Texturas nº 2 - Agosto/99
O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
América Latina e a técnica da “desaparición”
Mentres a comunidade internacional –aínda coas limitacións e contradiccións apuntadas– comeza a moverse por crimes que se cometen practicamente en tempo real ou hai escasos anos, outros como os do terrorismo de Estado en América Latina que cobrou centos de milleiros de vidas seguirán impunes, a menos que o precedente do “caso Pinochet”, e segundo evidentemente como este acabe, sirva como estímulo para outras iniciativas dese tipo.
As posibilidades da reconstrucción democrática en Alemaña despois da caída de Hitler, e a estabilidade de toda Europa, serían moi distintas de non existir o tribunal de Nüremberg. ¿Por que habería de ser distinto en América Latina despois do paso polo poder dos dictadores que anegaron de sangue o continente? Esaxerando con exquisita mordacidade o enfado dos militares latinoamericanos pola detención do dictador chileno en Londres, escribía Eduardo Galeano: “¿A onde imos parar? A este paso, ningún dos nosos asasinos de uniforme poderá facer turismo fóra do barrio” (25).
“Militares e policías movíanse por toda a rexión coma Perico pola súa casa –escribiu o comprometido escritor uruguaio, lembrando os anos da Operación Cóndor– e para eles non existían as fronteiras”. “Este mercado común latinoamericano, o da morte, foi o único mercado común que funcionou con exemplar eficacia entre os nosos diversos países”. Co seu peculiar humor negro, Galeano escribiu que “ata hai vinte anos, secuestrábase xente en calquera lugar, fose cal fose a nacionalidade dos secuestradores e dos secuestrados e torturábase e exterminábase mirando a quen pero sen mirar a onde”.
Un dos recursos por excelencia que utilizaron as dictaduras militares de América Latina tanto con fins intimidatorios como de garantía da súa impunidade, foi a eufemisticamente chamada “desaparición” dos seus adversarios.
A tortura ten unha “tradición” de séculos en América Latina, ligada á presencia dos inquisidores españois. Colón descubriu América en 1492 coa espada e a cruz como bandeira, cando dende moito antes estaba en pleno vigor a bula pontificia “Ad extirpanda” do papa Inocencio IV, de 1252, na que se regulamentaba a aplicación dos tormentos nos procesos. En realidade, numerosos textos oficiais da Igrexa de Roma admitían dende moito antes a lexitimidade do tormento, que fora incorporado ó proceso penal canónico. “Ó longo dos séculos XVI, XVII e XVIII e pese á achega humanitaria do frade Bartolomé de las Casas e dalgúns aspectos das leis de Indias promulgadas en España, de feito, o emprego de diversos tipos de tortura non atopou oposición efectiva ningunha, nin teórica nin práctica, nas novas nacións americanas” (26).
Esas lexislacións que autorizaban os tormentos serían abolidas polas constitucións aprobadas despois das distintas revolucións independentistas no continente, no século XX, aínda que na práctica a tortura non desapareceu nunca definitivamente e volvería ós seus momentos de maior apoxeo coas dictaduras militares do século XX. Os militares latinoamericanos volveron a atopar argumentos teóricos para utilizar a tortura contra os seus adversarios en libros como “A guerra moderna”, do coronel francés Trinquier. Este home, incorporado nas tropas paracaidistas do sinistro xeneral Massu á que encomenda en 1957 a loita antiterrorista en Alxeria, é un dos máis acérrimos defensores da tortura como método “lóxico” e “natural” contra o inimigo. Foi tamén na década dos 50, en plena Guerra Fría, cando milleiros de oficiais latinoamericanos comezaron a recibir cursos de “guerra contrarrevolucionaria”, de represión do inimigo interior, en escolas militares norteamericanas e moi especialmente na “Escuela de las Américas” que funcionou na zona norteamericana do Canal de Panamá. Comezaba a época da “Doutrina da Seguridade Nacional”.
“Se a Escola das Américas organizase un encontro de todos os seus antigos alumnos, podería xuntar algúns dos criminais máis repugnantes do hemisferio occidental”, sostiña en 1993 o congresista estadounidense Martin Meehan (27).
O diario arxentino “La Razón” publicou nunha ocasión unha nota dun coñecido represor, o xeneral Camps, na que este recoñecía que “en Arxentina recibimos primeiro a influencia francesa e logo a norteamericana, aplicando cada unha por separado e logo xuntas, tomando conceptos de ambas ata que chegou un momento en que predominou a norteamericana”. “Francia e os EUA foron os grandes difusores da doutrina antisubversiva”, engadía, “organizan centros, particularmente os EUA, para ensinar os principios antisubversivos, enviaron asesores, instructores, difundiron unha cantidade extraordinaria de bibliografía” (28).
No seu discurso ante o Congreso Nacional arxentino o 10 de decembro de 1983, o acabado de elixir presidente Raúl Alfonsín referiuse especificamente á Doutrina da Seguridade Nacional como referente teórico da represión: “Milleiros de persoas foron privadas ilegalmente da súa liberdade, torturadas e mortas como resultado da aplicación deses procedementos de loita inspirados na totalitaria Doutrina de Seguridade Nacional” (29).
A pesar da multitude de probas reunidas contra os dictadores arxentinos, alguén como Pinochet segue negando que se torturase ós detidos durante o seu réxime. Nunhas declaracións patéticas feitas o pasado 18 de xullo ó periódico semanal británico “The Sunday Telegraph”, Augusto Pinochet dixo que “na miña calidade de xeneral da República, nunca aceptei a tortura”, asegurando que “dende o principio velei sobre todo por que fosen protexidos os dereitos das persoas detidas e a súa seguridade”. Coa súa entrevista o dictador non soamente volveu a ofender e abrir as chagas dos familiares e amigos das súas víctimas, senón que provocou tamén gran malestar no seu propio entorno, xa que chegou a dicir que “eu non tiña tempo de controlar o que facían os outros, asumo a responsabilidade política, non a responsabilidade penal; se se cometeron violacións, foi sen o meu consentimento” (30).
A práctica sistemática da tortura que caracterizou as dictaduras militares latinoamericanas recoñece
antigos antecedentes non soamente no continente senón no mundo enteiro. Sen embargo, a técnica da
“desaparición” de persoas, que aparece con virulencia en América Latina por primeira vez en Guatemala
de 1963 a 1966, durante o réxime militar do coronel Enrique Peralta Azurdia –cun só antecedente remoto
na rexión, en San Salvador en 1932–; esténdese a Brasil co golpe de 1964 e vaise arraigar en Chile
e especialmente en Arxentina nos 70, inspírase directamente nos nazis alemáns.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99