Texturas nº 2 - Agosto/99Volver ó sumario


O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
Comisións da Verdade non gobernamentais


Roberto Montoya

BRASIL

En Brasil, os militares autootorgáronse unha lei de amnistía en 1978, pero un ano máis tarde, ó acabarse os quince anos de dictadura, a Arquidiocese de Sao Paulo que sufrira na súa propia carne a represión, comezou un meticuloso traballo de investigación dos crimes cometidos durante eses quince anos. A Arquidiocese non se limitou a recoller testemuños de familiares das víctimas da represión ou de superviventes desta, senón que logrou, a través dun estudio rigoroso de centos de procesos realizados polo Tribunal Militar Supremo, reunir probas contundentes das inxustizas e crimes cometidos. Nos varios volumes do informe “Brasil Nunca Mais” (41) inclúense as actividades de varios axentes da CIA, como o oficial Dan Mitrione, quen para lles ensinar ós seus colegas brasileiros a técnica da tortura, experimentaba con mendigos e “meniños da rúa” en Belo Horizonte.

A investigación realizada permitiu confirmar a desaparición forzada de polo menos 125 persoas, das que soamente en contados casos apareceron os seus cadáveres enterrados en fosas comúns. O traballo da Arquidiocese de Sao Paulo logrou tamén identificar a máis de 400 torturadores, pero estas denuncias non levaron a ningunha conclusión penal. Hai catro anos, o Goberno limitouse a decretar indemnizacións para os familiares de case 150 persoas desaparecidas por motivos políticos entre 1964 e 1979.


PERÚ

En Perú, a pesar de vivir doce anos de gobernos militares e posteriormente gobernos de claros trazos autoritarios, cunha violencia política que deixou máis de 30.000 mortos e 5.000 persoas desaparecidas, non houbo ata a data máis que investigacións parciais, tanto oficiais como de organismos non gobernamentais, sobre as graves violacións dos dereitos humanos cometidas.

As dúas principais comisións investigadoras que se crearon, a primeira delas en 1983, a raíz do asasinato de oito xornalistas e un guía campesiño na localidade andina de Uchuraccay, baixo o Goberno de Fernando Belaúnde Terry e a segunda en 1986, con Alan García xa no poder, tras a masacre de máis de 250 prisioneiros políticos en dous cárceres.

Eses dous presidentes foron os propios precursores das respectivas comisións, nun intento de recuperar a súa imaxe “democrática” a nivel nacional e internacional, tralas brutais masacres cometidas. Sen embargo, conscientes de que o descubrimento da verdade elevaría o dedo acusador contra as forzas de seguridade e os seus responsables no Goberno, tanto Belaúnde Terry como García limitaron a tal punto as posibilidades de actuación dos investigadores que nas súas conclusións non poderían facer outra cosa que asinar cos ollos pechados a versión oficial orixinal.

No caso da Comisión Investigadora da morte dos xornalistas en Uchuraccay, foi o escritor Mario Vargas Llosa quen se prestou ó xogo do Goberno, formando parte desta xunto cun xornalista, Castro Arenas, e un xurista, Guzmán Figueroa. Os xornalistas asasinados compartían con moitos avogados a convicción de que as forzas armadas desenvolvían na rexión de Ayacucho unha verdadeira estratexia de “guerra sucia” e para confirmalo persoalmente organizaron a súa viaxe a Uchuraccay. Pero as forzas de seguridade non estaban dispostas a que ningunha voz independente, e menos a de xornalistas pertencentes a distintos medios informativos, revelasen unha realidade que ata o momento soamente coñecían os habitantes locais. Os oito foron asasinados, intentándose disfrazar a súa morte como un ataque “espontáneo” dos campesiños aldeáns que os “confudiran” con guerrilleiros de Sendero Luminoso. A coartada era tosca pero os membros da comisión avalárona plenamente, sostendo no seu informe –que foi elaborado sen posibilidade dunha verdadeira investigación libre– que tiñan a “convicción absoluta” de que non participaran na matanza membros das forzas de seguridade.

O Tribunal de Ayacucho chegou a conclusións moi distintas, convencido de que os campesiños foron obrigados a atacar ós xornalistas polas forzas armadas e chegaron a identificar a algúns dos altos cargos policiais e militares responsables, pero a investigación atopou numerosas trabas e nunca puido prosperar. Por outra banda, algunhas das poucas testemuñas que quixeron denunciar os feitos resultaron asasinadas ou “desapareceron” misteriosamente. Outro tanto aconteceu coa Comisión investigadora das masacres nos penais de El Calleo e El Frontón. A pesar de que a investigación levada a cabo polo Congreso considerou demostrado que o motín dos presos podería resolverse a través da negociación e que, sen embargo, se preferiu a liña “exemplificadora” de bombardeo indiscriminado contra os reclusos por parte da Guardia Republicana e da Mariña de Guerra, o proceso seguido... no foro militar terminou exculpando ós responsables máximos das matanzas.


PARAGUAI

Máis do dez por cento da poboación paraguaia, 360.000 persoas sobre un total de 3 millóns, pasaron polos cárceres dese país durante os 35 anos que durou a dictadura militar do xeneral Alfredo Stroessner (1954-1989), segundo o exhaustivo traballo de investigación realizado polo CIPAE (Comité de Igrexas para Axudas de Emerxencia).

A tortura sistemática dos opositores, a desprotección legal, a falta de institucións independentes, a corrupción estatal xeneralizada, foron a característica por excelencia da dictadura de Stroessner. Na capital de Paraguai, en Asunción, atopáronse casualmente algúns dos principais arquivos do centro de coordinación da “Operación Cóndor”, dado que nas súas operacións terroristas participaron activamente os militares paraguaios.

O golpe militar que derrocou ó dictador en febreiro de 1989, lonxe de mellorar, agravou a situación dos dereitos humanos. Ata hoxe Paraguai non logrou investigar oficialmente nin delimitar as responsabilidades polos crimes de Estado cometidos durante máis de catro décadas.


GUATEMALA

Os acordos entre a guerrilla da Unión Revolucionaria Nacional Guatemalteca (UNRG) e o Goberno, que permitiron firmar a paz en Guatemala despois da guerra que desgarrou este país durante 36 anos (de 1960 a 1996), posibilitaron que unha comisión auspiciada pola ONU e organismos humanitarios e relixiosos investigara as graves violacións dos dereitos humanos cometidas durante eses anos. Estes informes coinciden en que o Exército é o responsable do 80% dos crimes cometidos durante a guerra civil, que deixou un saldo de 150.000 mortos e provocou un millón de refuxiados. Pero tanto as forzas armadas como o Goberno néganse a recoñecer esas conclusións e a extraer as medidas pertinentes, o que impediu ata agora sentar no banco dos acusados sequera a algún dos numerosos responsables recoñecidos.

Un documento mercado a un militar guatemalteco pola investigadora norteamericana Kate Doyle, pertencente ó parecer a unha unidade secreta que secuestrou, torturou e executou a preto de 200 persoas, foi revelado en maio pasado polas organizacións humanitarias Human Rights Watch, Asociación Americana para o Progreso das Ciencias e Arquivos da Seguridade Nacional, reabrindo as chagas dunha sociedade que non está disposta a aceptar a impunidade dos criminais. Este documento, un caderno de argolas no que aparece unha lista de 183 detidos con nome, apelido, pseudónimo e fotografía, data e lugar da súa captura e acusacións que pesan sobre eles, animou ás organizacións humanitarias a perseverar nas súas investigacións e a intentar obter información dos militares sobre os milleiros de desaparecidos que houbo neste país.

Pero os militares non soamente non colaboran senón que baixo a ameaza dun poder que non foi máis que cosmeticamente retocado, coaccionan para que se promulgue unha lei de amnistía que lexitime definitivamente a súa impunidade.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99