Documentos Volver ó índice
Galicia, unha autonomía no mundo
Declaración emitida polo Igadi con vistas ás próximas eleccións autonómicas
e dirixida a todos os partidos políticos con representación parlamentaria
 
 

Pode afirmarse, en termos xerais, que boa parte da nosa sociedade comprende a importancia de abordar a cuestión da presencia exterior de Galicia como unha necesidade inevitable dos tempos que vivimos. Consciente da urxencia de situarse no novo contexto, de impulsar a superación dalgunhas das súas feblezas estructurais, Galicia afronta esta nova situación multiplicando os seus esforzos en numerosos dominios, con boas intencións, pero aínda con planificación escasa e medios insuficientes.

Pese a asumir o carácter cada vez máis global e interdependente da sociedade do noso tempo, do auxe da participación política das entidades subestatais nas relacións internacionais, e mesmo, a pesar de que, por exemplo, no ámbito comunitario, moitas das materias que hoxe son competencia autonómica, exércense nese contexto supranacional, a acción exterior segue a contemplarse como un simple factor condicionante dos distintos campos ou sectores de actividade (turismo, comercio, transportes, medio ambiente, etc), pero non como un área susceptible de diagnóstico con identidade propia.

Cómpre unha maior sensibilidade. Nin en todas as Administracións, nin nos medios de comunicación, nin no conxunto dos partidos políticos ou das organizacións sociais, somos quen de engarzar aínda un mínimo de proxección e de acordo para configurar o exterior como un ámbito de interese estratéxico, como un instrumento fundamental para a modernización da nosa sociedade.

Por iso, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, dirixese ás formacións políticas que concorrerán aos próximos comicios autonómicos, para alentar unha reflexión nos seguintes aspectos:

a) A conveniencia de incluir no seu programa electoral un apartado específico relativo á acción exterior de Galicia no que se concreten as medidas e propostas de actuación que propugnan neste campo.

b) A necesidade de dar novos pasos que contemplen a reivindicación da persoalidade internacional de Galicia, a partir do pleno desenvolvemento das potencialidades que recolle o propio Estatuto de Autonomía, nomeadamente o artigo 35.3.

c) O interese de abordar a cooperación internacional como un eixe fundamental da acción pública para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas.

d) A importancia de implicar a nosa emigración nas estratexias de acción exterior.

e) A conveniencia de impulsar a creación de infraestructuras de carácter permanente que pensen desde aquí as nosas estratexias de acción exterior.

O futuro de Galicia vai depender en boa medida da súa capacidade para dotarse dun marco de operacións que a sitúe no complexo mundo actual a partir das súas propias potencialidades económicas e sociais. Internacionalización e universalismo son as dúas claves xerais que deben impregnar e vertebrar as actuacións concretas a desenvolver en todos os eixes.

Se somos capaces de abordar simultáneamente actuacións no ámbito político, económico, cultural ou social, co respaldo pleno das diferentes forzas políticas (unha Alianza por Galicia no eido exterior), estaremos en condicións de dar o salto cualitativo que Galicia e os galegos precisamos neste atribulado limiar dun novo século.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/05/2001