Texturas nº 1 - Abril/99
As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
O Plaid Cymru de Gwynfor Evans e ata hoxe
Durante a Segunda Guerra Mundial, o Partido Nacionalista declarouse neutral e aconsellou a non colaboración no esforzo bélico británico. A declaración non tivo grandes efectos prácticos, pero creoulles aos membros do partido innúmeras dificultades. Foron inmediatamente acusados de traidores, eles e o Partido, e ficaron illados do resto dos autonomistas e nacionalistas que antes poderían ter por eles unha simpatía máis o menos matizada. Sempre se desconfiara do lado maurrasiano da súa ideoloxía, e a actitude pro neutralidade foi interpretada por moitos, publicamente, como expresión de fascismo. Foi esa probabelmente unha das razóns polas que mudou de nome ao entrar no período de posguerra, en 1945, sen o adxectivo “nacionalista” e pasando a chamarse simplemente Partido de Gales (Plaid Cymru). Foi nomeado tamén nesas datas Presidente do Partido Gwynfor Evans.
Nos primeiros tempos da presidencia de Gwynfor Evans orientouse o Plaid Cymru a campañas de axitación, moitas veces en colaboración con outros movementos, que lle deron presencia fóra da política estrictamente electoralista, en causas nas que coincidían sentimentos ben enraizados na tradición galesa, coma o pacifismo, con aspiracións ao tratamento diferenciado do País. Organizou ou tivo papel importante nas campañas contra o servicio militar e nas actividades de desobediencia civil, como o bloqueo das obras de construccións militares en Gales. A campaña polo desarme nuclear, a famosa CND que tanto axitou en todo o Reino Unido, tivo a súa versión galesa: a CND Cymru. Abandonando as ideas de autarquía económica do tempo de Lewis, participou na campaña pluripartidista en favor dun Parlamento para o País de Gales, que, igual que a Asemblea que se inaugura en 1998, supuña a integración económica no Reino Unido, sen cuestionar o modelo capitalista.
Nos primeiros anos da posguerra o proxecto económico e administrativo do Goberno laborista en todo o Reino Unido serviu para crear innúmeras entidades especificamente galesas, continuando así o particularismo administrativo que caracterizara xa ao país nos tempos de predominio liberal e que segue caracterizándoo ata hoxe, desdebuxando as reivindicacións nacionalistas e creando dificultades para os proxectos do Plaid Cymru. O primeiro sinal do rexurdimento do partido nacionalista foi a victoria de Gwynfor Evans nas eleccións parciais de 1966 en Carmarthen. Chegou entón por primeira vez ao Parlamento de Westminster un deputado do Plaid Cymru. Carmarthen é un distrito rural, onde a maioría fala galés (e a campaña de Evans foi feita en galés), pero o que resultou aínda máis sorprendente que esa victoria, e máis desmoralizante para o Partido Laborista no País de Gales, foi que os nacionalistas conseguiran reducir as enormes maiorías do laborismo en distritos de zonas industriais como o famoso Val de Rhondda. En Rhonda West, a maioría laborista caeu, en 1967, de máis de 17.000 a 2.306, e no distrito de Caerphilly, o ano seguinte, o descenso foi maior aínda. A alarma pareceu chegar ao corazón do establishment, e puido inspirar a espléndida cerimonia de investidura do Príncipe Carlos como Príncipe de Gales no verán de 1969. De tódolos xeitos, nas eleccións de 1970, nas que os laboristas perderon o poder no Reino Unido, conservaron a maioría no País de Gales: 27 dos 35 deputados. Os conservadores tiveron sete e os liberais un. Gwynfor Evans perdeu, por pouca diferencia, o seu posto en Westminster.
A inquedanza creada polos nacionalistas (tamén en Escocia) non deixou de ter efecto, e aínda que
o goberno conservador de Edward Heath non tomou medida ningunha que se puidese interpretar como reacción
a esa inquedanza, a Comisión Real creada polo anterior goberno en 1968, a chamada Comisión Kilbrandon
(antes Crowther), rendeu informe en 1973, moi favorábel á instauración dunha asemblea lexislativa
no País de Gales e outra en Escocia. O informe Kilbrandon chantou os alicerces do proceso das autonomías
nos vintetantos anos seguintes.
Gwynfor Evans volveu ao Parlamento nas eleccións xerais de outubro de 1974, e nas de maio de 1979 conseguiu
Plaid Cymru dous deputados.
Nese período de rexurdir do nacionalismo galés, a ideoloxía acentuou a dimensión europeísta do Plaid Cymru, que foi reflectindo moitas das modas dos tempos. Unha forte corrente de opinión dentro do Partido achegou o concepto de “comunidade” como base da construcción política. Ese concepto recollía ao mesmo tempo a crítica do liberalismo individualista –ben do agrado de Saunders Lewis–, a tradición anarco-sindicalista galesa, e ideas coma as de Ivan Illich, que corrían entón entre estudiantes e intelectuais.
As teses de Hechter sobre o colonialismo interno –que lle acaen mellor ao país de Gales, por máis “periférico” ca Escocia– non foron moi utilizadas no Plaid Cymru, non sendo para a análise da comunidade en que se afinca o impulso autonómico. E, máis cá explicación económica, que non foi nunca o forte do partido, pódelle axudar ao politólogo a exposición da dinámica da formación e da evolución dos grupos políticos nacionalistas. É ben aplicábel ao Plaid Cymru, aínda que a Deikmann parécelle, con razón, insuficiente para explicar o movemento –como cousa distinta do partido– de reivindicación nacional. En 1978, un ano antes do primeiro plebiscito sobre unha Asemblea de Gales, cando había tentativas de aproximación entre os socialistas do laborismo e a ala esquerda do Plaid Cymru, os representantes deste na conferencia que organizou a revista Resurgence só mencionaron de pasada e sen utilizalas moito as ideas de Hechter.
Foron moito máis importantes naquelas datas, xunto aos propósitos comunitarios de Illich e outros,
as ideas de Leopold Kohr, austríaco de orixe e profesor da Universidade de Aberystwyth. Kohr propuña
como solución ao poder deshumanizador das grandes potencias e dos enfrontamentos de Guerra Fría,
un ordenamento do mundo en pequenas unidades políticas, en Europa polo menos, e o País de Gales parecíalle
ideal para aplicar esa idea. Era unha tese formulada máis en termos de política internacional que
nos vagamente ecolóxicos e ás veces hippies dalgúns comunitaristas. Convén salientar
que non había nos seguidores de Kohr moita devoción pola Comunidade Económica, e que Plaid
Cymru fixo a campaña do plebiscito para o ingreso do Reino Unidade na Comunidade, en xuño de 1975,
co lema de “Europa, si; CEE, non”. O receo foi forte ata o decenio de 1980, cando deron froito os esforzos do representante
oficial da Comunidade en Cardiff, o destacado laborista Gwyn Morgan, para explicarlles aos galeses as vantaxes
dos fondos rexionais da CEE. O Plaid Cymru acabou por aceptar a “Europa das rexións” como proxecto para
o futuro de Gales, esquecendo as advertencias de Kohr contra os perigos da burocracia dun novo superestado, ou
pensando que ese concepto as podería contornar. O actual Presidente do Plaid Cymru, Daffydd Wigley, presume
de ser un dos poucos afiliados ao Partido que votou a favor do ingreso da Gran Bretaña na CEE en 1975, e,
aínda que moi consciente dos riscos do euro, xulga que ten máis pros que contras. O Plaid acode á
nova asemblea como claramente europeísta, e cun programa que quere desbordar ao laborismo pola esquerda,
con proclamas de principios de “xustiza social”.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99