Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
Escocia


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Se Escocia vai ter unha asemblea con máis competencias cá de Gales, non é só porque o partido nacionalista escocés é moito máis forte e maduro que o Plaid Cymru, senón tamén porque a figura histórica, económica e social do país é moito máis definida. Máis complexa tamén, coa complexidade que habitualmente lles corresponde a países que se desenvolveron con Estado propio. Non é moi visíbel na Escocia real a distorsión característica dos países marxinados na carreira da modernidade. Aínda que as diferencias entre as Terras Baixas e as Terras Altas e as Illas sexan enormes, non quebraron a conciencia nacional como o fixo o contraste entre o Gales rural, de fala galesa, e o Gales industrializado do sur, onde a lingua é moi minoritaria. As reivindicacións lingüísticas non alimentan o nacionalismo político escocés, e están divididas entre o pequenísimo reducto da lingua gaélica e o Scots, máis estendido pero que sofre dunha proximidade ao inglés que o pon ás beiras do status dialectal. A historia de Escocia quedou menos interrompida do que parece, e sobre todo do que lles parece aos nacionalistas, que, como é natural, teñen que esaxerar a ese respecto, pola Unión de 1707. A persistencia do sistema xurídico e educativo e da organización social mantivo unha identidade nacional moito menos traumatizada ca no caso do País de Gales. Se non concibimos a autonomía en termos de poder político concentrado, non tería por qué sorprender a afirmación de que Escocia foi sempre autónoma en moitos aspectos. Se pensamos na función central da ordenación xurídica, sobre todo no século XIX e en boa parte do presente, veremos que moverse dentro dun dereito propio era moito máis fundamental para o sentimento dos escoceses que o feito do monarca residir en Londres. No terreo administrativo existía xa, antes da creación da asemblea, unha enorme descentralización administrativa, nas amplas competencias da Secretaría de Estado para Escocia. É verdade que o Secretario de Estado só respondía no Parlamento de Westminster, pero incluso nese aspecto parlamentario existía, e aínda existe, o chamado Gran Comité Escocés, formado por todos os deputados escoceses en Westminster, ao que teñen que ser sometidos todos os proxectos de lexislación que afecten a Escocia. Hai, ademais, varios días do ano en que os partidos da oposición poden expoñer asuntos de interese para Escocia.

Nese marco social e institucional contou moito tamén a esfera local, con institucións peculiares, no civil e no relixioso. A parroquia presbiteriana estivo moito tempo a cargo de funcións sociais de asistencia e educación, sobre todo nas zonas rurais, e hai que ter en conta que, na Kirk ou Igrexa presbiteriana, goberna a parroquia un consello de fregueses notabeis electos. Iso significou un democracia de base que fixo que moitas actividades de fundamental importancia para a vida diaria non dependesen do poder político central, nin dunha igrexa xerarquizada e centralizada, coma a de Roma, ou, en menor grao, a de Inglaterra.

Escocia participou de maneiras moi diferentes no imperio británico e, en conxunto, beneficiouse da empresa imperial. Forneceu moitos administradores, enxeñeiros e persoal técnico ás colonias. Pódense analizar aspectos negativos dese episodio histórico, pero case todos se deixan reconducir a problemas de estructura social da propia Escocia, que non son tan diferentes dos doutros países na mesma época. Por exemplo, a emigración masiva dos habitantes das Terras Altas despoboadas á forza polos terratenentes para crear pastos para as ovellas é un fenómeno da historia social escocesa, tan dura e cruel coma a dos demais países. Hai unha coherencia social e histórica en Escocia que non se manifesta coa mesma contundencia no País de Gales, na Bretaña ou noutras nacionalidades sen Estado.

No cultural, non hai que esquecer que a grande época da Ilustración escocesa, os tempos de Hume e Berkeley, foi despois da Unión, e que Edimburgo, “a Atenas do Norte”, brillaba con luz propia no mundo da Ilustración europea. A escola filosófica escocesa é chamada así, e non inglesa. Estase ben lonxe de marxinación céltica ningunha. Pensemos noutras nacións marxinadas nese mesmo século XVIII.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99