Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
O País de Gales


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Máis ca unha influencia difusa da ideoloxía nacionalista que corría por Europa o século pasado –con forte pegada en Irlanda e algo menos en Escocia– foi a emerxencia dun feixe de cuestións que formaron unha esfera diferenciada e característica o que deu base para que a conciencia latente de nacionalidade encontrase expresión na vida política do País de Gales.
A forte industrialización do sur do país non desnacionalizou nin as masas obreiras, que ao comezo chegaban do Gales rural e seguían articuladas arredor da capela metodista e das sociedades mutuas e recreativas, nin a dunha clase media de líderes relixiosos metodistas, comerciantes, mestres e avogados da que sairían os primeiros voceiros das aspiracións galesas, que encontraron a súa canle no Partido Liberal.

As reformas da lexislación electoral de 1867, 1872 e 1884, ao estender o dereito de voto e admitir o voto secreto, abriron o camiño para o acceso desa clase social ao Parlamento. Nas eleccións de 1868 saíron entre os deputados liberais dous galeses procedentes dela nos distritos de Merthyr Tydfil e Denbigh, respectivamente: Henry Richard e George Osborne Morgan. Por primeira vez íanse sentir en Westminster reivindicacións radicais sobre problemas galeses, invocando os dereitos dunha comunidade diferenciada.

Os temas de Richard son o disestablishment (con moita axuda de Morgan), a loita contra o alcoholismo, o fomento e a democratización da educación e a reforma agraria. E para todos eles reclama solucións que, para seren democráticas, teñen que vir do pobo galés. Un texto de Richard neses anos é moi explícito. Di así:
“O pobo que fala esta lingua, que le esta literatura, que é dono desta historia e herdeiro destas tradicións, que venera estes nomes, que creou e mantén estas admirabeis institucións relixiosas, a xente que forma as tres cuartas partes do pobo galés, ¿non ha ter dereito a dicirlle a esa pequena clase de propietarios: nós, e non vós, somos o pobo de Gales; este país non é voso, é noso, e por iso reclamamos que os nosos principios, os nosos pareceres e os nosos sentimentos estean representados no Parlamento na Cámara dos Comúns?”.

Os mandatos de Richard e Morgan resultaron da democratización da vida política británica en xeral. Presentaron problemas dos que nunca falaran os deputados galeses anteriores á reforma (fidalgos alleados, ingleses moitos deles, que nin sequera eran moi considerados en Westminster). Todas esas reivindicacións respondían, con certeza, aos intereses maioritarios do pobo galés, aínda que aproveitasen tamén a clase que comezaba en 1868 a representalo no Parlamento. O disestablishment interesáballes aos pastores metodistas, pero era tamén popular entre os seus fregueses e atacaba directamente á Igrexa de Inglaterra, que era a oficial e recibía financiamento público e décimos de xentes que profesaban, na maior parte, outra confesión relixiosa. A reforma agraria ameazaba aos grandes propietarios, anglicanos na maioría. A educación como arma para o desenvolvemento de personalidade individual e social foi sempre tema favorito do non conformismo, que protestaba do monopolio anglicano das institucións docentes. Nada disto fora exposto polos deputados anteriores, que viñan da clase dos fidalgos terratenentes. En todas esas esferas foi habendo actividade, con creación de asociacións e movemento da opinión pública, que había de conseguir, en diferentes datas e con diferente alcance, mudanzas lexislativas bastante notabeis.
Esa compenetración da conciencia non conformista coa ideoloxía Liberal fixo que o Partido Liberal fose, nos dous últimos decenios do século XIX, o partido “natural” en Gales, con impresionantes maiorías nas eleccións xerais e tamén nas da administración local.

Os deputados liberais galeses formaron un grupo propio no Parlamento de Westminster, e dese grupo veu a presión máis forte a favor do Home Rule para Gales, que quedou ben inscrito nos programas de Gladstone e de Rosebery. Creáronse neses tempos institucións nacionais, algunhas tan importantes coma a da Universidade Nacional de Gales, que agrupou os colexios universitarios de Aberystwyth, Cardiff e Bangor, e promulgouse por primeira vez lexislación especialmente animada pola influencia galesa, como foi a Lei de Pechadura Dominical de Establecementos de 1881.

É moi posíbel que a escisión do Partido Liberal en 1886, provocada pola derrota no Parlamento do proxecto de Lei de Home Rule para Irlanda presentado por Gladstone, que levou á creación do Partido Liberal Unionista de Joseph Chamberlain, contribuíra ao declive dos liberais en Gales, pero a curto prazo parece como se tivese aumentado o entusiasmo pola causa galesa no partido da ortodoxia gladstoniana. Con certeza que as Federacións Liberais Galesas tiveron máis influencia ca nunca na central do Partido, e esa influencia chegou ata ben entrado o século XX.

Foi importante neses mesmos anos un movemento asociativo, que aspiraba a ser fonte de ideas e aínda mas de ideais para o Partido Liberal, aínda que non estrictamente integrado neste. Foi o Cymru Fydd (Novo Gales), dirixido e inspirado por Michael D. Jones e Emrys ap Iwan, personalidades moi interesantes e que tiveron grande influencia en Saunders Lewis, un dos fundadores do Welsh Nationalist Party, o Partido Nacionalista Galés, en 1925, e tamén na fundación da Cymdeithas yr Iaith Cymraeg (Asociación da Lingua Galesa). Pouco durou Cymru Fydd, que contou máis polas personalidades que se formaron nel ca pola súa actividade. Algunhas desas personalidades, coma as que acabamos de citar, influíron moito na ideoloxía do nacionalismo; outras foron emigrando cara aos gobernos liberais en Londres, utilizando o nacionalismo como primeiro grao de acceso a unha carreira de político liberal en Londres. Foi o camiño que tomou primeiro Tom Ellis e despois, con máis estrondo, David Lloyd George (o “picapleitos galés”, que lle chamaban os seus inimigos políticos en Londres).

Cando se penetra neste atractivo mundo da política liberal galesa de finais do século pasado, chégase á conclusión de que o elemento de afirmación nacional estivo sempre presente, case sen discusión, de obvio que era; pero a reivindicación da autonomía foi relativamente débil, referida as máis das veces á equiparación no seo do Imperio, e certamente non separatista. A excepción foi o efémero Cymru Fydd. O radicalismo do Partido Liberal propúxose –e conseguiuno– revelar a existencia dunha constelación de problemas específicos de Gales, e resolveu moitos deles utilizando o peso que tiña nun partido como o Liberal que gobernou con frecuencia no Reino Unido e no que contaban coa simpatía do gran líder Gladstone. Non é raro que houbese esa simpatía, pois o temperamento e o estilo radical e moralizante dos políticos galeses achegábase moito ao estilo gladstoniano. A carreira de Lloyd George, galés doutro tipo e con moita menos febra moral, no que o radicalismo resulta sospeitoso de retórica, ilustra moi ben o final dese período.

Se Gales foi a canteira e a reserva moral do liberalismo ata fin do século, pouco máis ou menos, ou, levando algo máis alén as cousas, ata a Guerra do Catorce, o caída do Partido Liberal despois desta coincidiu coa súa substitución en Gales polo Partido Laborista, en ascenso cara ao papel de partido de goberno ou de oposición. A baixa da relixiosidade non conformista na sociedade galesa, o aumento de obreiros inmigrantes de Inglaterra e o labor organizativo sindical laico favoreceron ese cambio. En 1920, a abolición da oficialidade da Igrexa de Inglaterra no País de Gales, confirmada nunha magnificente cerimonia en St. Asaph, con Lloyd George presente como Primeiro Ministro, foi recibida con indiferencia xeral. A gran teima de trinta anos antes, o corazón de tantas polémicas apaixonadas, esmorecera case ata a insignificancia, e Lloyd George, xa moi lonxe das súas orixes políticas, conseguía una victoria que era máis simbólica ca outra cousa.

O resultado máis notábel desa época da historia de Gales, singular mesmo dentro da evolución político-social europea, é que a democratización iniciada pola ampliación do dereito de voto foi das máis completas e verdadeiramente serviu para transformar a estructura social do país. A desaparición política e case física dunha clase, a da fidalguía e pequena nobreza, galesa de orixe moitas veces, ou senón inglesa, foi pouco menos que completa. Mentres que en Inglaterra esa clase social sobreviviu á industrialización, e moitas veces encabezouna, ou aliouse por matrimonios e intereses coa nova clase empresarial, e en Escocia persistiu tanto que a reforma agraria é aínda hoxe un dos grandes temas pendentes, no País de Gales perdeu en poucos anos o seu predominio, gracias a unha lexislación inspirada polo radicalismo político liberal galés e aproveitada consecuentemente polo electorado do País, e sen axitación violenta. Na administración local, na que eses squires ou fidalgos eran os que ocupaban os postos municipais, os das entidades de asistencia e –aspecto importantísimo– os da xustiza local (magistrates ou Justices of the Peace), a súa influencia desapareceu coa Lei de Concellos de Condado de 1887, que os galeses empregaron para elixir representantes das novas clases. Ata 1868 eran aqueles squires e o seu partido, o Tory, quen fornecía os representantes do País de Gales en Westminster. Nunca máis volveu o Partido Conservador a chegar preto da maioría nas eleccións nos distritos galeses. O extremo foi en 1906, cando non tivo nin un só deputado; foi frecuente que tivese tres ou catro dos que lle corresponden ao País (que foron 34, 36 e 37, no correr dos tempos). Incluso na época das grandes maiorías de Margaret Thatcher, os Conservadores só conseguiron en Gales, nas dúas primeiras eleccións (as de 1979 e 1983) 11 e 14 deputados, do total de 37. Ese foi o máximo, e xa nas seguintes eleccións dos anos de Thatcher, en 1987, o número baixou a 8, e nas de 1992, sendo xa líder John Major, a 6.

Chama a atención que os grandes propietarios de terras non tivesen a influencia necesaria para inclinar a favor deles o voto das xentes menos prósperas, como acontecía por toda Europa, pouco máis ou menos. A industrialización do sur contribuíu, sen dúbida, a esa emancipación, pero non foi o único factor. Unha vez máis, a forza do radicalismo e do non conformismo e a actividade educativa desas forzas foron moi eficaces. E deles veu a insistencia en conseguir o voto secreto, polo que loitaron xa os deputados da primeira xeración democrática, a de Henry Richard e George Osborne Morgan.

É melancólica a desaparición deses fidalgos. Non é a primeira clase que queda sen papel histórico que desempeñar, pero si que foi o pobo galés un dos primeiros en desfacerse dunha clase así. Tamén é verdade que nin sequera desenvolveran nos séculos XVIII e XIX nada comparábel á cultura anglo-irlandesa que unha clase bastante semellante creou na illa veciña e da que viñeron Swift e Yeats, por exemplo. No País de Gales, a obra autobiográfica de Herbert M. Vaughan conta, con encanto abatido, a agonía daqueles fidalgos.

Aínda que en orde cronolóxica habería que falar nesta altura do partido que substituíu aos liberais como hexemónico en Gales e das súas relación co nacionalismo, deixarémolo para máis adiante, cando haberá que explicar a evolución desas relacións, xa que foron gobernos laboristas os que propuxeron, dúas veces no século XX, o establecemento de institucións autonómicas en Escocia e no País de Gales, e conseguírono no segundo intento.

Sen apartarnos agora da cronoloxía, temos que salientar a creación e crecemento dun partido declaradamente nacionalista, porque se non fose pola existencia dese partido, e sobre todo polo do seu homólogo escocés, sería moi diferente, con seguridade, a política laborista en pro da devolution.

Cymru Fydd foi, sen dúbida, o precursor dun partido nacionalista. Algúns dos seus afiliados, que non se sentían a vontade na atmosfera de case separatismo, chegaron a apoñerlle que imitaba de máis ao Sinn Fein da Irlanda. Custoulle traballo sobrevivir ás divisións que sufriu para definir a súa lealdade na Guerra dos Boers, como ao propio Partido Liberal. Pero nunca deixou de ser, no fondo, unha organización de base de Partido Liberal.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99