Texturas nº 1 - Abril/99
As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
Como foi unido o reino
A máis grande das illas británicas, a que en termos xeográficos se chama a Gran Bretaña, está formada en termos históricos por Inglaterra, Escocia, o país de Gales e a Cornualla, polo menos. En termos políticos eses compoñentes resumíanse ata o ano pasado en Inglaterra e Gales, por unha parte, e Escocia pola outra. Iso era e segue sendo o que se chama o Reino Unido da Gran Bretaña, referíndose sobre todo á unión dos parlamentos inglés e escocés en 1707, xa que o País de Gales fora incorporado por conquista no século XIII e definitivamente en 1534, sen que houbese propiamente unión de reinos. En 1800, nos tempos de Pitt, nun incidente máis da complicada e penosa relación con Irlanda, abolido o breve parlamento autónomo de Grattan, unha Ley de Unión creou o Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda. E despois da partición da segunda das illas –Irlanda– en 1920, naceu o Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte.
Hai illas, coma as anglonormandas e a de Man, que non corresponden a ningunha desas unidades políticas
que a historia aglomerou e, por conseguinte, non forman parte do Reino Unido (nin da Unión Europea), aínda
que os seus habitantes son cidadáns británicos e súbditos da Coroa. As relacións exteriores
desas illas non unidas correspóndenlle ao Goberno do Reino Unido, que negociou condicións especiais
para elas, sobre todo na esfera fiscal, ao adherirse á CEE no Tratado de Roma.
Un espacio xeográfico tan reducido coma o das illas británicas mostra, pois, un entrecruzamento de
políticas e lexitimidades de pasmosa actividade, sanguento ás veces, complicado case sempre, e fecundo
en solucións, que desembocaron en modelos políticos de moita sona no mundo pola súa estabilidade
e polo grande espacio que deixaban á autonomía do individuo.
Tres procesos, dous de conquista e un de alianza (por simplificar así unha historia na que andan mesturados
eses dous conceptos), crearon a unión do Reino. Deixando a un lado, pois merece estudio á parte,
o caso de Irlanda, no que certamente predominan os procedementos bélicos ou violentos desde o principio
ata hoxe, o proceso militar máis claro é o da conquista de Gales nas décadas finais do século
XIII e a incorporación máis unificadora ao reino por Enrique VIII en 1536, remachada en 1542 (un
ano despois de se declarar Rei de Irlanda). O outro proceso, de maior complexidade, e bélico tamén
na Idade Media e comezos da Moderna, cúmprese coa Lei da Unión de 1707, que deixa abolido o Parlamento
de Escocia, que subsistía desde que Xacobo VI, rei de Escocia e fillo de María Estuardo, chegara
a ser tamén rei de Inglaterra ao suceder a Isabel I en 1603. Durante todo o século XVII os dous reinos
teñen o mesmo monarca, pero con Parlamentos separados. O tratado de 1706, un ano antes da Lei dispuxo que
o reino sería un, co nome de Gran Bretaña, pero garantiu a permanencia do sistema xurídico
e xudiciario escocés e a protección da Igrexa Presbiteriana, máis “protestante”cá Igrexa
de Inglaterra.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99