Texturas nº 2 - Agosto/99Volver ó sumario


O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
Introducción


Roberto Montoya

“Lei de Obediencia Debida”, “Lei de Punto Final”, “Lei de Reconciliación”, “Amnistía”. Os termos legais utilizados en América Latina dende os anos oitenta foron variados, pero o seu significado sempre é o mesmo: IMPUNIDADE. Se dende mediados dos anos sesenta e ata avanzados os oitenta, o nome que mellor explicaba a orixe e proliferación de dictaduras militares no subcontinente era o de “Doutrina da Seguridade Nacional” (1), a palabra IMPUNIDADE explica á súa vez por qué na maioría dos casos elas mesmas aceptaron posteriormente a súa desaparición ou transformación. Os militares que cometeron os maiores crimes de América Latina dende o xenocidio das poboacións indíxenas, deixáronlles o protagonismo ós civís soamente cando tiveron garantido que os seus delictos quedarían impunes e o seu rol institucional inalterado.

“A impunidade, ademais da clamorosa inxustiza que supón para as víctimas, impide o desenvolvemento do Estado de dereito, converte os sistemas políticos en democracias de papel, destrúe a confianza dos cidadáns nas institucións”. Son palabras de alguén con autoridade para pronuncialas, son palabras textuais de Carlos Castresana (2).

“A impunidade, ademais de supoñer a negación máis absoluta da xustiza, ten un efecto aínda máis perverso: impide a construcción do estado de Dereito”, sosteñen os cinco xuristas que elaboraron o Dictame contra a Impunidade, solicitado pola Federación de Asociacións de Xuristas Progresistas de España (3).

E engaden: “a sociedade democrática pode funcionar porque a maioría dos cidadáns acata as leis de maneira espontánea, voluntaria; iso permítelles ás autoridades centrar os seus esforzos en esixirlles o cumprimento da lei ós poucos que se resisten á súa aplicación”. Pero os tres xuristas sosteñen que “nunha sociedade na que os maiores criminais, responsables do secuestro, tortura e asasinato de milleiros de cidadáns, gozan de absoluta liberdade, na que os seus crimes non obteñen resposta ningunha por parte do Estado, ¿que lexitimidade lle queda a este para esixir do resto dos cidadáns o respecto á lei?, ¿como convencer ós cidadáns de que respecten as normas se canto máis grave é a infracción maior é a posibilidade de eludir a consecuencia legal?” (4).

Pola súa banda, o gran escritor uruguaio Eduardo Galeano di que “os presidentes latinoamericanos administran a dobre hipoteca que as dictaduras lles deixaron, en herdanza, ás democracias: o pago das súas débedas e o esquecemento dos seus crimes”, e engade que “as leis de impunidade, impostas en todos os países por mandato da ameaza militar, elevaron as matanzas de Estado por riba do alcance da xustiza, identificouse a xustiza coa vinganza, a memoria coa desorde e a amnesia coa paz” (5).Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99