Texturas nº 2 - Agosto/99Volver ó sumario


O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
O antecedente nazi


Roberto Montoya

“No seu decreto Nach und Nebel (Noite e Néboa), dictado por Hitler en 1941, ordenábase que a pena de morte quedase limitada ós casos de flagrante delicto e rápida exemplaridade, pero que todas aquelas persoas sobre as que pesase a sospeita de ‘pór en perigo a seguridade do Reich fosen sometidas a outro diferente destino, que, de feito, resultaba moito peor que o fusilamento inmediato: a deportación secreta a Alemaña ó abeiro da noite’. Por esta vía, milleiros de prisioneiros dos países ocupados foron enviados a Alemaña e sometidos a traballos forzados ata a súa morte en diversos campos de concentración” (31).

Prudencio García Martínez de Murguía, coronel progresista español que estudiou durante anos as prácticas totalitarias de América Latina, especialmente de Arxentina, reproduce no seu excelente libro parte das ordes dadas polo mariscal Wilheim Keitel, xefe supremo da Wehrmacht, desenvolvendo aquel decreto do Fuhrer. Nunha delas, datada o 12 de decembro de 1941, dicíase: “Unha intimidación efectiva soamente pode ser lograda coa pena máxima, ou con medidas mediante as cales os familiares do criminal e a poboación no seu conxunto descoñezan a sorte que lles tocou”. Noutra de febreiro de 1942, que completa a concepción central desta teoría, sostiña Keitel: “...os prisioneiros deben ser levados secretamente a Alemaña (...) Estas medidas terán un efecto intimidatorio, porque os prisioneiros esvaecéranse sen deixar rastro e non poderá darse información ningunha respecto ó seu paradoiro ou a súa sorte”.

Amnistía Internacional retoma varias veces este tema. “Debido á súa mesma natureza, unha desaparición oculta a identidade do seu autor; se non hai preso, nin cadáver, nin víctima, entón ninguén pode ser presumiblemente acusado de nada” (32).

Un ano despois do cruento golpe de Pinochet en Chile, en 1974, comézase a usar o termo de “detido desaparecido” e despois do golpe militar do 24 de marzo en Arxentina xa se fala de “desaparecidos” a secas. No caso arxentino, xa antes do golpe militar encabezado por Videla, sentaron as bases para este tipo de práctica que logo habería de masificarse. Durante o goberno de Isabel Martínez de Perón, en 1974 e 1975, a paramilitar Alianza Arxentina Anticomunista (AAA) controlada dende o mesmo Goberno “constitucional”, secuestrou, torturou e aniquilou a máis de 1.000 persoas, sen que moitos dos seus corpos nunca aparecesen. A lei pola que o Goberno lexitimou a intervención do Exército para “aniquilar a subversión”, habería de permitirlles ás Forzas Armadas os seus primeiros “experimentos” expeditivos. Durante o chamado “Operativo Independencia”, para eliminar a Compañía de Monte do Exército Revolucionario do Pobo (ERP) que se fixera forte na setentrional provincia de Tucumán, o Exército puxo en práctica moitas das ensinanzas en “guerra contrarrevolucionaria” que viña acumulando dende había vinte anos.

A actuación do Exército nesta paupérrima provincia non se limitou ó exterminio dos guerrilleiros, senón que estendeu a súa represión contra o amplo sector social ó que se consideraba que podía colaborar ou simpatizar con eles. Así comezaron as detencións masivas de civís sen mandato xudicial nin cargo ningún, a creación de centros clandestinos de detención onde se practicaba a tortura sen límite ningún, as execucións sumarias e a desaparición dos cadáveres. O enterro de víctimas en tumbas sen nome, sen identificación (ás que logo se lles daría o nome de “tumbas NN”), a incineración dos corpos ou o lanzamento destes en alta mar, converteríase logo, tras o golpe militar de 1976, nunha das características principais da dictadura.

Prudencio García sostén que “no amplo plan represivo arxentino baseado na desaparición de moitos milleiros de persoas”, non houbo improvisación, senón que respondeu a unha estratexia deseñada dende moito tempo antes, a que xa en 1975 puxo a punto unha infraestructura loxística importante, un abasto de información, unha alta coordinación operativa dos distintos corpos de… seguridade”. Nos documentos presentados a finais de xullo pasado ó xuíz Garzón pola letrada arxentina Mirta Mántaras, membro da Asemblea polos Dereitos Humanos de Neuquén, achéganse algunhas probas claves sobre a planificación do golpe militar. Durante a instrucción do proceso aberto contra o 5º Corpo de Exército no tribunal de Bahía Blanca no que a letrada actúa, un dos xefes desa unidade, o xeneral Adel Edgardo Vilas, presentou sorpresivamente unha serie de documentos como mostra de que a súa actuación represiva soamente se limitou a cumprir as instruccións dos seus superiores alí manifestas. Eses materiais descoñecidos publicamente ata ese momento están datados en febreiro de 1976, un mes antes do golpe e figuran divididos en catro grandes bloques: orde de batalla, intelixencia, plano do Exército e detención de persoas, nos que se adianta o proxecto de deter a todo o Goberno e “as autoridades que sexa necesario”. Na “orde de batalla” disponse deter a todos os opositores, teorizando abertamente que “a acción militar é sempre violenta e sanguenta” (33).

A “desaparición” das víctimas pasou a ser a táctica preferida polos militares arxentinos e doutros países latinoamericanos, o medio ideal para impedir que fructificase calquera busca, calquera acción xudicial, o método perfecto da impunidade. Ás “Madres de Plaza de Mayo” que se reunían fronte á sede presidencial en Bos Aires cos seus panos brancos na cabeza portando o nome dos seus fillos desaparecidos –exemplo que se estendería logo por toda América Latina– os militares chamábanlles “as tolas de Plaza de Mayo”, tratando de facer crer entre aqueles sectores da poboación arxentina non afectados directamente por unha desaparición próxima que esas mulleres reclamaban mozos que en realidade estaban vivos, que fuxiran ó estranxeiro. Logo elas mesmas se converterían en obxecto de atentados, secuestros e “desaparicións”.

“En nome da seguridade nacional, milleiros e milleiros de seres humanos, xeralmente mozos e mesmo adolescentes, pasaron a integrar unha categoría tétrica e fantasmal: a dos Desaparecidos”, di no seu prólogo o informe “Nunca Máis” da CONADEP. “Arrebatados pola forza, deixaron de ter presencia civil. ¿Quen exactamente os secuestrou?”, segue o prólogo, “¿por que, onde estaban? Non se tiña resposta precisa a estes interrogantes: as autoridades non oíran falar deles, os cárceres non os tiñan nas súas celas, a xustiza descoñecíaos e os ‘habeas corpus’ soamente tiñan por contestación o silencio; ó redor diso crecía un ominoso silencio”.

A inexistencia do Parlamento, dunha Xustiza, unha prensa, unhas institucións independentes, facían o resto; o muro da impunidade estaba asegurado, o poder dos militares non coñecía límites, baixo estes réximes militares, ía arraigándose na sociedade a sensación da desprotección total, o temor real de caer naquela inmensa caza de bruxas, na que calquera que non fose un declarado defensor da dictadura era unha potencial víctima.

Contra estes modernos inquisidores non houbo ultimatos da ONU, non se ergueu contra eles a máis poderosa maquinaria militar multinacional despois da II Guerra Mundial que si se montou para castigar a Iraq, ou para intervir en Somalia, en Ruanda, en Bosnia, en Kosovo. A diferencia é clara: ningún militar arriscou o abastecemento de petróleo para Occidente nin ningún interese económico estratéxico das grandes potencias. Pola contra, foron eles os máis dóciles aliados do FMI e do Banco Mundial, os que deron as mellores oportunidades para o capital estranxeiro facilitando a especulación financeira e a evasión masiva de capitais, os que gastaron millóns e millóns de dólares para mercar sofisticado armamento para combater o inimigo interno. Para asegurar todo iso puxeron á fronte das principais empresas públicas a altos oficiais das forzas armadas; segaron a vida de toda unha xeración de activistas sindicais independentes, impediron que prosperase calquera reivindicación de carácter salarial ou laboral, impuxeron a disciplina do cuartel e a lei do silencio.

¿Cantos centos de milleiros de persoas morreron violentamente só nas últimas tres décadas de dictaduras militares e gobernos autoritarios en Chile, Arxentina, Uruguai, Brasil, Perú, Bolivia, Nicaragua, Guatemala, Colombia, Honduras, Paraguai e ata en “democráticos” como México? ¿Cantas desas víctimas “desapareceron”, cantos deses crimes quedaron impunes? Moitos, demasiados como para que os pobos poidan facer cicatrizar as súas feridas, para que as democracias latinoamericanas asenten sobre bases sólidas.

A pesar de que a Asemblea Xeral da ONU adoptou no ano 1992 a Declaración sobre a Protección de Todas as Persoas contra as Desaparicións Forzadas, a resolución 1.256 da Asemblea Xeral da OEA (Organización de Estados Americanos), recoñecía o 9 de xuño de 1994, hai soamente cinco anos, ó crear en Belém do Pará, Brasil, a Convención Interamericana sobre Desaparición Forzada de persoas, a persistencia do fenómeno de desaparicións forzadas no continente (34).

Uruguai foi o único país de América Latina onde os cidadáns tiveron a oportunidade de manifestarse sobre cómo pechar o negro capítulo da súa dictadura e decidírono, en referendo, aprobando a amnistía co 57,3 por cento dos votos.

Unicamente en tres países latinoamericanos, Chile, Arxentina e El Salvador, se formaron “comisiones de la verdad” oficiais para investigar o terrorismo de Estado, pero a pesar de que nalgúns destes casos se logrou reunir gran cantidade de testemuños e probas contra os principais responsables dos crimes cometidos e serviron de verdadeiras catarses colectivas, as condenas penais que debían desprenderse loxicamente deles quedaron diluídas polas leis de amnistías posteriores. Noutros países, as “comisiones de la verdad” non revestiron carácter oficial, senón que foron investigacións levadas a cabo por organizacións non gobernamentais e, polo tanto, de valor testemuñal, moral, pero sen consecuencias xurídicas e institucionais.

A pesar disto, nos últimos anos e gracias á persistente acción de organizacións de familiares das víctimas e outros organismos humanitarios e a nova sensibilidade que describíamos antes, empézanse a atopar na comunidade internacional varios xuíces, fiscais e maxistrados que aproveitan algúns físgoas legais para reabrir certos casos que as leis de amnistía por omisión non lograron soterrar.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99