Texturas nº 2 - Agosto/99Volver ó sumario


O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
No banco faltan moitos


Roberto Montoya

Amén dos crimes que os dictadores do Cono Sur cometeron nos seus respectivos países, as corresponsabilidades asumidas no “Operativo Cóndor” bastarían por si soas para que os membros das xuntas militares que gobernaban en Arxentina, Uruguai, Paraguai e Bolivia, sentasen no banco dos acusados ó carón de Augusto Pinochet. E non eles soamente.

Os documentos da CIA e o FBI daquela época, que a contagotas comezaron a desclasificarse en 1998 e 1999, están confirmando o que dende sempre foi un segredo a voces: que o presidente republicano Richard Nixon, o seu secretario de Estado, Henry Kissinger e o director da CIA daquel entón, Richard Helms, desempeñaron un papel decisivo no boicot de Salvador Allende cando era aínda candidato, e logo cando era presidente, decididos a “salvar Chile” do comunismo. “Non vexo por qué temos que deixar que un país se faga marxista unicamente porque o seu pobo sexa irresponsable”, foi unha frase célebre dita por Kissinger en 1970 ós seus colaboradores que se coñeceu anos máis tarde.

Se a comezos dos anos 60 os EUA iniciaban o bloqueo económico contra Cuba e bombardeaban os seus canavais de azucre para atacar a súa principal fonte de producción, exactamente unha década despois impoñían sancións económicas contra o réxime de Allende e gastaban máis de oito millóns de dólares –logo repetirían un plan similar contra o Goberno sandinista en Nicaragua– nun amplo plano para desestabilizar económica e politicamente a Chile. O asasinato do demócrata comandante en xefe do Exército chileno, o xeneral René Schneider, por instigación da CIA, achandou o camiño para o golpe do que sería protagonista máis tarde Pinochet.

A pesar de que a desclasificación de milleiros de documentos do Departamento de Estado e da Dirección de Operacións da CIA que se vén realizando dende 1998 –os últimos a inicios de xullo pasado– foi moi “selectiva”, igualmente ilustran suficientemente ata qué punto os EUA estaban ó tanto de todos os detalles do golpe militar contra Allende que se preparaba para o 10 de setembro de 1973 –logo atrasado un día–, así como posteriormente coñecía os lugares de confinamento de presos e “desaparecidos”, as torturas ás que eran sometidos e as execucións sumarias. Un dos numerosos documentos da CIA recentemente desclasificado, datado o 24 de setembro de 1973, recoñece que o total de víctimas non se podía saber exactamente porque os datos reflectían unicamente as mortes contabilizadas nos hospitais e non as execucións nas prisións ou corpos de seguridade (16). “Soamente os membros da Xunta Militar terán unha idea clara das cifras reais de mortos, que probablemente manterán en secreto”, di esa comunicación. Outros informes da CIA non consideran desatinado que o número total de mortos e “desaparecidos” en Chile ascendese a 10.000 persoas, mentres o réxime de Pinochet nunca recoñeceu máis que 244 “mortes violentas de civís” durante os 17 anos de dictadura.

A través dos documentos que se fixeron públicos compróbase tamén que o Goberno norteamericano apoiou a Pinochet aínda sabendo que este representaba a liña máis dura dentro da Xunta Militar, partidaria de asasinar a opositores dentro e fóra de Chile, a diferencia do xeneral Bonilla, Lagos, Bravo e Carrasco, adscritos á liña “branda”. Practicamente todos os militares que rexeitaban a política de “exterminio dos terroristas vermellos” foron pasados ó retiro antes de setembro de 1974.

A complicidade entre o réxime norteamericano e a dictadura é manifesta tamén na correspondencia mantida pola embaixada de Estados Unidos co Goberno militar chileno e co Departamento de Estado. David H. Popper, naquel momento embaixador dos EUA en Santiago de Chile, comunícase nunha ocasión, poucos días despois do sanguento golpe de Pinochet, co Departamento de Estado para informar que a Xunta Militar lle pedira a asistencia de persoal especializado para montar campos de detención onde poder albergar os miles e miles de persoas detidas polas forzas armadas golpistas. Popper considérase comprometido con tal petición. Por unha banda, quérelle deixar claro ó réxime militar chileno que os EUA simpatizan con el e cos seus ideais, pero ó mesmo tempo teme pola imaxe pública dos EUA e, sobre todo, polas protestas que podía provocar un apoio tan visible coma ese entre os congresistas demócratas. Por iso nalgunha carta ó Pentágono propón, en vez de facilitar o persoal pedido polos militares, “ofrecerlles asistencia material, como grandes tendas de campaña, mantas, etc”.

No Memorando do Departamento de Estado onde quedou rexistrada a conversa que mantivo Henry Kissinger con Pinochet o 8 de xuño de 1976 (tres anos despois do golpe e, polo tanto, cando xa se producira o maior número de asasinatos da dictadura), queda claro que os EUA seguían avalando á dictadura chilena. “Nos Estados Unidos, como sabe, simpatizamos co que está vostede intentando facer aquí; na miña opinión, o Goberno anterior estaba abocado ó comunismo. Deséxolle o mellor”, di Kissinger durante a conversa (17). Escusándose por verse obrigado (a causa das presións dos demócratas) a mencionar durante o seu discurso ante a Asemblea Xeral da OEA que o tema dos dereitos humanos “embazaba” a relación con Chile, Kissinger tranquiliza a Pinochet: “O meu discurso non vai dirixido a Chile. (...) A miña opinión é que vostede é víctima de todos os grupos esquerdistas do mundo e que o seu maior pecado é que derrocou un Goberno que se dirixía cara ó comunismo” (18).

Naquela reunión, Pinochet expresou a Kissinger o seu fastío pola actuación de notorios exiliados chilenos radicados en Washington, mencionando insistentemente o nome de Orlando Letelier, queixándose de que este influía no Congreso norteamericano. Tres meses máis tarde, o 21 de setembro de 1976, un poderoso explosivo colocado no automóbil de Letelier estouraba no centro de Washington, provocando a súa morte e a da súa colaboradora norteamericana, Ronni Moffitt. A Administración Clinton viuse recentemente obrigada a xustificarse ante os familiares de Letelier e Moffitt por non desclasificar ningún dos documentos clave sobre o seu asasinato. “Podería entorpecer as investigacións que realiza a Xustiza”, afirmou, 23 anos despois do crime.

Entre os milleiros de documentos agora feitos públicos tampouco figura ningún substancial sobre o secuestro, tortura e asasinato en 1976 de Carmelo Soria, funcionario español que traballaba para as Nacións Unidas, nin tampouco do xornalista estadounidense Charles Horman, asasinado en 1973, caso real sobre o que se inspirou a película “Missing”, e outro cidadán norteamericano, Frank Terucci. Segundo Peter Kornbluch, responsable do Proxecto Chile do National Security Archive de Estados Unidos, “funcionarios do Departamento de Estado pensaron que sería improbable que os militares chilenos asasinaran a Charles Horman e Frank Terucci, sen ter algún tipo de aprobación tácita, directa ou indirecta, da CIA” (19). De acordo con algunhas versións, Horman foi secuestrado e asasinado ó descubrir que revelaría información sobre as implicacións dos EUA no golpe militar.

Segundo Kornbluch, especialista que se mergullou a conciencia nos arquivos desclasificados polos EUA sobre a era pinochetista, o Departamento de Estado envioulle telegramas ó xefe da estación da CIA en Santiago de Chile en decembro de 1976 para indagar se se lles dera a entender ós golpistas o desinterese dos EUA pola vida dos seus dous cidadáns, pero nin o contido desa mensaxe nin a súa resposta foron ata agora desclasificados.

A pesar das grandes lagoas existentes entre os 5.800 documentos desclasificados, algúns deles pertencentes ó Consello Nacional de Seguridade de Estados Unidos, recoñece a implicación do xeneral Manuel Contreras –entón xefe da DINA chilena– no asasinato de Letelier e Moffit nos Estados Unidos e a responsabilidade tamén do xeneral Sergio Arellano na chamada “Caravana de la Muerte”, sucesión de ducias de asasinatos de presos políticos que controlaron persoalmente cinco altos cargos militares por encargo de Pinochet.

Os congresistas demócratas norteamericanos nunca lle perdoaron a Pinochet que se atrevese a levar os seus atentados contra opositores ó propio territorio dos EUA e, sen dúbida, foi a presión exercida pola Administración norteamericana a que permitiu que o 30 de maio de 1995 o xeneral Contreras fose condenado en Chile xunto co brigadier Espinosa, ex xefe de operacións da DINA a varios anos de cárcere. Foi unha condena que tivo que “tragar” con amargura Pinochet cando aínda era comandante en xefe do Exército chileno e unicamente o fixo porque sabía que os EUA estaban detrás dela.

A estreita relación entre Contreras e Pinochet queda por outra banda confirmada en varios documentos, a pesar de que os EUA prefiren, cando menos por agora, non tirar as consecuencias debidas. Nun deses documentos, elaborado por oficiais do Pentágono en xullo de 1975 e reproducido o pasado 4 de xullo polo diario chileno “La Tercera”, sostense que “A autonomía da DINA é grande e crece cada día máis; a autoridade de Contreras é case absoluta, suxeita soamente a un improbable veto presidencial”. Noutros documentos do Pentágono recoñécese que oficiais chilenos propuxeron que a DINA –á que se referían como “una suerte de Gestapo moderna”– fose controlada por un Consello de Seguridade Nacional, en vez de depender unicamente de Pinochet, pero este nunca permitiu que esa fórmula prosperase. O dictador controlaba persoalmente as amplas e terribles actividades nacionais e internacionais da súa policía política secreta.

Aínda son moitos os documentos que os EUA manteñen clasificados con respecto ós anos máis sanguentos do réxime pinochetista –non foi desclasificado ningún do 12 de setembro de 1973, día posterior ó golpe de Pinochet– e nos que xa foran revelados, como xa vén sendo tradición, hai máis zonas “negras”, aínda censuradas, que zonas lexibles.

Durante os anos de apoxeo da “Operación Cóndor”, o FBI, a través de persoeiros como Robert Scherrer, o seu representante na embaixada estadounidense de Bos Aires e a estación da CIA na capital arxentina, axudaban ós servicios de intelixencia das dictaduras do Cono Sur a localizar no exterior ós líderes da oposición máis molestos contra os que pretendían atentar. Algún dos documentos desclasificados ultimamente saca á luz o informe remitido por Robert Scherrer ó xeneral chileno Ernesto Baeza Michaelsen, director da Oficina Xeral de Investigacións e ex titulado na Escola das Américas, no que lle notifica que a policía paraguaia interceptou un correo do opositor Movemento de Esquerda Revolucionaria, Jorge Isaac Fuentes.

Na axenda que a policía paraguaia incautou a Fuentes –militante que “desapareceu” nunha prisión chilena posteriormente– e do contido da cal foi informado inmediatamente Robert Scherrer, aparecían os nomes de dous aparentes contactos nos Estados Unidos, Margaret Sun, en Manhattan, e Sonia Bacigalupe, en Dallas. O responsable do FBI dálle contas ó xeneral Baeza destes pormenores na súa carta de 6 de xuño de 1975, e garántelle que se vixiará e investigará a esas persoas nos EUA, aínda que nunca chegaron a ser localizadas.

Nunha entrevista emitida pola canle de televisión británica “Channel 4” o 7 de decembro de 1998, un ex funcionario da CIA, Ralph McGehee, recoñeceu tamén que ese organismo entregou á Xunta Militar chilena listas de militantes opositores. “A Axencia axudoulle ó réxime facilitándolle datos precisos sobre militantes esquerdistas, sindicalistas, xornalistas e outros tipos de persoas que podían considerarse como unha ameaza para el”, asegurou.

No mesmo programa, o ex embaixador norteamericano en Chile, Edward Korry, confirmou que o propio presidente Richard Nixon “aprobou” o golpe de Estado liderado por Augusto Pinochet contra o entón presidente democrático, Salvador Allende.

En marzo pasado e, polo tanto, meses despois de que Pinochet fose detido en Londres, Kissinger publicou o terceiro tomo das súas memorias, chamado “Years of Renewal” e no capítulo dedicado a Chile sostén que “non hai dúbida de que Pinochet e os seus colaboradores se pasaron respecto ás normas moralmente aceptables unha vez no poder”, pero sostén acto seguido que “nunca se recoñeceu que as brutalidades en Chile foron consecuencia dunha guerra civil desencadeada por iniciativa da esquerda radical”.

Os Estados Unidos son hoxe partidarios de xulgar a través de tribunais “ad hoc” os crimes de guerra e contra a humanidade cometidos en Serbia, Ruanda ou Camboxa. O Congreso norteamericano aprobou en 1994 o Cambodian Genocide Justice Act e o Departamento de Estado creou unha oficina específica de investigación do xenocidio camboxano, prevista como instrumento para crear un tribunal penal “ad hoc” que xulgase os crimes cometidos por unha facción dos xemeres vermellos. Sen embargo a súa preocupación por investigar e xulgar eses crimes –que merecen ser investigados e xulgados– non se advirte en moitos outros casos, naquelas zonas ou países onde os propios EUA deberían ser os que sentasen no banco dos acusados. Véxase a súa intervención en Vietnam, véxase o seu intervencionismo de anos en América Latina.

Durante as sete primeiras décadas do século XX, Estados Unidos interveu militarmente ó seu antollo no seu “patio traseiro” ducias de veces, instalou e sostivo no poder os máis sanguentos dictadores que afogaron o continente, boicoteando sistematicamente as actividades das organizacións humanitarias –varias do seu propio país– e os intentos de xulgar ós responsables de crimes contra a humanidade e xenocidio en América Latina.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99