Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
O proceso lexislativo


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

As iniciativas do goberno do Reino Unido en resposta ao crecemento dos partidos nacionalistas, e sobre todo do NSP en Escocia, comezaron en decembro de 1968, cando o goberno laborista de Harold Wilson creou unha Real Comisión sobre a Constitución, presidida por Lord Crowther (e, despois de falecer este, por Lord Kilbrandon). A Comisión quedou encargada de estudiar se serían convenientes modificacións das relacións constitucionais e económicas entre os diversos países e rexións do reino. Cando a Comisión presentou o seu informe, en 1973, xa non estaban os laboristas no poder, senón os conservadores, con Edward Heath de Primeiro Ministro. O informe Kilbrandon expuña unha serie de posibilidades, seis en total. Ningunha desas posibilidades admitía o separatismo, o que non satisfacía aos partidos nacionalistas de Gales e Escocia. Tampouco admitía o federalismo, o que non agradou ao partido liberal. Pero en xeral (e á parte do pronunciamento dunha minoría da Comisión, preocupada polas consecuencias da transferencia de soberanía na perspectiva da CEE, a posíbel desigualdade de dereitos políticos entre cidadáns do Reino Unido e a representación de Gales e Escocia nun Parlamento de Westminster que só decidise sobre asuntos ingleses) o Informe foi favorábel a un réxime autonómico. Mentres tanto, o descubrimento de petróleo no mar do Norte provocou unha forte campaña do SNP co lema de “é o noso petróleo”, que tivo grande sona e inquietou aínda máis ca en 1964 ao mundo político. A presión por “facer algo” gañou forza, pero o goberno de Heath viuse liberado da necesidade de reaccionar, pois perdeu o poder en febreiro de 1974. Nesas eleccións, o SNP, que tiña un deputado, pasou a ter seis, e o Plaid Cymru, que non tiña ningún, conseguiu dous. Ese ano houbo dúas eleccións xerais, e pouco antes da segunda, en outubro, o goberno publicou un Libro Branco, prometendo lexislación autonómica. Non perdeu escanos en Escocia, nin practicamente en Gales, pero o voto do SNP aumentou un 30 por cento, aproximándose moito ao conseguido polos laboristas e tirándolles catro postos aos conservadores. Era evidente que o goberno tiña que presentar un proxecto de lei ao parlamento, pero a elaboración deste proxecto foi difícil e demorada e non se presentou ata novembro de 1976, cando Harold Wilson xa fora substituído por James Callaghan. Tratábase dunha soa lei para Escocia e Gales, que tropezou con moitas dificultades no parlamento. Edward Heath, que en 1968 se mostrara partidario da autonomía na súa declaración de Perth, xa non era xefe da oposición, e Margaret Thatcher, que o sucedera, non tiña moito entusiasmo pola idea. Moitos deputados laboristas estaban tamén en contra, e cando o goberno intentou conseguir a aprobación da lei por unha moción de “guillotina”, vista a lentitude con que ía o debate no Comité parlamentario, vintedous deputados laboristas rebeldes, movidos por Tam Dallyel, uníronse aos conservadores, os liberais e os unionistas do Ulster, e, con iso e a abstención de vinteún deputados laboristas máis, derrotaron a moción en febreiro de 1977. O goberno tivo que retirar o proxecto de lei. As consecuencias foron graves, non só para a opinión autonomista que tanto medrara en Escocia e no País de Gales, senón tamén para o goberno. Margaret Thatcher presentou unha moción de censura, da que Callaghan só puido escapar pactando cos liberais. Foi o chamado Pacto Lib-Lab, do que viviu o goberno o resto do seu mandato. Os liberais esixiron como condición que houbese proxectos de lei separados, un para Escocia e outro para Gales, que as asembleas tivesen poderes fiscais, que as eleccións para elas fosen por un sistema de representación proporcional e que os respectivos ministros tivesen menos poderes.

Os dous proxectos foron presentados en novembro do mesmo ano e correron ben e sen grandes tropezos ata que, case ao final dos debates no comité parlamentario, un deputado laborista propuxo que o plebiscito previsto na lei estivese suxeito á condición de que o voto afirmativo fose do 40 por cento dos respectivos electorados, e non simplemente dos votantes- para ter efecto. O goberno opúñase a esa emenda, pero acabou por ser aprobada. Ese requisito impediu que se constituíse a Asemblea de Escocia, e para a de Gales non foron suficientes os votos afirmativos. En Escocia votou a favor o 32,5 por cento do electorado, e en contra o 30,4 por cento, sendo a abstención, por conseguinte do 37,1 por cento. No País de Gales votou a favor o 11,8 por cento do electorado, en contra o 46,5 por cento, e a abstención foi do 41,7 por cento.

Eses resultados do plebiscito do 1 de marzo de 1979 foron o segundo golpe que o goberno de Callaghan recibiu a causa das súas iniciativas autonomistas, polas que nin o Primeiro Ministro nin moitos membros do seu partido sentían no fondo simpatía ningunha. Tentou Callaghan a chamada “solución Frankenstein”, que consistía en facer revivir os proxectos despois de gañar unhas eleccións xerais, pero eran tan remotas as posibilidades de que iso sucedese, que o único que fixo foi anunciar conversacións entre todos os partidos para mellorar os proxectos. O SNP e Thatcher presentaron a cuestión de confianza, o goberno caeu, e nas eleccións de xuño chegou ao poder Margaret Thatcher. Pouco despois foron abolidos por completo os proxectos. A pesar de que o Secretario de Estado para Escocia anunciou que se volverían a realizar as consultas con todos os partidos sobre cuestións autonómicas, non houbo máis iniciativas gobernamentais de relanzamento do proceso autonómico.

Nos longos anos de goberno conservador que seguiron a 1976 houbo en cambio unha iniciativa non gobernamental que constituíu un precedente importante da lexislación autonómica aprobada en 1978. Foi a convocatoria dunha Convención Constitucional Escocesa (Scottish Constitutional Convention) polas seccións escocesas do Partido Laborista e do Partido Liberal. O SNP, que ía participar ao principio, retirouse despois. A Convención lanzou unha campaña, desde 1988, para a que mobilizou amplos sectores da opinión, e publicou en 1995 un informe (Scotland's Parliament. Scotland's Right), que é a inspiración máis importante da Lei de Escocia de 1998 pola que se creou o Parlamento Escocés.

Tal vez conveña indicar aquí que a lexislación de 1978 era bastante diferente das ideas da Convención e, por conseguinte, tamén da que foi aprobada vinte anos despois. Entón como agora a Asemblea escocesa tería poderes lexislativos, mentres que a galesa só tería algunhas funcións executivas das correspondentes aos ministros do goberno central no sistema anterior, con inclusión das de dictar regulamentos. En ambos casos, as facultades transferidas enumerábanse expresamente, en lugar de enumerar as materias reservadas ao goberno do Reino Unido, como se fai nas leis de 1998. Esa enumeración facíase por referencia ás respectivas disposicións lexislativas, o que resultaba de moi difícil comprensión sen un estudio moi minucioso da lei. O motivo que se alegou para non expresar as competencias en termos de materias reservadas foi a de evitar que se vise como unha forma de federalismo. As asembleas tiñan unha función claramente subordinada e actuaban por clara delegación de poderes. Non se prevía ningunha forma de consulta ou de resolución de conflictos entre o parlamento de Westminster e as asembleas. Igual que en 1998, os proxectos de hai vinte anos aludían a que a lexislación escocesa tería que ser compatíbel coas obrigacións coa CEE e coas demais obrigacións internacionais do Reino Unido.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99