos oitenta. “En Honduras a inquietude é coma a vivida nos anos 80, sen o ingrediente ideolóxico” (10).

No apartado Américas do seu Informe Anual 1999, Amnistía Internacional denuncia as ameazas e agresións contra membros de ONGs defensoras dos dereitos humanos, xornalistas e avogados, que se producen periodicamente en Bolivia, Brasil, Guatemala, Honduras, Colombia e Venezuela; a existencia de 600 prisioneiros de conciencia en Perú, a práctica da tortura en 21 países americanos.

Aínda que, salvo excepcións como Colombia e Perú, non se rexistran actualmente violacións dos dereitos humanos contra adversarios políticos ou sociais de xeito tan masivo como se practicaron en décadas pasadas; aquelas prácticas, aquela cultura, foron integradas na vida cotiá polos gobernos civís que sucederon ás dictaduras militares, aínda que estes revistan, formalmente, o status de democracias pluripartidistas.

Segundo Amnistía Internacional (11), durante 1994, en Colombia, o número de mortos como consecuencia da aplicación desta nova faceta de “guerra sucia” foi moi superior ó que se produciu como saldo dos enfrontamentos entre as forzas armadas e as distintas organizacións guerrilleiras. No caso de Chile, as denuncias de violacións dos dereitos humanos aumentaron o 66 por cento en 1998 e a maioría corresponden a abusos policiais –68,5% deles atribuídos ós Carabineiros, policía militar, e o 10% a Investigacións, policía civil– segundo o propio informe da estatal Oficina de Dereitos Humanos da Corporación de Asistencia Xudicial (12).Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99