Texturas nº 1 - Abril/99
As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
O laborismo galés
O que foran os liberais para o País de Gales ata o primeiro decenio do século XX fórono os laboristas desde entón. A axitación sindical e os enfrontamentos coa Federación Mineira, a famosa “Fed”, foron o berce e a forxa dunha xeración de dirixentes sindicais. En 1908 a Federación afiliouse ao Partido Laborista. O primeiro líder importante, Mabon, era aínda un home da tradición relixiosa non conformista, diácono da Capela de Nazaret, inspirado e loitador. Bíblico e profético na súa condena do capitalismo, patriota galés que, sendo deputado liberal, recitou o Pai-Noso en galés na Cámara dos Comúns, Mabon deixou forte pegada no sindicalismo do País de Gales. O “mabonismo” tivo que deixar paso, coa intensificación dos conflictos laborais no sur de Gales, integrado xa con forza na economía do capitalismo mundial como subministrador da terceira parte das exportacións mundiais de carbón, ás teses marxistas de novos líderes, dos que o mellor exemplo é Noah Ablett. Foi enorme a actividade organizadora e de propaganda de Ablett, pero xa na Guerra do Catorce comezou a perder autoridade, e despois da folga xeral de 1926 contou pouco no mundo do traballo galés. Morreu en 1935, desprazado xa por dirixentes máis centristas, como Harsthorn, que foi ministro nos primeiros gobernos laboristas de 1924 e 1929, e, sobre todo James Griffiths, que tería unha longa e interesante carreira no partido e no País de Gales, e do que logo volveremos falar.
Foi nun distrito galés, o de Merthyr Tydfil, onde Keir Hardie, o Pablo Iglesias da Gran Bretaña, gañou o primeiro escano laborista no Parlamento, en 1900. Comezaba así un ascenso do Partido Laborista que o levou a ter a maioría dos distritos xa en 1922 e non perdela nunca máis ata hoxe. Nin sequera nos anos das grandes victorias electorais dos conservadores de Margaret Thatcher conseguiron estes a maioría dos deputados galeses. Nunca, nas catro eleccións xerais deses anos, as de 1979, 1983, 1987 e 1992, foron menos de 20 os deputados laboristas galeses, que chegaron a 27 en 1992, nin máis de 14 os conservadores, dun total de 38 escanos. Igual ca en Escocia, esa situación de estaren gobernados por un partido sen maioría, nin moito menos, nos respectivos países contribuíu á demanda de autonomía.
O País de Gales foi e segue sendo unha canteira de dirixentes do laborismo. Algúns destes foron máis propensos á autonomía ca outros, e sempre se mantivo unha dinámica interesante en volta diso dentro do partido.
O entroncamento do laborismo na vida galesa, e sobre todo no Gales industrializado e urbano do sur do país, fixo que, coma no caso dos liberais no seu tempo, os laboristas procuraran e encontraran solucións específicas para moitos dos problemas galeses. Fixeron medrar así o tecido institucional característico do País de Gales, nos terreos da educación, dos servicios públicos, etc. Dentro da propia organización do Partido Laborista, creouse o Consello Laborista Galés ou Welsh Council of Labour, cun carácter nacional ben distinto das organizacións do Partido nas rexións da Inglaterra. Deuse un paso semellante coa creación dun consello propio da confederación sindical en Gales, o Welsh TUC, ao lado do TUC (Trades Union Council, Consello dos Sindicatos) de Inglaterra. Foi tanto o desenvolvemento desas institucións, non só do Partido, senón tamén da administración, que hoxe pasou a ser un problema a proliferación dalgunhas delas que, sobre todo nos decenios de 1970 e 1980, tomaron a forma de organizacións paraestatais, os famosos “quangos” (quasi autonomous non-governmental organizations), moi cuestionabeis e cuestionados hoxe, xa que, vía de regra, os seus xestores son designados directamente polo goberno, e resulta difícil controlalos e esixirlles responsabilidades. Veremos logo cómo a absorción ou reorganización dos quangos é unha das funcións que se lle atribúen á nova Asemblea. Pero, aparte deste desbordamento recente, e debido en gran parte non aos laboristas senón aos conservadores, a creación de entidades especificamente galesas foi unha das razóns de que se conservase unha puxante actividade política de dimensións galesas, xa iniciada nos tempos dos liberais non conformistas.
Foron anos moi importantes neste proceso os que seguiron á Segunda Guerra Mundial. Neses anos houbo unha considerábel expansión da economía galesa, aínda que fose concentrada no sector primario e no manufactureiro, agudizando así a diferencia coa economía inglesa, na que ía avanzando a terciarización, co desenvolvemento dos servicios, diferencia que xa existía, pero que se acelerou entón. A industria do aceiro, coa inmensa planta de Port Talbot, pasou a ser a maior de Gales, e a do petróleo creceu moito coa construcción de refinerías e do enorme porto petroleiro de Milford Haven. Caeu en troques a minería do carbón, que antes ocupaba o primeiro lugar, e foise reducindo cada vez máis. Hoxe está practicamente extinta en Gales a minería do carbón.
O protagonismo dese desenvolvemento económico cóubolle ao goberno laborista electo en 1945 e empeñado
nunha inmensa transformación da sociedade británica. A nacionalización dos grandes sectores
industriais e do transporte deu ocasión para a creación de entidades ou delegacións galesas
das novas administracións deses sectores. Non deixaba de haber diferencias entre os moitos galeses que ocupaban
postos decisivos no Partido Laborista cando se chegaba a tratar de ata onde podía chegar a descentralización
administrativa ou institucional sen levantar ameazas á unidade política. Esas diferencias encarnaron
nas personalidades de James Griffiths e Aneurin Bevan. Aínda que a oposición pode esaxerarse para
fins didácticos, expresa bastante ben a diferencia de actitudes dos “galeses do laborismo”. Griffiths, sindicalista
leal, ex-presidente da “Fed”, congregacionista devoto de relixión, conciliador e moderado no goberno de
Attlee, no que chegou a ser Ministro das Colonias. Bevan, sempre desconfiado da moderación política
do aparello sindical, sempre defendendo a democracia industrial directa, de carreira tormentosa dentro do Partido,
do que nalgún momento estivo a punto de ser líder, creador do Servicio Nacional de Saúde nunha
dura loita social e parlamentaria. Bevan non falaba galés; Griffiths si. Para Bevan, na proposta tradicional
marxista, o autonomismo galés, en todas as súas formas, era unha desviación perigosa da unidade
de proletariado. No primeiro “día de Gales”, a xornada parlamentaria dedicada a temas galeses na Cámara
dos Comúns en 1944, manifestou, desde a bancada do Goberno, que aquelo lle parecía unha perda de
tempo, e preguntou en qué se distinguían as ovellas galesas das inglesas. Viña Bevan, con
todo, de raíces galesas moi fondas, e os vales industriais do sur foron sempre a súa base de poder.
Para a opinión británica en xeral, Bevan e o seu estilo político eran a quintaesencia do radicalismo
galés. En cada ocasión en que formulaban cuestións concretas de atención especial ás
institucións galesas, dividíanse os galeses do goberno e da dirección do Partido –que non
eran poucos– en bandos que poderíamos chamar griffithianos e bevanistas. O Primeiro Ministro, Attlee, e
o Ministro do Interior, Morrison, non tiñan simpatía ningunha por fórmulas que puidesen cheirar
a autonomistas, preocupados como estaban pola transformación social da Gran Bretaña por métodos
estatais e centralistas. Griffiths insistiu, por exemplo, en que se tratase por separado ao País de Gales
na nacionalización da enerxía eléctrica en 1946, sen conseguilo, aínda que máis
adiante se optou por unha administración galesa separada do sector nacionalizado do gas. O asunto de maior
contía dentro das aspiracións de Griffiths para Gales, que pasaban xa neste caso do administrativo
ao político, foi a súa proposta, en 1948, de que se creara unha Secretaría de Estado, con
asento no Gabinete, a semellanza do que xa existía para Escocia. Aneurin Bevan estaba en desacordo completo,
e o Gabinete rexeitou a proposta. O máis que se creou foi un Consello de Gales, consultivo, e nin sequera
presidido por un ministro, por se acaso. Non deixa de ser curioso que fosen os Conservadores, sempre unionistas,
os que, ao volver ao poder en 1951, creasen un Ministerio de Asuntos Galeses, aínda que o Ministro fose
ao comezo o propio Ministro do Interior e despois unha especie de subsecretario do Ministerio de Administración
Local, e nomearon para ese posto a un escocés: David Maxwell-Fyfe. Así seguiron as cousas, con sucesivos
Ministros, moitas veces ingleses, e houbo que esperar ao Goberno laborista de Harold Wilson, en 1964, para ter
no gabinete un Secretario de Estado para Gales por separado, que foi James Griffiths, xa entrado en anos naquela
altura.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99