Texturas nº 1 - Abril/99Volver ó sumario


As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades
A apertura do camiño das autonomías no Partido Laborista


Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Cando na conferencia especial que celebrou o partido laborista en Glasgow en 1974 foi aprobada unha resolución favorábel ás autonomías, foi grande a sorpresa de moitos observadores e a indignación dalgúns militantes e deputados laboristas. A proposta viña dos sindicatos, que foran impulsados a presentala pola central do Partido. O escándalo viña de que no miolo do laborismo estaba aínda a idea de que non había na sociedade británica problemas que non puidesen ser resolvidos por un Estado centralizado e capaz de actuar o máis directamente posíbel sobre a economía. Como tiña decidido a Conferencia do Partido Laborista de Escocia en 1958 “a mellor solución para os problemas de Escocia é a planificación socialista a escala do Reino Unido”. Pero en 1974 o laborismo escocés estaba alarmado polo progreso do SNP, o Partido Nacionalista Escocés, que lle facía perder votos nun dos seus baluartes máis afortalados. A finais dese decenio, substituído xa Harold Wilson por James Callaghan como Primeiro Ministro, o Goberno perdeu a maioría absoluta na Cámara dos Comúns e dependía dos votos parlamentarios dos liberais e do SNP. A desmoralización do partido era moi fonda en tódolos eidos e a única maneira de contentar aos deputados laboristas pouco simpatizantes da autonomía era a de someter a plebiscito unha proposta en termos xerais de asembleas lexislativas en Escocia e en Gales. A inclusión de Gales foi por arrastre e tamén porque, na verdade, sempre houbera, como xa vimos, máis inclinación ao particularismo por parte dos políticos laboristas galeses que por parte dos escoceses. Na campaña chamou a atención a falta de entusiasmo do goberno; o Primeiro Ministro case non apareceu nela e algúns deputados, con Tam Dalyell á cabeza, opuxéronse de fronte ao proxecto. Os resultados do plebiscito en Gales foron esmagadoramente contrarios á autonomía, e en Escocia a maioría foi insuficiente para levar adiante a Asemblea, como veremos ao falar do proceso lexislativo.

Despois da perda de poder, en 1979, o partido laborista entrou nunha das peores épocas da súa historia, dividido e sen ideas. Os laboristas contrarios ás autonomías insistiron en que non era o momento de crear un motivo máis de disputa con ese asunto malfadado que fora ocasión inmediata, senón causa, do fracaso gobernamental. Os poucos que aínda sostiñan que debería haber unha asemblea de Escocia e que había que pensar a prazo máis longo e sen deixarse abafar polo mal tempo, iniciaron ao ano seguinte do plebiscito unha Campaña pola Asemblea de Escocia. Ao se ir calmando ata certo punto o partido, foi volvendo á tona a proposta autonómica. Os laboristas sabían que ían perder as seguintes eleccións en Inglaterra, pero que seguirían tendo moitos deputados nos distritos de Escocia, a maioría incluso, se non lla tiraba o SNP. Xogou, pois, a carta nacionalista e, como o poder aínda estaba lonxe, foi tal vez alén do que no fondo desexaba a maioría dos seus membros, nas competencias que prometía a esa asemblea. É notábel, por exemplo, que se lle comezase a chamar Parlamento e que, mentres a esquerda do partido era reprimida con dureza, e procurábase non falar de subas de impostos, prometíanselle poderes fiscais ao futuro Parlamento escocés.

Como se vía que ía pasar, o partido laborista perdeu as eleccións de 1983, pero seguiu tendo a maioría en Escocia. Os escoceses comezaron a sentir que o goberno conservador non tiña mandato da nación escocesa. Acentuouse así a idea de que hai que medir a lexitimidade democrática a escala da comunidade nacional, idea perigosa para calquera estado unitario multinacional.

É un pouco simplista insistir demais no dogmatismo unitario do Partido Laborista na cuestión das autonomías. Non hai que esquecer que Keir Hardie incluíu o Home Rule no programa da súa campaña electoral na circunscrición escocesa de Mid-Lanark xa en 1888. E ao final da guerra de 1914-18, o secretario xeral do Partido proclamaba o federalismo como ideal para a creación de esferas en que poderían cumprirse máis doadamente as reformas democráticas. Nese mesmo ano de 1918 a Conferencia Anual do Partido aprobou a aspiración a asembleas lexislativas en Escocia, no País de Gales, e incluso en Inglaterra, como parte dunha reforma constitucional que transformase o Imperio Británico nunha Federación Británica ou Commonwealth de comunidades autónomas. Xa vimos a importancia desa dimensión imperial en todas as propostas federalistas daquela época. E aínda que en 1945, no manifesto para as eleccións que o laborismo gañou ese ano, se falaba a prol das autonomías, a verdade é que ese punto do manifesto foi seguramente o máis esquecido nos anos de goberno do Partido.

As consideracións prácticas, é dicir o temor a perder votos no Parlamento de Westminster se houbese asembleas en Escocia e en Gales, viña xa de 1931, cando o desastre electoral do Partido Laborista, que case o fixo desaparecer dos distritos ingleses, foi menor en Escocia e inexistente no país de Gales, onde só perderon un escano. Se non fose polos deputados galeses non habería ningún dos gobernos laboristas entre 1945 e 1992. Os deputados escoceses contaron tamén, e nesa nación foi máis forte a alarma polo avance do Partido Nacionalista no decenio de 1960. Nun caso e noutro, o avance do nacionalismo, se non mudou o medo do laborismo, mudou a causa dese medo. O Partido comezou a pensar que tiña máis que perder opoñéndose á autonomía que admitíndoa. No comezo, temía perder deputados en Westminster se a vida política das nacións se desenvolvía nos respectivos parlamentos ou asembleas; despois o medo era a que non houbese votantes abondos para mandar deputados laboristas a Westminster se os galeses e os escoceses elixían deputados nacionalistas. Este segundo medo foi o inspirador da iniciativa do plebiscito de 1979, ademais das circunstancias concretas do grao en que dependía o goberno dos liberais e dos nacionalistas no Parlamento.

O Novo Laborismo de Tony Blair mantivo a resurrección das autonomías, e xa na primeira lexislatura do seu goberno, levou adiante a lexislación que, aínda que transfería competencias máis amplas cá de 1979, foi aprobada no Parlamento, cousa nada difícil coa esmagadora maioría gobernamental, e, confirmada cos resultados do plebiscito, estableceu un sistema autonómico do que non había nas illas británicas máis precedente que o Parlamento de Stormont, no Ulster, de accidentada historia.

Tony Blair é un dos Primeiros Ministros da Gran Bretaña con menos sensibilidade para a historia. Pero é posíbel que, aberto este camiño que agora abriu, a historia se volva contra el con resultados inesperados.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/4/99