Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
A formulación do nacionalismo “moderno”


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Se queremos distinguir entre manifestacións da conciencia nacional, ben sexan culturais, en sentido amplo, ou se manifesten en enfrontamentos relixiosos ou dinásticos, e a formulación dun nacionalismo “moderno”, vemos cómo se vai formando este, sobre todo na segunda metade do século XIX e vai crecendo desde entón. Falamos xa de que o nacionalismo “natural” resultou favorecido no Reino Unido pola escasa politización do concepto de nación en Inglaterra. O nacionalismo “político”, simplificado na reivindicación dunha forma estatal para cada nación, non se aclimatou doadamente en Inglaterra, pero as propensións máis continentais, francesas en definitiva, da Ilustración escocesa abriron unha fenda para a entrada de ideas dese estilo, que medrou despois co Romanticismo, que tantos temas escoceses deu á cultura europea do XIX coas novelas de Walter Scott, por exemplo.

Non andaría moi lonxe da verdade soster que o xurdir dun nacionalismo militante en Irlanda coa penuria alimentaria que seguiu ao fracaso da colleita de patacas en 1846-47 acelerou as formacións nacionalistas no País de Gales e en Escocia. Gladstone e o seu Partido Liberal levaron a primeiro plano da política británica nos dous derradeiros decenios daquel século a idea do Home Rule para Irlanda, e non demorou moito en popularizarse a idea do Home Rule tamén para as outras dúas nacións da Celtic Fringe (a marxe celta). Val a pena notar que tamén se aplicou esa idea na perspectiva do Imperio, onde tivo desenvolvementos que desembocaron, en definitiva, na creación da Commonwealth. O federalismo foi un concepto que se utilizaba sobre todo como posíbel instrumento para articular o Imperio. E os partidarios das autonomías non perdían ocasión de sinalar que o goberno británico tiña permitido a constitución federal do Canadá en 1867 e concedido o Home Rule ao Transvaal e á Colonia do Cabo en 1881, e que as ideas que propagaba a Imperial Federation League podíanse aplicar a Irlanda, a Escocia e ao país de Gales. O proxecto federal era perfectamente respectábel nas Conferencias Imperiais de fin do século. Por iso, incluso os movementos de masas tan activistas como a Scottish Home Rule Association e a súa inspiración histórica en Irlanda, a Irish National League, clamaban por unha ampla autonomía que non as discriminase no ámbito imperial. Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99