Texturas nº 2 - Agosto/99Volver ó sumario


O caso Pinochet e a impunidade en América Latina
A “Operación Cóndor”


Roberto Montoya

A detención de Pinochet e as acusacións e testemuños contra el serviron tamén para recrear aquel tráxico escenario que se vivía no Cono Sur de América Latina nos anos 70 e comezos dos 80, cando os dictadores de Chile, Arxentina, Uruguai, Paraguai e Bolivia, irmandados a través da “Operación Cóndor”, colaboraban estreitamente no secuestro, tortura e asasinato dos seus adversarios.

Non satisfeitos coa eliminación física dos seus opoñentes dentro das súas propias fronteiras, os dictadores confabuláronse para perseguir a aqueles que se exiliaran no estranxeiro. Na acusación do xuíz Baltasar Garzón contra Pinochet existe un apartado especial sobre a “Operación Cóndor”, á que cualifica de “plan sistemático de detenciones ilegales, secuestros, torturas seguidas de la muerte de la persona, desplazamientos forzosos de miles de personas y desaparición selectiva de un mínimo de 3.178, con la finalidad de alcanzar una serie de objetivos político-económicos que reafirmen las bases de la conspiración y consigan instaurar el terror en la población” (15).

Documentos oficiais do Ministerio de Exteriores chileno, revelados o pasado 16 de xuño polo diario “La Nación” dese país, desvelan que a pesar de que a coordinación terrorista das dictaduras do Cono Sur se iniciase tempo antes –a súa primeira acción foi a “Operación Colombo” en 1974, cando apareceron asasinados 119 opositores chilenos en Arxentina–, fixou realmente as súas bases oficiais definitivas na I Reunión Interamericana de Intelixencia Nacional que se realizou en Chile o 25 de novembro de 1975. O nome de “Cóndor” foi proposto por Uruguai “en honor ó país anfitrión”, Chile, dado que este conta cun cóndor no seu escudo nacional.

No seu Auto de procesamento, o xuíz Garzón presenta probas sobre 94 dos casos nos que a sinistra Dirección de Intelixencia Nacional (DINA) chilena, substituída a partir de 1977 pola Central Nacional de Informacións (CNI), levou a cabo secuestros e asasinatos que formaban parte da “Operación Cóndor”, moitos deles cometidos no exterior. Entre eles lémbrase o asasinato en Bos Aires en 1974 do ex vicepresidente e ex comandante en xefe do Exército chileno Carlos Prats González e a súa esposa; o atentado de 1975 en Roma contra o ex vicepresidente chileno Bernardo Leighton e a súa esposa; o asasinato en 1976 en Washington do ex ministro de Defensa chileno Orlando Letelier e o intento de atentado en Madrid en 1976 contra o líder dos socialistas chilenos, Carlos Altamirano. En Bos Aires morreu tamén a tiros o xeneral Juan José Torres, ex presidente de Bolivia, e os parlamentarios uruguaios Zelmar Michelini e Héctor Gutiérrez Ruiz.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99