Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
Cara ao futuro


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Tanto na esfera das relacións internacionais como en todo o demais, a descentralización vai ter consecuencias que irán alén dos textos legais. Ábrense dous novos escenarios para o drama da política diaria. A forza do SNP, o Partido Nacionalista de Escocia, crea a posibilidade de que chegue a formar o primeiro goberno da Escocia, só ou aliado cos liberais (que esixirían con certeza limitacións da reivindicación independentista) e garántelle, en todo caso, o papel de oposición eficaz no novo Parlamento. A debilidade dos Toris escoceses é tradicional. No País de Gales, o Plaid Cymru non é comparábel ao nacionalismo escocés –e iso explica, en parte, a debilidade da autonomía galesa–, pero o Partido Laborista, que moi probabelmente alcanzará maioría na Asemblea, ten problemas internos moi graves. A imposición por parte de Tony Blair do candidato a Primeiro Secretario, que é o actual Secretario de Estado para Gales, Alun Michael, pasando por riba da popularidade de Rhodri Morgan, foi feita á maneira do vello laborismo, acudindo ao voto en bloque dos sindicatos, e contradí abertamente as promesas de novo estilo e de apertura e democracia do Primeiro Ministro. Foi este un primeiro exemplo do desenvolvemento imprevisto que pode ter, para os partidos e para a política do Reino Unido, a vía autonomista que con tanta timidez se inicia agora. Están en xogo en todo este experimento constitucional moitos elementos que tal vez cheguen a ser importantes na configuración da futura política nacional, europea e mundial.

A autonomía chegoulles, a Escocia e ao País de Gales, en forma moi británica, resultado de circunstancias moi concretas e cun esvaecido perfil conceptual e ideolóxico. Un pouco inesperadamente tamén, como tantos outros acontecementos importantes da historia destas illas.

En termos históricos, chegoulles tarde. Abonda pensar na diferencia entre o mundo en que naceu a petición do Home rule e o de hoxe.

Foi, de certo, resultado dun pasado longo e complexo que se resume, moi resumido, nas páxinas anteriores, pero o que é máis importante agora é o camiño que abre para un futuro moi incerto, non só en canto á forma que vai tomar o corpo político británico, senón tamén porque vai entrar na dinámica dos conflictos fundamentais do poder en Europa e no mundo.
O primeiro dos trazos que marcan a chegada destas autonomías, a imprecisión que indicabamos, deixan gran marxe a conflictos que poden ser moi fecundos. Así sucedeu moitas veces con episodios semellantes.

Non se optou desta vez polo federalismo. O federalismo esixe unha simetría dos seus compoñentes, e a solución destas leis de 1998 é asimétrica. Un Estado de autonomías que non teña clara unha identidade federal superior é sempre inestábel. Inglaterra queda sen identidade política propia nesta nova estructura, e fálase xa de que iso podería provocar unha reacción nacionalista inglesa. No norte de Inglaterra, especialmente en Yorkshire, comeza a haber proxectos de reivindicacións autonomistas, e na Cornualla teñen estas certa tradición histórica. Se esas pretensións medran, vai quedar cada vez máis clara a necesidade de definir unha identidade federal británica que sexa compatíbel coa pertenza a calquera desas rexións ou nacións. Pódese ser bávaro e alemán, ou californiano e estadounidense, pero non se pode ser escocés e inglés. Hai, ademais, o grave problema da realidade multirracial e multicultural do Reino Unido. Cando incluso os máis partidarios das autonomías falan de que o Reino está constituído por catro nacións (Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda), non teñen en conta as populosas comunidades doutras orixes. Parece ser que moitos dos integrantes desas comunidades xulgan imposíbel definirse como escoceses, galeses ou ingleses, e prefiren ser británicos. Os que proceden do Imperio, que son case todos, teñen un pasado británico, non inglés, nin galés nin escocés, e teñen dereitos que lles veñen da cidadanía británica. As autonomías levan un imaxinario moito máis alleo que lles impón esixencias con menos sentido para eles. O caso das grandes cidades, e sobre todo de Londres, onde é enorme e pouco conflictiva a presencia doutras razas, é merecedor de atención. Sería paradoxal que eses cidadáns viñesen a ser os únicos británicos.

Un dos problemas a máis curto prazo vai ser o conflicto entre a representación política no Parlamento de Edimburgo e no de Westminster: ¿por qué han de votar os deputados escoceses en Westminster sobre cuestións que lle afectan a Inglaterra, se os deputados ingleses non poden votar nas que lle afectan a Escocia? Vimos xa que o problema foi resolto, de momento, deixando as cousas como están. Pero é pouco probábel que quede así. Unha solución complicada sería a de definir cada votación e decidir qué deputados poden ou non poden votar. O problema vaise agudizar cando o partido que goberne en Escocia non sexa o mesmo que goberne en Londres.
Non hai na lexislación ningunha referencia á coordinación das asembleas entre si e co goberno central. En outubro do ano pasado anunciou o goberno nos Comúns que se crearía unha comisión de enlace para ese fin. Sería un órgano consultivo do que formarían parte ministros das autonomías e do goberno británico. Pero non se quixo concretar antes das eleccións ás asembleas.

Queda moi aberto tamén, coa lexislación que agora entra en vigor, o alcance das autonomías. A de Gales podería facilmente evolucionar cara a maiores competencias lexislativas, unha vez que comece a vida política no marco da asemblea e se vaia desenvolvendo o Plaid Cymru nos seus enfrontamentos nese ámbito co Partido Laborista. O predominio do laborismo en Gales (a chamada “taffia”) desenvolveuse no caldo de cultivo da dependencia de Londres, pero vai ser máis difícil mantela con competidores dentro da autonomía. En Escocia, a ameaza do SNP é máis grave para o laborismo. Non é imposíbel que o SNP chegue a formar goberno, só ou co apoio do Partido Liberal Demócrata, se non na primeira lexislatura do Parlamento Escocés, nunha das seguintes. Está no seu programa a convocatoria dun plebiscito sobre a independencia. Falouse inicialmente de que iso tería lugar no primeiro ano de goberno, pero a deputada nacionalista Roseanna Cunningham afirmou moi recentemente nun debate organizado pola Oxford University Press que sería un proceso cara á independencia que podería levar quince anos. O Partido Liberal Demócrata non vai certamente apoiar ese proxecto. Pero é case seguro que a independencia vai ser tema candente nos próximos anos, aínda que é moi dubidoso que a maioría dos escoceses vaian votar a favor dela nun plebiscito, mesmo que estean dispostos a xogar esa carta. Paga a pena ter en conta, respecto a isto, que a nova lei segue moi de preto as ideas da Convención, que, despois de todo, son recentes (de 1995) e teñen unha base multipartidista e institucional moito máis ampla cás do SNP.

A flexibilidade do sistema, que pode irritar aos constitucionalistas, vainos dar a oportunidade de experimentar cómo pode evolucionar un problema real por canles políticas, o que distingue a estas dúas autonomías da do Ulster, máis condicionada polo conflicto armado.

O momento en que chega a autonomía a Escocia e ao País de Gales, que cualificamos de tardío en termos de antecedentes históricos, pódese ver tamén como oportuno en termos do futuro. Presenta aspectos teóricos moi interesantes, como é o do suxeito das reivindicacións. Pouco se parecen as sociedades de hoxe nesas nacións ás que, sen irmos máis lonxe, pedían o home rule no século pasado. Mudou a súa estructura económica e social: xa non hai minería do carbón en Gales, aínda que siga habendo coros de mineiros, nin estaleiros no Clyde construíndo navíos para o mundo enteiro. Mudou tamén o entorno internacional. Desapareceu o Imperio e o Reino Unido entrou na Unión Europea. ¿En que se funda agora a autonomía? Non cómpre falar de raza, nin lingua, e a comunidade cultural está tamén en crise, e pode resultar artificial e cultivada para o turismo. Parece como se, no límite, quedase só o territorio, pero a iso poderíase atender coa simple descentralización. Cabe esperar que o decorrer das autonomías estimule forzas creativas que tanta falta fan nun mundo que parece encamiñado a unha uniformidade estéril. Haberá que ver o que se fai co poder autonómico para contrarrestar ese proceso.

Esmigallouse, sobre todo, a soberanía política. Concentrouse o poder en suxeitos económicos pouco transparentes. Poderíase imaxinar que se se lles dá agora poder político aos que levan anos ou séculos reclamándoo é porque xa non importa, porque non supón unha ameaza para o poder económico.

Desconfiando, como cómpre facer sempre en asuntos políticos, nos que se pode e seguramente se debe ser idealista, pero non inxenuo, é inevitábel que xurda o temor de que a fragmentación do poder político vai favorecer o poder económico que, como estamos vendo co Banco Central europeo, non atura a interferencia política. Se os grandes Estados nacionais non conseguen domar o capitalismo anárquico, ¿como o van facer os poderes dispersos dunha Europa “medievalizada”? Hai posibilidades abertas, se non se cae nas tentacións da involución en nome dunha identidade irreductíbel e pasadista, ou das fantasías de integración, custe o que custe, en entidades que, por non seren o Estado nacional que se padeceu tanto tempo, parecen prometedoras de paraísos futuros. Sorprende ás veces ver cómo quen ao mesmo tempo que xustifica a autonomía polas maiores posibilidades democráticas da proximidade á sede do goberno, Edimburgo e non Londres, digamos, está disposto a ser gobernado desde Bruxelas, que non é precisamente famosa por controlábel e, en todo caso, está máis lonxe. Ademais, non é realista pensar que a Unión Europea vaia estar integrada unicamente por pequenas nacións, sen interferencia dos vellos Estados.

As autonomías terán que estar presentes tamén no mundo internacional, e non esgotarse en Europa. O SNP acaba de insistir, con motivo da controversia entre os EUA e a Unión Europea sobre as bananas e as medidas de retorsión adoptadas por aqueles e que prexudican gravemente aos exportadores de caxemiras escocesas, na necesidade dun Ministerio de Asuntos Exteriores escocés, ao tempo que aprobaba, con certas reservas, as xestións en Washington do Secretario de Estado para Escocia.

Pode ser unha vantaxe para chegar a unha política exterior propia que as autonomías se configurasen inicialmente nesta forma pouco definida canto á súa natureza constitucional. Polo camiño da federación, ía ser difícil xustificar que a política exterior non fose unha das atribucións reservadas ao poder federal. Non hai precedente histórico doutra cousa na doutrina do federalismo. É este un aspecto máis das posibilidades que abre a lexislación de 1998.

Estas dúas autonomías británicas teñen á fronte, coma todas elas, un apaixonante desenvolvemento na configuración do mundo internacional, e ofrecen unha grande oportunidade a quen desexe ver ese mundo menos dominado por un pensamento único e uns poderes remotos e irresponsabeis.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99