Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
O Partido Nacionalista Galés de Saunders Lewis


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

O primeiro partido nacionalista independente dos partidos británicos foi o Plaid Genedlaethol Cymru (Partido Nacionalista de Gales), fundado en 1925, en Pwllheli, por un grupo de intelectuais no que destaca Saunders Lewis (1893-1985). Ese é o partido que co nome de Plaid Cymru (Partido de Gales) chegou aos nosos tempos, con fortunas diversas, e agora, en 1999, ten catro deputados no Parlamento de Westminster. Presentouse desde o comezo como partido nacionalista “moderno”, reaccionando contra a praxe dos liberais e respondendo ás ideoloxías que corrían pola Europa da posguerra. Pretendía representar o novo Gales, pero non conseguiu penetrar nin organizar a poboación industrial laicizada en gran parte que era un dos principais elementos desa nova sociedade. Son moitos os paradoxos do Partido Nacionalista, xa presentes no seu nacemento e que se foron desenvolvendo e vindo á tona na historia do partido e no xeito en que respondeu aos novos problemas e ás distintas “modernidades” con que o desafiou o mundo exterior. Nada é mellor exemplo da heteroxeneidade de Saunders Lewis co Gales de antes da Guerra do Catorce cá súa conversión ao catolicismo. A ideoloxía inicial do Partido Nacionalista (obra case exclusiva de Lewis) leva a fonda pegada do catolicismo francés de Maurice Barrès e Charles Maurras. Lewis fixo encaixar a personalidade de Gales, ben que mal, no ideal da Cristiandade europea histórica. As realidades “orgánicas”, comezando pola familia, eran, para el, o único instrumento sólido para construír o estado nacional. Todo ese complexo ideolóxico, que noutros países rematou a miúdo en corporativismo e fascismo, era sen dúbida “moderno” e de vangarda en todas partes no decenio de 1930, pero facía falta un forte voluntarismo político para aplicalo ao País de Gales, por moito que este mudase. Había tamén ecos en Lewis das ideas do Guild Socialism de A.R. Orage e a New Nation , revista na que colaborou Ramiro de Maeztu, quen circulaba moito por eses medios naqueles anos. Lewis e o seu novo partido insistían no seu carácter político e en que non fora suficiente a actividade dos seus predecesores, que cualificaban de cultural e social sen máis. É difícil de entender esa acusación, se pensamos no enraizamento dos liberais e dos homes de Cymru Fydd na realidade do país e a súa loita, con éxito moitas veces, pola creación de estructuras e institucións educativas, agrícolas e de servicios públicos especificamente galesas. A defensa e normalización da lingua galesa ten posto central no programa do Partido Nacionalista, retomando ideas da Sociedade da Lingua Galesa, fundada en 1901, con precedentes xa en 1885, e que tería despois varias reencarnacións, a máis notoria delas tal vez a da Cymdeithas yr Iaith Cymraeth (agora co nome en galés) que desde a década de 1960 desenvolveu un activismo de certa violencia, sempre contra as cousas e non contra as persoas. Esta distinción é un tema tradicional do nacionalismo galés. O manifesto da Cymdeithas yr Iaith Cymraeg de 1972 proclama a non violencia, afirmando que “os métodos non violentos son os únicos que poden harmonizar a necesidade dunha actuación heroica e decidida coa necesidade de reconciliación e comprensión que fai falta para o renacemento da lingua”. Pero pasa de seguida a afirmar que “non temos a menor dúbida tampouco de que a destrucción de bens é compatíbel con estes principios, en circunstancias especiais”. E explica, nos termos empregados polo dirixente da Sociedade, Fred Fransis, ante o tribunal que o xulgaba por actos deste xénero, cáles son esas circunstancias xustificantes: “que se usasen antes outros medios, non violentos, e que se teña a certeza de que non se vai causar dano nin risco para as vidas”. Fransis defendíase de entrar violentamente con outros dous afiliados á Cymdeithas nos estudios de Granada Television en Manchester, en xullo de 1971, e de ocasionar danos no equipamento da emisora.

O Partido Nacionalista naceu nos anos en que tiñan máis vixencia e popularidade as ideas de independencia das pequenas nacionalidades que impuxera o Presidente Wilson nos Tratados de Versalles. Non se repara moitas veces en que esas ideas foron acompañadas por un avance das ideas de federalización do Imperio, que deixamos apuntadas máis arriba. Non se trataba aquí precisamente de pequenas nacións, pero as nacionalidades das illas víanse animadas polo curso legal que ía tomando o modelo federal ou outros semellantes. No ano seguinte ao fin da guerra, en 1919, concedéuselle á India un Parlamento propio, no que habían de encontrar escenario para a súa propaganda e actividade os partidos nacionalistas daquel subcontinente. En 1923 acabou o protectorado de Exipto e aprobouse a Constitución exipcia, e nese mesmo ano a Conferencia Imperial de Londres recoñeceu o dereito dos Dominios a concertar tratados internacionais. Tres anos máis tarde recoñécese oficialmente a transformación do Imperio na Commonwealth. E, moito máis preto, en Irlanda, o tratado de 1921 admitiu o Estado Libre da Irlanda dentro da Commowealth (na que se mantivo, como a República que o sucedeu, ata 1937), e o Ulster tivo o seu parlamento en Belfast.

Esta dupla influencia dos nacionalismos europeos e da federalización do Imperio apadriñou a formulación do primeiro obxectivo político do Partido Nacionalista, que foi a maior autonomía posíbel dentro do Imperio. Hoxe a referencia ao Imperio resulta substituída pola referencia á Unión Europea. Non hai que esquecer que Saunders Lewis era católico e dun conservadorismo da variedade que poderíamos chamar medievalista ou organicista. Falaba seguido dos tempos en que as nacións da Europa tiñan, non independencia –termo que non lle parecía desexábel– senón liberdade, garantida polo recoñecemento dunha autoridade supranacional: a Igrexa de Roma. Esa unidade fora destruída pola reforma e as tiranías materialistas, segundo el. Aínda que estas ideas de Lewis, que o levaban a rexeitar, no fondo, a proposta dun estado independente e a afirmar que Gales non necesitaba máis poder que o estrictamente necesario para defender a cultura galesa, que era o que Gales tiña que achegar a esa comunidade europea idealizada, non foron admitidas polo Partido, que insistiu na reivindicación da soberanía da nación galesa, deixaron unha herdanza bastante clara, e ás veces, no discurso do Plaid Cymru, o Tratado de Roma deixa translucir a Igrexa de Roma.

No ano fundacional de 1925, esmoreceran os desexos reivindicativos do Partido Liberal, que estaba entrando nunha fase de desintegración a nivel británico, e o problema do Home Rule non figurou nas campañas das frecuentes eleccións xerais dos tres anos anteriores (unha por ano). Nas de 1924 os Conservadores unionistas conseguiran 9 deputados no País de Gales, máis ca en ningunha outra desde 1874. Era o momento para que un novo partido tomara o fachizo nacionalista, e iso foi o que fixeron os fundadores do Partido Nacionalista. Ningún deles chegaba aos 30 anos de idade e todos eran protestantes non conformistas, aínda que Saunders Lewis estaba xa no camiño cara a Roma. Fóranse encontrando nas universidades e nas comunidades galesas de cidades inglesas, Liverpool sobre todo, e no ano anterior fundaran no sur do País unha sociedade secreta, imitando o Sinn Fein, que logo sae á luz pública co nome de Urdd y Deyrnas (Liga do Reino). No norte do País tiña formado por esas mesmas datas H.R. Jones un Exército Autónomo Galés. Da fusión desas dúas organizacións, a do sur e a do norte, naceu o partido nacionalista.

A clara afirmación nacionalista do Partido fixo acordar inmediatamente acusacións de extremismo “á irlandesa” por parte dos autonomistas máis tradicionais que, en moitos casos, sentíronse empuxados a precisar as súas posicións e reafirmar a súa lealdade ao Imperio, por exemplo, e a colaboración con Inglaterra.

Saunders Lewis foi nomeado Presidente do Partido xa en 1926 e seguiu nese posto ata 1939. Xa falamos do seu medievalismo. Para el, a salvación da cultura galesa era a salvación do espírito fronte ao materialismo económico, representado por Inglaterra, axente do capitalismo internacional, e tamén polo materialismo marxista. Situaba ao País de Gales nun marco internacional que lle preocupaba. A solución nacional galesa era unha cara da solución da enorme crise da civilización e da comunidade internacional que para Lewis, naqueles anos era, máis ou menos, unha loita entre Deus e Mammón.

Entre as ideas de Lewis que non foron aceptadas polo Partido cóntase tamén a do “País de Gales galés” (Cymru cymraeg) que era, para el, o que falaba galés, cun monolingüísmo polo que pasou tamén, nunha fase do seu pensamento, un político moito máis político que Saunders Lewis, Eamon de Valera en Irlanda. En 1930 o Partido Nacionalista eliminou do seu programa a aspiración a ese País de Gales galés, pensando que podería condenar o Partido a unha marxinación e unha simple testemuña perpetuas.

A indiferencia pola cuestión da lingua xuntábase cunha atención especial aos problemas económicos e á situación do sur industrial nun grupo do Partido que tiña como inspirador intelectual a D.J. Davis. A súa definición máis expresiva é a de que “o nacionalismo galés é o movemento dos traballadores galeses”. Ese intento de conectar, polo menos na teoría, co movemento obreiro non tivo gran futuro no Partido, pois a actividade de organización sindical, espontánea ata certo punto ao comezo, acabou enmarcada no Laborismo, sen atención doutrinal ao tema nacionalista.

Para as eleccións de 1928, o programa do Partido Nacionalista incluía a petición dun Parlamento galés, o recoñecemento do galés como lingua oficial e un posto para o País de Gales na Sociedade das Nacións. A participación na Sociedade das Nacións significaba, por suposto, o recoñecemento do País de Gales como nación, pero no pensamento do Partido Nacionalista dábaselle moita importancia á oportunidade que se tería de solidarizarse coas pequenas nacións e de participar nas iniciativas de equilibrio internacional e de paz mundial, coa renuncia á guerra como medio de resolver conflictos, porque se entendía que dese xeito daríase cumprida fin ao forte sentimento pacifista da tradición galesa. Isto creaba certas tensións co propósito inicial, que seguían mantendo moitos afiliados, de participar na Commonwealth.

En 1930 redactouse por encargo do Partido un proxecto de Constitución para o País de Gales coa condición de Dominion, coma as do Canadá ou Australia, con Parlamento e Goberno propios e cun Gobernador Xeral representante do monarca británico. Ese proxecto nunca chegou a ser publicado, pero revela por onde ían nesa altura as aspiracións do Partido Nacionalista. E de ideas se trata, porque na práctica todo isto era moi pouco representativo do que se pensaba no país e non tiña reflexo ningún nos votos, nin nas eleccións xerais nin nas locais.

Houbo algúns intentos minoritarios de violencia, moi criticados polos moitos militantes que invocaban e compartían a tradición pacifista dos galeses. Foron, como sempre, atentados contra os bens e non contra as persoas e, malia esas críticas, ficaron na tradición e na mitoloxía do Partido Nacionalista como fitos importantes da súa historia. Algúns foron simbólicos, como o rachado de bandeiras británicas en 1933; outros, máis substanciais, como o que veu a chamarse “O incendio de Lleyn”, no que parece que participou o propio Saunders Lewis, e que consistiu en incendiar as obras dunha escola de bombardeiros que as forzas aéreas británicas estaban construíndo no medio dunha comunidade rural galesa. Iso sucedeu en 1936.

Un bo resumo dos obxectivos xerais do Partido Nacionalista nos seus tempos iniciais é o que aparece na primeira publicación oficial en que se expresaron. Son os que indicamos algúns parágrafos atrás como programa para as eleccións de 1928, pero insistíase agora nos métodos parlamentarios para conseguir as súas aspiracións mediante a elección de deputados ao Parlamento británico e o alcance de maiorías nas administracións locais.

No decenio de 1930 foise elaborando no Partido unha ideoloxía de “terceira vía” que non se chegou a concretar en programa nin en labor concreto, agás algunhas actividades asistenciais nos peores momentos da depresión. Influíron nesa “terceira vía” as teorías do “distributismo” de Chesterton e Hilaire Belloc, do “crédito social” do canadense Douglas, o cooperativismo danés e a doutrina social católica. No tempo das autarquías, o Partido chegou á conclusión de que o País de Gales precisaba poder político propio para facer o seu nacionalismo económico.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99