Documentos Volver a TitularesVolver a Documentos
Texto íntegro
“Carta 08”, manifesto da disidencia chinesa

Versión en PDFVersión para imprimir

 

Pasaron cen anos dende a redacción da primeira constitución chinesa. En 2008 celébrase igualmente o 60º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos da Persoa, o 30º aniversario da aparición do “Muro da democracia” en Pequín e o 10º aniversario da firma do Pacto Internacional de dereitos cívicos e políticos [das Nacións Unidas] por parte de China.

Achegámonos igualmente ao 20º aniversario da masacre dos estudantes que se manifestaban en favor da democracia na praza de Tiananmen.

O pobo chinés, que soporta unha calamidade en materia de Dereitos Humanos e protagonizou innumerables loitas ao longo destes anos, comprende claramente que a liberdade, a igualdade, e os dereitos do home, son valores universais da humanidade, e que a democracia e un goberno constitucional son un marco fundamental para preservar estes valores.

Afastándose deses valores, o enfoque do goberno chinés en canto á “modernización” resultou desastrosa, xa que privou ao pobo dos seus dereitos, destruíndo a súa dignidade e corrompendo o transcurso normal das relacións humanas.

É por iso que nos formulamos a seguinte pregunta: cara onde vai China no século XXI?; Continuará coa súa “modernización” autoritaria, ou adaptarase aos valores universais, vincularase á traxectoria común das nacións civilizadas e edificará un sistema democrático? Resulta imposible eludir estas cuestións.

O choque do encontro con Occidente na China do século XIX puxo ao descuberto o sistema autoritario decadente e marcou o principio do que denominamos xeralmente “os maiores cambios que coñeceu China en moitos milenios”. A esta mutación seguiulle un “movemento de “autoreforzamento” pero que tiña, sobre todo, por obxectivo, acceder ás tecnoloxías que permitisen fabricar navíos de guerra e outros obxectos occidentais. A humillante derrota marítima de China fronte a Xapón en 1895 non fixo máis que confirmar o obsoleto do sistema chinés.

As primeiras tentativas de introducir reformas políticas tiveron lugar tralas desgraciadas reformas do verán de 1898, pero foron esmagadas sen miramentos polos ultraconservadores no seo da Corte Imperial.

Coa revolución de 1911, que permitiu crear a primeira República de Asia, o sistema autoritario imperial, de moitos séculos de antigüidade, supoñíase que caería no esquecemento para toda a eternidade. Con todo, o conflito social no interior do noso país, así como as presións exteriores, impediron que isto fose así: China divídese entón en feudos de señores da guerra e o soño da República esváese.

O dobre fracaso deste “movemento de auto-reforzamento” e da renovación política levaron aos nosos ancestros a preguntarse acerca da posibilidade de que unha eventual “enfermidade cultural” tivera azoutado o noso país. Este cuestionamiento deu lugar, tralo Movemento do 4 de Maio a finais dos anos 1910, á corrente que exaltaba “a ciencia e a democracia”. No entanto, esta tentativa fracasará tamén baixo a represión dos señores da guerra e a invasión xaponesa (a partir de 1931 en Manchuria) provocando unha crise nacional.

A vitoria sobre Xapón, en 1945, dará unha nova oportunidade a China de evolucionar cara un goberno moderno, pero a vitoria comunista sobre os nacionalistas, durante a guerra civil afundirá a China no totalitarismo. A “nova China” nacida en 1949 proclamará que “o pobo é soberano”, pero instaurará un sistema no que é o Partido quen goza de toda potestade.

O Partido Comunista chinés tomou o control de todos os órganos do Estado, todos os recursos económicos, políticos e sociais do país, e provocou unha longa sucesión de desastres no plano dos dereitos humanos, incluíndo a “Campaña Anti-dereitistas” (1957), o “Gran Salto Cara Adiante” (1958-1960), a “Revolución Cultural” (1966-1969), a “Masacre do 4 de Xuño (sucesos na Praza de Tiananmen)” (1989), así como a represión actual de todas as relixións non autorizadas, a supresión do movemento “Weiquan” (movemento de defensa dos dereitos cívicos, tal e como se enuncian na constitución chinesa e no Protocolo da ONU asinada polo goberno chinés).

Durante todo este periodo, o pobo chinés pagou un prezo colosal. Ducias de millóns de persoas perderon as súas vidas, e moitas xeracións viron a súa liberdade, a súa felicidade, a súa dignidade humana cruelmente esmagadas baixo os seus pés.

Ao longo dos dous últimos decenios do século XX, a política de “reforma e apertura” do goberno aliviou ao pobo dos efectos da pobreza e do totalitarismo da época de Mao Zedong, e tivo por efecto a mellora do nivel de riqueza e das condicións de vida de moitos chineses, así como o restablecemento parcial da liberdade económica e dos dereitos económicos.

A sociedade civil empezou a desenvolverse e as chamadas a favor de máis dereitos e liberdades políticas multiplicáronse do mesmo xeito. Aínda que a élite no poder operou unha viraxe cara a propiedade privada e a economía de mercado, progresivamente foi mutando, pasando a un rexeitamento absoluto de todo “dereito” ao recoñecemento parcial dos mesmos.

En 1988, o goberno chinés asinou dous importantes pactos internacionais sobre os dereitos humanos: en 2004 enmendou a Constitución para incluír nela a frase “respectar e protexer os dereitos humanos”, e este ano, en 2008, comprometeuse a promover un “plan nacional de acción a favor dos dereitos humanos”.

Desgraciadamente, a maior parte destes progresos políticos non foron máis aló do papel no que estaban escritos. A realidade, a primeira vista, é que China ten numerosas leis pero non un Estado de Dereito, ten unha Constitución pero non un goberno constitucional. A élite ao mando continua aferrada ao seu poder autoritario e rexeita toda evolución cara cambios políticos substanciais.

O resultado é unha corrupción oficial endémica, un debilitamiento de todo o Estado de dereito, uns dereitos humanos fráxiles, o afundimento de toda ética pública, un capitalismo de favoritismo, de crecentes desigualdades entre ricos e pobres, o saqueo dos recursos naturais, asi como do noso patrimonio histórico e humano, e a exacerbación dunha longa lista de conflitos sociais, incluíndo, no último periodo, unha animosidade crecente entre a xente común e as autoridades.

Aínda que estes conflitos e crises gañan en intensidade, aínda que a élite no poder continue esmagando e pisoteando con toda impunidade o dereito dos cidadáns á liberdade, á propiedade privada, á procura da felicidade, asistimos a unha radicalización de quen non ten poder no seo da sociedade: os grupos vulnerables, os grupos que foron reprimidos, que padeceron crueldades, incluíndo a tortura, e que non teñen ningún espazo para protestar, nungún tribunal para que as súas queixas sexan escoitadas.

Estes grupos son, cada vez máis, militantes e deixan entrever a posibilidade dun conflito violento que pode chegar a adquirir proporcións desastrosas. O declive do sistema actual acadou un nivel no que o cambio xa non pode ser máis que unha simple opción.


Os nosos principios fundamentais

Estamos ante un momento histórico para China, e o noso porvir está no aire. Revisando o proceso de modernización política do século pasado, reafirmamos e aceptamos os valores universais básicos que seguen:

A Liberdade. A liberdade está no centro dos valores humanos universais. A liberdade de expresión, a liberdade de prensa, a liberdade de reunión, a liberdade de asociación, a liberdade de elixir o lugar de residencia, a liberdade de folga, de manifestarse, de protestar, son formas que adopta a liberdade. Sen liberdade, China quedarase eternamente afastada dos ideais civilizados.

Os dereitos humanos. Os dereitos humanos non están concedidos por un Estado. Toda persoa nace co seu dereito inherente á liberdade e á dignidade. O goberno existe para asegurar a protección dos dereitos humanos e os seus cidadáns. O exercicio do poder do Estado debe ser autorizado polo pobo. Os sucesivos desastres políticos na historia recente de China é unha consecuencia directa da falta de respecto do réxime actual ao dereitos humanos.

A igualdade. A integridade, a dignidade, e a liberdade de toda persoa (sexa cal for a súa situación social, a súa profesión, o seu sexo, a súa condición económica, a súa orixe étnica, a cor da súa pel, a súa relixión ou as súas conviccións políticas) deben ser os mesmos para todos. O principio de igualdade ante a lei, e a igualdade dos dereitos sociais, económicos, culturais, cívicos e políticos, debe ser respectada.

O republicanismo. O republicanismo, que preconiza que o poder sexa equilibrado entre as diferentes ramas do goberno e os distintos intereses, debe ser respectado. Aproxímase ao concepto político tradicional chinés que estima que “todos son iguais baixo o ceo”.

Permite a todos os grupos de interese e ás asembleas sociais, á xente de culturas ou de crenzas diferentes, exercer o seu propio goberno de xeito democrático, e delibera para atopar solucións pacíficas a todas as cuestións de interese público, sobre a base dun acceso igual ao goberno, e dunha competencia libre e honesta.

A democracia. Os principios fundamentais esenciais da democracia son que o pobo é soberano e decide o seu goberno. A democracia ten as seguintes características:

1) O poder político dimana do pobo e a lexitimidade dun réxime provén do pobo.

2) O poder político é exercido a través das decisións adoptadas polo pobo.

3) Quen ostenta as principais funcións oficiais no seo do goberno será determinado en eleccións regulares e abertas á competencia.

4) Respéctase sempre a vontade da maioría, a dignidade fundamental, a liberdade e os dereitos do home e das minorías protexidas.

Noutras palabras, a democracia é o medio moderno de chegar ao “poder do pobo, polo pobo e para o pobo”.


O que preconizamos

O autoritarismo está en declive no mundo. En China tamén, o poder dos emperadores e os señores está a piques de rematar. É o momento de facer que os cidadáns sexan os donos dos seus estados en todas as partes do mundo.

Para China, o camiño que conduce cara á saída da nosa actual sorte, consiste en liberarnos do concepto autoritario da dependencia dun “señor ilustrado” ou dunha “autoridade honesta” e virar cara un sistema de liberdade, de democracia, de Estado de dereito, e cara á emerxencia dunha consciencia de cidadáns modernos para quen os dereitos son fundamentais e a participación un deber.

Por conseguinte, neste espírito de deber en tanto que cidadáns construtivos e responsables, facemos as seguintes recomendacións sobre a gobernanza nacional, os dereitos dos cidadáns e o desenvolvemento social:

1) Unha nova Constitución. Debemos revisar a nosa constitución actual, retirar dela as cláusulas que contradin o principio segundo o cal a soberanía é ostentada polo pobo. E debemos transformala nun documento que garanta verdaderamente os dereitos humanos, autorice o exercicio do poder público e sirva de marco legal á democratización de China. A Constitución debe ser a lei suprema do país, non podendo ser violada por individuo algún, grupo ou partido político.

2) A separación de poderes. Debemos edificar un sistema moderno de goberno no que a separación dos poderes executivo, lexislativo e xudicial estean garantida. Necesitamos unha Lei Administrativa que defina a extensión das responsabilidades do goberno e sirva de garantía contra o abuso de poder administrativo. O goberno debe ser responsable ante os contribuíntes.

A división dos poderes entre os gobernos das provincias e o goberno central debería respectar o principio segundo o cal o goberno central ostenta todos os poderes que lle son específicamente conferidos pola Constitución e todos os outros pertencen aos gobernos locais.

3) Unha democracia parlamentaria. Os membros dos órganos lexislativos a todos os niveis deberían ser elixidos en eleccións directas, e a democracia parlamentaria debería respectar os principios xustos e imparciais.

4) Un poder xudicial independente. O Estado de dereito debe estar por riba dos intereses dun partido político particular, e os xuíces deben ser independentes. Debemos crear unha Corte suprema constitucional e crear procedementos de selección o máis rápido posible. Temos que abolir todos os Comités políticos e legais que permiten hoxe aos altos cargos do Partido Comnista decidir acerca de todas as cuestións sensibles fora do marco xudicial. Debemos prohibir formalmente o uso de funcións públicas con fins privados.

5) O control público dos funcionarios. O exército debe ser responsable ante o goberno, non ante o partido político, e debe ser profesionalizado. Os militares deben prestar xuramento á constitución e permanecer neutrais. Os partidos políticos deben estar prohibidos no exército. Todos os servidores do Estado, incluída a policia, deben servir de xeito imparcial, e a práctica actual que constiste en favorecer a un partido no recrutamento debe cesar.

6) A garantía dos dereitos humanos. Debe haber garantías estritas acerca do respecto dos dereitos humanos e da dignidade humana. É necesario que exista un Comité de dereitos humanos, responsable ante o órgano lexislativo supremo do país, que velará por impedir ao goberno abusar do seu poder en materia de dereitos humanos. Unha China constitucional e democrática debe garantir a liberdade individual dos seus cidadáns. Ninguén debe ser vítima de arrestos, detencións, interrogatorios ou castigos ilegais. O sistema de “reeducación polo traballo” debe ser abolido.

7) A elección das autoridades. Debe haber un sistema completo de eleccións democráticas baseado no principio de “unha persoa, unha voz” A elección directa dos responsables administrativos a todos os niveis, do condado, da cidade, da provincia ou do país debe ser sistematizada. O dereito de ter eleccións regulares e de participar nelas en tanto que cidadán é inalienable.

8) Igualdade entre cidade e campo: o sistema de rexistro de residencia debe ser abolido. Este sistema favorece aos residentes urbanos en detrimento dos habitantes das zonas rurais. Debemos crear un sistema que conceda os mesmos dereitos constitucionais a todos os cidadáns e respecte a mesma liberdade de vivir onde se queira.

9) Liberdade de asociación. O dereito dos cidadáns a formar organizacións debe ser garantido. O sistema actual para o recoñecemento de organizacións non gobernamentais, que esixe que sexan aprobadas, debe ser reemprazado por un sistema de rexistro.

A formación de partidos políticos debe ser rexida pola Constitución e as leis, o que significa que é necesario poñer fin ao privilexio especial outorgado a un partido que posúe o dereito de monopolizar o poder, e debemos garantir o principio dunha competencia libre e igual entre todos os partidos políticos.

10) Liberdade de reunión. A constitución debe preveer que as reunións pacíficas, as manifestacións, protestas, e a liberdade de expresión son dereitos fundamentais dos cidadáns. O partido no poder e o goberno non poden ser autorizados a someter estes dereitos a obstáculos legais e inconstitucionais.

11) Liberdade de expresión. Debemos converter en universais a liberdade de expresión, a liberdade da prensa, e a liberdade de cátedra co fin de permitir aos cidadáns exercer plenamente o seu dereito a ser informados e exercer o seu dereito á supervisión política. As súas liberdades deben ser garantidas por unha Lei sobre a prensa que elimine todas as restriccións políticas impostas á prensa. O crime de “iniciación á subversión contra o poder do Estado”, que existe actualmente na lei chinesa, debe ser abolido. Debemos cesar na criminalización da palabra.

12) Liberdade relixiosa. Debemos garantir a liberdade relixiosa e de fé, e instaurar a separación da relixión e do Estado. Non debe haber inxerencia do goberno nas actividades relixiosas pacíficas. Debemos abolir toda lei, decreto ou regulamento local que limite ou prohiba a liberdade relixiosa dos cidadáns. Debemos abolir o sistema actual que esixe a autorización previa do Estado para que todo o grupo relixioso ou calquera lugar de culto poida existir, e substituílo por un sistema onde rexistrarse deberá ser opcional, e para aqueles que elixan facelo, automático.

13) Educación cívica. Debemos abolir nas nosas escolas os programas de educación política e os exames vinculados a estes, e que constitúen un adoutrinamento ideolóxico dos alumnos a favor do apoio a un partido político. Deberiamos substituílos pola educación cívica para promocionar asi os valores universais e os dereitos dos cidadáns, desenvolver a conciencia cívica e os valores cívicos ao servizo da sociedade.

14) Protección da propiedade privada. Debemos establecer e protexer o dereito á propiedade privada e promover un sistema económico de mercado libre e honesto. Debemos abolir os monopolios gobernamentais sobre o comercio e a industria, e garantir a liberdade de crear novas empresas.

Debemos crear un Comité de empresas do Estado, responsable ante o Parlamento, que supervisará a transferencia da propiedade do Estado cara o sector privado dun modo honesto, competitivo e ordenado. Debemos poñer en marcha unha reforma agraria que favoreza a propiedade privada da terra, que garanta o dereito de comprar e vender a terra e permita que o verdadeiro valor da propiedade privada reflictase no mercado.

15) Reforma financeira e fiscal. Debemos crear un sistema de finanzas públicas regulado de xeito democrático e fiscalizable, de maneira que se protexan os dereitos dos contribuintes e que respecte os procesos establecidos. Necesitamos un sistema no que os ingresos dun certo nivel de goberno (central, provincial, de distrito ou local) esten controlados a este nivel.

É menester tamén levar a cabo unha reforma fiscal que abolirá todo imposto inxusto, simplificará o sistema fiscal e repartirá a carga fiscal de xeito equilibrado. Os representantes do goberno non deberían estar en condicións de aumentar as taxas ou crear novos impostos sen un debate público e a aprobación dunha asemblea democrática. Debemos reformar o sistema de propiedade co fin de permitir unha competencia maior no mercado.

16) Seguridade social. Debemos introducir un sistema adaptado e xusto de seguridade social para todos os cidadáns, e asegurar o acceso de todos á educación, á saúde á xubilación, e ao traballo.

17) Protección do medioambiente. Debemos protexer o noso medioambiente natural e promover un desenvolvemento que sexa sostible e responsable de cara aos nosos descendentes e ao resto da humanidade. Isto supón que os responsables gobernamentais, a todos os niveis, non soamente comprométanse a facer todo o que é posible para alcanzar estes obxectivos, senón tamén aceptar a supervisión e a participación das organizacións non gobernamentais.

18) Unha república federal. Unha China democrática debería actuar como unha potencia responsable contribuíndo á paz e ao desenvolvemento na rexión de Asia- Pacífico, tratando cos outros nun espírito de igualdade e de honestidade. En Hong Kong e Macao, deberiamos apoiar as liberdades que xa existen.

No que se refire a Taiwán, deberiamos proclamar o noso compromiso a favor dos principios da liberdade e a democracia, e acto seguido negociar de igual a igual, dispostos ao compromiso, a fin de traballar nunha fórmula de unificación pacífica.

Debemos encarar os conflitos nas zonas das minorías nacionais de China cunha apertura de espírito, buscando o marco operativo no que todos os grupos étnicos ou relixiosos póidanse desenvolver. Debemos visualizar, en tempo, o establecemento dunha federación de comunidades democráticas de China.

19) A verdade na reconciliación. Debemos restablecer a reputación dos individuos, incluíndo a das súas familias, que sufriron persecucións nas campañas políticas do pasado, ou que foron tratados como criminais en razón do seu xeito de pensar, as súas declaracións ou da súa fe. O Estado deberia pagarlle compensacións.

Todos os presos políticos ou presos de conciencia deberían ser liberados.

Debería existir unha Comisión de investigación da Verdade, encargada de establecer os feitos relacionados coas inxustizas e as atrocidades pasadas, determinar as responsabilidades, reestablecer a xustiza e, sobre esta base, permitir a reconciliación social.

China, como país importante no mundo, membro permanente do Consello de Seguridade da ONU, membro da Comisión dos dereitos humanos da ONU, debería contribuír á paz da humanidade, e a promover os dereitos humanos. Desgraciadamente, somos neste momento a única potencia entre os principais países, que segue prisioneira dun concepto político autoritario.

O noso sistema político continua xerando calamidades en materia de dereitos humanos e crises sociais, que non soamente obstaculizaron o desenvolvemento de China, senón tamén limitado o progreso da humanidade enteira. Isto debe cambiar, e facelo en serio. A democratización de China xa non pode demorarse máis.

Por conseguinte, atrevémosnos a mostrar un espírito cívico anunciando o nacemento da Carta 08. Esperamos que os nosos concidadáns sexan conscientes do mesmo sentimento de crise, de responsabilidade e de misión, xa se atopen ao servizo do goberno ou non, e, sexa cal for o seu estatus social, deixarán ao carón as súas pequenas diferenzas e aceptarán os obxectivos xerais deste movemento cidadán.

Xuntos, podemos traballar en favor de cambios maiores na sociedade chinesa, e para o establecemento rápido dun país libre, democrático e constitucional.

Podemos dar corpo a estes ideais e obxectivos que foron os do noso pobo durante máis de cen anos, e abrir paso a un novo capítulo brillante para a civilización chinesa.


Tradución: Carmen Antolín Pichel.

 
Volver a TitularesVolver a Documentos



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta