Texturas nº 2 - Agosto/99Volver ó sumario


O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
Algo empeza a mudar


Roberto Montoya

A pesar das grandes limitacións das distintas comisións da verdade que se crearon en varios países latinoamericanos e a promulgación de leis de amnistía para os responsables dos máis graves crimes, nos últimos anos abríronse portas que se crían pechadas para sempre, posibilitando utilizar vías legais que non quedaron cubertas por esas normas legais.

No caso de Arxentina e pese á existencia das leis de Punto Final e Obediencia Debida da época de Alfonsín e á amnistía a favor dos xerarcas militares decretadas posteriormente por Menem, algúns xuíces lograron procesar ó ex xeneral Videla e outros máximos responsables das xuntas militares polo roubo de bebés de desaparecidos, un dos máis sinistros tráficos delictuosos que as caracterizaron.

Videla xunto con outros 150 oficiais aparecen tamén como inculpados na causa que segue o xuíz Baltasar Garzón contra eles por secuestros, tortura e xenocidio, delictos dos que foron víctimas moitas persoas de orixe española. Unha causa similar está aberta contra outros cargos militares arxentinos pola Xustiza italiana, mentres Francia, dende hai anos, mantén activa unha orde de busca e captura de Astiz polo asasinato das dúas monxas francesas.

En Chile, e estimulados pola detención de Pinochet en Londres, os maxistrados da Corte Suprema decidiron por unanimidade o pasado 20 de xullo desestimar os recursos de abeiro presentados pola defensa de cinco ex oficiais do Exército ós que se acusa como máximos responsables da chamada “Caravana de la muerte”. Dúas semanas despois do golpe militar de Pinochet, o xeneral Sergio Arellano partiu como “delegado especial” deste no helicóptero ó mando dunha comitiva de altos cargos militares para exterminar a 72 prisioneiros distribuídos en distintos cárceres de Chile, que foran condenados por consellos de guerra sumarios.

O xuíz Guzmán decidiu procesar en xuño pasado por eses crimes ó xeneral Arellano, xunto cos coroneis Sergio Arredondo, Marcelo Moren Brito, Patricio Díaz Araneda e o brigadier Pedro Espinoza. Uns vinte oficiais novos testemuñaron ante o xuíz de que foron obrigados polos seus superiores a participar nesas matanzas. O xuízo iniciado por Guzmán é o segundo –tralo seguido ó xeneral Manuel Contreras– que se segue contra altos xefes militares dende a chegada da democracia a Chile, xuízo que foi duramente criticado pola cúpula militar en activo e polo propio Pinochet dende a súa mansión en Londres. A pesar de que os querelantes, Carmen Hertz e Germán Berger, viúva e fillo de Carlos Berger, asasinado na Caravana, pediron o procesamento dos cinco militares por xenocidio e secuestro con resultado de morte e inhumación ilegal, Guzmán soamente puido admitir a acusación do delicto de secuestro, dado que este non está cuberto pola Lei de Amnistía aprobada polo Goberno de Pinochet en marzo de 1978. O delicto de xenocidio non está tipificado na lexislación penal chilena e o secuestro con resultado de morte e inhumación ilegal figura cuberto pola autoamnistía.

Esta é a primeira das querelas deste tipo que admite a trámite Guzmán, aínda que instrúe unha vintena delas presentadas contra Pinochet.

Por primeira vez en Chile, tamén un alto oficial retirado do Exército chileno, o coronel Olagier Benavente, de 70 anos, facilitou á prensa chilena datos precisos de cómo o tamén agora coronel retirado Antonio Palomo, piloto persoal de Pinochet, tirou corpos de detidos ó mar e ós altos cumes da Cordilleira dos Andes. Segundo Olagier Benavente, o piloto de Pinochet formaba parte do selecto equipo de militares que tiñan por misión facer desaparecer os corpos dos detidos durante o primeiro período do réxime militar (42).

En Brasil foi alentadora tamén a promulgación en xullo pasado da lei que regula o Programa de Protección Especial a Víctimas e Testemuñas. Esta lei por primeira vez protexe a vida e ata proporciona unha nova identidade e dirección a aquelas persoas que foron testemuñas directas ou son superviventes de matanzas cometidas polas forzas de seguridade e non se atrevían ata agora a presentar denuncia por temor ás represalias. A lei estimula tamén para que se acollan a ela –contemplándose para iso unha reducción importante das penas– aquelas persoas ou axentes que se viron obrigados polos seus superiores a participar nos crimes.

En Guatemala e a pesar da impunidade citada, que permitiu deixar impunes milleiros e milleiros de crimes, o 22 de maio de 1996 o Congreso aprobaba un decreto co que se introduce por primeira vez no Código Penal dese país o delicto de “desaparición forzada”. “Comete o delicto de desaparición forzada quen, por orde, coa autorización ou apoio das autoridades do Estado, privase en calquera forma da liberdade a unha ou máis persoas, por motivos políticos, ocultando o seu paradoiro, negándose a revelar o seu destino ou a recoñecer a súa detención, así como o funcionario ou empregado público, pertenza ou non ós corpos de seguridade do Estado, que ordene, autorice, apoie ou dea a aquiescencia para esas accións” (43).

Non é pouca cousa que no país que xunto con Arxentina –e antes que nese país se puxera en práctica– fixo da “desaparición” de persoas unha das técnicas prioritarias do accionar represivo, se estableza incluso que “constitúe delicto de desaparición forzada a privación da liberdade dunha ou máis persoas, aínda que non medie móbil político, cando sexa cometida por elementos de seguridade do Estado estando en exercicio do seu cargo, cando actúen arbitrariamente ou con abuso ou exceso de forza” (44).

Como vimos, as leis de impunidade que se atribuíron as propias dictaduras militares ou que lles impuxeron ós novos gobernantes civís como condición para o traspaso do poder, deixaron soamente sen cubrir algúns crimes de Estado, aqueles que posibilitaron as importantes causas xudiciais mencionadas en Chile ou Arxentina. Sen embargo non se pode negar que a desaparición das dictaduras militares do continente, a fin da Guerra Fría e no subcontinente americano a fin tamén de todas as súas guerras internas a excepción de Colombia, estiveron unidas a unha crecente conciencia en América Latina sobre a necesidade do “Nunca Máis”.

Soamente neste contexto pode explicarse que por primeira vez un país latinoamericano, Honduras, sexa “condenado” pola desaparición forzada de dous dos seus cidadáns, Angel Manfredo Velásquez Rodríguez e Saúl Godínez Cruz, en mans das forzas de seguridade. Para sentenciar ó Estado hondureño, a Corte Interamericana de Dereitos Humanos non necesitou sen embargo dotarse de novos instrumentos legais. Simplemente, baseouse na Convención Americana sobre Dereitos Humanos, asinada en 1969 e ratificada pola maioría dos membros da OEA.

A Convención establece no seu articulado cousas tan elementais como que “toda persoa ten dereito a que se respecte a súa vida”, que “ninguén pode ser privado da vida arbitrariamente”, que “ninguén debe ser sometido a torturas nin a penas ou tratos crueles, inhumanos ou degradantes”.

A Corte Interamericana de Dereitos Humanos volvería a actuar ante o Goberno guatemalteco posteriormente, en 1996, para presentarse no proceso pola desaparición forzada de Nicholas Chapman Blake en 1985, do que apareceu o cadáver en 1992.

Son soamente por agora casos illados, pero parecen indicar un cambio esperanzador na utilización deses recursos xurídicos dos que o propio continente latinoamericano está dotado dende hai décadas para defender ós cidadáns de calquera dos seus países. Durante máis de dúas décadas, cun continente inzado de dictaduras militares que, como primeira tarefa, se ocuparon de eliminar as constitucións nacionais, pechar parlamentos e institucións independentes, esa Convención Americana de Dereitos Humanos estivo sen aplicar. É hora de que se aplique, ó igual que todos os instrumentos internacionais de defensa dos dereitos humanos que están vixentes dende hai décadas, é hora de que a poboación dun país non quede máis abandonada á súa sorte en mans do dictador de quenda, ante a indiferencia do resto do continente, ante a indiferencia do mundo.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99