Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
A persistencia das nacionalidades


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

O sentimento da peculiaridade nacional persistiu, en formas diversas, en Escocia e no País de Gales. Axudou moito a debilidade da idea do Estado no pensamento político británico. Aínda que a formación do estado moderno (feita, por certo, por unha dinastía galesa, a dos Tudor) foi paralela á dos demais estados europeos da época, o feito de que non houbese nestas illas o equivalente da Revolución Francesa foi decisivo, seguramente, para facilitar a conservación desas identidades na idade contemporánea. Non houbo a mitificación da Nación única e indivisíbel, que os revolucionarios franceses tiveron que facer para crear un suxeito soberano que ocupase a vacante da figura excelsa do monarca hereditario. A persistencia da Coroa levou a que resultase menos impensábel a existencia de varias nacións baixo un mesmo monarca. O propio termo de nación non esperta historicamente a irritación dos ingleses nin ten connotacións de protesta. A ningún británico lle choca que os partidos de fútbol entre Escocia e Inglaterra sexan internacionais, nin que as nacións poidan competir na Copa do Mundo, nin que haxa o campionato de rugby das Cinco Nacións, no que entra tamén Francia. O escocés menos separatista non ten dúbida ningunha de que a súa nación é distinta cá dun inglés, nin reparo ningún en afirmalo. E igual un galés. O termo é descritivo dunha realidade que, en principio, é politicamente neutral. Isto é unha vantaxe para o nacionalismo político, que non ten que facer esforzos de proselitismo para convencer aos naturais da súa identidade, pero tamén é un obstáculo, pois impídelle reivindicar a loita heroica por esa identidade.

A conciencia nacional foi sempre acompañada, en Escocia, da existencia de institucións de dereito público, herdadas do vello Reino e mantidas incluso despois da unión dos Parlamentos. Non foi así no País de Gales, que carecía de unidade política cando foi conquistado e incorporado á coroa británica, e non conservou institucións de dereito público. Vese aí unha importante diverxencia, como se Gales tivese ficado sempre máis lonxe do dereito público moderno e ancorado nun pasado de pequenos señoríos célticos. Supliu esa falta en parte cunha identidade cultural que non sería moi errado xulgar superior á de Escocia. A conservación da lingua, falada case maioritariamente ata finais do século pasado e aínda puxante hoxe, é o mellor exemplo. Hai outros, coma a abondosa tendencia asociativa espontánea, en coros e sociedades de todo xénero, ou o papel decisivo que tivo o non conformismo relixioso na creación dunha cultura da capela metodista, a capel, fronte á parroquia anglicana, a church, que aparecía vinculada ao elemento inglés da poboación e allea á maioría dos galeses. Gladstone e o seu partido liberal fixeron bandeira da supresión do carácter oficial da Igrexa de Inglaterra en Gales (o disestablishment), que conseguiu por fin o liberal Lloyd George, galés e Primeiro Ministro do Reino Unido, en 1920. Eses dous trazos, o asociativo e o relixioso, e algo menos o da lingua, mantiveron a diferencia galesa a pesar da forte industrialización do sur do país, que non tivo as consecuencias de laicismo e alleamento cultural no grao en que as tivo en Inglaterra. Cando a raíña Isabel I, unha das artífices do estado unitario, pero galesa de orixe e protectora da cultura de Gales en moitos sentidos, dispuxo a traducción da Biblia ao galés en 1588, botou a semente dunha das árbores máis fecundas do nacionalismo. Con todo, privada do aire case estatal que as súas institucións de dereito público lle dan a Escocia, Gales leva unha pesada carga que non deixou de influír na psicoloxía colectiva, máis ambigua e fuxidía cá escocesa, e que aínda se manifesta hoxe, mesmo na diminución das proporcións da autonomía que lle concede ao País a Lei de 1998. Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99