Texturas nº 1 - Abril/99
As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
A formación do nacionalismo político escocés moderno
Os conflictos con Inglaterra tiveron, antes da unión dos parlamentos, forma de enfrontamento político-relixioso: a protesta da Kirk contras as medidas “papistas” de Xacobo I, e as dos Covenanters contra Carlos I, que tanto contribuíron á derrota e execución do monarca na Guerra Civil. Logo da unión, e ata o século XIX, tomaron forma dinástica; ao cabo, a dinastía destronada en Inglaterra pola revolución de 1688 era a escocesa dos Estuardo. De aí as revoltas xacobinas que tanto tema lle deron ao Romanticismo e que alimentaron tamén a conciencia nacional do reino do norte. Antes da unión persoal dos reinos en 1603 houbera xa, por suposto, unha historia de conflicto internacional e guerras entras as dúas monarquías.
Mediado o século dezanove, comezáronse a oír voces que pedían un partido político nacionalista en Escocia. Na maior parte dos casos intentábase conseguir un autogoberno dentro do Imperio, un Home rule, como se lle empezara a chamar en Irlanda. No comezo parecía que ese obxectivo se podería conseguir a través do Partido Liberal, e xa nos comezos do século XX pensouse que lle cabería esa función ao Partido Laborista. A primeira formación co propósito exclusivo de loitar polo autogoberno escocés foi a Scottish Home Rule Association, fundada en 1886, seguindo en boa medida a inspiración da súa homóloga irlandesa, fundada catro anos antes. Despois da Guerra do Catorce, poucos podían xa soster a esperanza de que a autonomía viñese das mans dos liberais ou dos laboristas. Os liberais pasaran xa pola tremenda crise que acabou tirándolles o papel de oposición principal e, cando foi formado o primeiro goberno laborista, co escocés Ramsay Macdonald de Primeiro Ministro, en 1924, os deputados laboristas escoceses presentaron varias veces, xa no mesmo ano de 1924, e de novo en 1927 e 1928, proxectos de lei de autogoberno para Escocia, que foron derrotados sempre, no medio da notoria falta de interese do Goberno e da maioría do partido gobernante.
O laborismo deixou aberto dese xeito o camiño a formacións políticas nacionalistas, e Ruaraidh Erskine of Mar fundou, en 1921, a Liga Nacional Escocesa (Scottish National League), con nome calcado ao da Irish National League en Irlanda. Moi centrada nos problemas das Terras Altas, pedía a reforma agraria nestas e o renacemento da lingua gaélica. Identificaba, pois, problemas específicos que os partidos de ámbito británico non atendían. Pouco despois, un grupo de intelectuais empeñado no renacemento literario escocés, converteuse no Movemento Nacional Escocés (Scottish Nacional Movement). E en 1927 John MacCormick fundara unha asociación nacionalista de estudiantes en Glasgow. Foi MacCormick o que acabou por conseguir que eses tres grupos se xuntaran no Partido Nacional de Escocia (Nacional Party of Scotland, NPS). O obxectivo político dese partido era “o autogoberno dunha Escocia independente dentro do grupo de nacións británico”. Ese foi o partido que atraeu ao gran poeta Hugh McDarmid, de vida, obra e ideoloxía complicada, con repetidas entradas no Partido Comunista e correspondentes saídas deste.
O NPS tiña unha clara inclinación á esquerda, e os nacionalistas con ideas máis
de dereitas fundaron en 1932 o Partido Escocés (Scottish Party), no que entraron moitos do Partido Conservador.
O talento de John MacCormick para conxuntar fusións conseguiu que os dous partidos se reuniran nun só,
que se chamou xa Partido Nacional Escocés (Scottish Nacional Party, SNP), e do que descende directamente
o actual SNP. O Partido Escocés encontraba difícil aceptar a primeira definición do obxectivo
do partido, e, para contentalo, esta pasou a ser a de conseguir “un parlamento con autoridade definitiva en todos
os asuntos escoceses”. A influencia dos conservadores non foi moito máis alá disto, e o SNP foi volvendo
á orientación esquerdista no correr do decenio de 1930. Houbo incluso algúns actos de desobediencia
civil máis ou menos simbólicos, substitución de bandeiras en edificios públicos, etc.
Nas eleccións ás que acudía foi moi lento o avance do partido naqueles anos. O pacifismo era
forte no seo do SNP, sen chegar ao case predominio que tiña no Plaid Cymru galés, e ao comezo da
Segunda Guerra Mundial foron presos varios dos dirixentes. O pacifismo e outros problemas crearon tensións
no partido, e John MacCormick, que era a figura máis destacada e de historial nacionalista máis brillante,
separouse do SNP e fundou a Scottish Union (Unión Escocesa). Transformada esa entidade co nome de gran resonancia
histórica e relixiosa do Covenant, a semellanza dos seus antepasados dos tempos da guerra civil do século
XVII, os seguidores de MacCormick formularon un Covenant da autonomía (Home Rule Covenant) nos anos da posguerra,
e recolleron firmas que chegaron aos dous millóns. Foi unha táctica que deu publicidade ao nacionalismo,
pero non impresionou gran cousa ao goberno laborista de Attlee. Nas primeiras eleccións seguintes á
guerra, que foron as de 1945, o SNP presentou candidatos en oito distritos e tivo un promedio de 7,6 por cento
dos votos. Pero ese mesmo ano, nunha elección parcial por quedar vacante o posto de deputado por Motherwell,
conseguiu o partido por fin estar representado en Westminster, ao gañar esa elección o Dr. Robert
Macintyre. Non había máis candidatos ca el e un laborista. Os laboristas recuperaron esa representación
nas elección xerais de 1950, nas que houbo candidatos de máis partidos. No decenio de 1950 a 1960
foi pobre a actuación electoral do SNP. Volveuse á axitación con actuacións tan espectaculares
coma a “liberación” do Pedrón de Scone, no que se coroaban tradicionalmente os Reis da Escocia e
que fora levado á Abadía de Westminster por Eduardo I, ou a demanda presentada ante os tribunais
escoceses para lle negar á raíña o título de Isabel II en Escocia, xa que era a primeira
dese nome naquel país. Todas estas accións viñan máis da Asociación do Covenant
ca do SNP. Este último foi gañando votos nas elección xerais e parciais de 1960 en diante,
extinto xa o Covenant, e volveu ao parlamento coa elección de Winifred Ewing polo distrito de Hamilton en
1967. Esa victoria, ao ano seguinte da de Gwynfor Evans en Carmarthen, no País de Gales, interpretouse como
expresión do rexurdir nacionalista e espertou a preocupación do laborismo, que é un tema central
da explicación do proceso autonómico. Hai que ter en conta que no distrito que gañou Winifred
Ewing tiveran un 71,2 por cento dos votos os laboristas nas eleccións anteriores. Estaba claro de ónde
viñan os votos que atraía o SNP. Nas xerais de 1970 gañou un escano por primeira vez en eleccións
dese tipo –o de Winifred Ewing fora en elección intermedia por vacante– un candidato do SNP, Donald Stewart.
A campaña do petróleo escocés levou, seguramente, ao éxito de Margo MacDonald na elección
intermedia de Govan en 1973, con outro gran desprazamento de votos laboristas. E nas xerais de febreiro de 1974,
foron electos sete deputados do SNP. Nas segundas dese ano, provocadas pola feble posición do goberno laborista,
foron elixidos catro máis, cunha porcentaxe de votos maior ca nunca a favor do SNP. O Goberno tivo que iniciar
o proceso de lexislación autonómica do que falaremos máis adiante e que rematou no fracaso
do plebiscito de 1979. Nas eleccións dese mesmo ano quedaron reducidos a dous os deputados do SNP. Conservaron
eses dous postos nas de 1983, con descenso do voto nacionalista en xeral. Gañaron tres e perderon un nas
de 1987. Ese foi o ano en que o SNP se aliou no Parlamento de Westminster co Plaid Cymru, formando entre os dous
un grupo de seis deputados nacionalistas. En 1992 o SNP tivo máis votos que nunca desde 1974, pero non pasou
dos tres deputados. E nas máis recentes, as de 1997 e a grande victoria laborista, foron seis os deputados
do SNP. Cos catro de Plaid Cymru hai agora, por conseguinte, dez deputados nacionalistas en Westminster.
Durante todos eses anos de oscilación na representación en Westminster, pero sempre con máis éxito ca nos anteriores á década de 1960, o Partido conseguiu resultados cada vez mellores nas eleccións locais e nas europeas. Winnifred Ewing gañou un posto de deputada no Parlamento Europeo en 1979 e de novo en 1983 e en 1987, con gran maioría. É agora Presidenta do Partido, que ten, ademais, outro deputado europeo, Ian Hudghton. Nas locais, o SNP desenvolveu unha das campañas máis eficaces contra a poll tax, a capitación imposta polo goberno de Margaret Thatcher para substituír a contribución municipal urbana de base proporcional. Máis dun millón de escoceses negouse a pagar esa taxa, e ao goberno resultoulle imposíbel en termos prácticos acudir á recadación por vía executiva. A desobediencia civil e resistencia pasiva que sempre contara con partidarios na historia do SNP e do Plaid Cymru, tivo un éxito sen precedentes nesta ocasión.
Houbo enfrontamentos que chegaron a expulsións de membros, despois readmitidos, coa tendencia esquerdista
do chamado Grupo 79. En xeral, o SNP marchou cara ao centro, e hoxe preséntase como “partido moderado, de
centro-esquerda, que ten por obxectivo a independencia da Escocia dentro da Unión Europea”. Prometeu que,
se for elixido, fará todo o posíbel para que o novo Parlamento Escocés actúe a prol
de Escocia, ao mesmo tempo que ofreza a cantos viven nesa nación a oportunidade de camiñar cara á
independencia.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99